JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

O Rosal retoma a súa San Silvestre

Aberto o prazo de inscrición para a proba, que se celebrará o 31 de decembro cunha andaina para nenos e nenas e unha carreira non competitiva de 4 km

A tradicional carreira de San Silvestre chega de novo ao Rosal tras dous anos sen poder celebrarse por mor da situación sanitaria. Unha proba que volve ás rúas rosaleiras con máis forza se cabe e para a que xa está aberto o prazo de inscrición. Ata o vindeiro 27 de decembro as persoas interesadas poderán rexistrarse a través da web do Concello para participar en calquera das dúas probas que se realizarán: unha andaina pensada para o público infantil de 2,3 km e unha carreira non competitiva de 4 km.

A andaina sairá ás 10.00 horas dende o pavillón municipal cara a Simón do Mazo para percorrer a rúa dos Castros, Campo da Feira, Camiño da Gandarela e Estrada da Morraceira para continuar polo camiño Campo da Feira, a rúa Simón do Mazo e rematar na renovada Praza do Calvario, un escenario único.

Alí tamén rematará a carreira, que sairá ás 11.00 horas tamén dende o pavillón a Simón do Mazo para percorrer a rúa dos Castros, Campo da Feira, Camiño da Gandarela, Camiño da Laxe, Camiño Tiarxo, Camiño Laxe do Campo, Camiño a Maceira, Estrada da Morraceira, Estrada de Furnos e Camiño Pampaloas para continuar polo camiño Campo da Feira e a rúa Simón do Mazo ata a Praza do Calvario.

As persoas interesadas en participar nesta cita que cada fin de ano reúne a rosaleiros e rosaleiras para desfrutar do deporte saudable ao aire libre dun xeito divertido poden encher o formulario de inscrición cos seus datos persoais. Os dorsais poderán ser recollidos no Concello antes do día 31 de decembro ou o mesmo día das probas de 09.00 a 10.00 horas os e as participantes na andaina infantil e de 10.00 a 11.00 horas as persoas inscritas na carreira.

Como é tradicional, non haberá categorías diferenciadas e ao remate da San Silvestre todas as persoas participantes serán agasalladas cunha chocolatada e participarán no sorteo de tres cestas de Nadal. Ademais, ás 12.00 horas haberá badaladas e sesión vermú con Sapoconcho sem Poncho.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, anima a todos os rosaleiros e rosaleiras a participar nesta carreira "que retomamos con moitas ganas tras dous anos de parón pola COVID-19. É un momento para desfrutar xuntos e xuntas, sen límites, porque é unha actividade que pode facer calquera persoa ao seu ritmo, correndo ou camiñando, e que nos permite volver desfrutar do deporte todos e todas xuntas".

Concello de O Rosal


O Rosal prepárase para o concerto máis especial do ano

A Agrupación Musical do Rosal celebra o seu tradicional concerto de Santa Icía este sábado 19 ás 19.30 h no auditorio municipal

Contará coa participación como frauta solista de Ana Mª Fernández, gañadora do V Concurso de Xoves Intérpretes 'Antonio Granja'

O Rosal quenta motores para unha das actuacións máis agardadas do ano. A Agrupación Musical do Rosal celebra este sábado 19 de novembro o seu tradicional concerto de Santa Icía, unha actividade coa que conmemorar o día da patroa da música e compartir o seu bo facer co público.

O auditorio municipal acollerá ás 19.30 horas un concerto que, baixo a batuta de Javier Alonso, achegará a todas e todos os asistentes obras de Maslanka, Ticheli e Bernstein e que servirá para presentar ás 10 novas e novos músicos que se incorporan á banda. Ademais, nesta ocasión contarase coa participación como frauta solista de Ana María Fernández, gañadora da quinta edición do Concurso de Xoves Intérpretes 'Antonio Granja'.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, convida a toda a veciñanza a desfrutar un ano máis dun concerto único co que a Agrupación Musical do Rosal conquistará ao público. A actividade será de balde con entrada libre ata completar aforo.

Concello de O Rosal


O Concello saca a licitación o espazo gastronómico do renovado mercado

Será un lugar de degustación e encontro social que suporá un valor engadido ao propio espazo recuperado tanto na praza de abastos como na Praza do Calvario

Un lugar de degustación e de encontro social onde os rosaleiros e rosaleiras poidan ir tomar algo, comer e desfrutar de actividades e do tempo de lecer. Con ese obxectivo nace o espazo gastronómico do mercado municipal que acaba de sacar a licitación o Concello, "un innovador recuncho que dará valor engadido non soamente á renovada praza de abastos, senón tamén á transformada Praza do Calvario".

"Con este espazo queremos achegar máis dinamismo social, activando e reforzando a nosa economía ao tempo que poñemos en valor o produto fresco da nosa praza de abastos e de produtores e produtoras locais e vinculados ao territorio, seguindo a liña dos Mercados de Excelencia, con espazos adaptados aos novos hábitos dos e das consumidoras", explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Tratarase dun bar gastronómico con case 200 metros cadrados con servizo de menú do día para tomar ou levar para o que se deberán empregar produtos locais, especialmente do mercado e preferiblemente ecolóxicos. Á hora da adxudicación tamén se terá en conta a calidade e orixinalidade do servizo que se poña en marcha, así como o emprego de bolsas ou contedores de empaquetado e cubertos reutilizables, biodegradables e non contaminantes.

O espazo sae a licitación por 4.500 euros ao ano máis a taxa de prestación de servizos do mercado e o contrato terá unha duración de cinco anos, con posibilidade de dúas prórrogas de cinco anos máis cada unha. Os pregos de licitación tamén establecen que o horario mínimo de apertura deberá ser de 09.00 a 22.00 horas de martes a domingo.

Coa ampliación do edificio do mercado e a posta en marcha deste espazo gastronómico, o Concello rematará o proxecto de mellora da praza de abastos, outorgándolle unha imaxe totalmente renovada e moderna, facéndoa máis confortable e atractiva para o público como lugar de compra, de encontro e de desfrute do produto local.

Concello de O Rosal


Chega o I Raid Serra da Groba - Bodegas Marqués de Vizhoja, unha proba con 150 km de carreira en 16 horas

Celebrarase do 25 ao 27 de novembro e pasará polos concellos do Rosal, A Guarda, Oia e Baiona

Inscricións abertas a través da plataforma Track the race

Chega o I Raid Serra da Groba - Bodegas Marqués de Vizhoja, unha carreira que se celebrará a fin de semana do 25, 26 e 27 de novembro e que levará ás e aos deportistas participantes a percorrer en 16 horas 150 quilómetros polo Rosal, A Guarda, Oia e Baiona. A alcaldesa rosaleira, Ánxela Fernández Callís, participou este luns na presentación do evento, que contou tamén coa presenza do alcalde da Guarda, Antonio Lomba; da rexedora de Oia, Cristina Correa; das e dos concelleiros de deportes de Baiona, O Rosal e Oia, Andrea Pérez, Germán Fernández e Modesto Pereira; co director da carreira, Pedro Álvarez; e con Diego Fernández, representante de Bodegas Marqués de Vizhoja.

Unha proba que cada ano reúne a un número importante de participantes de diferentes comunidades autónomas e que este ano estrea escenario, un motivo máis para marcar en vermello nas axendas para non perderse unha carreira durísima que terá unha duración de dous días.

O día 25 será a recepción dos equipos e realizarase un encontro para explicar a todas e todos os deportistas en que consistirá a proba, así como todos os protocolos a seguir para o seu bo desenvolvemento, tanto para corredores e corredoras como para a organización. Ese mesmo día poderán recollerse os dorsais en Santa María de Oia de 20.30 a 22.30 horas. O sábado 26 entregaranse os dorsais na Guarda de 07.30 a 08.15 horas e o domingo 27 de novo en Oia de 07.30 a 08.00 horas.

Esta carreira está organizada polo Club Marqués de Vizhoja-Cornelios e conta coa colaboración dos concellos do Rosal, A Guarda, Oia e Baiona. Dende a organización agradecen a todas as comunidades de montes polas que se van disputar as probas a súa colaboración e axuda para poder realizar un evento destas características.

Concello de O Rosal




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais