|
O director do Territorio Norte de Telefónica comprométese a mellorar a cobertura en Tomiño
Alcaldesa e concelleiros mantiveron unha reunión co responsable desta compañía e explicaron as dificultades de comunicación da veciñanza tomiñesa
O encontro produciuse o día en que unha avaría de Telefónica mantivo durante horas incomunicada a toda a comarca
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González; o concelleiro de Planificación Estratéxica, Uxío Benítez; e o edil de Obras, Alexandre Pérez, reuníronse este venres co director do Territorio Norte de Telefónica España, Manuel Alonso, para abordar os problemas de cobertura móbil aos que ten que facer fronte a veciñanza tomiñesa cada día.
O Goberno municipal tiña solicitado este encontro coa compañía telefónica como parte das accións levadas a cabo para denunciar as dificultades de comunicación no concello, con 24 zonas con case 7.000 veciños e veciñas empadroadas onde o servizo está sendo deficitario, chegando nalgunha delas a haber unha total ausencia de cobertura, "o que supón grandes prexuízos tanto para a veciñanza como para as empresas instaladas. Unha deficiencia do servizo que é especialmente preocupante na zona máis próxima ao río, na que chegou a darse situación de non poder comunicarse cos médicos nunha urxencia", lamentou a rexedora.
Coincidindo co día no que unha avaría de Telefónica mantivo durante horas incomunicada a toda a comarca, Manuel Alonso comprobou in situ a problemática e comprometeuse a tomar xa as medidas necesarias para ampliar a cobertura en todo o municipio, aínda que tamén resaltou "que vai ser un proceso que se vai demorar varios meses, pero que se vai resolver finalmente". Alonso é responsable da compañía nas comunidades autónomas de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Navarra e A Rioxa.
O Concello iniciou hai tempo un proceso para demandar ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e á Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais os problemas de cobertura móbil, e chegou a poñer en marcha a campaña 'Cortouse!', a través da que se recolleron datos de todos os problemas experimentados polos veciños e veciñas que permitiron redactar unha detallada denuncia con información de operadores, zonas de corte ou días ou horas nas que se detectaron problemas.
Tomiño sube o pano dun 8M no que reivindicar a igualdade real
O Concello prepara unha ampla programación co gallo do Día Internacional da Muller no que o teatro e a infancia serán os protagonistas
Tomiño prepárase para seguir reivindicando unha igualdade real e efectiva este 8M, Día Internacional da Muller. O Concello prepara unha ampla programación na que teatro e infancia compartirán protagonismo para visibilizar a importancia de garantir e defender dereitos e rachar desigualdades. "Dende o Goberno municipal deseñamos unha oferta cultural ampla aberta a todos os públicos, porque a igualdade nos involucra e depende de todas e todos", explica a alcaldesa, Sandra González.
A programación comezará o propio mércores 8 de marzo coa lectura ás 12.00 horas na Praza do Seixo dunha declaración institucional na que, como cada ano, participarán diferentes colectivos tomiñeses. Ese mesmo día ademais o Mercado municipal de Tomiño acollera unha exposición protagonizada polas nenas do CRA Mestre Manuel Garcés, que baseándose na obra 'Bocanada' de Graciela Sacco amosarán as súas bocas abertas para presentar "un grito xordo que reclama ser escoitadas, un berro pola igualdade".
As actividades continuarán o venres 10 de marzo no mesmo Mercado municipal coa charla de Montse Fajardo sobre 'A represión contra as mulleres tras o golpe de Estado de 1936', na que amosará con exemplo e mesmo fotografías os distintos tipos de represión sufridas polas mulleres galegas. Fajardo, coordinadora do programa 'A memoria das mulleres' do Concello de Pontevedra e autora de varios libros relacionados coa memoria histórica, defenderá a necesidade de ampliar o termo vítimas ás que quedaron: nais, orfas, viúvas... mulleres que, ademais de ficar sen o seu ser querido, perderon tamén o principal sustento do fogar, como saíron adiante, como resistiron e como se mantivo viva a memoria do que pasou non tempo do silencio e de como chega hoxe ata nós. Será ás 19.00 horas e de balde.
O sábado 18 de marzo a programación co gallo do 8M continuará coa obra 'Laika', de Xirriquiteula Teatre. Unha fábula escénica contemporánea que fala das marabillas do ceo e das inxustizas da Terra nun escenario que traslada ao público á Moscova de 1957, en plena Guerra Fría. Premio MAX 2021 ao mellor espectáculo e dirixida para público familiar, a obra representarase no auditorio de Goián ás 17.30 horas. O prezo será de 7 euros persoas adultas e 3,5 euros menores de 12 anos.
O programa de actividades do Día Internacional da Muller rematará en Tomiño o domingo 19 de marzo coa representación de 'As que limpan', unha obra de A Panadaría na que se mestura humor e realidade para falar da loita organizada das camareiras de piso dos hoteis por acadar uns dereitos laborais e sociais xustos. Será ás 19.00 horas no auditorio municipal de Goián cun prezo de 5 euros para persoas adultas e 2,5€ para menores de 12 anos.
Por outra banda, a Concellaría de Benestar e Igualdade está traballando nun estudo de diagnose sobre igualdade e violencia de xénero que poña o foco na realidade da comunidade educativa e que contará con todos os niveis formativos. "Esta diagnose daranos unha fotografía real que permitirá ao Concello deseñar e levar a cabo intervencións nos centros educativos o máis enfocadas posible ás problemáticas reais, acadando resultados de gran calado na promoción da igualdade e na prevención da violencia de xénero", explica a concelleira, Cristina Martínez.
Neste estudo participarán todos os colectivos relacionados co ensino, dende familias e alumnado ata profesorado, equipos directivos dos centros, asociacións de nais e pais, a OMIX ou persoal técnico municipal especialista nesta materia.
Protección Civil de Tomiño abre as súas portas para captar voluntariado
A xornada será este 4 de marzo de 11.00 a 14.30 h na Praza do Seixo
A agrupación realizou máis de 2.000 horas de servizo o ano pasado e participaron nun total de 135 operativos
A Agrupación de Protección Civil de Tomiño abre as súas portas para dar a coñecer o seu traballo altruísta á veciñanza e buscar novos voluntarios e voluntarias. A entidade realizará este sábado 4 de marzo en colaboración co Concello unha xornada para todos os públicos na que haberá demostración práctica para aprender a realizar a reanimación cardiopulmonar (RCP) ou técnicas de primeiros auxilios.
A xornada será na Praza do Seixo de 11.00 a 14.30 horas e nela poderá gozarse tamén dunha exposición dos medios dos que dispón da agrupación presidida por Iván Fernández, así como información sobre o seu funcionamento e sobre o voluntariado que se presta ao longo de todo o ano.
A Agrupación de Protección Civil de Tomiño desenvolveu durante o ano 2022 unha intensa actividade, realizando un total de 2.038 horas de servizo en 135 operativos entre os que figuran accidentes de tráfico, asolagamentos, saídas por animais ou un taller de RPC no campus de fútbol do Concello, entre outros.
Na actualidade a agrupación conta con 28 voluntarios e voluntarias inscritas, das que 11 realizaron case 240 horas de formación na Academia Galega de Seguridade Pública en diferentes ámbitos, como navegación, rescate en lugares de difícil acceso ou de actuación nos casos con vítimas dentro do sistema Viogen.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González; o concelleiro de Participación veciñal, Agustín González, e membros de Protección Civil convidan a toda a cidadanía a participar nesta xornada de portas abertas e a sumarse ao equipo de voluntariado. "Dende o Concello queremos agradecer o gran labor que realiza a Agrupación de Protección Civil e todas e todos os seus voluntarios, xa que o seu traballo é de vital importancia non só en catástrofes ou feitos graves, senón en cada celebración, en cada evento deportivo, en cada acción da vida cotiá do noso municipio", destaca a rexedora.
O Concello de Tomiño reforza a seguridade con dous novos axentes de Policía Local
O Goberno municipal comezou xa a selección doutras dúas prazas adicionais de axentes que se incorporarán tras a súa formación
Aprobou tamén unha modificación da relación de postos de traballo para incorporar este 2023 dúas prazas de auxiliares fixos discontinuos
O Concello de Tomiño reforza a seguridade coa incorporación dunha nova e dun novo axente de Policía Local, dous novos efectivos que se suman ao actual equipo "consolidando a aposta do Goberno local por seguir dotando de recursos humanos ao corpo de seguridade municipal, mellorando un servizo fundamental no concello e aumentando a calidade de vida da veciñanza", como sinala a alcaldesa, Sandra González.
