|
O Mercado de Nadal inunda coa maxia destas festas o Paseo da Corredoira
Abrirá o luns 5 ás 17 h e até o 5 de xaneiro acollerá unha trintena de postos en catro quendas
A maxia do Nadal inundará a partir do luns, 5 de decembro, o Paseo da Corredoira de Tui. Até o 5 de xaneiro este céntrico emprazamento acollerá o Mercado de Nadal organizado polo Concello de Tui. Artesanía, gastronomía, produtos de agasallo, decoración…todos vinculados ao Nadal e elaborados artesanalmente ocuparán as dez casetas de madeira, coidadosamente decoradas e iluminadas, que acollerán a trintena de postos que participarán nesta actividade durante as catro quendas establecidas.
A apertura do Mercado terá lugar o luns ás 17 h da tarde. Até o domingo 11 presentarán os seus produtos Artesanía O Pereiro, Arco da Vella, CEIP Pazos de Reis; Cerámica Ferreira, Churrería Chocolateria Patry, Club de Patinaxe Artístico Ribex, Do Gaiteiro, Entre Telas, La Aguada Artesanías, Mari Fastudio, Mel Liñares e Ruta 82.
O Mercado de Nadal, na Corredoira, abrirá de luns a xoves de 17.00 h a 21.30 h; os venres, sábados, domingos, festivos e véspera de festivo de 12.00 h a 14.00 h e de 17.00 h a 21.30 h. Mentres o sábado 24 e o sábado 31 de decembro abrirá so en horario matinal, e permanecerá pechado os domingo 25 de decembro e 1 de xaneiro.
Tui festexou os éxitos dos e das súas deportistas na X Galega do Deporte
O Teatro Municipal de Tui encheuse onte para homenaxear aos grandes nomes do deporte tudense dos anos 2022, 2021 e 2020.
O deporte tudense está cheo de fazañas que escribiron con letras de ouro o nome da cidade en todo o mundo. Ano a ano, a listaxe de grandes deportistas que compiten baixo o nome de Tui non deixa de medrar, ao que se suma o gran nivel acadado por todos eles traendo de volta os máis prestixiosos premios e condecoracións. É por isto que o nivel de todos eles merece unha homenaxe no que foi o seu día.
Tui celebrou onte a súa Gala do Deporte nun Teatro Municipal ateigado para revivir todas as xestas dos seus deportistas en multitude de deportes nos que a cidade é referencia galega, nacional e mesmo internacional.
Foi unha gala especial, a novena da historia de Tui agora que se cumpren dez anos dende a primeira celebrada, e nela congregáronse os premios do 2022 pero tamén do 2021 e 2020, anos nos que a pandemia non permitiu esta celebración.
Neste ano 2022, a Gala do Deporte tudense premiou como deportista masculino en categoría absoluta a Manuel Garrido Barbosa, padeeiro e actual campión do mundo de Maratón, subcampión de Europa de Maratón e campión de España en C1. Comparte galardón con Rodrigo Conde Romero, actual subcampión do mundo e subcampión de Europa de remo olímpico. Como mellores deportistas femininas absolutas, Tui premiou á futbolista Sara 'Tui' González Rodríguez, ouro no Mundialito e campioa de Europa de fútbol praia e tamén a Tania Fernández García, campioa do mundo de maratón neste ano e subcampioa do mundo de maratón no 2021.
O Premio Deporte Tudense Entrenador recaeu en Óscar Cuña Rodríguez, adestrador do Club Tenis Tui con máis de dez anos de experiencia e artífice do ascenso do club á máxima categoría do tenis galego. O Premio Deporte Tudense Deporte Adaptado foi para David González Mella, campión do mundo de piragüismo en paracanoe V1.
Marisa Giráldez Rodríguez, deportista e presidenta do Club Bádminton Tui, foi a galardoada coma Deportista Veterana Feminina mentres que Avelino Martínez Pérez, dobre ouro e bronce no Campionato do Mundo de Policías e Bombeiros entre outros galardóns, foi o premiado na mesma categoría no eido masculino.
No apartado de promesas, o xogador de balonmán Eduardo Alonso González, recén seleccionado coa Selección Española xuvenil, foi o premiado no apartado masculino, mentres que no feminino a distinción recaeu na padeeira Uxía Rodríguez Huertas, pola súa, participación no Europeo junior e terceira nos nacionais de K1 200.
