JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

O día 21 de novembro inícianse na Guarda as actividades para conmemorar o 25N

" Ditas actividades, que terán lugar durante a semana que ven, incluirán unha obra de teatro e unha performance na que participarán 13 persoas mozas da Guarda.

Outro ano máis desde o Concello póñense en marcha varias accións para conmemorar o Día Internacional contra a violencia de xénero. Aínda que esta é unha problemática na que se traballa durante todo o ano desde o CIM e a Concellería de Igualdade, este departamento municipal considera moi importante continuar celebrando estas datas sinaladas.

Durante toda a semana a fachada do Concello lucirá tinguida de cor morado, o día 24 terá lugar no Centro Cultural a obra de teatro "As que limpan" da compañía de teatro A Panadaría para a que as entradas xa están esgotadas, e o propio día 25 ás 19:00 celebrarase nos baixos da Casa dos Alonso un acto conmemorativo no que poderemos desfrutar dunha performance que será levada a cabo por un grupo de 13 mozos e mozas que participan no grupo de teatro do Proxecto Actúa Verde, que a Asociación Foco puxo en marcha na vila a través de Fondos Europeos. Durante dito acto os/as portavoces dos distintos partidos políticos terán tamén oportunidade de manifestar a súa repulsa contra todas as manifestacións da violencia de xénero e o seu compromiso coa igualdade.

Desde o Concello convidamos a todas as persoas implicadas coa loita pola igualdade e que condenan a violencia de xénero a que nos acompañen neste acto.

Concello de A Guarda


O proxecto Trega 2020+5 arranca a súa primeira actuación no Trega coa restitución da porta norte do castro

" Os traballos iniciaranse no final do novembro, unha vez acadada a autorización de Patrimonio da Xunta de Galicia.

O Proxecto Trega 2020+5 elaborado entre concello da Guarda e o Instituto de Historia do CSIC trata de desenvolver o potencial patrimonial, social, cultural e científico do castro do Trega a través dunha actuación integral. Así este proxecto desenvólvese en torno a tres eixos, recuperar e consolidar os sectores do castro escavados entre 1910 e 1930, manter de forma sostida no tempo o conxunto das estruturas escavadas no castro e expostas ao público e investigar e afondar no coñecemento arqueolóxico do Trega coa finalidade de crear novos contidos destinados á divulgación e ao incremento da valorización do patrimonio.

O proxecto, que conta co respaldo financeiro do Padroado do Monte Trega e a autorización das Comunidades de Montes da Guarda e Camposancos, parte da iniciativa do alcalde da localidade e Presidente do Padroado, Antonio Lomba. Esta primeira campaña dispón dunha financiación de 23.691,80€ aportada exclusivamente polo Padroado. Para o desenvolvemento do proxecto nos vindeiros anos espérase contar tamén co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, que xa foi convidada a formar parte do mesmo.

A reconstrución da porta norte do poboado implica unha grande complexidade técnica. Os traballos consistirán na reconstrución da muralla e a restitución do lintel que se atopa caído "in situ" xusto ao pe da porta. Esta actuación será levada a cabo pola empresa Terra Arqueos, que conta cunha longa experiencia en restauracións e consolidacións de castros, baixo a dirección de Miguel Ángel López Marcos, restaurador de gran prestixio internacional que ten dirixido proxectos como a reconstrución dos colosos de Memmón no Exipto.

Esta actuación contribuirá á valorización patrimonial do castro de Santa Trega como parte dunha estratexia que aposta por potenciar o seu valor como recurso cultural e turístico, e tamén pola súa relevancia científica no estudo das sociedades dos castros. Desde o concello da Guarda e o CSIC confíase en que esta inversión impulse moitas outras actuacións nun dos maiores xacementos castrexos de todo o noroeste peninsular e un símbolo da cultura dos castros.

Concello de A Guarda


Actividade Asociación Memoria Histórica Camposancos

O venres, 18 de novembro, ás 5 da tarde, a ARMH do Campo de Concentración de Camposancos e Fosa Común de Sestás rinde homenaxe a Cleominio Muñiz Lorenzo e outros seis presos, soterrados no cimeterio de Camposancos.

Cleominio, asturiano de 18 anos, foi a primera vítima dos recluidos no colexio dos xesuitas, abatido polos disparos dun centinela; os outros, foron os primeiros falecidos por enfermidade.

No acto inaugurarase un monolito no seu recordo e tomarán a palabra José Manuel Domínguez Freitas e José Antonio Uris Guisantes, Presidente e Vicepresidente da Asociación. Ademáis, o violinista Leo Blanco Novoa, interpretará algunhas pezas musicais en lembranza destes homes e de tódalas demáis vítimas da represión franquista no Campo.

