Os traballos inclúen a rehabilitación do muro tradicional de pedra e servirá de modelo para a transformación de espazos con elementos de interese patrimonial ou paisaxístico con concentración residencial
O Concello do Rosal continúa coa súa aposta estratéxica por unha transformación do municipio que permita situar ás persoas no centro ao tempo que se pon en valor a contorna. Neste sentido, o Goberno municipal comezou xa as obras de recuperación da estrada vella de San Miguel de Tabagón, uns traballos que transformarán a zona e que servirá de modelo para rehabilitación de espazos rurais con presenza de elementos con interese paisaxístico ou patrimonial e un certo nivel de concentración residencial.
Como salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, o obxectivos destas obras é "mellorar a calidade dunha contorna de alto valor patrimonial que conta cun perfil urbano de carácter singular, ao tempo que se aumenta a seguridade dos percorridos peonís, facendo que as rúas recuperen parte da súa identidade orixinal".
Esta primeira fase de recuperación empezou a executarse pola zona máis deteriorada da estrada vella, a carón da ferraxería, onde unha das principais accións é a rehabilitación do muro de contención de pedra que suxeita o camiño, unha solución construtiva que se integrará na contorna e que resolverá os problemas que presenta o actual muro, nun avanzado estado de deterioro.
Con estes traballos, que afectan a un total de 1.536 m2, tamén se renovarán os pavimentos con elementos e materiais que contribúan a unha circulación máis calmada do tráfico, dándolle prioridade ás persoas e creando espazos que fomenten unha mobilidade máis sustentable e saudable. O tipo de intervención, tipo rosario, incluirá unha serie de nodos resoltos con materiais nobres principalmente en interseccións e fronte a elementos de especial interese, así como varios eixos nos que se reduce a presenza de asfaltos tradicionais e se inclúen detalles coidados.
A rexedora agradece o compromiso da veciñanza do barrio, que se involucrou de forma moi activa no proceso de participación social realizado hai uns meses para achegar suxestións a incorporar no proxecto de recuperación e que afectaban a aspectos como a problemática das pluviais nesa zona de escorrentía.
As obras contan cun orzamento de case 170.000 euros financiados ao abeiro do Plan Concellos 2022-2023 da Deputación de Pontevedra.
A proba disputarase este domingo 5 de marzo con dúas modalidades con diferente distancia e desnivel
Todo listo para celebrar unha nova edición do Trail Adventure Muíños do Folón no Rosal. O vindeiro domingo 5 de marzo arredor de 500 corredores e corredoras daranse cita nun dos lugares máis emblemáticos do concello para participar na sexta edición dunha proba que cada ano supera as súas expectativas.
"É un orgullo ser o escenario que acolle unha proba que aposta pola saúde pero que tamén polo turismo e a natureza nunha contorna con gran valor paisaxístico e patrimonial como son os nosos muíños", salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, durante o acto de presentación desta nova edición, que contou coa presenza do responsable de Deportes da Deputación de Pontevedra, Gorka Gómez; do concelleiros de Deportes, Germán Fernández; do director técnico da proba, Serafín Martínez; do presidente da Asociación Galega de Fibrose Quística, Juan da Silva; con representantes da Comunidade de Montes do Rosal e de Julio e Ignacio, dous veciños do Rosal "moi implicados que coñecen o monte e cada ano achegan o seu gran de area para que esta carreira saia adiante con éxito".
Como na edición anterior, os e as participantes poderán elixir unha das modalidades da carreira, adaptadas a varios tipos de público: unha cun percorrido de 12 km e 450 metros de desnivel e outra de 21 km e 1.000 metros de desnivel positivo. Os dous percorridos, que terán como punto de saída e chegada a Praza do Calvario, percorrerá os muíños do Folón e do Picón, así como diferentes fervenzas e zonas naturais dunha beleza paisaxística e patrimonial incomparables.
Este trail é a segunda proba da Pontevedra Trail League, unha competición que promove a Deputación de Pontevedra e que este ano contará con persoas invitadas sorpresa que darán ambiente á carreira grazas á colaboración da Asociación Galega de Fibrose Quística, que participará no encontro para dar visibilidade a unha enfermidade moi descoñecida pola poboación.
As inscricións estarán abertas ata este mércores e poden facerse de maneira online en www.traildofolon.com ou no seguinte enlace: https://bit.ly/3RpMpRZ.