|
Tomiño levará a aprobación un orzamento de 8,7 millóns de euros, o máis alto da súa historia
As contas recollen un importante incremento en gasto social, case 2,1 millóns de euros, o que supón o 26% destas contas xerais
O Concello investirá un millón de euros conseguidos a través dos fondos Next Generation para a substitución do alumeado público
É un dos primeiros concellos da provincia que aprobará os seus orzamentos en tempo e forma
O Concello de Tomiño será un dos primeiros municipios da provincia en aprobar o seu orzamento para o vindeiro ano 2023, unhas contas que superarán os 8,7 millóns de euros e que se consolidan como as máis altas da historia do municipio. Trátanse duns orzamentos "moi ligados á realidade social e económica que un ano máis ratificaremos en tempo e forma, o que demostra a responsabilidade e capacidade de xestión do Goberno municipal", como explica a alcaldesa, Sandra González.
É precisamente esa capacidade de xestión e de planificación estratéxica o que lle permitiu ao Concello conseguir a través dos fondos Next Generation un investimento de case un millón de euros para renovación do alumeado público de cara á eficiencia enerxética. Grazas a este investimento o Concello conseguirá ao longo do vindeiro ano un aforro enerxético do 61%, unha redución na emisións de CO2 de case 193 toneladas e un aforro económico de case 72.000 euros anuais. O Goberno municipal dará un paso máis alá e xa está a traballar nun novo proxecto que permitirá captar novos fondos europeos para chegar ata o 90% da rede de alumeado.
Con todas estas accións o Concello continúa a traballar na transición enerxética para facer de Tomiño un municipio máis sostible medioambiental e tamén economicamente, xa que a actual crise enerxética e o incremento de prezos obriga ao Goberno municipal a facer un esforzo para aumentar en 340.000 euros o gasto corrente en electricidade.
Por outra banda, os orzamentos para o vindeiro 2023 reflicten tamén unha partida de case 2,1 millóns de euros para gasto social, o que representa case o 26% das Contas Xerais. Entre as partidas, recóllese un importante incremento da destinada ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que sube un 7,4% ata situarse nos 903.000 euros, un máximo histórico neste sector.
No capítulo de Persoal contémplase a suba dun 5% ao persoal funcionario, o que suporá un incremento de 120.000 euros nesta partida. Ademais, entre outros investimentos recollidos nestes novos orzamentos destacan os máis de 60.000 euros destinados a saneamento, e que inclúe a posta en marcha dun proxecto piloto para a depuración individual, ou os que se destinarán ás parroquias: máis de 80.000 euros para as traídas de augas para un proxecto de mellora do servizo de abastecemento de auga nos camiños; outros 60.000 euros nun plan de melloras dos camiños das parroquias ou 60.000 euros no plan de mellora dos centros escolares, entre outros.
Outra mostra da boa xestión económica do Concello vese reflectida na execución orzamentaria, cun pago a provedores nunha media de 13,29 días no terceiro trimestre deste ano, o que fai destacar a Tomiño como un dos municipios con maior puntualidade no pago. Outro síntoma do bo facer é o remanente en tesourería, con 3,8 millóns de euros.
Como explica a alcaldesa, os novos orzamentos para este 2023 reflicten que "Tomiño é un Concello solvente economicamente e que ten un nivel de execución óptimo, o que nos permite estar satisfeitos coa nosa xestión económica". As Contas Xerais levaranse este luns a comisión informativa para a presentación ante o plenario.
Tomiño únese para dicir un rotundo non á violencia machista
Corporación, colectivos e veciñanza leron un manifesto conxunto na concentración celebrada co gallo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres
Os datos non deixan lugar a dúbidas: 1.168 mulleres mortas a mans das súas parellas ou ex parellas dende 2003, 38 delas neste 2022 que deixan 26 orfos e orfas. Unhas cifras que non fan máis que ratificar a importancia de plantarlle cara á violencia de xénero. Por este motivo, ao abeiro do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, representantes da Corporación municipal de Tomiño e do departamento de Benestar Social, acuBam, Adeto, ANPA, Centro de Día, Policía local, Protección Civil, Policía Local e Vontade uníronse para ler un manifesto conxunto no que puxeron de relevo que "para loitar de xeito efectivo contra a violencia de xénero é fundamental a atención e protección das vítimas e tamén a prevención: temos que reflexionar na raíz e na orixe da violencia contra as mulleres, identificalas e condenala".
Unha reflexión que debe facerse dende todos os eidos e prestando especial atención aos valores que se lle transmiten aos mozos e mozas "que recollen a testemuña do que nós deixamos". "Os datos das asasinadas, os datos do terror, ademais de estremecernos teñen que indignarnos e facernos pensar en que, despois dos avances sociais dos últimos séculos, do progreso, das grandes xestas en todos os eidos, unha sociedade permita no seu seo esta vulneración dos dereitos humanos. Non podemos permitilo. Non podemos permitir o horror de tantas mulleres humilladas, violentadas, ninguneadas, agredidas psíquica ou fisicamente, nin a violencia que estas condutas implican para os seus fillos e fillas", recalcaron durante a lectura.
Unha loita contra a violencia machista no que "os Concellos, axentes clave, xogamos un papel fundamental como institución máis próxima á cidadanía. Temos que estar presentes activamente na prevención e atención específica ás mulleres vítimas da violencia de xénero e os seus fillos e fillas, polo que é preciso un consenso institucional, político e social".
Este manifesto recollía tamén o firme compromiso do Concello de Tomiño a condenar a violencia contra as mulleres como manifestación máis extrema das desigualdades de xénero, mostrar solidariedade e poñer recursos a disposición das vítimas e dos seus fillos e fillas, traballar no desenvolvemento das medidas contidas no Pacto de Estado, impulsar accións de prevención e sensibilización e "traballar no apoio á comunidade educativo e ás familias para que a mocidade e infancia medre nunha sociedade sen violencia, plural e respectuosa con todas as persoas e que poña en valor a igualdade".
A lectura do manifesto remataba cun rotundo rexeitamento "a calquera posicionamento político que propugne a negación da existencia da violencia de xénero" e declarando Tomiño "un Concello libre de violencia machista que non será cómplice de calquera persoa que a exerza, acubille ou silencie". Na concentración participaron ademais traballadoras e traballadores do Concello, usuarios e usuarias do Centro de Día e de Vontade, participantes no programa municipal Reactívate e veciñanza, que gardaron un minuto de silencio en memoria de toda as vítimas.
'#2pilgrims' ou como concienciar sobre igualdade con grandes doses de humor
Dirixida especialmente a público adolescente, a obra de Redrum Teatro forma parte da programación cultural deseñada polo Concello de Tomiño ao abeiro do 25N
Será o sábado 26 de novembro ás 21.00 h no auditorio municipal de Goián
Concienciar, educar en igualdade e inculcar todos aqueles valores que nos permiten previr a violencia de xénero, especialmente entre as e os adolescentes. Ese é o obxectivo de '#2Pilgrims', unha obra de Redrum Teatro que chega este sábado 26 de novembro ao auditorio municipal de Goián ao abeiro da programación cultural posta en marcha polo Concello de Tomiño dentro do 25N, o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
Un espectáculo dirixido por Alex Sampayo e protagonizado por Sheyla Fariña e Guillermo Carbajo na que as e os espectadores viaxarán polo Camiño de Santiago tocando temas como o feminismo, a igualdade e as novas masculinidades. Pensada para chegar dun xeito directo especialmente ás novas xeracións, esta comedia conta con grandes doses de humor absurdo e afondará nun plantexamento crítico sobre o amor romántico e unha reflexión acerca do efecto das redes sociais nas relación persoais.
A alcaldesa, Sandra González, convida á veciñanza, especialmente á mocidade, a gozar deste espectáculo "que pon enriba da mesa a necesidade de reflexionar sobre igualdade e de concienciar fronte á violencia contra as mulleres dun xeito diferente co que chegar ás novas xeracións". A obra representarase ás 21.00 horas e a entrada terá un prezo único de 3 euros.
'#2pilgrims' é a décimo quinta produción de Redrum Teatro, un espectáculo que encaixa no marco do denominado teatro social, unha liña de traballo que a compañía galega leva moitos anos desenvolvendo.
A saúde mental protagoniza o pleno infantil co que Tomiño conmemora o Día Universal da Infancia
Nenos e nenas de todos os centros de ensino con concello participaron neste encontro celebrado no auditorio municipal de Goián
A Organización Mundial da Saúde xa o alertou: un de cada sete mozos e mozas de 10 a 19 anos padece algún trastorno mental. Unha situación agravada trala pandemia da COVID, que permitiu sacar á palestra unha problemática case tabú e que este martes rapaces e rapazas de todos os centros educativos de Tomiño abordaron no pleno infantil celebrado en conmemoración do Día Universal dos Dereitos da Infancia.
O auditorio de Goián foi o escenario escollido para celebrar este encontro que foi presidido pola alcaldesa, Sandra González, e que contou tamén coa presenza da concelleira de Mocidade, Fátima Rodríguez, así como do edil de Obras e Acción Rural Alexandre Pérez; do de Participación Veciñal e Lecer, Agustín González; a concelleira do PP Isabel Díaz e a concelleira do PSOE Mirta Misa de concelleiros e concelleiras da corporación municipal. A rexedora quixo destacar a implicación de todos os nenos, nenas, mozos e mozas participantes "porque nos permite coñecer de primeira man a vosa visión, escoitar as vosas opinións e empaparnos coas vosas propostas sobre unhas doenzas difíciles de detectar e que poden facer á nosa infancia e mocidade máis vulnerable".
Como sinalaron os representantes CEIP Plurilingüe de Tebra, Aitana e Iván, "a época que nos tocou vivir deixou na rapazada como nós moitos medos e inquedanzas, e sentirse seguros e seguras é fundamental par a aprendizaxe e para a nosa saúde mental". Unha saúde mental que "está máis presente nas nosas vidas do que pensabamos", como explicaron Fernanda e Yaisa, do CEIP de Sobrada. "Hai moitas causas na nosa contorna que nos afectan máis do que cremos. As redes sociais son prexudiciais se non sabemos empregalas, cheas de influencers que semellan ter vidas perfectas que fai que podamos sentirnos inferiores; as notas, cada vez con máis responsabilidades e carga de traballo que non sabemos xestionar a nivel emocional... E tememos que a situación empeore nos próximos anos", sinalaron.
Por iso, aínda que gabaron os servizos e actividades municipais que actualmente xa teñen á súa disposición, todas e todos os participantes no pleno infantil coincidiron na necesidade de rachar tabús, promover a educación emocional nas aulas e poñer en marcha novos recursos. Dende talleres e actividades que fomenten o benestar social, como reclamaban Luca e Antía do CEIP de Barrantes ata unha maior presenza de psicólogas e psicólogos nos hospitais, nos centros de saúde e nos colexios proposta polas e polos representantes do CEIP de Tebra ou máis actividades dirixidas á infancia e mocidade, un sitio onde poder falar, máis médicos especializados, obradoiros e charlas divertidas coas que axudarlles a mellorar o comportamento e xestionar emocións ou un centro de xogos e actividades de balde que reclamaron Paula e Gorka, do CEP Pedro Caselles. "Pedimos que teñades en conta que a nosa saúde mental é moi importante e valiosa, que non pensedes que é algo que xa se tratará cando sexamos maiores. Axudádenos a coidala, a cultivala e a crecer cun bo benestar mental e deixádenos decidir sobre cousas que poidamos afrontar, axudádenos a potenciar a nosa creatividade, falade con nós e, sobre todo, dade exemplo. Porque debedes lembrar que nós seremos os adultos e adultas do mañá", recalcaron Paula e Gorka.
Durante o encontro tamén interviron Laura e Javier en representación do IES Antón Alonso Ríos, e os nenos e nenas do CEIP Pintor Antonio Fernández repartiron pegatinas que fixeron para todas e todos os participantes. As encargadas de dar voz ao centro foron Ana e Hajar. Ademais, Carmen Pousa acudiu en representación de Voces Novas para contar a experiencia do consello da infancia e adolescencia de Tomiño no X Foro de Participación no Parlamento Galego.
Tomiño aposta pola educación e visibilización da igualdade para conmemorar o 25N
O Concello prepara ao abeiro do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres unha programación cultural con teatro e obradoiros
O venres 25 de novembro a Praza do Seixo acollerá a declaración institucional e unha concentración cidadá
Educar en igualdade é un dos piares fundamentais para previr as violencias e crear unha sociedade máis xusta. Por este motivo, este ano o Concello de Tomiño súmase á conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres este 25 de novembro cunha ampla programación cultural na que a educación e a visibilización desa igualdade real serán os eixos centrais.
"Un ano máis volveremos amosar o noso máis rotundo rexeitamento ás violencias machistas, unha cuestión debemos de poñer en relevo e que debe figurar como unha prioridade na axenda de problemas públicos de toda a cidadanía. Dende o Concello seguimos traballando para facer de Tomiño un concello libre de violencias machistas, apostando pola concienciación e pola formación, especialmente das xeracións vindeiras", destaca a alcaldesa, Sandra González.
Dentro deste camiño de formación e sensibilización á mocidade tomiñesa, durante todo o mes de novembro o Concello está a realizar diferentes obradoiros de igualdade nos centros educativos da vila. Así, o alumnado de 1º da ESO do IES Antón Alonso Ríos está a participar nun obradoiro titulado 'Unfollow' a través do que afondan no machismo e no acceso a espazos virtuais libres e iguais. Mentres, a rapazada de 5º e 6º de primaria dos colexios tomiñeses están traballando nunha iniciativa coa que fomentar o bo trato, que busca previr a violencia de xénero entre a mocidade.
A programación para este 25N conta tamén cun acto de declaración institucional coa lectura dun manifesto e cunha concentración cidadá que se celebrará o propio venres 25 de novembro ás 12.00 horas na Praza do Seixo ou no mercado municipal no caso de choiva.
Para rematar este sábado 26 de novembro, o auditorio municipal de Goián acollerá a obra '#2Pilgrims', de Redrum Teatro, un espectáculo de comedia con grandes doses de humor absurdo coas que achegar ao público adulto en xeral e adolescente en particular a unha reflexión sobre a igualdade e as novas masculinidades. Será ás 21.00 horas e terá un prezo de 3 euros.
En Tomiño as compras de Nadal teñen premio
O Concello pon en marcha unha nova edición da campaña 'Nadal + Nadal', con galardóns para clientela e comercios locais
Os establecementos interesados en participar poden inscribirse dende este luns 21 ata o vindeiro 30 de novembro
O Concello de Tomiño continúa coa súa aposta por dinamizar o comercio local, especialmente cando se achega unha das épocas máis importantes do ano a nivel de vendas. O Goberno municipal acaba de lanzar unha nova edición de 'Nadal + Nadal. As túas compras de Nadal en Tomiño valen dobre', unha campaña coa que se busca premiar tanto aos establecementos tomiñeses como a todas aquelas persoas que realizan as súas compras no propio municipio.
"Queremos apoiar ás nosas e nosos comerciantes, pero tamén a toda a veciñanza. O grande éxito das dúas edicións anteriores demostra que iniciativas coma esta son un grande aliciente que nos permite dar pulo ao noso comercio e fomentar as compras nos locais que temos ao lado da casa", explica a alcaldesa, Sandra González, que salienta que a campaña "permite dar continuidade ás accións de apoio á economía local que desenvolve o Concello ao longo de todo o ano".
Os comercios interesados en participar na campaña poden xa inscribirse dende hoxe mesmo ata o vindeiro 30 de novembro a través da sede electrónica da web do Concello. Como recollen as bases, poderán participar todos os establecementos locais agás aqueles que desenvolvan a súa actividade nos mercados municipais e comercios de primeira necesidade como panaderías, carnicerías, peixarías, farmacias ou supermercados pertencentes a grandes cadeas, aínda que si poderán formar parte da campaña pequenas tendas de alimentación de ámbito local.
Pola súa banda, dende o 9 ao 27 de decembro os usuarios e usuarias disporán dunha urna en cada un destes locais onde depositar tíckets de compra por un valor de entre 20 e 100 euros xunto cos seus datos persoais. Será o propio 27 de decembro cando se abran as urnas no salón de plenos do Concello ás 20.30 horas e se proceda ao sorteo de vales de compra polo dobre do valor de cada un dos recibos gañadores. Extraeranse os tíckets necesarios ata que a suma de todos eles sexa igual ou inferior a 1.500 euros, polo que durante esta campaña entregarase aos gañadores ou gañadoras vales de compra por un valor total de ata 3.000 euros.
Por outro lado, coa intención de fomentar a creación dun ambiente agradable e atractivo este Nadal en todos os establecementos tomiñeses, ao participar nesta campaña do 9 de decembro ata o 6 de xaneiro os comercios deberán decorar os seus escaparates ou locais con elementos naturais e reciclados de base acompañados da decoración de Nadal. Deste xeito pasarán a formar parte do concurso 'Ruta Nadal + Nadal', unha iniciativa que premiará a decoración más orixinal nas modalidade de mellor escaparate e mellor local, que suporá un premio en metálico de 500 euros a aqueles comercios que acaden o primeiro posto e 250€ ao segundo.
Dende o Concello, conscientes de que son moitos os establecementos participantes nesta campaña que están a facer un grande esforzo por mellorar as súas decoracións ano a ano, estableceuse que nesta edición non se premiarán aqueles locais ou escaparates que lograron algún galardón nas edicións de 2020 e 2021. Os gañadores serán escollidos por un xurado composto por dous representantes do comercio local, un representante do Concello de Tomiño e tres artistas locais. O veredicto coñecerase o 27 de decembro ás 21.30 h.
|
|
|
Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
 |
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000
|
Há estórias de casas e casas com história Externato de Santa Rita de Caminha
 |
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000
|
República em Tumulto
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
História Nossa Crónicas de Tempos Passados por Terras de Caminha e Âncora
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento Apoiado pela Fundação EDP
|
Da Monarquia à República no Concelho de Caminha Crónica Política (1906 - 1913)
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
O Estado Novo
e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense
Júlio Baptista (1882 - 1961)
 |
Organização e estudo biográfico do autor
por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora
 |
Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000
|
Memórias da Serra d'Arga
 |
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000
|
Outras Edições Regionais
|