Estes dous novos axentes da Policía local incorporáronse ao servizo en activo en Tomiño hai unhas semanas tras pasar o período de formación regulamentaria, que comezou xa o ano pasado.
Xunto a estes dous novos integrantes, o Concello xa convocou unha nova selección para dous axentes adicionais no 2023, que se sumarán á plantilla ao rematar a selección e que realizarán o seu período de prácticas este verán en Tomiño. Tras as prácticas volverán a rematar a correspondente formación na Academia Galega de Seguridade dependente da Xunta de Galicia antes da súa incorporación definitiva á Policía local tomiñesa.
Por outra banda, neste camiño por reforzar o equipo da Policía municipal de Tomiño, o Goberno municipal vén de aprobar en pleno unha modificación da relación de postos de traballo (RPT) para crear dúas novas prazas de auxiliares de Policía local fixos discontinuos, o que permitirá contar cun reforzo durante épocas de maior necesidade como pode ser o verán.
"Con todas estas incorporacións o vindeiro ano pasaremos a ter unha plantilla da Policía local con 9 axentes, o que permitirá garantir o gran servizo preventivo e de seguridade que está a desenvolver en Tomiño", destaca a rexedora. Deste xeito, o Goberno municipal mantén a súa aposta pola Policía Local e por incrementar os efectivos, que de forma excepcional se viron minguados durante tres meses tras a petición de traslado de dous axentes a Vigo.
Tomiño aproba o seu Plan da Infancia e Adolescencia e optará a repetir como Cidade Amiga da Infancia de Unicef
O pleno aprobou tamén este martes varias modificacións no apartado de persoal que suporán importantes melloras
O Goberno municipal acordou ademais instar á Xunta e ao Goberno estatal a declaración de zona de emerxencia para facer fronte aos cuantiosos danos causados polo temporal do Nadal
O Concello de Tomiño celebrou este martes unha nova sesión plenaria na que se debateron e aprobaron numerosas iniciativas que afondarán na mellora de diferentes aspectos do municipio e da súa veciñanza. Así, saíu aprobado por unanimidade o II Plan Municipal da Infancia e da Adolescencia, un documento baseado nun estudo da situación na que se atopan nenos, nenas e mocidade no municipio e que inclúe as directrices e obxectivos a alcanzar polo Goberno local ata o ano 2026 para seguir dando una participación protagonista a infancia e adolescencia.
Con este plan complétase a candidatura de Tomiño a Cidade Amiga da Infancia de Unicef, xa que o plenario tamén aprobou por unanimidade revalidar o selo que recoñece o compromiso do Goberno municipal coa cativada e a mocidade tomiñesa a longo e medio prazo. Este recoñecemento debe revalidarse cada catro anos e, aínda que Tomiño conseguiu este selo xa no 2018, debido á pandemia as renovacións pospuxéronse un ano.
Xunto ao balance das contas económicas, que amosaron a situación saneada da que goza o Concello, durante o pleno tamén se aprobaron diferentes medidas relacionadas co apartado de persoal que suporán importantes melloras. Así, ratificouse o convenio colectivo e regulador de funcionarios e laborais aprobado unanimidade en mesa de negociación e ratificado tamén por unanimidade no pleno. Aprobouse tamén unha modificación da Relación de Postos de Traballo que permitirá, por exemplo, unha quenda de guardias localizadas en Vías e Obras para cubrir calquera emerxencia que poida xurdir no municipio. Así mesmo, incluíronse dous novos postos de auxiliares de policía local fixos-discontinuos.
Coincidindo coa data na que se cumpren dous meses dos temporais de Nadal que causaron importantes e cuantiosos estragos en Tomiño, o Goberno municipal tamén acordou por unanimidade instar á Xunta a que declare a zona de emerxencia e un decreto que contemple os concellos afectados polas inundacións, así como a que elabore un informe dos danos rexistrados para solicitar ao Goberno do Estado a declaración de Zona Afectada Gravemente por unha Emerxencia de Protección Civil que permita a distribución urxente de axudas ás localidades, persoas e empresas afectadas.
Na moción presentada, o Goberno municipal lembrou que a provincia de Pontevedra foi a máis afectada pola sucesión de temporais que varreu o territorio galego, con 200 das 400 emerxencias rexistradas en toda a comunidade durante o 1 de xaneiro. A factura para os concellos foi cuantiosa e supón unha lousa para as economías municipais, polo que reclaman á Xunta que rache o silencio mantido ata o de agora e adopte as medidas necesarias. Ademais, na moción pídese á Deputación de Pontevedra que aprobe un plan complementario de axudas unha vez que a Xunta teña aprobada a declaración de zona de Emerxencia de Interese Galego e o decreto.
Adolescentes da Escola Municipal de Teatro de Tomiño protagonizan 'Morte e o meu avó', último filme de Gon Caride
O domingo o auditorio de Goián acollerá a pre-estrea desta curtametraxe que mestura ficción, documental e found footage
Haberá un pase ás 18.00 h e outro ás 19.30 horas. A entrada é de balde ata completar aforo
A canteira da Escola Municipal de Teatro de Tomiño salta á gran pantalla. Un actor e varias actrices que desenvolven as súas dotes interpretativas durante todo o ano no Teatro Migallas protagonizan agora 'Morte e o meu avó', a última obra do director e guionista Gon Caride. O auditorio municipal de Goián acolle este domingo 5 de marzo a pre-estrea deste filme, do que o público poderá desfrutar de balde en calquera dos dous pases programados, ás 18.00 e ás 19.30 horas.
Ada Oliveira, no papel de Morte, e Xurxo Rodríguez, no de Nido, protagonizan esta curtametraxe que camiña entre a ficción, o documental e o found footage para facer que as persoas espectadoras fagan unha reinterpretación da figura da morte. Dende a inxenuidade dunha persoa adulta que xamais perdeu a un ser querido, o filme confronta ao público cunha reflexión sobre a ausencia, o engano da memoria e a fantasía da nenez. Todo a través dunha viaxe melancólica a un pasado que nunca existiu para reformular un futuro ao que nos aterra enfrontarnos.
Na curtametraxe rodada en Tomiño e no Rosal tamén participan as goianesas Andrea Álvarez e Tania Álvarez, que dan vida a dúas nenas xemelgas dentro do filme. Todas e todos eles forman parte da Escola Municipal de Teatro, dirixida por Tamara Campos e financiada e apoiada pola Concellería de Cultura do Concello de Tomiño.
Completan o elenco Bienvenido Baquero, que da vida ao avó, e Javier Caride, que interpreta a Nisio.
O director e guionista Gon Caride ten unha dilatada carreira ás súas costas, xa que traballou tamén como montador, director de fotografía, produtor e analista de guión nos Estados Unidos, Reino Unido, Polonia, Francia e España. As súas dúas primeiras curtametraxes foron seleccionadas en máis de 100 festivais de cine de 30 países, acadando numerosos recoñecementos e premios á mellor dirección, curtametraxe ou guión dentro e fóra das nosas fronteiras. Na actualidade traballa na súa primeira longametraxe xunto coa produtora Gaitafilmes e na postprodución da súa vindeira curta, 'Un novo día', o proxecto mellor valorado nas Axudas a Talento da Xunta de Galicia 2022.
O Concello de Tomiño volve pechar o ano cun balance económico positivo
O orzamento municipal de 2022 cerrouse cun superávit de 1,2 millóns de euros e un remanente de tesourería de 2 millóns
As contas reflicten a eficiencia na xestión económica do Goberno municipal
O Concello de Tomiño pechou o ano 2022 cun balance económico moi positivo. A alcaldesa, Sandra González, resaltou o gran resultado do exercicio orzamentario do ano pasado que se cerrou cun superávit de máis de 1,2 millóns de euros, unhas contas que reflicten "a economía saneada coa que conta Tomiño" e que se levan a pleno esta semana.
Outro dos indicadores deste bo momento da economía de Tomiño é o Período Medio de Pago a Provedores, xa que o ano pasado o Concello tardou unha media anual de 13,21 días en pagar as facturas e durante este ano estanse facendo os pagos semanalmente. Actualmente o Concello dispón en tesourería de máis de 3,2 millóns de euros.