A entidade deportiva que se levou o galardón foi o Club Kayak Tudense e tamén recibiu unha mención especial o club Biciosos Rías Baixas pola organización da que foi a novena edición BTT da Eurocidade con alto número de participantes. A firma comercial que recolleu o premio neste 2022 foi SETA, Sociedade Electricista de Tui, polo seu constante apoio ao deporte local e, se falamos do premio á promoción do deporte base, o galardón foi para Di Som Tui.
No relativo as anteriores edicións que non se puideron celebrar pola pandemia, a Gala do Deporte premiou a Gustavo Rodríguez Iglesias, triatleta e prata nos Xogos Paralímpicos de 2021, e José Leiras, primeiro xogador tudense de balonmán tudense en disputar a Liga Asobal o pasado ano. Sara 'Tui' González Rodríguez e Tania Fernández García, polos éxitos acadados tamén nos anos 2020 e 2021, recibiron de novo estes galardóns. O recoñecemento honorífico destes dous anos foi para Héctor Catalá Laparra, triatleta tudense que, xunto a Gustavo Rodríguez, foi prata nos Xogos Paralímpicos de 2021.
O Premio Deporte Tudense Adestrador deste período foi conxunto foi para o equipo técnico do Club Balonmán Tui. Así, recibiron esta homenaxe Jacobo Gregores Nogueira, Jaime Alfaya Solla, Manuel Fernández Pérez, Pablo Gándara González e Miguel Ángel Martínez Castiñeira O mesmo Club Balonmán Tui recibiu tamén o galardón como mellor entidade deportiva do 20/21 logo do ascenso á División de Honra do infantil masculino e feminino e do xuvenil masculino.
As promesas premiadas estes dous anos 20/21 foron Nieves Silva Martínez, campioa de España de remo en skiff cadete, e David Fernández Pérez, ciclista BTT campión nacional júnior da modalidade. Mentres, o veterano galardoado foi José Manuel Rodríguez Caramés, campión de España de duatlón máster.
Tui brindou tamén un recoñecemento honorífico a figuras claves e destacadas do deporte: Alfonso Vega Avelaira, José Luís Méndez, Luís López Pimentel, Manuel Martínez e Pedro Rodríguez, que que faleceron nos últimos anos. No momento en que os seus familiares recolleron a distinción o público brindou un emotivo e longo aplauso.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, no seu discurso, destacou o importante número de deportistas que hai na cidade que colleitan é éxitos a nivel nacional e internacional, polo que dicía "debemos sentirnos moi privilexiados" pero tamén "comprometidos co deporte" tanto a nivel social coma institucional, engadía. Referiu tamén que "somos un caso único en instalacións deportivas" repasando os pavillóns, campos de fútbol, pistas de atletismo, centros de remo e piragüismo… que hai na cidade. Enrique Cabaleiro tivo palabras de agradecemento para a Xunta e a Deputación "polo seu compromiso co deporte tudense e coas instalacións deportivas" e tamén co Consejo Superior de Deportes que financiou unha parte importante da reforma do Centro Municipal de Piragüismo "Quique Míguez". Engadiu amais o agradecemento á Cámara de Valença con que se organiza unha axenda deportiva conxunta da Eurocidade que dicía "é un caso único na Europa occidental". Remataba o rexedor tudense reafirmando "o noso compromiso co deporte de Tui" do que dicía "Foi, é, e seguirá sendo un referente do que todos nos sentimos orgullosos".
Pola súa banda o concelleiro de Deporte, Rafael Estévez, repasou as cifras destes dez anos de galas: 106 deportistas premiados, 43 recoñecementos honoríficos, e nas últimas catro galas 139 deportistas internacionais. Rafael Estévez, sinalou que "a nivel de clubs, de xeito individual, tanto en homes coma en mulleres, a progresión do deporte local ten sido espectacular nos últimos anos. Pero cómpre tamén recoñecer especialmente o labor no deporte base tudense, o deporte coma xeito de vida saudable". Remataba a súa intervención "dando as grazas a todos e cada un dos que co seu traballo, esforzo, dedicación, fan posible a práctica e os éxitos deportivos, en especial despois de vivir épocas tan complicadas, nas que as e os nosos deportistas e clubs demostraron un altísimo nivel de responsabilidade e de compromiso".
A Gala contou coa actuación musical da banda Old Bridge.
