|
O proxecto 'Depoforest' remata no Rosal con vinte persoas formadas no sector forestal
Coas prazas cheas, ao longo de oito días as e os participantes achegáronse á teoría e á práctica do aproveitamento madeireiro, micolóxico, silvopastoril e da resinación
Grande éxito de acollida no Rosal do proxecto 'Depoforest', un curso centrado na xestión integral e aproveitamento dos montes organizado pola Deputación de Pontevedra en colaboración co Concello que permitiu ao longo dos oito días de formación gratuíta "mellorar a capacidade de atopar traballo de persoas en situación de desempregadas, apostando de novo polo emprego verde ao tempo que se traballa na protección do noso sector forestal de xeito diverso e sostible", explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Coas prazas cheas, durante as dúas últimas semanas de novembro, as e os vinte participantes guiados por persoal experto achegáronse a todos os conceptos teóricos relacionados coa xestión integral dos piñeirais, dende o aproveitamento madeireiro, micolóxico e silvopastoril ata a resinación.
A parte teórica combinouse con prácticas en terreos da comunidade de montes das Eiras, onde fixeron un recoñecemento dos aproveitamentos actuais ademais de identificar e recoller cogomelos silvestres, aprender a recoñecer as características dos piñeiros e ver algúns tratamentos silvícolas. Nesta parte da formación, as e os participantes puideron coñecer e practicar con tres métodos de resinación diferentes: a pica de cortiza tradicional, a pica de cortiza circular mecanizada e un método experimental chamado borehole.
As prácticas remataron facendo unha inoculación en masas adultas de piñeiro de especies micolóxicas con alto interese, como son os boletus e o níscalo, favorecendo así a súa presenza e frutificación.
Este proxecto de creación de emprego posto en marcha pola Deputación provincial ao abeiro do Programa Empleaverde da Fundación Biodiversidad buscaba introducir a través da formación os coñecementos necesarios para unha mellor xestión da superficie forestal a longo prazo e unha maior obtención de beneficio, ademais de introducir actividades económicas que axuden a obter o mellor produto con vistas aos vindeiros 15 ou 20 anos ao tempo que pode ser fonte de ingresos complementarios de xeito máis periódico e "convertendo o medio forestal nunha oportunidade laboral para os veciños e veciñas do noso rural".
Concello de O Rosal
Variedade e orixinalidade no Mercado de Nadal do Rosal
Abre as súas portas esta fin de semana con 15 postos nos que o público poderá atopar unha ampla gama de produtos artesáns e de alimentación
O Mercado de Nadal do Rosal prepárase para abrir as súas portas. Este 3 e 4 de decembro o tradicional mercadiño chega á sala de exposicións do Concello con 15 postos nos que a variedade e orixinalidade dos produtos serán a clave. "É un orgullo ver o éxito que cada ano ten o noso mercado, non só de público, que agardamos que sexa moito durante toda a fin de semana, senón tamén por parte dos e das artesás, que encheron as prazas dispoñibles case en tempo récord", explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Este tradicional Mercado de Nadal convértese cada ano "nun espazo de oportunidades para todas as persoas dedicadas á artesanía, un lugar que permite visibilizar o traballo e talento creativo e innovador dos nosos rosaleiros e rosaleiras".
Así, este ano o público poderá mercar os produtos máis variados nos distintos postos: bixutería de resina e arxila; árbores de nadal en madeira e téxtil ou complementos de calceta; bolsos, sacos de sementes e adornos de nadal; obxectos decorados a man como caixas de madeira, velas, xabóns ou pratos de cristal; froitos secos, doces e legumes; chaveiros, pendentes, diademas, monicreques...; láminas e ilustracións, bolsas, postais ou marcapáxinas; produtos de comercio xusto, veganos, sen glute, cervexas ou lácteos; láminas, postais, cadros e impresións dixitais; abelorios personalizados, pulseiras, colgantes e outros complementos; merchandising da Asociación Trans Miño, xunto con tazas e bandeiras; bixutería de resina e flores naturais; mini alfombras, espellos e bixutería inox e 3D; elementos de madeira e resina; ou figuras feitas a man, adornos e bonecas, entre outras moitas cousas.
O mercado estará aberto os dous días de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas.
Concello de O Rosal
O Rosal inaugura este sábado 3 o Nadal
A programación comezará coa apertura do Mercado de Nadal e co magosto e acendido do alumeado na Praza do Calvario. A actuación da Romualda no auditorio pechará a xornada de arranque
O Rosal dá este sábado 3 de decembro a benvida ao Nadal, que chega ao concello cargado dunha morea de propostas para todos os públicos e para todos os gustos. Música, deporte, actuacións, danza... e moita diversión garantizada "para desfrutar dunha época moi destacada na que para nós é importante achegar o lecer á veciñanza de balde, un lecer que ofrece un amplo abano de opcións, tamén para eses días de Nadal no que os nenos e nenas están de vacacións na casa", explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
A xornada inaugural será este mesmo sábado, que arrancará coa apertura do tradicional Mercado de Nadal, "un espazo de oportunidades para as persoas que realizan traballos relacionados coa artesanía e o deseño, un lugar que permite visibilizar o traballo e talento creativo e innovador das persoas creadoras, artistas e artesás". Celebrarase os días 3 e 4 de decembro no salón de exposicións do Concello de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas. Tras esta tradicional cita, o mércores e xoves 7 e 8 de decembro será a quenda do Mercado de Nadal da Asociación de Comerciantes do Rosal, que estará aberto ao público tamén no salón de exposicións o día 7 dende as 20.00 horas e o día 8 dende as 10.00 h.
O sábado 3 a tarde arrancará cun magosto no que colaboran as asociacións culturais e deportivas rosaleiras ás 18.30 horas na Praza do Calvario que dará paso ao acendido das luces de Nadal ás 20.00 horas a cargo da Romualda, que ás 21.00 horas encherá o auditorio municipal coa súa actuación. Sábado 3 e domingo 4 a Agrupación Musical do Rosal convida á veciñanza a gozar das dúas xornadas do Concurso Antonio Granja, que busca incentivar e premiar a novos talentos. Mentres, o sábado 10 a música volverá ser a protagonista coa audición do alumnado da Agrupación Musical ás 12.30 horas no auditorio municipal.
O Nadal comeza xa a chamar con forza ás portas do Rosal o domingo 11 de decembro co Festival de Nadal da Escola de Danza Attitude ás 18.00 horas no auditorio municipal e co concerto Ecos do Nadal, organizado pola Asociación Ecos do Folón ás 18.00 horas na Igrexa Parroquial de Santa Mariña. A vindeira fin de semana a música conquistará o auditorio municipal, xa que a Agrupación Musical do Rosal volverá subirse ao escenario para o Festival de Nadal de AMDOR o sábado 17 ás 18.00 horas e para o Concerto de Nadal 'Unha noite de amor con Lela' o domingo 18 ás 18.30 horas.
Concello de O Rosal
|
|
|
Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
 |
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000
|
Há estórias de casas e casas com história Externato de Santa Rita de Caminha
 |
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000
|
República em Tumulto
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
História Nossa Crónicas de Tempos Passados por Terras de Caminha e Âncora
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento Apoiado pela Fundação EDP
|
Da Monarquia à República no Concelho de Caminha Crónica Política (1906 - 1913)
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
O Estado Novo
e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense
Júlio Baptista (1882 - 1961)
 |
Organização e estudo biográfico do autor
por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora
 |
Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000
|
Memórias da Serra d'Arga
 |
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000
|
Outras Edições Regionais
|