JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Xoán Martínez Tamuxe: "Aínda hai moitas cousas por descubrir, en Currás hai para largo"

No 50 aniversario do descubrimento do xacemento arqueolóxico desta parroquia tomiñesa, o Concello homenaxea a este historiador que liderou as primeiras escavacións na zona xunto a Jesús Gómez Sobrino e Aquilino González

Dende 2013 o Concello puxo en marcha numerosas iniciativas e actividades para poñer en valor o xacemento descuberto en Currás

"Sabiamos que eran unhas parroquias de gran riqueza arqueolóxica, pero non nos dimos conta de canto ata que apareceron as primeiras mostras de cerámica nunha finca na que uns veciños estaban cortando pinos". Así lembra Xoán Martínez Tamuxe aquel ano 1972, cando se deron os primeiros pasos que permitiron sacar á luz o xacemento tardorromano de Currás e comezaron unhas escavacións lideradas polo mítico Equipo Arqueolóxico do Baixo Miño integrado polo propio Martínez Tamuxe xunto a Jesús Gómez Sobrino e Aquilino González Santiso.

Agora, no 50 aniversario do descubrimento deste xacemento o Concello renderá este sábado 19 homenaxe a este historiador, arqueólogo e investigador. "Para min supón unha ilusión moi grande, porque aos meus 92 anos é un verdadeiro agasallo. E é extensivo aos meus dous compañeiros, porque non chegaría ata onde cheguei se non me acompañara un equipo que resultaba tan interesante", salienta Martínez Tamuxe. Lembra con orgullo os primeiros achados en Currás e todo o traballo que houbo detrás continuar escavando e ir descubrindo pouco a pouco novos indicios, recompilando información e conseguir que os restos quedarán preto da propia parroquia.

Unha riqueza histórica que sabían que era propia da comarca, polo que dende o principio "sempre invitamos ás demais parroquias a que tiveran os ollos abertos e lle deran importancia a todo o material arqueolóxico que puidera aparecer". "As escavacións son algo que se fan a moi longo prazo, cuestión de anos, e en Currás hai para largo, aínda quedan moitas cousas por descubrir", recalca.

O Concello de Tomiño quixo recoller ese facho de luz que prenderon Tamuxe, Sobrino e Santiso e poñer en valor este xacemento. Para iso, dende 2013 promove en colaboración coa Universidade de Vigo investigacións, exposicións, conferencias, visitas guiadas, un programa de voluntariado, vídeos documentais e publicacións, a creación dunha páxina web e mesmo a catalogación do atopado e novas escavacións arqueolóxicas con toda a moderna tecnoloxía para coñecer mellor o pasado. "Para nós é de vital importancia conservar a nosa historia e dedicar esforzos a recuperala. No caso de Currás temos que agradecer aos investigadores e investigadoras todo o saber que puxeron á nosa disposición para desentrañar a historia do noso pasado, pero tamén a toda a parroquia por terse involucrado, ser xenerosos e xenerosas e ter visión para implicarse na súa valorización", destaca a alcaldesa, Sandra González.

A homenaxe a Xoán Martínez Tamuxe realizarase durante a 'I Xornada de arqueoloxía no Baixo Miño: un patrimonio por descubrir', un encontro formativo organizado polo Concello e coordinado pola Universidade de Vigo e a Universidad Autónoma de Madrid que se celebrará este sábado 19 de novembro no salón de plenos do Concello e que reunirá durante todo o día a 15 expertas e expertos que afondará no valor arqueolóxico, paisaxístico e patrimonial do municipio e da comarca.

A xornada arrancará ás 10.15 con esta homenaxe a un home apaixonado da historia e da súa terra. Nado en 1930, tras cursar estudos eclesiásticos e Historia na Universidade de Santiago de Compostela, traballou como secretario da Cámara Agraria do Rosal e foi encargado do Conxunto Histórico de Santa Trega e Conservador do Museo Arqueolóxico na Guarda. Premio Literario I Certame Xornalístico da Cidde de Tui en 1973, foi correspondente e colaborador de varias radios e xornais na comarca, así como de revistas de calado histórico e cultural.

En 1996 a Agrupación Cultural Guardesa dedicoulle o Día das Letras Galegas en homenaxe á súa traxectoria histórico e literaria no Baixo Miño. Profesor e cofundador do Equipo Arqueolóxico do baixo Miño en 1968, Tamuxe forma tamén parte do Instituto Padre Sarmiento de Compostela e do Grupo de Arqueoloxía Alfredo García Alén de Pontevedra, entre outros. Con numerosos galardóns ás súas costas, entre as súas últimas publicacións figura 'Cruceiros, cruces e almiñas do Baixo Miño II. Concello de Oia' (2018) e 'A Sociedade Liga de Amigos do Rosal. Cen anos de historia'. Na actualidade está escribindo un libro de investigación sobre a centenaria Banda Unión Musical de Mougás xunto co seu fillo, o tamén investigador Juan Ramón Martínez Barbosa, que sairá publicado a principios de 2023.

Concello Tomiño


'Voces Novas', altofalante da mocidade tomiñesa no X Foro de Participación Infantil Parlamento de Galicia - Unicef

Representantes do Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño participaron neste encontro xunto con integrantes de consellos locais doutros once municipios

É hora de facerse cargo e que a saúde mental sexa unha prioridade na sanidade pública. Así de rotundas e rotundos se amosaron os e as representantes do Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, 'Voces Novas', que participaron no X Foro Infantil Parlamento de Galicia-Unicef celebrado en Santiago de Compostela, no que compartiron experiencia con nenos, nenas e adolescentes dos consellos locais de participación de Ames, Burela, Cabanas, Castrelo de Miño, Moaña, Moeche, Nigrán, Ponteareas, Redondela, Teo e Viveiro.

Acompañados pola concelleira de Mocidade e Participación Infantil, Fátima Rodríguez, as e os rapaces tomiñeses expuxeron as súas conclusións despois de meses reflexionando e pensando propostas de mellora relacionadas coa saúde mental, un dos temas centrais do foro. A encargada de subirse ao estrado foi Carmen, que destacou que "se algo positivo deixou a chegada da COVID-19 foi que un tema tabú ou cunhas connotacións tan negativas como este se puxesen por fin enriba da mesa". "Pero precisamos que os centros médicos, hospitais e incluso os centros de ensino conten con persoal cualificado para facer fronte ao que xa poderiamos denominar tamén como pandemia", recalcou ao tempo que lembrou ao público que a primeira causa de morte por causas externas na xente moza é o suicidio.

Consultas en horario pouco axeitados, unidades especializadas só para maiores de 16 anos... son aspectos que as e os integrantes de 'Voces Novas' poñen en cuestión e que non permiten cumprir o artigo 24 dos dereitos da infancia: poder desfrutar do máis alto nivel posible de saúde e recibir unha atención sanitaria axeitada. "Precisamos que as persoas adultas comecedes a tomarvos este tema en serio. Non queremos parches", salientou Carmen ao tempo que facía fincapé en que hai que ter en conta que "solucionando a pobreza e precariedade xa estariades reducindo moitísimo os problemas de saúde mental de moitas familias".

O encontro estivo presidido pola vicepresidenta primeira do Parlamento de Galicia, Elena Candia, que agradeceu a todas e todos os mozos e mozas a súa participación e compromiso "xa que cremos de verdade na vosa implicación, xa que a vosa opinión conta e debería contar aínda máis".

Concello Tomiño


Fantasía, humor e poesía visual para toda a familia en Tomiño con 'Cubo'

A compañía Elefante Elegante representa este domingo 20 (17.30 h) un espectáculo que evoca a amizade, as separacións, a necesidade de descubrir o mundo e a aventura de crecer

Tomiño prepara o Día Mundial da Infancia cun planazo para desfrutar en familia. Este domingo 20 de novembro o auditorio municipal de Goián sube o pano para gozar de 'Cubo', unha obra de teatro xestual da compañía Elefante Elegante pensada para o público a partir dos 3 anos.

María Torres e Gonçalo Guerrero dirixen e protagonizan esta obra que transcorre nun misterioso cubo de dous metros de lado, no que, a pesar de ser moi diferentes, conviven en harmonía. Ela é curiosa e decidida, el tenro e vulnerable. Xogan, divírtense e rin, pero un día ela decide ir máis aló, quere viaxar en busca de novas preguntas e descubrir o mundo enteiro. Pero el está contento coas súas respostas, síntese cómodo, seguro e non quere máis que balancearse eternamente no bambán do seu cubo. Sempre conseguiron poñerse de acordo, pero esta vez semella moi complicado.

Nesa viaxe na procura dunha solución, Elefante Elegante representa no escenario un espectáculo que evoca a amizade, a necesidade de coñecemento e a aventura de medrar, sempre desde a igualdade, rachando estereotipos de xénero. As imaxes suxeridas polo texto, a evocación da música e a axilidade do xogo físico crean un universo cómico e poético que vai dende a fantasía ata o nacemento da curiosidade humana.

'Cubo' é un xogo de fantasía, humor e poesía visual para toda a familia que chegará ao auditorio ás 17.30 horas. As entradas terán un prezo de 3 euros para persoas adultas e de 1,5 euros para menores de 12 anos.

Concello Tomiño


Tomiño pon en valor a figura do pintor Antonio Fernández

Este domingo 20 preséntase nas Escolas Vellas unha publicación sobre este ilustre goianés da Asociación Cultural Antonio Fernández

A actividade arrancará cun obradoiro infantil ás 11.00 horas e rematará coa á presentación ás 12.00 h

Del coñécese a súa pintura, de encomiable beleza e fidelidade á honrada pintura tradicional, pero tamén destacaba a súa faceta humanista, filantrópica e social. É o pintor Antonio Fernández, ilustre goianés sobre o que a Asociación Cultural que leva o seu nome vén de sacar á luz en colaboración co Concello de Tomiño 'Antonio, o pintor', unha publicación que presenta en sociedade este mesmo domingo 20 de novembro nas Escolas Vellas.

A actividade comezará ás 11.00 horas cun obradoiro infantil co que achegar a nenos e nenas á figura deste destacado pintor. Ao remate do taller, ás 12.00 h, a Asociación Cultural Pintor Antonio Fernández presentará ao público esta nova publicación.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, convida a toda a veciñanza a participar nesta presentación coa que se achegará ao público "á figura deste importante artista, pero tamén a todo o labor que desenvolveu e que transcendeu o puramente artísico, acadando tamén o antropolóxico e o filantrópico".

Concello Tomiño


A música latina, gran protagonista do concerto de Santa Icía da Agrupación Musical de Goián

A tradicional cita será este sábado 19 novembro ás 19.30 horas no auditorio baixo a batuta de Pedro Villarroel

Tomiño celebra o día da patroa da música por todo o alto. A Agrupación Musical de Goián subirase ao escenario este sábado 19 de novembro ás 19.30 horas para representar o seu tradicional concerto de Santa Icía, unha actuación que contará coa participación dos e das integrantes da propia agrupación así como da súa banda xuvenil baixo a batuta de Pedro Villarroel.

O auditorio de Goián acollerá un ano máis unha actuación moi agardada e festiva, unha cita co público na que a música latina será a gran protagonista. Un percorrido dende México ata Chile ou Arxentina a través de diferentes pezas musicais que representan o sentir de cada país e de cada territorio co que a Agrupación Musical de Goián volverá sorprender ao público.

A alcaldesa, Sandra González, anima a toda a veciñanza a achegarse ao auditorio e desfrutar un ano máis dun concerto único co que a Agrupación Musical namorará ao público. A actuación conta coa colaboración do Concello de Tomiño, así como da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia. A entrada será de balde.

Concello Tomiño


Tomiño bota unha ollada ao seu pasado na I Xornada de arqueoloxía do Baixo Miño

Organizado polo Concello e coordinada pola Universidade de Vigo e a Universidad Autónoma de Madrid, este encontro formativo afondará no 50 aniversario do descubrimento do xacemento romano de Currás

Será este sábado 19 no salón de plenos dende as 10.00 h e renderá homenaxe a Xoán Martínez de Tamuxe

Tomiño bota unha ollada ao seu pasado coa celebración da 'I Xornada de arqueoloxía no Baixo Miño: un patrimonio por descubrir', un encontro formativo organizado polo Concello e coordinado pola Universidade de Vigo e a Universidad Autónoma de Madrid que permitirá a todas as persoas asistentes "achegarse ao rico patrimonio que temos no municipio e na comarca, recollendo a historia das nosas e nosos devanceiros e permitíndonos entender a nosa realidade", como explica a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.

A xornada, que renderá homenaxe ao historiador, arqueólogo e investigadora galego Xoán Martínez de Tamuxe, conmemorará o 50 aniversario do descubrimento do xacemento romano e tardorromano dos Medos e do Adro da parroquia de Currás, descuberto na primavera de 1972. Foi o propio Martínez Tamuxe xunto a J. Gómez Sobrino e A. González os que lideraron esas primeiras escavacións no xacemento, que é un exemplo "do enorme potencial arqueolóxico e histórico que ten o Baixo Miño, que dá pé aos numerosos proxectos de investigación e de divulgación que se veñen desenvolvendo nos últimos anos en toda a comarca".