Estes datos compleméntanse co remanente de tesourería rexistrado en 2022, de case dous millóns de euros, uns aforros dos que 600.000 permitirán financiar proxectos xa previstos durante o ano pasado, así como para unha obra de emerxencia e para achegar a parte correspondente do Concello das subvencións acadadas para mellorar a eficiencia enerxética e para o comercio.
O ano 2022 o Concello liquidou o seu orzamento municipal con 11 millóns de euros, moi por riba dos 8 millóns aprobados inicialmente e aos que se sumaron os fondos externos captados a través de diferentes axudas coas que seguir avanzando en novos proxectos de futuro de Tomiño.
"Estas contas amosan a eficiencia da xestión económica que se está a desenvolver dende o Goberno municipal, que xa pechou o exercicio orzamentario de 2021 cun superávit de máis de 1,4 millóns de euros. Unha xestión responsable que garante unha axeitada prestación dos servizos municipais, mantendo unhas contas saneadas, equilibradas e con capacidade financeira para facer fronte ás obrigas e para afrontar novos investimentos", como destaca a rexedora.
Unha ducia de premios para galardoar o deporte tomiñés
Os piragüistas Ainhoa Bareriro e Manu Ochoa, mellores deportistas absolutos na VI Gala do Deporte de Tomiño. David Mella, campión do mundo de paracanoe, acadou o premio afán de superación
Protección Civil e Fibra Lar recibiron tamén un recoñecemento polo seu labor e pola súa aposta a prol da dinamización
A Gala do Deporte de Tomiño celebrou esta fin de semana a súa sexta edición con moitas gañas de recoñecer a todas aquelas e aqueles deportistas, clubs, asociacións, entidades e empresas que achegan o seu gran de area para levar o deporte tomiñés ao máis alto. Despois de tres anos sen poder celebrar este evento, o auditorio municipal de Goián ateigouse de público para recoñecer o traballo dos e das deportistas de Tomiño ao longo do último ano.
A alcaldesa, Sandra González, e o concelleiro de Deportes, Francisco Campo, entregaron algúns dos premios da noite, unha ducia de galardóns en diferentes categorías que foron dende os e as mellores deportistas ou promesas ata o premio de afán de superación ou o recoñecemento ás entidades ou patrocinadores.
"É un orgullo ver a dedicación das nosas e nosos deportistas, o seu esforzo diario para acadar metas e levar o nome de Tomiño máis alá do noso concello. Por iso non podemos máis que agradecerlles o seu traballo, igual que o de todas as persoas que fan posible que o deporte de base sexa máis importante cada día", sinalou a rexedora.
Os piragüistas Manu Ochoa e Ainhoa Barreiro foron recoñecidos durante a gala como mellor deportista masculino e feminino, respectivamente, polos innumerables éxitos que ambos os dous recolleron durante o 2022. Pola súa banda, Javier Freiría, subcampión de España no campionato de fondo en SKIFF cadete, facíase co premio ao mellor promesa masculina e a judoka Zaira Lamas co premio mellor promesa feminina.
Por primeira vez, o Concello de Tomiño concedía nesta Gala do Deporte o premio Afán de superación, un galardón que recaeu en David Mella, canoísta que tras unha lesión de médula volveu ao río co piragüismo adaptado e logrou coroarse como campión do. mundo de paracanoe na modalidade VL1. Ademais, Pablo Durán e Emilio Rodríguez recolleron a mención especial Deportista 2022 e Javier Sierpes o premio ao mellor adestrador. O galardón ao mellor club recaeu no Goián CF e ao mellor club de base na Sociedade Atlética do Trega.
Durante a gala tamén se recoñeceu a Protección Civil de Tomiño como entidade colaboradora co deporte pola súa colaboración indispensable en cada evento deportivo e compartir os valores de solidariedade, compañeirismo e xenerosidade que abandeira o deporte. Por outra banda, a empresa Fibra Lar recibiu o premio Patrocinador por protexer e axudar á dinamización do deporte nestes tempos tan difíciles.
O concelleiro de Deportes salientou a presenza de colectivos, asociacións, clubs e público xeral na gala para render homenaxe a todas as persoas deportistas de Tomiño e lembrou "a vontade do Goberno municipal de continuar premiando ao deporte tomiñés para por en valor o esforzo que cada día levan a cabo clubs e deportistas da vila".
|