Obradoiros de Cociña de Nadal no Mercado Municipal os sábados de decembro
O Mercado Municipal de Tui acollerá neste mes de decembro uns Obradoiros de Cociña de Nadal co obxectivo de pór en valor o produto local e convidar a coñecer novas elaboracións de cara a estas festas de Nadal. Ao tempo poténciase o valor da praza de abastos que destaca pola excelente relación de calidade-prezo nos seus produtos. Os obradoiros desenvolveranse os sábados 3, 10 e 17 de decembro ás 11 h.
Mañá sábado 3 contarase coa presenza de Noelia Figueiras, chef en Gloria Domecq Catering. A proposta que elaborará será Tartar de salmón e aguacate sobre galleta marinada e Tosta de rolo de cabra caramelizado con froitos secos coma aperitivos. Logo cociñará un Solombo de Porco con salsa vermú en puré de batata e chips de mandioca.
Tui prepárase para celebrar un Nadal con propostas para todos os públicos
O mercado de Nadal e a música serán dous dos protagonistas, pero non faltarán as actividades infantís, a decoración de rúa, e a Cabalgata.
"Tui, o Camiño do Nadal" volve ser o lema da programación de Nadal do Concello de Tui que se vai celebrar dende o próximo luns 5 de decembro ate o 5 de xaneiro. Música, mercado, decoración, iluminación, obradoiros infantís… son so algunhas das propostas para estas festas en Tui.
O próximo luns, 5 de decembro, comezará no Paseo da Corredoira, o Mercado de Nadal que se vai celebrar durante un mes, até o 6 de decembro, ofrecendo unha ampla variedade de produtos vinculados a estas datas dende gastronomía, decoración, agasallos. Tamén a partir do luns nas rúas e prazas de Tui poderá verse a decoración elaborada con material de reciclado, segundo a liña iniciada en anos anteriores.
A iluminación de Nadal acenderase o próximo xoves día 8 ás 18.30 h contando coa actuación da Rondalla de Pexegueiro.
Precisamente a música será protagonista destacada nestas festas. Cómpre salientar como a Eurocidade Tui-Valença elaborou unha programación conxunta con agrupacións dos dous municipios. É o caso das actuacións das corais valencianas São Teotónio, e Verdoejo e do Coro Infantil 1º Grau da Academia da Música da Fortaleza de Valença, e das tudenses do Centro Sociocomunitario, Ponte das Febres e San Telmo previstas na praza da República de Valença e no Paseo da Corredoira en Tui o sábado 10 e o domingo11.
Amais a música encherá o Jardim Municipal de Valença e o Paseo da Corredoira de Tui coas charangas tudenses A Tu Ritmo e Cantos Somos, e dos valencianos Grupo Trío Na(tal) e Río Abaixo o sábado 17 e o domingo 18 de decembro.
O Teatro Municipal de Tui acollerá o mércores 21 o concerto do alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Tui, e o venres 23 o concerto de Nadal da Eurocidade a cargo do coros Mistura Vocal e Vocalis Contrasta xunto a Kasual Quartet. Mentres o venres 30 de decembro o Concerto de Fin de Ano será ofrecido pola Banda de Música Popular de Tui xunto ás corais do Centro Sociocomunitario, Ponte das Febres e San Telmo.
Os máis pequenos serán os protagonistas cos obradoiros infantís que terá lugar na Biblioteca Municipal do luns 26 ao xoves 30 de decembro ás 11.30 h. Amais do 2 ao 4 de xaneiro poderán gozar co planetario "Navegando polo Universo" que se instalará no edificio Francisco. O centro bibliotecario tudense levará a cabo un ano máis o seu Mercado Solidario de Libros entre o luns 5 de decembro e o venres 30 de decembro onde a cidadanía poderá canxear libros por produtos de Nadal non perecedoiros. Non faltará a súa cita con Tui o Apalpador que o luns 19 ás 19 h estará no Mercado de Nadal ou en caso de choiva no edificio Francisco Sánchez.
A música chegará tamén ao Centro de Día Amoralia e as residencias Paz e Ben e San Telmo coas corais do Centro Sociomunitario, Ponte das Febres e San Telmo , que achegarán parte do seu repertorio as persoas usuarias e residentes neste centros os días 20, 21 e 27 de decembro.
Toda esta programación pecharase coa tradicional Cabalgata de Reis da Eurocidade na tarde do 5 de xaneiro.
A concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, convida á poboación a gozar desta ampla programación "que temos realizado con moita e ilusión e cariño para unhas datas tan entrañables e festivas" . Ao tempo agradece o labor de todas as persoas que fan posible a súa realización para poder gozar unha vez máis do Nadal na cidade.
Tui acolle até o 29 de xaneiro a exposición "O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra"
Recolle imaxes e textos realizados por fotógrafos e escritores partindo de Porto e rematando en Tui
A Sala de Exposicións Municipal no edificio Francisco Sánchez acolle até o 29 de xaneiro a exposición "O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra", que chega a Tui da man da Consellería da Cultura e da Cidade da Cultura coa colaboración do Concello de Tui.
Esta mañá o acto inaugural contou coa presenza do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, do director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo; da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez e da comisaria da exposición Lucía Laín. Contouse tamén coa presenza do bispo da diocese, Luís Quinteiro, do xefe territorial de Cultura, César Pérez, e da concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, entre outras autoridades.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradeceu á Consellería de Cultura que Tui se converta no terceiro lugar onde se exhibe esta exposición despois de Santiago e de Vigo. Aludiu o alcalde ao papel que a cidade xoga nas relacións tranfronteiriza e tamén a importancia do Camiño Portugués. Así Enrique Cabaleiro afirmou que "todo emana de Tui, Tui xogou, xoga e non teño a máis mínima dúbida de que seguirá xogando un papel clave e estratéxico no que son as relacións transfronteirizas entre Galicia e Portugal, e de forma máis específica entre o sur de Galicia e Portugal." Engadía que "o Camiño Portugués é un dos principais sinais de identidade, non so dende o punto de vista cuantitativo, xa que está crecendo cada ano máis en número de peregrinos, senón tamén dende o punto de vista cualitativo, o valor patrimonial, etnográfico, cultura e histórico desta ruta xacobea, convertida nunha das principais rutas xacobeas do mundo pois é incalculable". O alcalde Tui afirmou que "todos temos o privilexio de formar parte deste trazado e todos temos a responsabilidade de ser permeables a todas aquelas actuacións que en aras de promoción deste camiño e de tamén de recoñecemento do valor histórico do mesmo se leven a cabo no noso concello".
Pola súa banda o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, agradeceu ao Concello de Tui o interese amosado nesta exposición dende o primeiro día. Destacou que esta mostra fotográfica "ten parte de histórica e parte de contemporánea" xa que presenta 71 fotografías dos séculos XIX, XX e XXI, nas que se reflicten ás realidades, paisaxes e patrimonio da ruta xacobea que une as cidades do Porto e Santiago de Compostela.
Amais Anxo Lorenzo salientou que Tui e as terras do Baixo Miño "teñen un protagonismo especial nesta exposición", destacando que a Tui de O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra forma parte dos obxectivos do II Plan Estratéxico da Cidade da Cultura, a través do que o Goberno galego se propón levar a programación do Gaiás a centros culturais de toda a Comunidade. Lembrou que, a mostra foi xa visitada por máis de 32.000 persoas durante a súa estancia no Museo Centro Gaiás e no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, onde recalou a primeira das súas itinerancias.
Pola súa banda, a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, quixo tamén poñer en valor o traballo da comisaria da mostra, Lucía Laín, "que fía un magnífico relato a través da ollada de grandes figuras da arte fotográfica das dúas beiras do Miño, e nun delicado equilibrio entre imaxes históricas e contemporáneas, e entre fotógrafos consagrados e emerxentes, de procedencias diversas, pero cun denominador común: ter transitado polos sendeiros desta ruta histórica de gran valor natural, cultural e paisaxístico".
A comisaria da mostra, Lucía Laín, destacou coma a exposición propón "unha viaxe ao longo do tempo con 150 anos de fotografías". Así recolle imaxes de Pacheco, José R. Seco, José Moreira ou do fotógrafo alemán Otto Wunderlich, pero tamén de José Gouveia Gomes Junior, Roberto de la Torre, Carmenchu Alemán, Antón Buciños, José Suárez ou Modesto Martínez. Imaxes que se conxungan con textos coma de Pérez Galdós e que demostran, dicía, "coma Tui é fonte de inspiración para escritores e fotógrafos". A propia Lucía Laín fixo ao remate do acto inaugural unha visita guiada pola mostra.