Liderada por Fermín Pérez Losada, o investigador do grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Facultade de Historia da Universidade de Vigo, e Silvia González Soutelo, investigadora do Madrid Institute for Advanced Studies (MIAS) da Autónoma de Madrid, a xornada reunirá a 15 expertas e expertos que afondará no valor arqueolóxico, paisaxístico e patrimonial do municipio e da comarca dende as 10.00 ata as 21.00 horas no salón de plenos do Concello.

A xornada comezará coa homenaxe a Martínez Tamuxe por parte dos dous investigadores coordinadores, que tamén falarán o equipo arqueolóxico do Baixo Miño e do xacemento de Currás. Tras eles Eduardo Méndez, da Universidade de Vigo falará dos avances do estudo do Paleolítico antigo no Baixo Miño e Ana Betancourt, da Universidade de Minho, sobre as artes rupestres na comarca. Da man da arqueóloga Mar Cortegoso, Brais X. Currás (CSIC), M. Costa, T. Brochado e J. Machado as e os participantes poderán coñecer a evolución da explotación de sal dende a protohistoria ata a época romana no noroeste da península ibérica, así como da paisaxe no Baixo Miño entre a Idade do Ferro e a época romana.

Xa pola tarde, Juan José Perles explicará as actuacións arqueolóxicas no ámbito do conxunto histórico de Tui e Nieves Veiga (Veigarqueoloxía) e P. Ramallo (Max Planck Institute for Geonthropology e UPV/EHU) afondarán nas actuacións na igrexa parroquial tudense de San Bartolmé de Rebordáns. Pola súa parte, Francisco Alonso (Tempos), M. Fernández Pereiro e J.C. Sánchez Pardo (USC) falarán sobre o Monte Aloia e o Faro de Budiño, dous xigantes calados ata non hai moito. A última charla, a cargo dos investigadores da Universidade de Minho María do Carmo Ribeiro e R. Blanco-Rotea, versará sobre a arqueoloxía dos fortes da Portela do Extremo en Arcos de Valdevez, unha paisaxe de transición entre a raia húmida e a raia seca.

Este encontro rematará cunha visita nocturna de 19.00 a 21.00 horas ao petróglifo do Monte Tetón, que estará guiada por Lois Villar do Instituto de Estudos Miñoranos.

Concello Tomiño


Tomiño recupera a memoria da música represaliada

O Mercado de Tomiño acolle un obradoiro organizado ao abeiro do programa 'O pasado por vir' da Deputación de Pontevedra que achegará ao público como o imaxinario imposto pola ditadura franquista define parte do presente musical

Será este sábado 19 de novembro ás 12.00 horas de balde

Tomiño recupera esta fin de semana a memoria da música represaliada. O Concello conmemora o día de Santa Icía, patroa da música, cun obradoiro a cargo do cantante, acordeonista, escritor, actor, director e locutor galego Xurxo Souto, unha xornada enmarcada no programa 'O pasado por vir' da Deputación de Pontevedra que busca axudar ao público a tomar conciencia de como o imaxinario que impuxo a ditadura franquista segue a funcionar e definir en parte o presente da nosa música.

"Con esta actividade búscase descubrir o esplendor musical que lle roubaron á sociedade facendo un percorrido polos proxectos musicais destruídos tras o golpe de Estado de 1936 e reivindicar a dignidade das persoas artistas que sufriron a represión neses días de barbarie", sinala a alcaldesa, Sandra González. O obradoiro acolle diferentes testemuños orais e algunha referencia literaria coa pretensión de que esas achegas "sirvan de estímulo para que as persoas que participen na actividade conten as historias dos e das artistas da súa contorna".

Licenciado en Filoloxía Clásica e líder e vocalista de Os Diplomáticos de Monte Alto entre 1990 e 2001, Xurxo Souto será o encargado de guiar ao público nesta viaxe por esta memoria histórica musical. Dende 1986 Souto traballou en diversos programas de radio en galego, colaborou con varias publicacións como a revista 'Bravú' e foi subdirector de programas da Radio Galego, onde tamén dirixía 'Aberto por reformas', un espazo caracterizado por emitir exclusivamente música en galego. Actualmente forma parte do grupo Os Tres Trebóns, onde se encarga da voz e do acordeón.

A actividade, de balde e aberto para todos os públicos, celebrarase este sábado 19 de novembro ás 12.00 horas no mercado municipal de Tomiño.

Concello Tomiño




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais