|
A Asemblea do BNG municipal elixe
a Sandra González como candidata
á alcaldía de Tomiño
Sandra González liderou o cambio e transformación do concello, converténdoo nun referente a nivel galego
A Asemblea do BNG municipal de Tomiño decidiu por unanimidade este venres elixir a Sandra González como candidata á alcaldía tomiñesa para os comicios electorais do vindeiro 28 de maio.
Sandra González é licenciada en Ciencias Políticas pola Universidade de Santiago de Compostela con varios másters e estadías no estranxeiro. Ademais, realizou un máster Executive MBA na Escola de Negocios de Afundación que a levou a visitar a Universidade de Georgetown, en Estados Unidos, onde perfeccionou os seus coñecementos en relacións internacionais.
Sandra González leva 15 anos gobernando Tomiño e liderou o cambio e a transformación do concello non só no ámbito urbanístico e do espazo público, senón tamén pola súa aposta por políticas sociais centradas nas persoas cun formato de goberno amable. Unha nova forma de xestión que levou a Tomiño a converterse nun referente a nivel galego.
"Para min é unha honra e estou moi agradecida da confianza depositada. Estamos cheos de ilusión de seguir mellorando Tomiño con alma e corazón"
"Oxalá chegue o día en que a resposta á pregunta de se iso entra no exame sexa non, isto entra na vida"
Nino Cervera e Natalia R. Valls fixeron reflexionar ao público sobre innovadoras metodoloxías educativas na derradeira xornada da VIII Semana da Educación de Tomiño
Emocionante, divertida, interactiva e, sobre todo, moi práctica e achegada á realidade educativa e vital. Así foi a derradeira charla da VIII Semana da Educación de Tomiño, na que os expertos Nino Cervera e Natalia R. Valls conquistaron a todo o público asistente coa súa visión de como debe ser a docencia e as súas ganas de cambiar o rumbo da educación. A súa premisa de partida, conseguir unha formato educativo no que "o alumnado queira ir, quedarse e volver".
Fronte a metodoloxías educativas "bulímicas na que o estudantado ten que tragar unha materia para vomitala no exame e que logo esquece", Cervera e Valls apuntan á necesidade de potenciar competencias e habilidades, achegándose aos rapaces e rapazas, coñecéndoos e comprendéndoos. Porque, como sinalou Valls, "cando presentamos ao noso alumnado un contido que non ven aplicable pregúntanse: e isto para que serve?". "Oxalá chegue o día no que a resposta á pregunta de se iso entra no exame sexa non, entra na vida", sinalaba Cervera.
Coa participación activa e implicación do público, o e a docente deron algunhas claves para que as clases sexan boas e capten a atención do alumnado, como "ofrecer contido útil, que lles permita adquirir habilidades para a vida real, na que o profesorado faga unha avaliación formativa e construtiva para conseguir que o estudantado saque o mellor que leva dentro, coas dúas partes implicadas e cun ou cunha docente que axude a nenos e nenas a descubrir a súa vocación".
"En vez de vernos como xuíces e xuízas debemos vernos como adestradores ou acompañantes na súa aprendizaxe", sinalaron, "porque se non introducimos estas habilidades nas nosas aulas non seremos docentes, seremos Wikipedias con patas".
Docente con grande experiencia no sector educativo, dende cativo Cervera soñaba con mellorar o mundo. Co tempo decatouse que para iso era preciso mellorar ás persoas e aínda que é licenciado en Administración e Dirección de Empresas atopou a súa vocación como profesor de secundaria e universidade, organizando proxectos de innovación con impacto social e medio ambiental.
Especializado en innovación e novas metodoloxías educativas, actualmente compaxina o seu traballo como docente nun centro de La Laguna co seu labor en 'Cambium Sostenible', unha organización creada xunto con Natalia R. Valls para impartir formación ao profesorado e acompañar á mocidade no desenvolvemento das súas habilidades persoais e profesionais. Autor do libro '¿Eres el profe que te hubiera gustado tener?', o seu obxectivo é "fusionar a educación aplicada á vida real" e cre "firmemente que quen se atreva a ensinar non debe deixar nunca de aprender".
Cinco autobuses sairán do Baixo Miño para asistir á manifestación en defensa da sanidade pública en Santiago
Máis de 300 persoas reservaron xa praza nestes buses que a Mancomunidade puxo a disposición da veciñanza para facilitar os desprazamentos
Máis de 300 persoas do Baixo Miño acudirán este domingo 12 de febreiro a Santiago de Compostela nos cinco autobuses que a Mancomunidade puxo a disposición da veciñanza da Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui para asistir á manifestación en defensa da sanidade pública ante o continuo e progresivo desmantelamento da atención primaria ante a falta de dotación de persoal e medios.
De cada un dos concellos sairá un autobús que efectuará diferentes paradas para facilitar o transporte. Así, no Rosal o bus sairá do Calvario ás 09.30 horas e fará paradas no parque de Pías e na parada de autobús de San Xoán de Tabagón.
En Tomiño o autobús sairá tamén ás 09.30 horas do Auditorio de Goián e fará paradas nas marquesinas situadas nas estradas en Estás, Forcadela Miñoteiro, no torreiro de Carregal e Amorín. Pola súa banda, en Tui o transporte sairá ás 09.30 horas da rotonda do Gadis e terá parada na rúa Ourense e en Alfonso I. Mentres, A Guarda terá parada única con saída ás 09.30 horas dende o Centro Cultural.
Os autobuses trasladarán aos veciños e veciñas ata unha zona próxima ao lugar de inicio da manifestación na Alameda de Santiago de Compostela. A hora e o lugar de regreso confirmarase no viaxe de ida.
Dende a Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño reclámase unha mellora da atención sanitaria nos centros de saúde, con falta de medios persoais, instalacións deficientes e en progresivo deterioro dende hai anos. Unha situación de precariedade que se viu acentuada coa chegada da pandemia e que, lonxe de mellorar tras a volta á normalidade, empeora cada vez máis atentando contra a calidade do servizo e, por tanto, contra a saúde dos veciños e veciñas.
Alcaldesas e alcaldes da Mancomunidade animan a todos os galegos e galegas a saír a rúa a esixir unha sanidade pública de sanidade, trasladan o seu total apoio ás e aos profesionais da saúde e aseguran que seguirán loitando para garantir que estes poidan desenvolver o seu traballo en condicións dignas, asegurando ao mesmo tempo a calidade de atención á veciñanza.
"Ser máis sostibles non se trata de substituír dependencias, senón de aprender a vivir doutro xeito"
Miriam Leirós, coordinadora de Teachers for Future en España, que integra a máis de 2.000 centros educativos e educadora ambiental, afondou na importancia de introducir nos colexios a educación ecosocial
Educación ecosocial: educar dende a mirada da vida, apostando pola educación medioambiental pero coa mente posta tamén en mellorar a calidade de vida das persoas. A docente e educadora ambiental Miriam Leirós afondou na terceira xornada da VIII Semana da Educación sobre este concepto, a importancia do coidado do medio ambiente e traballar para mitigar o cambio climático sempre tendo a ciencia como referente. "Ante as fake news, os bulos ou os titulares morbosos que podemos atoparnos temos que remitirnos á ciencia", salientaba Leirós.
Durante o encontro no auditorio de Goián, esta experta repasou novos conceptos e novas realidades que está a vivir a sociedade, como o de refuxiados climáticos, aquelas persoas que teñen que migrar porque o seu territorio non é habitable a causa dos cambios que está a sufrir o clima, ou o Día da Sobrecapacidade da Terra. "En 1970, cando comezou a medirse, consumimos todos os recursos que pode xerar o plante durante un ano o 28 de decembro, apenas tres días antes de rematar o ano. Non obstante, no ano 2021 ese día chegou o 22 de agosto, polo que durante catro meses estivemos consumindo recursos que xa non nos pertencían a nós", destacou. Unha tendencia á alza cunha única excepción no ano 2020, e "porque houbo unha pandemia e estivemos pechados. Entón cal é a verdadeira especie invasora?".
Leirós afondou tamén na idea de que ser máis sostible pasa por un cambio de actitude. "Non se trata de substituír dependencias, senón de aprender a vivir doutro xeito", salienta ao tempo que recorda que estamos nunha época na que "non debemos usar a R de reciclar, senón de reducir". Contando a súa experiencia como docente, a educadora ambiental explicou ao público como introducir este novo xeito de convivir co medio ambiente e a natureza no currículo escolar de nenos e nenas, artellando iniciativas que permitan seguir ensinando materias e competencias. "Temos que recuperar o concepto de ben común, de que se melloro a miña contorna todo mellora", recalcou.
Miriam Leirós é a coordinadora de Teachers for Future en España, un blog para compartir inquietudes e experiencias sobre a docencia relacionada co medio ambiente e o cambio climático que conta con máis de 2.000 centros educativos implicados en toda Europa. Mestra de primaria e educadora ambiental, Leirós é experta en xestión social do hábitat e deseño participativo. Colabora na sección de medio ambiente de 'El Asombrario-Público' e no 'Diario de la Educación' e é autora do libro de contos ambientalistas 'Los secretos de los cuentos clásicos'. Leirós é ademais integrante do grupo de expertos independentes da Asemblea Cidadá para o Clima de España.
Tomiño quere encher as súas franxas secundarias de seguridade e bosques autóctonos
No 2022 tomáronse medidas ante as 365 parcelas que incumpriron a lei de prevención de incendios ou a ordenanza de xestión de biomasa
O Concello ten en marcha unha campaña para repoboar estas franxas que permitirá á veciñanza gozar nunha década de bosques de castiñeiros, carballos...
O Concello de Tomiño segue a traballar para encher as súas franxas secundarias de seguridade e bosques autóctonos. Xunto á intensa campaña de repoboación destes terreos con exemplares de árbores autóctonas, o Concello tomou as medidas necesarias ante 237 casos de incumprimento dos labores de xestión da biomasa en 365 parcelas, xa que as e os propietarios teñen a obriga de limpar os terreos e talar especies prohibidas para cumprir a Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia ou a Ordenanza Municipal da Xestión da Biomasa.
"Dende o Goberno local estamos traballando cada día non só para protexer o noso municipio a día de hoxe, senón coa vista posta no futuro. Queremos que dentro de dez anos os nosos veciños e veciñas poidan gozar de bosques de castiñeiros, carballos, sobreiras, bidueiros... de árbores autóctonas como as que estamos a entregar aos propietarios e propietarias das franxas secundarias que cumpren co seu compromiso e coas súas obrigas. E traballamos ano tras ano para consolidar esta iniciativa para facer de Tomiño un exemplo onde vivir para os nosos fillos e fillas, no que desfrutar da natureza ademais de gozar do monte forestal", salienta a alcaldesa, Sandra González.
Expedientes abertos
Todos os casos tramitados no ano 2022 abríronse tras recibir 183 denuncias de particulares, un 54,09% máis que no ano 2021. A maioría destas denuncias, o 77% (261 expedientes), foron motivadas por incumprir a ordenanza municipal de xestión da biomasa, mentres que outras 18% (62) foron tramitadas pola lei de prevención de incendios e o 5% restante (18) por non cumprir as obrigas sobre camiños públicos da ordenanza municipal. Das 372 parcelas denunciadas durante o ano 2022 o 92% xa foron tramitadas, mentres que un 6% (24 expedientes) foron desestimados e os restantes 7 expedientes están pendentes de tramitar.
En canto á titularidade das parcelas expedientadas, dos 341 tramitados un total de 42 son de titularidade descoñecida, mentres que outras 120 teñen persoas propietarias pero con dirección para a notificación descoñecidas. Dos terreos con propietarios e propietarias que foron notificadas, soamente 7 non recolleron as cartas enviadas, polo que, como é preceptivo, publicouse o correspondente anuncio no BOE a efectos de notificación.
A pesar de que das 341 parcelas expedientadas só 39 persoas propietarias comunicaron que limparan os terreos e 6 que estaban pendentes da tala de árbores, o Concello comprobou nos labores de revisión que moitos dos propietarios e propietarias limparan as súas parcelas aínda que sen aviso posterior á administración local.
Por parroquias, a de Tomiño é a que maior número de casos acumula, un total de 140, multiplicando por cinco os do ano 2021. Un ascenso xeral que se nota en todas as parroquias e que destaca tamén en Amorín, con 64 expedientes, e Forcadela, con 36. En Goián tamén destaca o ascendo de solicitudes de limpeza de parcelas, con 23 notificacións. Por contra, as parroquias con menor número de expedientes foron Piñeiro e Vilameán, con 5 e 4, respectivamente.
"É moi importante que toda a veciñanza colabore nunha cuestión tan importante como a prevención de incendios forestais mantendo limpas as parcelas situadas nas faixas secundarias, un labor no que se debe incidir de xeito máis exhaustivo nas parroquias con maior risco, aínda que é unha obriga que afecta a todo o municipio", salienta a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro.
Enche o teu monte de vida autóctona
Dende o Concello lembran que continúa en marcha a campaña 'Enche o teu monte de vida autóctona', unha iniciativa a través da que se entrega planta forestal frondosa e autóctona á veciñanza para contribuír a repoboar as máis de 850 hectáreas de franxas secundarias nas que as persoas propietarias deben realizar unha xestión correcta da biomasa e onde, segundo a Lei de prevención de incendios forestais, está prohibida a existencia de árbores como pino, eucalipto ou acacia.
Este ano o Concello repartirá 1.800 exemplares de cerdeiras, nogueiras, érbedos, castiñeiros, carballos, sobreiras, aciñeiras e bidueiros que se suman ás 1.600 árbores entregadas durante o pasado ano 2022 e que se plantaron en 149 parcelas que sumaron un total de 61 hectáreas.
As persoas titulares das 13.200 parcelas de franxa secundaria do Concello e que teñan a biomasa correctamente xestionada poden solicitar xa as plantas para a súa parcela directamente no departamento de Medio Ambiente, con preferencia a aqueles veciños e veciñas que non levaran árbore o ano pasado e que pertenzan ás dúas parroquias consideradas prioritarias polo risco de incendio (Forcadela e Tomiño).
"Os videoxogos transformaron as nosas vidas porque transformaron a sociedade"
Eurídice Cabañes, elixida unha das 100 Game Changers en 2020 por Gamindustry, arroxou un pouco de luz sobre riscos e beneficios de pantallas, móbiles e novas tecnoloxías
As cifras asustan: as persoas tocan o móbil unha media de 3.000 veces ao día, os nenos e nenas pasan 7 horas diante dunha pantalla... "vivimos case máis nun mundo virtual que físico". Para Eurídice Cabañes o mundo das novas tecnoloxías ten as súas luces e sombras, con moitos riscos pero tamén con moitos beneficios. Porque, como explicou na segunda xornada da VIII Semana da Educación de Tomiño, "os videoxogos transformaron as nosas vidas porque transformaron a sociedade: todo o desenvolvemento tecnolóxico xurde e evoluciona a través dos videoxogos".
Doutora en Filosofía especializada en Filosofía da Tecnoloxía e experta en neurociencia, Cabañes sorprendeu ao público debullando de forma pormenorizada aspectos pouco coñecidos das tecnoloxías coas que se convive e que se empregan a diario. "Cando falamos da nube pensamos en algo etéreo, pero internet é algo tremendamente material e en lugar de mirar cara a arriba deberiamos ver cara a abaixo: o que non está no meu ordenador non está na nube, está no ordenador doutra persoa, almacenado, xerando cuestións que non nos plantexamos como unha tremenda pegada de carbono ou guerras polos materiais que se precisan", explicou.
Pero, como destacou na súa charla, os demonizados videoxogos "non causan adicción, son como os libros ou outros produtos culturais. O problema e que tamén son un produto tecnolóxico e de consumo e o modelo de negocio que empregan con eles moldea o produto final". E puxo un exemplo claro: "Cando o xogo é gratis, o produto es ti e a empresa cobra ben a través da publicidade, de facer que o xogador ou xogadora merquen produtos dentro do xogo ou extraendo datos que se empregan cada vez máis no estudo do neuromárketing".
Durante dúas horas, esta experta fixo un repaso polas liñas vermellas a ter en conta cando o público se achega ao mundo tecnolóxico e dos videoxogos, con algunhas pautas para guiar aos máis pequenos e pequenas cando se introducen neles, como acompañalos nas súas primeiras incursións, coñecer ao que están xogando, fomentar o pensamento crítico ou consensuar usos.
Cabañes rematou o encontro explicando que "videoxogos e novas tecnoloxías son tamén tremendamente útiles, ofrecendo ferramentas de traballo colectivo únicas e axudando en campos tan dispares como a participación cidadá, a toma de decisións colectivas ou mesmo a ciencia ou a medicina. "A través dun xogo cooperativo conseguiuse facer o primeiro mapeo do cerebro humano grazas, un fito histórico que 100 científicos tardarían 250.000 anos en conseguir", recalcou.
Unha charla "sorprendente" da co-directora de ARSGAMES, organización internacional con 15 anos de experiencia e unha traxectoria "centrada no videoxogo como ferramenta de transformación social", como destacou a alcaldesa, Sandra González. Cabañes conta con máis de 60 publicacións entre artigos, libros e divulgación e deu máis de 140 nos cinco continentes. Fundadora e directora da Fábrica Dixital El Rule, actual laboratorio de tecnoloxías da Secretaría de Cultura da Cidade de México e colaboradora do Centro Multimedia do CENART, Cabañes foi elixida como unha das 100 Game Changers en 2020 por Gameindustry, deseño de videoxogos diferentes.
"A presenza de publicidade alimentaria non baseada en información científica pon en perigo a nosa saúde"
José Manuel López Nicolás, un dos divulgadores científicos máis relevantes de fala hispana, abriu a VIII Semana da Educación de Tomiño desbotando mitos sobre os alimentos 'sen' e 'con'
A oitava edición da Semana da Educación de Tomiño arrancaba este luns con grande éxito de participación da man de José Manuel López Nicolás, un dos divulgadores científicos máis relevantes de fala hispana que, como presentaba a alcaldesa, Sandra González, "leva anos facendo unha intensiva transferencia de coñecemento á sociedade, unha persoa coa que abordamos un tema que nos preocupa, a alimentación, dende unha perspectiva científica, moitas veces non exenta de polémica". "A Semana da Educación de Tomiño é xa unha actividade consolidade na que cada ano traemos aos mellores expertos e expertas para aprender de temas importantes", explicou.
Tras gardar un minuto de silencio na honra da última muller vítima de violencia de xénero en Baiona, López Nicolás abordou co público dun xeito ameno e divertido as verdades e mentiras dos alimentos do século XXI, desbotando mitos e contando os segredos que se agochan detrás dos produtos 'sen' e 'con'. O catedrático en Bioxeoquímica e Bioloxía Molecular, desgranou os misterios dos coñecidos como alimentos funcionais, aqueles aos que se lles engaden compoñentes bioloxicamente activos para mellorar os beneficios para a saúde. Unha idea trasladada de Xapón pero "terxiversada" na Unión Europea e especialmente en España, xa que "en lugar de que o efecto beneficioso estea na totalidade do produto aquí deixamos que estea nun único compoñente, sen importar a calidade do resto". "Este tipo de alimentos son útiles, pero non necesarios", sinalaba.
López Nicolás fixo especial fincapé no papel da publicidade na compra deste tipo de produtos por parte da poboación e dos perigos que poden supoñer. "A presenza de publicidade alimentaria que non está baseada en elementos científicos pon en perigo a nosa saúde, xa que mercamos, consumimos e comemos seguindo crenzas populares baseadas en moitas ocasións nunha mensaxe de medo. Estamos no momento da historia no que os alimentos son máis seguros, polo que ese medo só funciona para vender", explicaba. Durante a charla tamén fixo referencia a todos aqueles alimentos e produtos que se venden coa idea de que son beneficiosos para a saúde polos complementos engadidos que levan e o doado que é caer na trampa do asterisco, a letra pequena que desvela que realmente o compoñente beneficioso dese alimento non é o que aparece en destacado nos paquetes.
Para o divulgador unha das solucións inmediatas pasa por educar, pero tamén por prohibir "para evitar que produtos pouco sans estean ao alcance da man dun xeito doado e barato".
José Manuel López Nicolás é catedrático de Bioxeoquímica e Bioloxía Molecular na Universidade de Murcia, investigador, docente e membro da Academia de Ciencias da Rexión de Murcia, ademais de Vicerreitor de Transferencia, Comunicación e Divulgación Científica da Universidade de Murcia dende 2020. Participante en numerosos congresos e en diferentes proxectos de investigación nacionais e internacionais, López Nicolás destaca que "aínda que as publicacións científicas son absolutamente necesarias, tamén o é divulgar a ciencia de xeito comprensible para todo tipo de público".
Escritor de varios libros e colaborador como divulgador científico en numerosos programas de diferentes canles e medios de comunicación, por mor da súa traxectoria divulgativa obtivo numerosos galardóns e recoñecementos, como o Premio Tesla 2013, o Premio Bitácoras ao Mellor Blog de Ciencia 2013 ou o Premio Prisma Especial do Xurado pola súa traxectoria no ano 2021.
|