Protección Civil de Tui organiza un concerto solidario
Será en favor de SOS Tomiño Baixo Miño o vindeiro sábado día 10 de decembro no Teatro Municipal de Tui, ás 18.00 h
O Concello de Tui acolleu hoxe a presentación do concerto solidario organizado pola Agrupación de Protección Civil de Tui en favor da Asociación Asistencial SOS Tomiño Baixo Miño, que conta coa colaboración do Concello e da Deputación de Pontevedra.
Na presentación participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Seguridade, José Ramón Magán, o presidente da Agrupación de Protección Civil de Tui, Juan González, e os directores de SOS Tomiño Baixo Miño, José Quinteiro e José Gómez, amais de outros representantes políticos, concelleiros e membros da Agrupación de Protección Civil de Tui.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, quixo recoñecer a organización desta segunda edición dun concerto "cun fin altruísta e solidario como é recoller alimentos para a Asociación SOS Tomiño Baixo Miño".
José Ramón Magán, o concelleiro de Seguridade, quixo tamén ampliar o agradecemento á Asociación Asistencial SOS Tomiño Baixo Miño polo "seu labor ao longo de todo o ano coas familias máis necesitadas", así como aclarar o carácter altruísta do traballo da Agrupación de Protección Civil de Tui.
Pola súa banda, Juan González, presidente da Agrupación de Protección Civil de Tui explicou que o proceder será o mesmo que na edición anterior. Percorrerán establecementos de Tui para conseguir máis colaboración coa causa porque "queda máis dun mes para chegar ao maior número de donacións posibles".
José Quinteiro, como director da Asociación Asistencial SOS Tomiño Baixo Miño, declarou na presentación do concerto que "é toda unha satisfacción e un orgullo ver este apoio" e, sobre todo, o voluntario aclarou que "estamos nunha situación moi complicada, pero é o momento necesario para axudar ás familias".
O evento será o vindeiro sábado día 10 de decembro ás 18:00 h, e para acceder será necesario entregar 1 kg de alimentos que se destinará á asociación SOS Tomiño Baixo Miño. O concerto contará coas actuacións da Agrupación Musical de Goián, da Banda de Música Popular de Tui, e dos cantantes porriñeses Iker Faure e Noemí.
O Cross Escolar do Baixo Miño congregará a máis de 250 atletas na ribeira de Caldelas
Escolares de Tui e de Tomiño participarán nesta proba que dará acceso á fase provincial
A ribeira de Caldelas, en Tui, acolle mañá sábado, 12 de novembro, a partir das 10.30 h o Cross Escolar do Baixo Miño. Esta proba deportiva está organizada por AGRUDEBAM (Agrupación Deportiva do Baixo Miño) e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, en colaboración co Concello de Tui e a Comunidade de Montes de Caldelas. Participarán máis de 250 deportistas dos CEIPS Nº1, Nº2, Pazos e Guillarei de Tui, Pedro Caselles, Tebra e IES Antón Alonso Ríos de Tomiño, así como do Club Atletismo Tegra.
A proba estará destinada as categorías benxamín (2014-2015), alevín (2012-2013), infantil (2010-2011) e cadete (2008-2009), organizándose as carreiras por categoría e por sexo, percorrendo as distancias de 500 metros na categoría benxamín, 1.000 metros na categoría alevín, 1.500 metros na categoría infantil e 2.000 metros na categoría cadete.
Esta proba dará acceso á fase provincial, clasificándose os dez primeiros atletas individuais, así como os dous mellores equipos de cada categoría e sexo (os equipos estarán compostos por un mínimo de 3 atletas en categoría cadete e 4 no resto de categorías).
Coa celebración esta fin de semana deste cross escolar e os que se celebraron os pasados días 3 e 4 de novembro en horario escolar, onde participaron máis de 1.500 deportistas, remarcan a ribeira de Caldelas de Tui, como un paraxe espectacular para a celebración de eventos deportivos.
Tui celebrará o Mercado de Nadal durante un mes
Será entre o 5 de decembro ao 5 de xaneiro no Paseo da Corredoira. Está aberto o prazo de inscrición para as persoas participantes.
O Concello de Tui realiza unha firme aposta polo Mercado de Nadal, tras o éxito acadado nas edicións anteriores, por iso dende o 5 de decembro e até o 5 de xaneiro permanecerá aberto ao público no céntrico Paseo da Corredoira.
Así o Paseo da Corredoira inundarase da maxia do Nadal e dos produtos típicos desta época dende o próximo 5 de decembro. O Concello de Tui, a través do Departamento de Formación e Emprego, Igualdade e Xuventude, Comercio e Mercados, organiza o Mercado de Nadal no que poderán participar persoas artesás e comerciantes con produtos específicos destas datas coma alimentación, decoración, agasallos,…
Terán prioridade as persoas solicitantes que presenten produtos de carácter artesáns e os producidos a pequena escala. Valorarase que os solicitantes teñan razón social en Tui ou na comarca, a calidade, singularidade e carácter diferencial dos produtos que teñan á venda, variedade de sectores, que sexan producidos en Galicia, ou que a persoa solicitante estea en posesión da carta de artesán. A participación no mercado é gratuíta aínda que as persoas expositoras deberán depositar unha fianza de 150 €. Durante o mercado deberán decorar os seus postos con motivos do Nadal.
A participación no Mercado de Nadal poderase solicitar no mes completo, entre o 5 de decembro e o 5 de xaneiro, ou ben nas quendas establecidas do 5 ao 11 de decembro, do 12 ao 18 de decembro, do 19 ao 24 de decembro e do 26 de decembro ao 5 de xaneiro.
Para participar deberán cubrir até as 23 h do domingo 20 de novembro o formulario en liña accesible en www.tui.gal, e remitir ao correo mercadonadaltui@gmail.com entre 4 e 6 fotografías representativas dos produtos que terán en exposición e venda.
O Mercado de Nadal celebrarase entre o 5 de decembro e o 5 de xaneiro no Paseo da Corredoira onde se instalarán 10 casetas de madeiras para acoller os postos. Abrirá de luns a xoves de 17 a 21.30 h, de venres a domingo, festivos e véspera de festivo tamén polas mañás de 12 a 14 h. Mentres o 24 e 31 de decembro abrirá só pola mañá e o 25 de decembro e 1 de xaneiro permanecerá pechado.
Até o 10 de xaneiro está aberto o prazo para renovar a autorización de postos no mercado semanal
Celébrase cada xoves na prolongación da rúa Casal Aboy
Até o 10 de xaneiro está aberto o prazo, no Concello de Tui, para presentar as solicitudes de renovación dos postos no mercado semanal que os xoves se celebra na prolongación da rúa Casal Aboy. As persoas vendedoras deberán presentar a solicitude no modelo normalizado, dispoñible na web www.tui.gal, xunto coa documentación requirida.
Aquelas persoas que transcorrido o prazo de solicitude non tiveran presentado a documentación, non poderán instalar os seus postos, en caso de facelo poderán ser sancionados segundo recolle o propio regulamento municipal de venda ambulante
En Tui o mercado semanal celébrase en horario de mañá os xoves na prolongación da rúa Casal Aboy. Hai postos de roupa, complementos, calzado, alimentación, flores, fogar, … entre outros produtos.
O Concello de Tui entregou un composteiro individual á Residencia Paz y Bien
A próxima semana haberá charlas informativas e entrega de composteiros en Guillarei e Paramos
O Concello de Tui continúa apostando pola compostaxe tanto individual coma comunitaria. Nesta liña de traballo a pasada semana fíxose entrega dun composteiro individual á residencia Paz y Bien, tras a solicitude realizada por este centro. A mestra composteira, Sara Luque, achegouse á residencia para facer entrega do composteiro, un aireador e varios cubos con tapa para poder recoller os restos orgánicos nas distintas dependencias, para ser logo depositados no composteiro. Ao tempo explicou que se pode e que non se pode depositar no composteiro, e o uso do mesmo.
O composteiro individual foi situado a carón da pequena horta que ten o centro residencial, que serve como espazo de traballo, de lecer e de aprendizaxe hortícola para os e as usuarios e usuarias. Deste xeito amais dos restos orgánicos xerados tamén depositarán aqueles outros procedentes da propia horta, cos que gañarán en funcionalidade para a xestión destes restos.
Tras a charla parte das persoas residentes en Paz y Bien colaboraron na montaxe do composteiro, o composteiro e se instalou o mesmo coa colaboración de membros do centro residencial.
Precisamente a próxima semana, o xoves día 17, haberá dúas charlas informativas sobre o Plan Municipal de Compostaxe, e entrega composteiros individuais. Será ás 19.30 h no Centro Cultural de Guillarei e ás 21 h no Centro Cultural de Paramos. Ás mesmas pode acudir calquera persoa con residencia en Tui. Para obter o composteiro será preciso cubrir o impreso de solicitude co nome e apelidos, enderezo e referencia catastral. As persoas interesadas poden contactar tamén coa mestra composteira no correo compostaxe@tui.gal ou no 687 24 99 53.
Máis de 2.900 peregrinos elixiron Tui para comezar o Camiño de Santiago en outubro
Tui confírmase coma referencia no Camiño Portugués e xa é a cuarta cidade en número de camiñantes que inician o percorrido cara Santiago.
Outubro pechouse con grandes cifras de peregrinos que escolleron Tui como punto de partida para realizar o Camiño de Santiago no seu itinerario portugués. 2.906 foron os peregrinos e peregrinas que se achegaron ata a cidade para comezar este percorrido santo, confirmando a Tui como a cuarta cidade de inicio de peregrinación tras Sarria (14.497), Saint Jean Pied de Port (5.682) e Porto (4.612).
Así, na nosa cidade, iniciaron o Camiño o 27% dos peregrinos do mes de outubro no Camiño Portugués. Si sumamos os que comezaron na cidade irmá de Valença, 1.725 peregrinos (o 16% do total), comprobamos que na nosa Eurocidade iniciaron o percorrido 4.631 persoas, un número similar de peregrinos dos que partiron da cidade de Porto.
Estas cifras evidencian como o Camiño Portugués, no seu itinerario histórico, acolle ao principal continxente de peregrinos logo do Camiño Francés. Este pasado mes, os camiñantes foron, na súa maioría, de procedencia estranxeira fronte aos meses de verán, no que recibimos peregrinos e peregrinas de orixe maioritariamente nacional. Todos eles valoran, deste xeito, a historicidade como un dos principais valores da nosa ruta xacobea.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, estima que a continuidade da alta afluencia de peregrinos no mes de outubro é unha excelente noticia para a nosa cidade ao contribuír ao seu posicionamento cultural e turístico e a súa positiva repercusión no sector turístico consolidando a desestacionalización deste mercado. Asemade, quixo insistir en que estes datos son unha chamada a todos os axentes implicados na xestión do Camiño para responder cunha mellora continua da calidade dos servizos ao peregrino e destacou a aposta por consolidar esta tendencia de visitantes e promover a hospitalidade de Tui coma referencia no Camiño Portugués.
Rematadas as obras de mantemento no pavillón deportivo municipal vello
O rotulado do nome da instalación e o pintado exterior sumáronse as reformas realizadas nos vestiarios, no chan de madeira, no panelado e pintado das paredes interiores, e á instalación dun portalón de acceso directo á pista.
A semana pasada remataron os traballos de mantemento do pavillón deportivo municipal vello de Tui nos que o Concello de Tui.
Con esta actuación a concellería de Deportes do Concello de Tui continúa co obxectivo marcado ao inicio deste mandato de "poñer as instalacións deportivas municipais á altura dos deportistas e clubs deportivos que as utilizan" tal e coma sinalada o concelleiro Rafael Estévez.
A colocación do rotulado do nome da instalación culminou a semana pasada estes labores, nos que tamén se procedeu ao pintado exterior durante os meses de setembro e outubro.
Estas actuacións súmanse á reforma dos vestiarios da instalación, realizadas con fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Amais con fondos propios o Concello, a finais do ano pasado, acometeu o lixado, vernizado e remarcaxe das liñas da pista de madeira, o pintado das paredes interiores o panelado das paredes con madeira e a instalación dun portalón de acceso directo á pista deportiva. A finais deste verán, tras a limpeza das paredes exteriores, iniciouse o pintado exterior da instalación, rematando coa rotulación do frontal co nome do pavillón. Todas estas actuacións supuxeron un investimento cercano aos 80.000€.
Este pavillón municipal é utilizado en horario matinal polos CEIP's Nº1 e Nº2 de Tui, coas clases de educación física dos nenos e nenas de Infantil e Primaria. Polas tardes son o Club Baloncesto Tui e A Quinta de Tui Fútbol Sala, os que empregan as instalacións para os adestramentos dos seus respectivos equipos, así como para os partidos federados nas fins de semana.
Tras estas obras no pavillón deportivo municipal vello e a reforma integral do Centro Municipal de Piragüismo "Quique Míguez", a concellería de Deportes do Concello de Tui acometerá en próximas datas, con fondos propios, varias melloras nas pistas de tenis de Areas, así como a construción de novos vestiarios no pavillón do CEIP de Guillarei e a reforma do tellado da grada do Campo Municipal de Fútbol "Álvarez Durán" de Tui, a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra 2023.
Este domingo celébrase en Tui a VII edición do concurso "Pinta Tui"
Deberán ser obras relacionadas coa cidade, e a técnica é libre
Este domingo, dende as 10.00 h, as rúas de Tui encheranse de cores coa celebración do VII Concurso de pintura ao aire libre "Pinta Tui". A intención é promover e achegar o arte e a cultura aos visitantes e incentivar a dinamización turística e as actividades do Concello. Está organizado por ACITUI e Efectos, co patrocinio do Concello de Tui e distintas casas comerciais.
Pode participar calquera persoa interesada inscribíndose ata este sábado día 12 ás 18.00 h, por correo electrónico en turismo@tui.gal, en acitui@acitui.es ou en efectostui@hotmail.com, así como presencialmente na Oficina de Turismo. Establécense tres categorías en función da idade: menores de 11 anos, entre 12 e 17 anos, e maiores de 18 anos.
O estilo e a técnica serán libres: óleo, acrílico, acuarela, carboncillo, tintas, ceras, etc. Sobre lenzo ou o soporte máis adecuado para cada técnica. Os e as artistas deberán acudir provistos de todo o material necesario para a execución da súa obra. Previo ao comezo a organización selará os soportes, cun tamaño mínimo de 40 cm e un máximo de 120 cm, na Oficina de Turismo.
As obras deberán ser pintadas o propio domingo, reflectindo calquera paisaxe ou motivo relacionado con Tui. Deberán ser entregadas antes das 18.00 h do propio domingo na Oficina de Turismo, onde se fará entrega dos premios tras a deliberación do xurado.
Todas as obras rematadas exporanse no mes de xaneiro na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui, no edificio Francisco Sánchez.
Na categoría de maiores de 18 anos, establécense seis premios, que oscilan dende os 750€ de material de pintura, 250€ en metálico e unha comida ou cea para dúas persoas no Restaurante Tapería Época, do primeiro premio, e os 100€ en material de pintura e unha comida ou cea para dúas persoas en Cruceiro do Monte.
Na categoría de entre 12 e 17 anos establécense cinco premios, dende os 400€ en material de pintura e dous menús na Cafetería Santa Columba, do primeiro gañador ou gañadora, ata os 50€ en material de pintura do quinto.
Xa na categoría dos máis pequenos, menores de 11 anos, establécense tres premios, dende os 50€ en material de pintura e un cono xigante de chuches de Gominolas Nitos, do primeiro posto, ata os 20€ en material de pintura e unha cesta de chuches do mesmo establecemento.
Tres voluntarios de Tui reciben o distintivo de permanencia de Protección Civil por máis de 25 anos na agrupación local
Tres membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tui recibiron o pasado sábado na Estrada, na sede da Academia Galega de Seguridade Pública, o distintivo de permanencia de Protección Civil.
Trátase de José Pérez Alonso, Adolfo Pérez Paramos e Nicolás Martínez Pazos, que levan 32 anos formando parte da agrupación tudense. Foron 3 do 57 voluntarios de agrupacións de toda Galicia que recibiron este recoñecemento por levar máis de 25 anos formando parte de Protección Civil.
Dende o Concello de Tui felicítase a estes tres voluntarios por este recoñecemento, ao tempo que se lles amosa o agradecemento, tanto a eles coma ao conxunto de persoas que integran a agrupación municipal, polo traballo desinteresado e altruísta que levan a cabo ao longo do ano actuando tanto en caso de accidentes ou incidencias coma colaboración con diversos eventos deportivos, culturais ou sociais. Destácase amais o seu esforzo tanto na súa actuación nestas ocasións coma na formación continúa que levan a cabo ao longo do ano realizando diferentes cursos de especialización.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, xunto ao concelleiro de Seguridade, José Ramón Magán, e o de Medio Ambiente, Ismael Diz, acompañaron aos voluntarios tudenses na entrega deste recoñecemento.