Asociación Memoria Histórica Camposancos


O Concello da Guarda oferta formación gratuíta sobre aproveitamento da resina natural con posibilidades de inserción laboral

" A formación desenvolverase na Casa dos Alonso os días 24 e 25 de novembro en horario de 09:00 a 14:00, e comprenderá unha parte teórica en aula e prácticas no monte. Necesaria previa inscrición.

Nestas xornadas que promove o Concello da Guarda, en colaboración coa empresa Laxes Ambiental SL (Oia, Pontevedra), que a día de hoxe é a empresa con maior produción de resina natural en Galiza, abordaranse temas como a historia da resina na nosa comunidade autónoma, rendibilidade, usos, métodos de extracción, ou estudos de calidade do produto obtido. Tamén incluirá unha xornada durante a que se realizarán unhas prácticas de campo.

A día de hoxe China, un dos países con maior produción deste produto, non só deixou de exportar resina natural de pino, senón que é demandante desta substancia e, debido ao incremento actual do prezo dos transportes, atopámonos con que xa non resulta rendible importar resina de Brasil. Por outra banda os/as profesionais na materia defenden que a resina de pino da nosa zona ten unha calidade moi apreciada a nivel de mercado.

Polas razóns anteriormente comentadas pode resultar interesante recibir esta formación que permite obter coñecementos específicos para realizar a extracción do produto de forma respectuosa coa árbore e ao mesmo tempo maximizando a rendibilidade na extracción. Na nosa comunidade autónoma este traballo está en vías de converterse nunha actividade con moita saída profesional que permitiría traballar tanto por conta allea, en empresas como a que imparte a formación, como por conta propia.

Para realizar a inscrición pode acudirse persoalmente á recepción do Concello, chamando por teléfono ao 986 61 00 00, ou enviando un correo electrónico a conserje@aguarda.es indicando nome completo, DNI e número de teléfono. O curso ten prazas limitadas e para cubrilas atenderase de xeito estrito á orde de inscrición.

Concello de A Guarda


A obra de teatro "As que limpan"chega ata A Guarda da man do programa Tornar as Táboas da Deputación

" As entradas poderán retirarse a partir deste xoves día 17 de novembro ás 9:00h de xeito online ou presencialmente na recepción do Concello.

O vindeiro xoves día 24 de novembro chegará ata A Guarda a que é sen dúbida a obra da temporada: "AS QUE LIMPAN", última proposta da Compañía A Panadaría. Esta función aborda a loita das camareiras de piso dos hoteis por conseguiren uns dereitos laborais e sociais xustos, nun mundo, o das cadeas hoteleiras e o do turismo que se impón no século XXI como modelo do desenvolvemento económico. A obra por tanto fai repensarse as relacións laborais, o reparto da riqueza e o funcionamento dun sistema avaricioso e inxusto. Así mesmo fai repensar non só a loita de clase senón tamén a loita de xénero nunha sociedade na que a muller segue asumindo o rol dos coidados, tan importante e tan menosprezado e tan silenciado. É por isto que a obra se representará o xoves 24 de novembro, na véspera do Día Internacional contra violencia machista, para evidenciar unha nova forma de discriminación sobre a muller.

A produción que contou coa colaboración do Centro Dramático Nacional está a ser todo un éxito, percorrendo non só a xeografía galega senón tamén a española. E é que a compañía composta por Areta, Ailén e Noelia conseguiu erixirse en todo un referente polo seu particular modo de facer teatro, mesturando o humor e a reivindicación dun xeito moi persoal e característico.

Na Guarda son vellas coñecidas pois xa estiveron coa súa primeira representación PAN! PAN! E posteriormente con ELISA E MARCELA. Desta volta acuden ata a Guarda grazas ao ciclo de teatro da Deputación de Pontevedra "Tornar as Táboas". Para acudir á representación é preciso retirar as entradas previamente dende o día 17 de novembro ás 9:00h. Poderán retirarse de forma presencial na recepción do Concello en horario de 9 a 14h. Ou vía online a través do enlace: https://www.eventbrite.es/o/concello-da-guarda-35370803503

Concello de A Guarda


O BNG URXE A XUNTA DE GALIZA A MEDIAR NA FOLGA DAS TRABALLADORAS DO SERVIZO DE ATENCIÓN AO FOGAR

O portavoz do BNG no Concello da Guarda, Anxo Baz acompañado da concelleira Beatriz Lomba acudiron hoxe a concentración que manteñen desde o 2 de novembro as traballadoras do Servizo de Atención ao Fogar(SAF). No encontro coas traballadoras reiteráronlle o seu apoio ao tempo que lles informaron da moción que veñen de presentar esixindo a Xunta de Galiza que asuma as súas responsabilidades e medie na busca dunha solución para os graves problemas salariais e laborais que afectan as traballadoras.

Na moción presentada tamén se insta ao goberno municipal a sacar unha nova licitación ou ben a municipalizar o servizo. A actual está caducada co conseguinte prexuízo para as traballadoras.

Segundo os nacionalistas a deixadez da Xunta infrafinanciando unha competencia que non asume e deixándoa nas mans dos concellos está repercutindo dun xeito moi grave nas economías municipais, así como, na situación laboral das traballadoras e na calidade asistencial.

O portavoz nacionalista afirmou "Coidar de quen nos coida ten que ser algo máis que un slogan publicitario, non podemos permitir que en función da capacidade orzamentaria ou da vontade do concello a situación laboral das traballadoras mude e a prestación dun servizo tan necesario como básico sexa dunha ou outra calidade".

Anxo Baz rematou concluíndo "As traballadoras do SAF están en folga para defender os seus dereitos laborais pero tamén os das persoas usuarias que son quen sofre, colateralmente, as consecuencias dun servizo sostido na precariedade laboral".

BNG de A Guarda


O Trail do Trega chega este domingo á súa novena edición

" A proba deportiva, que forma parte da Pontevedra Trail League, terá lugar na Guarda este domingo día 20 de novembro, contando xa con máis de 300 deportistas inscritos.

" 16 quilómetros de percorrido e 800 metros de desnivel positivo coas mellores vistas e entorno natural de Galicia, no Monte Santa Trega da Guarda.

Na xornada deste martes día 15 de novembro tiña lugara presentación da IX edición do Trail do Trega contando coa presenza de Antonio Lomba Baz, Alcalde da Guarda; Montserrat Magallanes, Concelleira de Deportes; Ana Laura Iglesias, Deputada de Turismo e Xuventude e Serafín Acevedo, coordinador da proba deportiva.

As inscricións para a IX edición do Trail do Trega, a proba deportiva que forma parte da Pontevedra Trail League e que este ano celebrarase o domingo 20 de novembro, contando co apoio do Concello da Guarda e das Comunidades de Montes, rematan ás 00:00h deste mércores día 16 de novembro.

Montserrat Magallanes, Concelleira de Deportes do Concello da Guarda, destaca a importancia deste tipo de eventos para a dinamización deportiva da Guarda e da súa comarca, un evento ao que asisten numerosos participantes de toda a xeografía galega e de Portugal, promovendo tamén o turismo e a gastronomía local.

Para Antonio Lomba, Alcalde da Guarda, o Trail do Trega é un evento deportivo que transcorre nun dos emblemas galegos e na xoia máis importantes da Guarda como é o Monte Santa Trega, un espazo que gozaran os amantes do deporte este domingo cando visiten A Guarda.

Ana Laura Iglesias, Deputada de Turismo e Xuventude, indicou que este é un espazo idílico para un evento deportivo destas características, manifestando o apoio da Deputación de Pontevedra a esta proba, incluída na Pontevedra Trail League.

Serafín Acevedo, coordinador da proba deportiva, destacou que é unha proba xa consolidada no calendario anual de Trails en Galicia, contando cunha alta participación de persoas de toda a xeografía galega, española e tamén do país veciños con numerosos portugueses inscritos, agardando contar con preto de 400 corredores.

O Trail do Trega é unha proba deportiva que este ano trae un percorrido de 16 quilómetros cun desnivel positivo de 800 metros, contando coas mellores vistas e entorno natural de Galicia como é o Monte de Santa Trega.

A proba transcorrerá 100% polo monte Trega, un dos lugares máis visitados da xeografía galega. A carreira non ten un desnivel significativo pero o cambio de terreo constante, a orografía, climatoloxía farán que sexa unha proba dura e para a que se necesita unha boa preparación. Establécense 4 categorías de competición: Absoluto (masculino e feminino), Sénior (masculino e feminino), Veteranos 40 (masculino e feminino) e Veteranos 50 (masculino e feminino).

A organización habilitará dous avituallamentos no percorrido e paralelamente celebrarase unha andaina de 10 quilómetros con guía incluído.

A saída da Andaina será ás 10:00h e a saída da Carreira ás 10:30h dende a Alameda da Guarda. A entrega de premios será sobre ás 13:00h, onde se coñecerán aos gañadores e gañadoras da Pontevedra Trail League, entregándose os premios aos gañadores e gañadoras absolutos, así coma aos empradroados na Guarda.

As inscricións xa están abertas a través do seguinte link: https://bit.ly/3S0b7aD e toda a información da carreira se pode consultar na web oficial da proba: www.traildotrega.com

Concello de A Guarda


A historia en feminino da Guarda percorrerá ata o día 27 de novembro as súas parroquias

" A Guarda pon en valor a figura de diferentes mulleres da vila, tanto anónimas como coñecidas, que destacaron na súa época por rachar cos estereotipos e intentar acadar un espazo dentro dun mundo do que non eran donas.

" Aínda queda algunha praza libre para a última andaina que terá lugar o vindeiro domingo día 27 de novembro.

O Concello da Guarda, a través da Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller, iniciou o pasado venres 14 de outubro a iniciativa "Historias de mulleres guardesas", unha alternativa de ocio cultural e saudable na que o eixo principal son as historias de mulleres da vila que destacaron nas súas diferentes épocas por diversas razóns.

Despois dos dous roteiros iniciais polo casco urbano, que tiveron unha excelente acollida por parte da cidadanía guardesa, agora é a quenda das andainas, que se iniciaron o pasado domingo día 13 de novembro.

Estas andainas, realízanse en horario de 10:30h a 13:30h (aínda quedan prazas libres para a do 27 de novembro) e saen desde a Alameda da Guarda (8 km de percorrido e dificultade media). Nelas fálase de mulleres de Salcidos e Camposancos, parroquias por onde pasa o percorrido, tendo en conta fundamentalmente os traballos e oficios aos que se adicaban, e lembrando a algunhas persoas que viven ou viviron nestas dúas parroquias, amosando tamén imaxes delas para saber quen foron ou son as protagonistas destas historias.

As inscricións continúan abertas para a última andaina na recepción do Concello, chamando ao 986610000 ou no enderezo electrónico conserje@aguarda.es

As actividades son gratuítas e as prazas limitadas.

Actividade subvencionada pola Deputación de Pontevedra

Concello de A Guarda


A nova Biblioteca Municipal da Guarda máis preto de converterse nunha realidade

" Estará situada nos baixos do Centro Cultural e contará con dous espazos diferenciados para diferentes tipos de públicos e usos, a zona infantil e a zona de lectura.

" A Guarda inicia o procedemento de licitación da nova Biblioteca, prazo de presentación de solicitudes remata o 24 de novembro.

O Concello da Guarda ven de sacar a licitación pública as obras para o proxecto da nova Biblioteca Municipal, que estará situada nos baixos do Centro Cultural e contará con dous espazos diferenciados para diferentes tipos de públicos e usos.

O proxecto posibilita a recuperación do entorno social e cultural, a través do mundo da lectura. A modificación das tres salas da planta baixa do edificio do centro cultural da Guarda consegue un espazo pensado para as actividades interactivas, protagonizado pola lectura e enfocado ao ocio. Un lugar onde pequenos e maiores son libres en movemento e forma. Desfacémonos dos conceptos preestablecido e abrimos paso á imaxinación.

Cambiamos o silencio destes espazos por o son dos sorrisos, a conversa e en definitiva da actividade en convivencia, non é unha aula de estudo, é un espazo vivo e activo. O proxecto divídese en dúas áreas, a zona infantil cun forte carácter imaxinativo capaz de captar a atención dos máis pequenos, ofrecendo un espazo onde a lectura e o xogo son un, e un espazo de lectura deseñado para o público xuvenil e adulto, confortable e informal. Espazos para ser vividos onde os libros son a principal alternativa de ocio, pero se mesturan nun lugar para a actividade e a interacción social.

Falamos da nova biblioteca da Guarda, como un espazo que se mostra na oferta cultural da zona como algo máis que un servizo de consulta ou recollida de libros, falamos dun punto de encontro para a poboación, un espazo de conexión, un servicio de eles e para eles.

A aula de estudio existente, manterase ante a alta demanda por parte do alumnado que prepara oposicións e exames e que emprega este espazo de xeito habitual.

Todas as empresas que desexen participar neste proceso de licitación, poden acceder á plataforma de contratación do estado onde está toda a información desta licitación, que conta cun orzamento de 70.781,25€ sen IVE. Data límite de presentación de ofertas 24 de novembro.

O proxecto da nova Biblioteca Municipal se suma a outros proxectos que está a executar o equipo de goberno municipal, coma a mellora da accesibilidade no edificio do Obradoiro de Emprego coa instalación dun ascensor, as diferentes actuacións de mellora realizadas na Praza de Abastos, a mellora das instalacións e dependencias da Policía Local, a mellora e centralización do arquivo municipal, entre outras.

Concello de A Guarda




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais