|
Tomiño, distinguido con catro flores de honra no certame 'Vilas en flor'
É, xunto a Chantada e Allariz, un dos únicos concellos en obter o maior distintivo
As intervencións nas rotondas ao abeiro do Cultivando Paisaxes e a aposta por novos espazos verdes foron as claves
Día histórico para Tomiño. O xurado do 'Vilas en Flor' outorgou ao concello tomiñés catro flores de honra, a máxima distinción deste certame que busca poñer en valor o deseño, xestión e mantemento dos espazos verdes urbanos. Tomiño é, xunto a Chantada e Allariz, un dos tres únicos municipios en obter o maior distintivo.
O xurado, que visitou a localidade para avaliar distintos aspectos, destacou especialmente as intervencións artísticas realizadas nas rotondas a través do proxecto Cultivando Paisaxes, unha iniciativa posta en marcha grazas á colaboración da paisaxista Sinda Linda e dos viveiros da comarca coa Fundación Xabier Pousa que permitiu converter as cinco rotondas da Avenida do Baixo Miño nun escaparate da actividade do viveirismo, principal motor económico da vila. Durante a resolución, o xurado quixo tamén resaltar "a mellora constante do Concello e o esforzo feito para sacar adiante todas estas iniciativas innovadoras".
"Para nós é un orgullo ver que da froitos todo o traballo feito ata o de agora para recuperar espazos e dar vida ás rúas do noso municipio. Fainos moitísima ilusión conseguir este recoñecemento, que é un eixo máis na visibilización do labor que desenvolve un dos sectores máis importantes para a nosa comarca, como é o viveirista", sinalou a alcaldesa, Sandra González.
Este é o cuarto ano que Tomiño participa no certame 'Vilas en Flor', organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar) co obxectivo de recoñecer a riqueza natural e paisaxística dos concellos participantes e a mellora estética e funcional do territorio poñendo en valor aquelas actuacións medioambientais enriquecidas con obras de paisaxismo, axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos.
As Flores de Honra, que abranguen cinco niveis, concédense aos municipios participantes segundo criterio dun xurado especializado formado por expertos de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo. O programa recoñece tanto a traxectoria como as accións levadas a cabo polos concellos galegos para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna.
Tomiño dá a benvida a un Nadal cheo de lecer
Comezará co acendido do alumeado este sábado 3 e continuará durante todo o mes con actividades culturais, unha campaña de fomento do comercio local e unha nova edición de 'Unha postal polo Nadal'
Tomiño prepárase para dar a benvida a un Nadal cheo de luz, cor e lecer para todos os públicos. Durante o vindeiro mes, o Concello pon en marcha unha programación "coa que buscamos que a veciñanza desfrute dunha época tan sinalada non só cunha morea de actividades todas de balde, senón tamén convidando a todas as tomiñesas e tomiñeses a gozar do municipio, saír ás rúas e mercar no noso comercio local", explica a alcaldesa, Sandra González.
O pistoletazo de saída ao Nadal darase este mesmo sábado 3 de decembro co acendido das luces, que enchen Tomiño de cor a través de diferentes elementos decorativos que crearán un acolledor ambiente para estas datas. A partir de aí comezará un programa no que o público poderá escoitar o concerto da Coral Polifónica de Tomiño o domingo 11 de decembro (ás 19.00 h no auditorio municipal de Goián) e á Agrupación Musical de Goián no seu tradicional concerto de Nadal o día 18 (18 h, auditorio de Goián), no que participa boa parte do alumnado da Escola de Música, dende os máis pequenos do xardín musical ata a banda infantil e xuvenil.
O 26 de decembro chega 'O Nadal no Mercado', que comezará con 'Arte e contos no Nadal', unha sesión de narración oral que rematará cun obradoiro de actividades artísticas empregando diferentes técnicas. A cargo de Migallas Teatro, a actividade será ás 11.30 horas con entrada de balde. Xa o 29 de decembro, ao primeiro andar do Mercado chega 'Carabranca', de Compañía Eléctrica, un espectáculo de narración oral baseado nun conto de Iván Sende na que os pequenos e pequenas poderán vivir unha historia de aventuras, ánimo de superación e valores que fomentan a igualdade. Será ás 11.30 h, con entrada libre.
Tomiño rematará o 2022 con actividades na carpa da Praza do Seixo o venres 30 e coa visita do Apalpador o sábado 31 ás 12.00 horas. O ano comezará un ano máis con inchables o martes 3 e o domingo 4 de xaneiro e a tradicional Cabalgata de Reis o 5 de xaneiro polas parroquias e a Praza do Seixo.
Por outro lado, o Concello quere seguir apoiando ao comercio local nestas datas, polo que puxo en marcha unha nova edición da campaña 'Nadal + Nadal', unha iniciativa que busca premiar tanto aos establecementos tomiñeses como a todas aquelas persoas que escollen mercar no seu municipio. Do 9 ao 27 de decembro os usuarios e usuarias participarán no sorteo de vales de compra polo dobre do valor dos seus tíckets, mentres que os establecementos competirán por ver quen deseñou a mellor decoración de Nadal tanto dentro dos locais como nos escaparates.
Durante o vindeiro mes, as actividades completaranse un ano máis co proxecto 'Unha postal polo Nadal', unha iniciativa organizada polo Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, 'Voces Novas', coa que se realizará unha recollida de postais personalizadas feitas polo alumnado dos centros educativos para enviar con moito agarimo ás persoas maiores do municipio.
Concello e Xunta traballan xa na reapertura do consultorio de Goián
BNG e PP aprobaron de forma conxunta en pleno dar os pasos necesarios para reabrir este centro que leva pechado dende o inicio da pandemia
O Goberno local de Tomiño e a Xunta de Galicia xa están a traballar en firme para reabrir o consultorio de Goián, que leva pechado dende o inicio da pandemia. Este xoves en pleno o BNG votou a favor dunha moción presentada polo PP e aprobaron de forma conxunta dar todos os pasos precisos "para que a reapertura deste centro sexa inminente, xa que non só é unha medida que levamos demandando á Xunta e Sergas dende hai tempo, senón que é sobre todo unha necesidade para toda a veciñanza, que agardamos que en breve poida volver dispoñer deste servizo sanitario", destaca a alcaldesa, Sandra González.
Despois de entrevistarse co xerente da área sanitaria de Vigo, Francisco Javier Puente, e ter o seu compromiso para devolver o médico a Goián, o Goberno municipal xa está a traballar na procura dun local que reúna as condicións técnicas necesarias para o seu uso como centro sanitario na parroquia.
O Concello sacará a licitación pública para aqueles inmobles que reúnan os requisitos que establece a Consellaría de Sanidade e que deberán incluír zonas para persoal médico, enfermaría, sala polivalente de técnicas e extraccións, sala de atención á ou ao paciente respiratorio, urxencias e persoal de administración.
O obxectivo é que o consultorio de Goián poida volver estar activo á maior brevidade posible, paliando parte da problemática sanitaria do municipio e revocando "unha medida que foi tomada de forma excepcional durante a pandemia para evitar contaxios e que se converteu en permanente".
A loita do alumnado do CEIP Pintor Antonio Fernández contra a violencia de xénero ten premio
Acadou o segundo premio audiovisual da súa categoría no concurso convocado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia ao abeiro do 25N
O CEIP Pintor Antonio Fernández di un no rotundo á violencia de xénero e faino con premio. Sete estudantes de 6º de primaria do centro acadaron a pasada semana o segundo premio audiovisual da súa categoría no IV Concurso de carteis e vídeos contra a Violencia de Xénero, un certame convocado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia ao abeiro do 25N e no que participan centros educativos de toda Galicia.
No caso do centro tomiñés, cinco grupos de 5º e 6º de primaria confeccionaron diferentes obras de arte que optaron a participar no concurso, xa que soamente se podía enviar unha por colexio. Despois dunha disputada votación, o traballo enviado finalmente polo centro foi 'Trata como queiras que che traten', un vídeo creado por Sara, Manu, Yannira, Noe, Roi, Tania e Paula, que o pasado 25 de novembro foron recoller o seu premio e participaron, xunto con outros centros de ensino, no minuto de silencio polas vítimas desta lacra.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quixo trasladar os parabéns de todo o Concello ás rapazas e rapaces gañadores e tamén ao resto de alumnado que traballou preparando diferentes proxectos para este concurso, "xa que demostra a grande implicación da nosa mocidade para frear unha problemática real da nosa sociedade".
"É un orgullo ver como as xeracións de futuro achegan a súa ollada fresca para visibilizar, sensibilizar e acabar coa violencia de xénero", explicou a rexedora. González quixo destacar a orixinalidade do vídeo do alumnado do CEIP Pintor Antonio Fernández, cunha mensaxe directa e clara as violencias machistas.
O Orzamento Participativo Transfronteirizo dá voz á mocidade
A Eurocidade Cerveira-Tomiño pon en marcha unha nova edición desta iniciativa. A votación, que está dirixida a mozos e mozas de 12 a 25 anos, será do 9 ao 13 de decembro
Co obxectivo de integrar á mocidade no proceso participativo, a Eurocidade Cerveira-Tomiño pon en marcha unha nova edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT), que nesta ocasión estará enfocado á xuventude. A votación, dirixida a mozos e mozas de entre 12 e 25 anos que residan ou estuden en Tomiño ou Vila Nova de Cerveira, celebrarase entre o 9 e o 13 de decembro. Os catro proxectos entre os que poderán elixir xa se poden coñecer na páxina web do OPT 2023.
Cada mozo e moza vai ter a oportunidade de votar o seu proxecto preferido e as dúas iniciativas que resulten máis votadas serán as finalmente financiadas polos concellos de Tomiño e Cerveira cun importe total conxunto de 20.000 euros. Os proxectos propostos este ano foron seleccionados tras dous encontros realizados en abril e xullo co obxectivo de integrar á mocidade no proceso de actualización da Axenda Estratéxica da Eurocidade Cerveira-Tomiño 2030.
Durante as sesións, que se celebraron en Vila Nova de Cerveira e Tomiño, realizáronse dinámicas de grupo coas persoas participantes que posibilitaron unha aproximación entre mozos e mozas dos dous concellos, permitindo o reparto e o recoñecemento de intereses e ideas comúns e dar prioridade aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
Deste xeito, o proxecto 'Música Nova' terá como base obradoiros de educación para os valores a través da música, ensaios de grupos musicais, improvisacións e miniconcertos e actuacións de rúa. Pola súa parte, o proxecto 'Xogos Eurocidade' dinamizará diversas actividades deportivas baseadas en xogos tradicionais, así como en probas típicas dos xogos sen fronteira adaptadas aos recursos e deportes máis actuais, como o paintball, slide...
Nesta votación os e as participantes tamén poderán optar por dous proxectos dedicados ao clima, 'Eurocidade polo clima' e 'Youth4Clima'. O primeiro terá como base obradoiros formativos en competencias de comunicación (uso de redes sociais e comunicación audiovisual) e planificación de actividades, campañas de sensibilización dirixida á poboación sénior e á poboación activa, campañas e actividades de sensibilización en ambiente escolar, encontros e debates ou actos de intercambio con campañas internacionais contra as alteracións climáticas. Pola súa banda, a segunda iniciativa centrarase en talleres de reutilización de residuos cotiás e de utilización de recursos naturais locais na produción de produtos (por exemplo, xabóns, deterxentes, velas...), accións de reforestación da marxe da ribeira, un programa anual de limpeza das marxes artellado entre os dous concellos e entre freguesías, accións de capacitación da mocidade sobre fauna de ribeira (aves, mamíferos, peixes e anfibios) e flora autóctona e de ribeira, intervención artística en colaboración con entidades culturais do territorio, unha exposición fotográfica ou de vídeos, un herbario individual e Ciencia Cidadá - Plataforma de xeorreferenciación de especies invasoras.
Os proxectos buscan contribuír a acadar as metas dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas número 3, 4, 6, 11, 13 e 15.
O proceso participativo realizarase nos centros educativos e en liña, dependendo das e dos participantes: os mozos e mozas de entre 12 e 18 anos que estuden en Tomiño ou Vila Nova de Cerveira votarán nos centros de ensino, mentres que a rapazada con máis de 18 anos ou con idades comprendidas entre os 12 e os 25 anos que non estean matriculados en ningún centro de ensino de Cerveira e Tomiño poderán votar directamente na páxina web do OPT2023.
Con esta nova edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo os dous municipios transfronteirizos continúan traballando de forma conxunta para adoptar medidas en liña co seu compromiso de compartir cada vez máis servizos, proxectos e iniciativas.
O ESPAZO ISAURA GÓMEZ CONVERTERASE NUN PUNTO DE ENCONTRO DA CIDADANÍA DE TOMIÑO GRAZAS AO REACPON
A institución provincial achega máis dun millón de euros a este equipamento que contará con biblioteca, arquivo, xardín, terraza, Aula CeMit e atención temperá a crianzas da comarca
O proxecto tivo en conta as achegas da cidadanía de Tomiño e aspira a converterse no primeiro edificio público en acadar o certificado 'Passive House' en materia de eficiencia enerxética
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, acompañadas do deputado provincial Gorka Gómez e o concelleiro e deputado provincial Uxío Benítez, visitaron hoxe o avance das obras do futuro Espazo Isaura Gómez, un equipamento sociocultural "icónico" que se converterá nun punto de encontro e nun referente para a cultura da comarca do Baixo Miño e do norte de Portugal. A institución provincial financia este equipamento, de nova construción, a través do programa extraordinario ReacPon. Ten un orzamento superior aos 1,7 millóns de euros dos que a institución provincial achega 1.108.423,05 € e o Concello os 632.163,06 € restantes.
Carmela Silva asegurou que "isto é moito máis que unha biblioteca, é un espazo para garantir dereitos e servizos á cidadanía". A presidenta provincial puxo en valor "os servizos que se van prestar nel e que son tan demandados, que é o que importa ao construír un equipamento que será lugar de encontro para rapazada, maiores e para o conxunto da veciñanza de Tomiño", e tamén o carácter accesible do equipamento: "é un equipamento ambicioso no espazo público, que fai que a xente se reúna, e que ademais cumpre os parámetros máis esixentes de toda Europa en canto a eficiencia enerxética e materiais de construción". A presidenta da Deputación asegurou que este é "un edificio moi singular, ao que os concellos teñen dereito, e moi ben deseñado" e salientou o feito de que teña o nome dunha muller: "necesitamos que nomeen lugares importantes para que sexan referentes de moitas mulleres e nenas que, ao velo, tamén se sentirán importantes".
A presidenta provincial salientou que "este edificio foi ideado coa veciñanza, cunha nova forma de construír democraticamente como hai que facer no século XXI". Carmela Silva lembrou que "é unha satisfacción para a Deputación ter rachado co modelo anterior e que agora todos os concellos teñan recursos para, desde a autonomía, apoiar os seus proxectos e garantir que a xente teña garantías viva onde viva". Silva asegurou que "esta provincia converteuse nun referente dunha forma de gobernar, transformar e cambiar os concellos: o noso obxectivo é ser útil á xente, e conseguímolo respectando os concellos, respectando o que queren facer e participando dos seus proxectos, como no caso de Tomiño, que fan que sexan un modelo de calidade urbana".
A alcaldesa, Sandra González, agradeceu a Deputación porque "este é un día emocionante, no que levamos soñando anos, e que é posible grazas á Deputación: é o noso auxilio para todo o que queremos facer alén do día a día porque esta administración apoia e cre nos proxectos dos concellos". A rexedora asegurou que "o Espazo Isaura Gómez levaba na carteira de proxectos de Tomiño catro ou cinco anos, cunha peregrinación importante polas administracións para atopar financiamento". Grazas ao ReacPon "este soño estase concretando nunha realidade: un servizo fundamental para as veciñas e veciños e que levabamos anos agardando", asegurou. O Espazo Isaura Gómez é un proxecto moi ambicioso, de xeito que "aspiramos a conseguir a cualificación de Passive House, un dos maiores estándares de eficiencia enerxética da Unión Europea", salientou. Trala visita ás obras "agardamos ilo vendo madurar agora que o edificio toma forma. Será moi ben feito, un referente e, ademais de fermoso e funcional, será tamén sostible económica e enerxeticamente".
O Espazo Isaura Gómez será o corazón da cultura de Tomiño. Sitúase nas proximidades da Praza do Seixo, que xa contou cunha achega do Plan DepoRemse, polo que este novo espazo sociocultural continuará facendo da zona un lugar de convivencia da cidadanía grazas ás achegas dos plans extraordinarios da Deputación. O novo inmoble de cinco andares, que ocupa a que anteriormente fora a casa do médico, contará cun soportal exterior por toda a fachada cunha especial arquitectura adaptada á estética dos edificios próximos, e cumprirá os obxectivos fixados no Plan ReacPon: empregará enerxías renovables, será eficiente (de feito, o obxectivo do Concello é que se converta nun dos primeiros edificios clasificados como Passive House, cun consumo enerxético absolutamente baixo e respectuoso co medio: de acadalo sería pioneiro como edificio público en Galicia) e accesible para todas as persoas (con ascensor adaptado), luminoso e integrador.
O Espazo Isaura Gómez é o resultado dun proceso participativo de máis dun ano coa veciñanza, a comunidade educativa, asociacións e demais colectivos, cuxas ideas foron recollidas no proxecto. O edificio distribúese do seguinte xeito: no andar baixo atópanse unha zona de acceso, biblioteca e un espazo versátil para diversos usos. No primeiro andar sitúanse outra zona máis ampla de biblioteca e o xardín exterior, que resolve o problema das medianeiras do mercado municipal. No segundo andar instalaranse a Aula CeMIT, a área de atención temperá e a Concellería de Cultura, no baixo cuberta (terceiro andar) a sala de usos múltiples e a terraza. E, no soto, o arquivo municipal e outras instalacións. O espazo configurouse de xeito flexible, con andares diáfanos e aberto a cambios, con paneis móbiles que permiten que as distintas áreas sexan independentes e dispoñibles en distintos horarios entre eles.
A biblioteca contará con 109 postos de lectura (50 no andar baixo e 59 no primeiro andar), 22 ordenadores e capacidade para albergar arredor de 16.600 volumes, de acordo co estándar internacional recomendado en función da poboación de Tomiño. No primeiro andar situarase un espazo dedicado a recoller toda a bibliografía sobre Tomiño e o Baixo Miño, "o rincón de Tomiño", proxectado a dobre altura entre o primeiro e o segundo andar. No andar baixo cuberta, cunha ocupación máxima de 70 persoas, poderanse organizar actos e actividades como conferencias, exposicións ou talleres na sala de usos múltiples e a terraza exterior, con zona cuberta e descuberta e que tamén se poderá empregar como observatorio astronómico. A área de atención temperá situada no segundo andar atenderá con persoal profesional a nenas e nenos da comarca (dos concellos de Tomiño, A Guarda, O Rosal e Tui).
Isaura Gómez, unha referente de solidariedade durante a Guerra Civil
Isaura Gómez foi unha muller tomiñesa, nada na parroquia de Figueiró. Foi unha muller culta e moi activa, defensora de valores como a xustiza, a igualdade e a liberdade. Sufriu de preto a Guerra Civil e a represión franquista, pero en ningún momento deixou de estar do lado das persoas que tiñan máis dificultades e necesidades, converténdose así nunha referente.
Tomiño gaba o gran traballo do piloto de karts Guillermo Carrera
O tomiñés, competidor profesional dende hai dous anos e subcampión galego, foi o vencedor do Campionato de Castela e León na categoría KZ2
A alcaldesa, Sandra González, e o concelleiro de Deportes, Fran Campo, recibiron estes días no Concello a Guillermo Carrea, un tomiñés de adopción que está a acadar importantes logros nun deporte tan visual e competitivo como o karting. "Estamos moi orgullosos e orgullosas da canteira que temos nos deportes máis diversos, tamén daqueles como o kart, unha modalidade moi esixente dende un punto de vista técnico e de formación, pero tamén humano. A implicación de Guillermo e da súa familia coa súa carreira deportiva é un exemplo, sen dúbida", salienta a rexedora.
Subcampión galego na edición do ano pasado, este 2022 ao non haber grupo da categoría KZ2 para competir, Carrera decidiu probar a súa destreza como piloto no Campionato de Castela e León, onde resultou claro vencedor da súa categoría. Uns resultados que amosan o gran nivel e esforzo deste deportista tomiñés de 41 anos que ata hai apenas dous anos non competía e soamente se subía enriba dun kart como afeccionado.
Dende o Concello damos a Guillermo os nosos parabéns máis sinceros e desexámoslle moita sorte nas futuras aventuras tras o volante dun kart. "É unha honra contar con deportistas deste nivel que levan o nome de Tomiño alá onde van competir e ver o respaldo de familia e amizade para que poidan acadar os seus soños", transmitiulle a alcaldesa durante o encontro.
|
|
|
Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
 |
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000
|
Há estórias de casas e casas com história Externato de Santa Rita de Caminha
 |
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000
|
República em Tumulto
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
História Nossa Crónicas de Tempos Passados por Terras de Caminha e Âncora
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento Apoiado pela Fundação EDP
|
Da Monarquia à República no Concelho de Caminha Crónica Política (1906 - 1913)
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
O Estado Novo
e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense
Júlio Baptista (1882 - 1961)
 |
Organização e estudo biográfico do autor
por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora
 |
Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000
|
Memórias da Serra d'Arga
 |
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000
|
Outras Edições Regionais
|