|
O Concello de Tui deplora as pintadas vandálicas realizadas na rúa San Telmo
Solicita a colaboración cidadá para identificar as persoas autoras
O Concello de Tui deplora as pintadas vandálicas realizadas nun tramo da rúa San Telmo, en pleno conxunto histórico de Tui, e que afectan a diversas vivendas e á igrexa de San Telmo. Este acto de incivismo non representa á nosa cidade nin aos seus cidadáns que coidan o conxunto histórico como expresión da nosa identidade, cun sentimento de orgullo polo legado recibido e que compre transmitir nas mellores condicións.
Este comportamento delitivo do autor ou autores desta incualificable agresión patrimonial non pode quedar impune, polo que dende o Concello de Tui, sinala o alcalde Enrique Cabaleiro, se solicita a colaboración cidadá para atopar aos responsables desta desfeita para que paguen os custes derivados da reparación dos danos producidos no noso patrimonio cultural e non teñan que ser asumidos con cargo aos orzamentos públicos.
O Concello de Tui mantén o seu compromiso pola conservación do conxunto histórico e asume a limpeza destas pintadas para devolver o ornato a esta rúa e aos inmobles afectados e lembra que este tipo de accións constitúen un delito contra o patrimonio histórico recollido no Código Penal e que cómpre unha decidida condena social a este vandalismo e os seus autores ou autoras.
Enrique Cabaleiro lamenta esta mostra de incivismo que atenta contra a convivencia cidadá e expresa o compromiso do Concello de Tui por lograr a identificación dos responsables destas pintadas para que asuman a responsabilidade deste atentado patrimonial e ao tempo manifesta a vontade do Concello de Tui e dos cidadáns tudenses de continuar traballando na protección e conservación do noso patrimonio cultural, un labor que non pode quedar esmagado con estes deplorables feitos.
A Eurocidade Tui e Valença acollerá quince probas deportivas este ano 2023
O calendario deportivo conxunto comeza esta mesma fin de semana.
A Eurocidade Tui-Valença presentou este mediodía o seu Calendario Deportivo da Eurocidade 2023 con máis dunha decena de probas deportivas de múltiples disciplinas que se celebrarán ao longo deste ano e grazas a colaboración dos dous municipios transfronteirizos.
A primeira cita deste calendario será esta mesma fin de semana co Trail do Aloia, unha proba clásica que tamén servirá de inicio para a Pontevedra Trail League.
Hoxe mesmo (10/2), coincidindo con esta presentación ábrese o prazo de inscrición para outra das probas destacadas deste calendario: a décima edición da Eurocidade BTT que organiza a Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas o próximo 12 de marzo. Tamén en marzo, as outras citas deportivas serán o 4 de marzo co TT Eurocidade de Motos e o 25 co TT Eurocidade Jeeps.
Amais, con frecuencia mensual, haberá unha andaina dentro do Circuíto de Andainas Saudables da Eurocidade, serán un Tui e outro en Valença. Comezarán en abril polas Festas de San Telmo e logo haberá percorridos por Sanfíns, Ribadelouro, o Cerdal, polo centro histórico de Tui, por Friestas, pola Macoca e por Fontoura.
En abril o deporte será o baloncesto, co Torneo Mini de Basquet Eurocidade que terá lugar o 1 e 2 en Valença. Coa chegada do verán, e xa en xuño, terá lugar a Rampa do Monte do Faro e o Campionato de Kung Fu Eurocidade. En xullo o protagonismo será para o judo co Torneo Eurocidade o 8 e 9.
Co inicio de setembro, Tui e Valença vivirán tres xornadas de hoquei, un novo Torneo Internacional de Basquet, a Regata de Remo Eurocidade e, aínda con data por determinar en setembro e outubro, o Torneo de Tenis da Eurocidade. En novembro haberá dous eventos deportivos: primeiro o Torneo de Baile Deportivo e a Urban Trail Night o 26 de novembro.
A presentación e detalle de todas estas citas deportivas tivo lugar esta mañá no salón de plenos da Casa do Concello de Tui. No acto estiveron presentes o alcalde, Enrique Cabaleiro, o presidente da Cámara Municipal de Valença, José Manuel Carpinteira, os concelleiros de Deportes de Tui e Valença, Rafael Estévez e Arlindo Sousa, acompañados por representantes das distintas asociacións deportivas e empresas organizadoras dos eventos deportivos.
Neste senso, o rexedor tudense destacou o seu agradecemento aos implicados na organización de todas as probas que conforman un calendario deportivo que calificou de único na Europa occidental polo seu carácter transfronteirizo. Asemade, destacaba Cabaleiro o firme compromiso da Eurocidade por apostar polo deporte, un ámbito importante, dicía, na vida e desenvolvemento das persoas.
Por parte de Valença, o seu presidente, José Manuel Carpinteira, animou a seguir traballando polo deporte da Eurocidade e tamén a gozar dun calendario único e moi completo. Falaba tamén de que o deporte comulga con todos os valores da Eurocidade: unión e cooperación.
Pola súa banda, tanto o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, coma o seu homólogo en Valença, Arlindo Sousa, agradeceron o traballo e a colaboración de clubes, institucións e empresas colaboradoras para levar a cabo, un ano máis, un calendario completo, con 15 eventos deportivos que abranden a práctica totalidade de meses deste 2023.
O Concello de Tui celebra San Valentín coa campaña "Namórate de Tui"
Instaláronse tres photocalls para dinamizar o comercio e hostalería local. Será premiada a fotografía tomada nun destes puntos con máis "me gusta"
O Concello de Tui lanza hoxe a campaña "Namórate de Tui" para celebrar o Día de San Valentín, que será o próximo martes 14 de febreiro. Con esta iniciativa busca fomentar as compras no comercio local, así como o consumo nos restaurantes do municipio, aproveitando a próxima celebración desta data sinalada.
Un ano máis con este motivo instaláronse elementos decorativos a modo de photocall na Praza da Inmaculada e na Praza de San Fernando, así como un corazón iluminado na glorieta de Vigo. Estarán dende hoxe até o domingo día 19. Lánzase un concurso no que se premiará a fotografía con máis "me gusta", cunha cea romántica e unha noite na casa rural Rectoral de Areas para dúas persoas.
As fotografías deberán ser realizadas nalgún dos photocalls colocados na cidade e deberán subirse a Facebook e/ou Instagram baixo o cancelo #amorporTui e nomeando a conta do Concello de Tui na respectiva rede social. As instantáneas poden ser publicadas dende as 12:00 h do venres día 10, ata as 12.00 h do luns 20 de febreiro.
Logo do éxito acadado polas últimas campañas de promoción do comercio local, a concelleira de Comercio Ana Mª Núñez explica que "este ano o Concello apostou por impulsar unha nova campaña na rúa, nas redes sociais e nos medios de comunicación como chamamento da acción comercial, reivindicando así a importancia de comprar no noso comercio local, este 14 de febreiro e todos os días do ano". Destaca que "é unha iniciativa coa que volvemos a amosar o apoio deste goberno na promoción do comercio local"
A campaña impulsada pola concellería de Comercio e Mercados, contou coa colaboración do alumnado do obradoiro de carpintería e de persoal municipal para a elaboración dos elementos decorativos.
Paralelamente, está en marcha unha campaña de promoción do comercio e da hostalería local a través dos medios de comunicación e das redes sociais de @QueroTui. Amais con motivo de San Valentín haberá sorteos de produtos doados por establecementos locais até o próximo domingo 19 de febreiro.
Esta iniciativa inscríbese dentro da campaña #ElixeTui, iniciada hai uns meses polo Concello de Tui, e a comunidade comercial @QueroTui, co obxectivo de crear unha marca comercial e poñer en valor o comercio e a hostalería local.
A cartelería correspondente a estas campañas está a disposición dos establecementos na Oficina Municipal de Turismo no paseo da Corredoira.
A selección galega absoluta de remo concéntrase en Tui esta fin de semana para preparar o Campionato de España
Os equipos masculino e feminino adestrarán no río Miño e contarán cunha alta representación tudense
Esta fin de semana, a Federación Galega de Remo, en colaboración co Club Remo do Miño, organizará en Tui a concentración da selección galega de remo olímpico na categoría absoluta masculina e feminina. Asistirán un total de 22 remeiros e remeiras, pertencentes a 7 clubs galegos. Esta concentración ten como obxectivo a preparación do Campionato de España de remo olímpico e de autonomías, que se celebrará en Castrelo do Miño, os días 18 e 19 de febreiro.
Os e as deportistas adestrarán no río Miño e pernoctarán nas instalacións do Centro Especializado en Tecnificación Deportiva de Remo e Piragüismo de Tui. Entre os convocados estarán os deportistas do Club Remo do Miño, Carlota González, Nuria Domínguez, María Cristina González, Rodrigo Conde e Jesús González, así como do Club Remo Tui, Laura Solla e Martín Sías. Nesta convocatoria tamén participará como temoneira, Rebeca Rodríguez, do Club Remo do Miño.
Tanto Carlota González, como Rodrigo Conde, concentrados habitualmente en Sevilla, seguirán adestrando durante toda a semana en Tui, e ao remate do Campionato de España, iniciarán as competicións internacionais co obxectivo da clasificación para os Xogos Olímpicos de París 2024.
O número de peregrinos no Camiño Portugués creceu en xaneiro un 67% con respecto ao mesmo mes de 2022
Esta ruta foi realizada por 521 persoas, das que máis de 110 partiron dende Tui camiño a Santiago de Compostela
O Camiño Portugués confirmou o pasado mes de xaneiro a súa importancia e gran afluencia nas rutas xacobeas a Santiago. Segundo datos da Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago de Compostela, en xaneiro percorreron estes camiños un total de 521 persoas, o que supón un incremento dun 67% con respecto ao mesmo mes do ano pasado.
Este gran incremento vese reflectido en comparación con xaneiro de 2022, no que se fixeron entrega de 311 'Compostelas' a peregrinos do Camiño Portugués. Aínda é máis salientable a cifra de 521 camiñantes de xaneiro de 2023 se se compara con anos anteriores nos que se recolleron estatísticas: 419 fixeron esta ruta no 2020 e 404 en 2019.
Tui tamén se erixe coma referencia para os peregrinos e peregrinas que deciden realizar esta ruta, confirmando a súa importancia no cuarto lugar máis elixido para comezar esta ruta. Deste xeito, foron 114 os camiñantes que iniciaron dende a nosa cidade esta ruta xacobea o pasado mes de xaneiro, só por detrás de Sarria e St. Jean Pied de Port no Camiño Francés, e Porto no mesmo Camiño Portugués.
Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, expresa a súa satisfacción por este incremento nos datos de peregrinos polo Camiño Portugués, adquirindo aínda maior relevancia ao non ser Ano Santo. O rexedor tudense sinala o importante incentivo que supoñen estes datos para os axentes implicados na xestión do Camiño Portugués e as expectativas que suscita para este ano 2023, á vez que destaca a exixencia para mellorar as condicións da acollida aos peregrinos que se achegan ata Tui.
O Concello de Tui logra a cesión do edificio da Praza da Inmaculada por parte da Xunta
O alcalde amosa o seu agradecemento e salienta a posición estratéxica e privilexiada do inmoble
O edificio situado na Praza da Inmaculada pasará a ser propiedade do Concello de Tui. Así o acordou a Xunta de Galicia segundo orde da Consellería de Facenda e Administración Pública pola que establece a cesión en propiedade a título gratuíto deste inmoble.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salienta coma esta é "unha boa noticia" que da cumprimento a "unha vella demanda da corporación municipal" xa que tras o traslado dos xulgados ao novo edificio na praza de Galicia este inmoble quedou practicamente baleiro.
Salienta o interese do edificio que "ocupa unha posición estratéxica e privilexiada no ámbito máis central da nosa cidade", polo que dicía "debemos tratar de recuperalo para un uso público e vinculado á representación institucional do Concello".
Enrique Cabaleiro amosa o seu "agradecemento á Xunta de Galicia, e á Consellería de Facenda, por aprobar a cesión deste edificio". Engade que "agora teremos que empezar a traballar na súa rehabilitación, e abrir o debate público de que equipamentos se poden instalar aí".
No referente aos usos aos que se poderá destinar agora o inmoble Enrique Cabaleiro apraza a decisión a despois das elección municipais para que sexa xa a nova corporación municipal a que tome a decisión "co maior consenso posible".
A Oficina Municipal de Turismo de Tui atendeu a máis de 500 visitantes no mes de xaneiro
Foron 446 turistas e 70 peregrinos e peregrinas. Consolídase unha tendencia á desestacionalización do turismo.
A Oficina Municipal de Turismo do Concello de Tui atendeu no pasado mes de xaneiro a un total de 516 visitantes nas súas dependencias no céntrico Paseo da Corredoira. Este número abrangue a un total 70 peregrinos e 446 turistas que se achegaron á nosa cidade ao longo do pasado mes.
Dos 446 turistas, 367 deles eran de procedencia nacional e os restantes 79 de orixe internacional. Rexístrase unha maioría de turismo de proximidade, procedente de Pontevedra (78) e A Coruña (25), pero tamén de procedencias clásicas como Madrid (44), Barcelona (16), Asturias (11) ou León (11). No que atinxe aos turistas estranxeiros, chegan especialmente dende Portugal (40) e tamén de Reino Unido (8), Arxentina (7), Brasil (5), Alemaña (4) ou Polonia (3).
Pola súa banda, dos 70 peregrinos e peregrinas procedentes de España, proviñeron destas orixes: Madrid (6), Salamanca (4), Ourense (3), Cáceres (2), Murcia (2), Valencia (2) ou A Coruña (2). Os 45 peregrinos e peregrinas internacionais chegaron dende Portugal (9), Arxentina (9), Alemaña (5), Sudáfrica (3), Reino Unido (3), Estados Unidos (2) e Canadá (2).
Os datos de visitantes están en liña coas cifras anteriores á pandemia, pois no ano 2020 foron 558 os visitantes atendidos na Oficina Municipal de Turismo, localizada daquela na Praza de San Fernando xunto á catedral.
Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, estes datos son moi positivos, pois reflicten unha tendencia clara á desestacionalización da afluencia de visitantes observando que, mesmo en meses denominados de "tempada baixa", a presenza de turistas e visitantes xa non é anecdótica, e "mantén un positivo dinamismo que favorece o desenvolvemento socio-económico do noso municipio". Do mesmo xeito, salienta o esforzo que o Concello de Tui realiza mantendo aberta todo o ano a Oficina Municipal de Turismo para contribuír a afianzar este proceso e fortalecer o posicionamento de Tui como destino turístico.
Convocado o concurso para a elección do cartel anunciador das Festas de San Telmo 2023
Establécese un único premio dotado con 700 euros. Os traballos poden presentarse até o 28 de febreiro ás 14:00 h
O Concello de Tui abre a convocatoria do concurso para a elección do cartel anunciador das Festas de San Telmo 2023, no que poden participar artistas plásticos, creadores e creadoras ou calquera persoa que estea interesada. Establécese un único premio de 700 euros e diploma.
Para participar débense presentar un máximo de tres obras, orixinais e inéditas, nas que deben figurar "Festas de San Telmo. Tui, 8 - 17 de abril de 2023. Festas declaradas de interese turístico galego", así coma a marca corporativa do Concello de Tui.
O xurado terá en conta na súa valoración que "o cartel identifique na súa expresión gráfica á cidade e ás festas de San Telmo", reflectindo os valores que se expresan para as Festas de San Telmo, centrados principalmente na devoción ao patrón, a participación e a tradición popular, a tradición secular, a accesibilidade universal á festa e á cultura, a igualdade e a proxección exterior da cidade.
Así, nas bases do concurso, recóllese que "estes tres obxectivos plasmaranse na composición dos traballos, reflectindo un espírito festivo con marcada orientación publicitaria e artística e de promoción, tanto das festas anunciadas como da propia cidade de Tui".
O carteis, cun tamaño de 50 x 70 centímetros, poderán realizarse en técnica e cores libres, pero deberase ter en conta que a impresión do gañador realizarase en cuatricromía. O cartel presentarase baixo lema no Rexistro da casa do concello ou na Biblioteca Pública Municipal até o 28 de febreiro ás 14:00 h.
Achegarase en formato dixital, xunto coa documentación requirida, e en formato impreso, sobre un bastidor ríxido de cartón pluma sen molduras ou cristal. Con todos os carteis presentados a concurso, e que cumpran o establecido nas bases do mesmo, realizarase unha exposición.
As bases completas deste concurso pódense consultar na web municipal tui.gal.
Protección Civil realizou en 2022 un total de 304 servizos
As persoas voluntarias empregaron 2.475 horas en atender as distintas incidencias ou eventos para os que foron requiridos.
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tui realizou en 2022 un total de 304 servizos nos que as persoas voluntarias da asociación empregaron 2.475 horas.
En concreto ao longo do ano pasado Protección Civil de Tui interveu en 82 accidentes de tráfico e en 7 accidentes laborais. Os e as voluntarias asistiron a 37 eventos culturais e 31 eventos deportivos. Tamén foron requiridos en 16 incendios urbanos e en 6 incendios forestais. En 21 ocasións acudiron a retirar árbores caídos, e en 22 ante a presenza de animais soltos. Por outra parte os membros de Protección Civil actuaron en 24 servizos sanitarios, e realizaron 58 servizos varios coma limpezas de manchas de aceite, derrubo de fachadas ou ante a presenza de balsas de auga nas estradas.
Protección Civil conta na actualidade con 20 persoas que realizan o seu labor de forma voluntaria e altruísta. Esta mesma semana se incorporarán coma aspirantes tres persoas máis. Os e as voluntarias no momento de ingreso na agrupación realizan un curso básico, e van ampliando a súa formación con cursos de especialización en incendios urbanos e forestais, accidentes en estrada, desfibrilación semiautomática, coordinación operativa de plans de emerxencia ou en igualdade, entre outros. Ao longo do ano pasado, ao abeiro das distintas axudas convocadas para este tipo de agrupacións, Protección Civil incorporou ao seu parque móbil un novo vehículo tipo pick up, unha motocicleta e un remolque con material para actuar nas súas intervencións.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosa o seu agradecemento ás persoas integrantes da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tui "pola súa dedicación e esforzo incansable ao longo do ano, actuando en todas aquelas ocasións nas que son requiridos, tanto en eventos culturais e deportivos, coma nas incidencias que se rexistran no termo municipal". Destaca tamén o alcalde o seu labor solidario citando o concerto que organizaron en decembro no Teatro Municipal no que recolleron 3.400 quilos de alimentos para SOS Tomiño Baixo Miño.
O concelleiro de Seguridade, José Ramón Magán, salienta coma os e as voluntarias de Protección Civil de Tui "están sempre dispostos a axudar en situacións de emerxencia" agradecéndolles "a súa dedicación desinteresada e altruísta", e destacando o seu papel cando se producen accidentes ou incidencias que requiren dunha actuación inmediata.
Tui contratará a 17 persoas ao abeiro da liña 3 do Plan Concellos
As persoas interesadas deben estar inscritas na Oficina de Emprego co código de ocupación correspondente a cada posto de traballo
O Concello de Tui vai contratar a 17 persoas a través da Liña 3 do Plan Concellos para a activación do emprego da Deputación.
En concreto será unha persoa auxiliar administrativa e 14 persoas coma peóns/peoas de horticultura e xardinería durante seis meses. Amais contratarase a unha persoa coma oficial/a de segunda carpinteiro, e a outra coma oficial/a de segunda fontaneiro, neste caso cunha duración do contratación de 9 meses e medio ou coma moito até o 31 de decembro deste ano.
As persoas interesadas deben estar inscritas na Oficina de Emprego co código correspondente a cada posto de traballo.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salienta coma grazas á liña 3 do Plan Concello poderanse reforzar distintos servizos municipais, ao tempo que as persoas que resulten seleccionadas poderanse incorporarán ao mercado laboral durante un período que oscilará entre os 6 e os 9 meses e medio segundo o posto.
A continuación figuran os códigos de ocupación correspondentes a cada posto:
" Auxiliar administrativo 43 091029 categoría 70
" Peóns/peoas horticultura e xardinería 95 121019 categoría 80
" Oficial/a segunda carpinteiro 71 311049 categoría 50
" Oficial/a segunda fontaneiro 72 211012 categoría 50
Tui prepárase para celebrar o Entroido co Desfile-Concurso e o Enterro do Bacallau
Abriu a inscrición para desfile-concurso no que se outorgarán 5.600 € en premios
Tui prepárase para celebrar as festas de Entroido con dúas citas destacadas marcadas no calendario deste mes de febreiro. Serán o martes 21, festivo local, data na que se celebrará o desfile concurso de grupos e comparsas, e o domingo 26 cando co Enterro do Bacallau despedirase o Entroido deste ano.
O martes (7/2) abriu o prazo de inscrición para os grupos e comparsas que desexen participar no desfile concurso. As bases veñen publicadas hoxe no BOPPO. A inscrición realizarase presentando o modelo de solicitude, xunto á documentación requirida, dende mañá martes, 7 de febreiro, até este xoves, 9 de febreiro, ás 14 h a través da sede electrónica do concello de Tui.
Os grupos deberán estar formados por entre 10 e 20 persoas, mentres que as comparsas deberán ter máis de 25 persoas. A participación limítase ás 20 primeiras comparsas inscritas e aos 5 primeiros grupos que presenten a solicitude, coa salvidade de que nunca quedará fóra de concurso nin unha comparsa nin un grupo de Tui.
O desfile terá lugar o martes, 21 de febreiro, ás 17.30 h no circuíto establecido polas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda, non podendo os participantes realizar paradas durante o percorrido.
O xurado, integrado por doce persoas, para conceder os premios valorará o número de participantes por cada comparsa ou grupo; a actualidade da temática elixida; a interpretación e parodia de cuestións sociais, culturais ou políticas de Tui; a calidade, orixinalidade e dificultade de elaboración do vestiario; a interpretación, a sátira e crítica realizada; o acompañamento musical con música interpretada en directo no desfile; a calidade, orixinalidade e dificultade da carroza, e no caso das comparsas de fantasía o seu vestiario e coreografía. A puntuación en cada categoría será de 0 a 6, excepto en acompañamento musical e realidade tudense que será de 0 a 3 puntos.
No desfile concurso de Entroido outorgaranse un total de 18 premios valorados en 5.600 euros e os correspondentes trofeos en catro categorías: Xeral, Carroza, Acompañamento Musical e Fantasía. Así na categoría Xeral os premios oscilarán entre so 700 € do primeiro e os 100€ do sétimo, en Carroza irán entre os 400 € do primeiro e os 100€ do sexto. Mentres en Acompañamento Musical haberá catro premios de 300 €, 250 €, 200€ e 150 €, e en Fantasía haberá un único premio de 250 €.
Establécense amais fixos por participar que serán de 500 € para as comparsas con carroza e de 250 € para as que desfilen sen carroza, mentres que para grupos o fixo por participar será de 200 € para os que desfilen con carroza e de 100€ para que non teñan carroza.
Xa o domingo, 26 de febreiro, ás 19.30 h celebrarase o Enterro do Bacallau, no que deberán participar cando menos o 50% dos integrantes dos grupos e comparsas que participen no desfile. Poderán participar tamén todas aquelas persoas que o desexen de rigoroso loito. Sairá dende a praza de San Fernando, realizando un percorrido polo centro urbano, cun alto no Cantón de Diomedes para ler as coplas, e continuar até o aparcamento municipal, na parte traseira do edificio Francisco Sánchez, onde se procederá a queima do bacallau.
As bases completas, o modelo de solicitude de participación, o mapa do percorrido e o cartel do Entroido están dispoñibles en tui.gal.
|