Tui acollerá o Campionato Galego de Seleccións comarcais de fútbol sala o martes 6 de decembro
Máis de 250 rapaces e rapazas de categorías benxamín, alevín e infantil disputarán este torneo no Pavillón Municipal Gustavo Rodríguez, no Pavillón Municipal Vello e no Pavillón do IES San Paio.
Tui acollerá o próximo martes, 6 de decembro, o Campionato Galego de Seleccións comarcais de fútbol sala, organizado pola Real Federación Galega de Fútbol en colaboración co Concello de Tui e o club A Quinta de Tui Futsal.
Neste evento participarán máis de 250 xogadores e xogadoras das delegacións de Pontevedra, Vigo, Ourense e Santiago de Compostela nas categorías benxamín, alevín e infantil. Os primeiros encontros comezarán ás 9.30 da mañá e se prolongarán durante todo o día nas instalacións do Pavillón Municipal Gustavo Rodríguez, no Pavillón Municipal Vello e tamén no Pavillón do IES San Paio.
Esta mañá tivo lugar a presentación do campionato na casa do Concello de Tui coa presenza do concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, do vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol, Fernando Iglesias, do responsable de fútbol sala da mesma federación na área de Vigo, Borja Arca, así como tamén do presidente do club A Quinta de Tui Futsal, Roberto Carlos Vila.
Rafael Estévez, concelleiro de Deportes tudense, agradeceu á Federación Galega de Fútbol por ter escollido Tui para albergar un evento deportivo que, dixo, permitirá promocionar o deporte de base, o futsal e tamén a cidade de Tui grazas á visita de decenas de rapaces e rapazas de fóra da nosa contorna.
Pola súa banda, Fernando Iglesias, vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol, destacou que o futsal "move moita xente" e que coincidindo coa xornada festiva na que se disputará este torneo permitirá que, amais de competir, os rapaces e rapazas coñezan a cidade. Salientou asemade que "sempre sae todo ben" e "é sinxelo" organizar eventos en Tui e co club A Quinta. O presidente deste club tudense quixo agradecer ao Concello e á Federación Galega de Fútbol por contar con eles para a organización dun torneo que, dixo, levan tempo pedindo e que agora agardan que sexa un éxito.
Ángela González Montes, Aida Pena e Montse Boix participan este sábado nas II Xornadas Técnicas de Igualdade e Comunicación
Celebraranse na Sala Félix Rodríguez entre ás 10 e ás 14 h. Serán clausuradas pola concelleira de Igualdade Ana Núñez, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva
A Sala Félix Rodríguez do edificio Francisco Sánchez acolle este sábado, 3 de decembro, dende ás 10 h as II Xornadas Técnicas de Igualdade e Comunicación. Con esta actividade forma parte do programa organizado dende o concello de Tui con motivo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, e do programa Maruxa Mallo.
O obxectivo destas xornada, cuxa primeira edición se celebrou en 2021, é traballar e analizar cos e coas profesionais os obstáculos no traballo diario para á hora de informar, así coma dar conta das boas prácticas informativas en material de violencia de xénero. Todo isto tendo en conta ao destacado papel que os medios de comunicación e os contidos audiovisuais teñen na configuración e interiorización das desigualdades e o sexismo.
Estas xornadas están dirixidas a profesionais da comunicación, a publicidade e o audiovisual, colexio profesionais, así como a entidades sociais e a toda a poboación en xeral.
O sábado ás 10 h terá lugar a benvida aos e ás participantes, para dar paso a continuación a Ángela González Montes, experta en comunicación, administradora civil do Estado, e na actualidade responsable de comunicación do Plan de Recuperación no Ministerio de Hacienda y Función Pública que abordará "Comunicación en igualdade dende as institucións. Boas prácticas".
Ás 11.00 h José Font, director da Radio Municipal de Tui será o encargado de presentar á xornalista Aida Pena, actual directora de informativos da Cadena Ser en Galicia e condutora de Hora 14 e La Ventana en Galicia, que falará de "As periodistas: presencia e retos".
Tras un descanso Laura Seara, directora de Red Talento presentará a Montse Boix. xornalista de RTVE, e dende agosto deste ano delegada de Igualdade, Diversidade e Inclusión de RTVE, na Secretaría Xeral de RTVE e editora de igualdade. O tema a abordar será "Axenda global das mulleres nos medios de comunicación".
A presentación das conclusións e clausura da Xornada está prevista para ás 13.00 h a cargo da concelleira de Igualdade do Concello de Tui, Ana Núñez, e da presidenta da Deputación, Carmela Silva.
A participación nas xornadas é de balde pero recoméndase a confirmación de asistencia no correo igualdade@tui.gal ou no móbil: 666 909 303.
Programa II Xornadas Técnicas de Igualdade e Comunicación
Sábado, 3 de decembro, na Sala Félix Rodríguez, no edificio Francisco Sánchez
" 10:00 h. Benvida ás e ós participantes.
" 10:15 h. "Comunicación en igualdade dende as institucións. Boas prácticas".
o Ángela González Montes. Administradora Civil do Estado experta en comunicación.
o Presenta e modera: Beti Rey. Locutora na Radio Municipal de Tui
" 11:00 h. "As periodistas: presencia e retos".
o Aida Pena. Xornalista da Cadena SER Galicia.
o Presenta e modera: José Font. Director da Radio Municipal de Tui.
" 11:45 h. Café
" 12:15 h. "Axenda global das mulleres nos medios de comunicación".
o Montse Boix. Xornalista de RTVE.
o Presenta e modera: Laura Seara. Directora de Red Talento.
" 13:00 h. Conclusións e clausura.
o Ana Núñez. Concelleira de Igualdade de Tui.
o Carmela Silva. Presidenta da Deputación de Pontevedra
Tui celebrará a 1ª San Silvestre Solidaria en favor da Asociación Española contra o Cancro
Xoves, 1 de decembro, abre a inscrición. Constará dun percorrido de 5 quilómetros, chocolatada, badaladas de pre Fin de Ano e agasallos.
Tui despedirá o ano 2022 cunha proba deportiva, lúdica e sobre todo solidaria. O 31 de decembro, dende ás 10.30 da mañá celebrarase a 1ª San Silvestre Solidaria con inscricións de balde e na que todo o recadado en doazóns irá destinado a apoiar o labor da Asociación Española contra o Cancro no Baixo Miño.
A proba contará cun percorrido polo centro urbano e histórico de Tui de 5 quilómetros en modalidade de carreira e andaina, asumible para todas as persoas tanto se son deportistas asiduos ou non. Ademais do carácter deportivo, a proba ten un tradicional carácter festivo e lúdico por ser o preludio das celebracións de Fin de Ano e Aninovo e na edición tudense non será menos. Logo da carreira haberá chocolatada con rosca e posteriormente, no Paseo da Corredoira e na Praza da Inmaculada celebraranse unhas badaladas de pre Fin de Ano con entrega de agasallos para os participantes.
Esta mañá tivo lugar a presentación do evento na Casa do Concello de Tui coa presenza de Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, Rafael Estévez, concelleiro de Deportes, Laura Solla, vicepresidenta do Club Atletismo Tui como organizador do evento, Pilar Barbosa, delegada, e Alejandro Rodríguez coma representantes da Asociación Española contra o Cancro no Baixo Miño, e Carmen González, traballadora social do Concello de Tui.
Para Rafael Estévez, concelleiro de Deportes, a proba terá un claro carácter festivo e solidario que "de seguro contará cunha boa participación" logo de ter que ser adiada o pasado ano pola covid. Laura Solla, vicepresidenta do Club Atletismo Tui, explicou os detalles da proba, subliñando que será un percorrido para o desfrute de todos os públicos, no que primará "pasalo ben e despedir o ano facendo deporte entre amigos" e que amais suporá poder axudar ao labor da Asociación Española contra o Cancro na nosa comarca.
Por parte de AECC, a súa delegada no Baixo Miño, Pilar Barbosa, quixo subliñar que sempre tenden a man para colaborar en todas as probas e eventos de carácter solidario que permitan difundir o seu labor. Recordaba asemade que, amais de poder colaborar con eles no momento de realizar a inscrición, quen o precise pode contactar coa asociación nos teléfonos 900 100 036 (24 horas todos os días da semana), 647 771 998 ou nas oficinas situadas no Concello do Rosal. Pola súa banda, Carmen González, traballadora social do Concello de Tui, tamén destacou que será unha xornada de festa en Tui para despedir o ano "facendo deporte, entre amigos e axudando" ao labor que realiza a AECC.
Do mesmo xeito pechou o acto Enrique Cabaleiro. O rexedor tudense mostrouse seguro de que a carreira rexistrará un bo número de participantes "como sempre é habitual nas probas que organiza Tui", mesmo contando con corredores doutros lugares. Asemade, quixo reiterar a gratitude á organización e á Asociación Española contra o Cancro, á que tendeu a man para seguir apoiando dende as institucións públicas.
As inscricións para a 1ª San Silvestre Solidaria 'Correr e Andar' de Tui estarán abertas mañá xoves, 1 de decembro, e ata o 28 ás 00:00h na web https://clubatletismotui.wordpress.com. Serán de balde e con opción de realizar a doazón desexada no momento de inscrición que irá destinada integramente á Asociación Española contra o Cancro.
Clausurado con éxito o proxecto Río Miño, Destino Navegable
Os socios do mesmo amosaron o seu interese en poder darlle continuidade a esta iniciativa
A ruta fluvial do río Miño da que entre febreiro e outubro gozaron 5.400 persoas foi unha das iniciativas executadas ao abeiro do proxecto Río Miño, Destino Navegable, que hoxe foi clausurado. No mesmo participaron coma socios os concellos de Tui e Salvaterra de Miño, e as cámaras municipais de Valença e Monçao, xunto a Axencia de Turismo de Galicia, a Dirección de Patrimonio Natural da Xunta, e Turismo do Porto e Norte de Portugal. Financiado con fondos do Programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 contou cun orzamento de 1.151.355,68 €. Partiu cos obxectivos de mellorar a navegabilidade do río Miño Internacional, de situar ao río Miño transfronteirizo como destino turístico de referencia, de incrementar a diversificación da economía local, aumentar a conexión entre a poboación e as zonas ribeireñas e os ecosistemas asociados, e concienciar á poboación local sobre a necesidade da súa conservación e posta en valor.
Todos os socios do proxecto coincidiron hoxe no acto de clausura no éxito do proxecto, pese as dificultades que tiveron que superar, e amosaron o seu interese en poder dar continuidade a esta iniciativa cun Rio Miño, Destino Navegable 2.0.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, avanzou así a firme decisión de Tui de ir a un "Río Miño, Destino Navegable 2" porque "este tipo de proxectos son necesarios para pór en valor non so a marca turística do río Miño senón todo o que implica de posta en valor do noso medio, do noso territorio e de todo o potencial que ten" dicía, e plantexou a posibilidade de poder amplialo a máis territorios . Afirmaba que o resumo do proxecto "é de auténtico éxito" engadindo que é "o gran reto no que seguir traballando"
Dende a Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, brindouse a poder seguir aportando para levar adiante unha segunda fase. Amosouse "gratamente orgullosa" deste proxecto, salientando que "o río Miño non nos separa senón que nos une".
A alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, referiuse as múltiples dificultades as que tiveron que facer fronte ao longo do desenvolvemento do proxecto dende a COVID até a seca deste verán. E amosaba o seu agradecemento a todas as persoas que fixeron posible que "este soño se fixera realidade". Este, dicía, é "un proxecto que nace dende o corazón e dende a necesidade de pór en valor o noso territorio". Engadía que tamén foi obxectivo do proxecto "dar aos problemas que nos atopamos non so como administracións, senón tamén coma cidadanía". Concluía sinalando a importancia de "pór en valor a gran riqueza que temos: patrimonial, cultura e medioambiental".
O vicepresidente da Cámara de Monçao, Joao Olivera, destacou coma Tui, Salvaterra, Valença e Monçao entenderon que "esta era unha oportunidade única para promover o noso territorio". Destacaba que "mostramos a capacidade e a resiliencia de levar a cabo este proxecto". Mentres Ana Paula Xavier, vicepresidenta da Cámara de Valença, afirmaba que "temos que saber valorar, e tamén a poboación este territorio, en termos de excelencia, ambientais, de riqueza e de valorización dos nosos recursos".
A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén María Docampo, referiuse ao Centro Transfronterizo de Interpretación Ambiental do Río Miño Internacional, na illa de Fillaboa, creado ao abeiro deste proxecto, e do que dicía esta chamando a ser un centro de referencia medioambiental. Mentres dende Turismo do Porto e Norte de Portugal, Inácio Ribeiro, destacou os socios implicados neste proxecto e afirmaba que "a cooperación da resultados".
Esta mesma mañá as distintas autoridades, previo ao acto de clausura, realizaron a ruta fluvial en barco na Eurocidade Tui-Valença, unha das iniciativas postas en marcha dentro do obxectivo de mellorar a navegabilidade do Miño nesta zona transfronteiriza.
Ademas de ofrecer os paseos fluviais, a Ruta do Río Miño, contribuíu a pór en valor o diverso patrimonio natural, cultural e etnográfico das dúas eurocidades que forman parte deste proxecto, situando ao río Miño como un destino turístico único e diferenciador. Tamén se deseñou e sinalizou unha ruta Transfronteriza de Observación da Avifauna, con observatorios de aves situados nos principais puntos de visualización da ruta, cun Kit do observador, a dispor dos visitantes nas oficinas de turismo, e coa edición dunha Guía de Observación de Aves. Tamén se traballou na consolidación da marca Visit Río Miño. O proxecto conta coa súa propia páxina web riominho.org
Río Miño, destino navegable permitiu reforzar a positiva relación entre os socios do proxecto, traballando en equipo, e contribuíndo a ampliar a oferta turística, cultural e patrimonial destes catro municipio bañados polo río Miño.
Tui dedica unha rúa do centro urbano aos Mártires de Sobredo
Onte, canto se cumprían 100 anos dos sucesos, tivo lugar o descubrimento da placa
A lembranza dos Mártires de Sobredo queda dende onte presente no rueiro de Tui coa rúa que levará o seu nome. Onte á tarde tiña lugar o acto de descubrimento da placa no vieiro situado entre a rúa Casal Aboy e a Avenida da Concordia que pasa a denominarse rúaa Mártires de Sobredo. Onte precisamente cumpríanse 100 anos dos sucesos nos que perderon a vida Cándida, Joaquín e Venancio. Onte os seus familiares eran os encargados de descubrir a placa da rúa acompañados polo alcalde, Enrique Cabaleiro, e pola presidenta do Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo, Marga Romero.
Dous alumnos do Conservatorio Profesional de Música de Tui, Severino e Manuel, interpretaron para abrir o acto a Muiñeira de Grelada, e coma peche o Himno Galego.
Rafael Sánchez Bargiela, que conduciu o acto, deu lectura ao acordo plenario da corporación municipal de Tui do pasado de setembro aprobando por unanimidade a a denominación desta rúa.
Na súa intervención o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, afirmou que "sempre teremos con eles unha débeda impagable de gratitude" engadindo que "eu creo que hoxe a institución local, o concello de Tui, no ámbito das súas competencias, empeza a reparar esa memoria". Sinalou amais que "aínda recordando os sinsabores do pasado, temos que congratularnos de que a loita daquelas persoas tamén deu beneficios e grazas a esa loita hoxe podemos vivir nun país e nunha sociedade moitísimo mellor que aquela naqueles momentos".
A presidenta do Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo agradeceu a corporación o acordo e as intervencións no pleno. Lembrou coma en Tui tras os sucesos de Sobredo, hai cen anos, había un silencio sepulcral, cunha poboación chea de dor, trauma e abraio, dicía. Na súa intervención Marga Romero engadiu que "o que podiamos é hoxe celebrar dalgunha maneira que os Mártires, e esa loita de unidade que eles representan, segue viva en nós, e agardamos que esa semente que ficou aí nos faga ser sempre más solidarios".
En nome dos familiares dos Mártires de Sobredo, Cándida, Venancio e Joaquín, tomaba a palabra Laura Fontán, bisneta de Cándida, quen agradeceu ao IEAMSO e ao concello de Tui "o seu labor para que non se esqueza a memoria dos nosos familiares, Joaquín, Venancio e Cándida, e de todas as persoas que loitaron en defensa dos seus veciños e polos seus dereitos". Engadía que o acto deste luns "súmase aos movementos que durante anos se veñen levando a cabo dende a reconstrución do monumento en 1986 até a declaración de recoñecemento do agrarismo galego neste 2022 no Parlamento Galego". Afirmou Laura Fontán que os feitos do 28 de novembro de 1922 en Sobredo "marcaron a historia de Tui e da sociedade labrega galega". Rematou agradecendo que os Mártires de Sobredo "a partir deste día volverán quedar legados no rueiro de Tui, grazas ao nomeamento desta rúa Mártires de Sobredo" .
|