|
O Apalpador baixa das montañas para visitar aos nenos e nenas de Tomiño
Estará o 31 de decembro ás 12.30 h na Praza do Seixo. A vindeira semana será a quenda dos inchables
O Apalpador é un home grande que vive nas montañas de Lugo, ocupado todo o ano en facer carbón. Vestido cun traxe vello e cheo de remendos, con boina e ataviado cunha gran barba, cada ano baixa das montañas para visitar aos nenos e nenas tomiñesas. Este Nadal a cita será o vindeiro 31 de decembro a partir das 12.30 horas na Praza do Seixo.
Así, rapazas e rapaces de Tomiño poderán coñecer ao home que durante o Nadal tócalles a barriga cando están durmidos e durmidas para ver se están fartos ou teñen fame e deixarlles unha presa de castañas e algún agasallo máis agochado en calquera lugar da casa.
Tras o paso do Apalpador, a Praza do Seixo continuará sendo o escenario das actividades de Nadal para os máis cativos e cativas da casa. Os vindeiros 3 e 4 de xaneiro haberá inchables para público infantil e totalmente de balde de 16.00 a 20.00 horas.
O Concello anima a toda a veciñanza a acompañar ao Apalpador na súa estancia en Tomiño, ao tempo que destaca a importancia de pór en valor as tradicións entre a infancia. Convida tamén a todas as familias a achegarse con nenos e nenas e desfrutar de tardes de lecer cos inchables no centro da vila.
A Eurocidade Cerveira-Tomiño ten novas Valedoras Transfronteirizas
A tomiñesa Ana Fernández Ordóñez e a cerveirense Manuela Ferreira ocupan xa o cargo
A Eurocidade Cerveira-Tomiño conta con dúas novas valedoras transfronteirizas, unha figura que ten como principais competencias recoller queixas e suxestións da veciñanza e remitir informes e recomendacións relativas ás relacións transfronteirizas.
A tomiñesa Ana Fernández Ordónez, licenciada en Xeografía e Historia na especialidade de Historia da Arte moderna e contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela, é a nova Valedora da Cidadanía Transfronteiriza designada polo concello galego. Mentres, pola parte portuguesa designouse á cerveirense Manuela Ferreira, que traballou durante máis de 35 anos na Cooperativa Agrícola de Vila Nova de Cerveira, ademais de exercer diferentes responsabilidades a prol do desenvolvemento da comunidade local tanto na asemblea municipal como en diferentes entidades sociais.
Como recolle a Carta constitutiva da Valedora Transfronteiriza da Eurocidade Cerveira-Tomiño, aprobada en febreiro de 2017, e unha vez finalizado o mandato das anteriores valedoras, Zara Pousa e Mª Lurdes Cunha, debíase renovar a titularidade desta figura institucional promovida conxuntamente polos concellos de Tomiño e Cerveira co obxectivo de garantir a defensa e consecución dos dereitos e intereses particulares das persoas residentes en ambos os dous municipios como cidadáns europeos transfronteirizos.
A Carta recolle ademais que a Valedora deberá ser designada polos respectivos órganos municipais a proposta do Comité de Xestión Estratéxica Cerveira-Tomiño, constituído polo presidente da cámara municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, e pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González. O Consello fixo unha proposta conxunta a finais do pasado mes de outubro e os órganos de goberno municipais ratificaron a designación en novembro.
Ana Fernández Ordóñez impartiu clases no IES Antón Alonso Ríos de Tomiño e foi Secretaria do Centro Goianés. Na actualidade é profesora de ensino secundario no CPI Manuel Suárez Marquier do Rosal. A nova Valedora agarda proseguir co traballo ata agora realizado para "contribuír á eliminación de obstáculos que dificultan a vida transfronteiriza". Con este obxectivo, reuniuse xa coa súa homónima portuguesa para traballar xuntas na definición das súas prioridades de actuación a partir de xaneiro de 2023.
A figura da Valedora da Cidadanía Transfronteiriza da Eurocidade Cerveira-Tomiño acadou especial relevancia tanto coa súa actuación sobre os obstáculos que dificultan a mobilidade transfronteiriza de menores en intercambios educativos ou de lecer como polas xestións realizadas durante o peche de fronteiras que se levou a cabo ao longo da pandemia.
Tomiño formará a 15 auxiliares en atención sociosanitaria a persoas no domicilio
Con este curso de 300 horas o Concello busca facilitar o acceso ao mundo laboral a tomiñesas e tomiñeses desempregados
O Concello de Tomiño comezará o ano cun novo curso gratuíto a través do que tomiñeses e tomiñesas poderán formarse como auxiliares de atención sociosanitaria a persoas no domicilio. Como salientou a alcaldesa, Sandra González, "dende o Concello continuamos apostando por organizar accións deste tipo porque ademais de ofrecer especializada damos resposta á demanda actual que hai en diferentes sectores do mercado laboral".
Organizado dende a Concellería de Benestar Social e Igualdade en colaboración coa empresa IDADES, especializada na prestación de servizos de atención socio-sanitaria, o curso terá unha duración de 300 horas, 150 teóricas e 150 prácticas e realizarase durante os meses de febreiro e marzo na Escola Obradoiro O Regatiño de Goián. A parte teórica será do 6 de febreiro ao 31 de maio de luns a venres de 09.30 a 14.00 horas, mentres que as prácticas non remuneradas serán do 3 ao 31 de abril.
O curso está dirixido a persoas desempregadas empadroadas en Tomiño e con carné de conducir que estean interesadas en formarse para poder traballar no sector da atención sociosanitaria en domicilios. Ao remate da formación, as persoas participantes recibirán un diploma acreditativo que, ademais de facilitar o acceso ao mundo laboral neste sector, servirá para abrirlles a vía de acceso ao proceso de obtención de Acreditación das competencias profesionais organizado pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia.
O prazo de inscrición comezará o vindeiro 16 de xaneiro ás 08.00 horas e permanecerá aberto ata o 20 de xaneiro. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse a través da web do Concello de Tomiño e enviar o seu currículo a través de correo electrónico a ana.sanchez@tomino.gal indicando o nome do curso 'SSCS0108 - Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio'.
|