|
Pratos típicos para conectar con todas as oportunidades que ofrece Europa
A OMIX de Tomiño, oficina multiplicadora Eurodesk, puxo en marcha a iniciativa #SaboreaEuropa ao abeiro do programa europeo Time to Move
Concienciar á mocidade das oportunidades de mobilidade que existen na Unión Europea. Ese é o obxectivo de Eurodesk, unha rede europea de centros de información, formación e aprendizaxe que ten na OMIX de Tomiño unha das catro oficinas multiplicadoras de toda Galicia, a única na provincia de Pontevedra.
Cun alto grao de implicación neste programa, a OMIX tomiñesa puxo en marcha este ano a campaña #SaboeaEuropa, unha actividade de dinamización que "pretende dar a coñecer o pratos típicos de diferentes recunchos de Europa ao tempo que se informa sobre algunha das moitas posibilidades que ofrece a mozos e mozas, dende concursos europeos, o programa de mobilidade Erasmus+, o voluntariado do Corpo Europeo de Solidariedade, bolsas nacionais e internacionais, prácticas en diferentes países e moito, moito máis", destaca a alcaldesa, Sandra González.
Alemaña e Romanía foron as primeiras participantes neste innovador programa que conecta gastronomía e información. A alemá Jessica Schröedes, que realizou as súas prácticas laborais na OMIX de Tomiño a través do programa Erasmus+ e que hoxe en día é a subdirectora da oficina de estranxeiría da cidade de Lahr participou achegando unha foto e a receita do Schweinebraten (Roast pork) e do Kartoffelknödel (potato dumplings), un prato típico da Baviera alemá.
Tamén participou no #SaboreaEuropa Sandra Silvi, unha rapaza romanesa residente en Bucarest que estivo un ano en Tomiño como voluntaria da OMIX e aprendendo castelán e galego e que, actualmente, imparte clases de idiomas e ten o seu propio negocio. Silvi compartiu a receita do Sarmale, un prato típico de Romanía.
A OMIX de Tomiño convida a toda a mocidade a participar nesta iniciativa que nace ao abeiro do Time to Move (Tempo de moverse), un proxecto a través do que se organizan un conxunto de actividades presenciais e en liña por parte dos máis de 1200 profesionais das entidades colaboradoras e adscritas con representación en 34 países.
A Rede Eurodesk, á que pertence a OMIX de Tomiño dende hai anos, centra a súa atención na información relativa ás áreas de educación e formación co fin de que a mocidade se involucre en diferentes actividades europeas, accedendo á información de forma directa e sinxela, o que fomenta un sentimento de identidade europeo e abre unha morea de oportunidades. Os postos de Eurodesk son chamados Multiplicadores Cualificados e son oficinas locais repartidas por vilas e cidades de toda Europa que dan a coñecer a información a mozos e mozas, tanto presencialmente como a través de ferramentas tecnolóxicas.
O Concello traballa para eliminar a entrada de augas pluviais á rede de saneamento
Porá en marcha unha campaña de inspección e control das redes municipais e das conexións particulares para evitar a saturación da EDAR de Tomiño
O Concello de Tomiño en colaboración con Aqualia levará a cabo nas vindeiras semanas unha campaña de inspección e control das redes municipais de saneamento e das conexións particulares de augas pluviais co obxectivo de "evitar que, en momentos intensos de choivas como os que estamos a ter, suframos a insuficiencia dalgúns colectores, incapaces de asumir os volumes de augas que reciben para o seu transporte ata a Estación Depuradora de Augas Residuais de Tomiño (EDAR)", como sinala o concelleiro de Servizos Públicos, Lois Vázquez.
Esa conexión irregular nalgunhas vivendas xunto coas infiltracións na rede provocan unha saturación na EDAR de Tomiño, ademais de causar que os colectores non poden facer fronte ao volume de auga que reciben, facendo entrar en carga ás tubaxes e provocando o levantamento de tapas, retrocesos de augas e inundacións, así como problemas no propio tratamento da estación depuradora.
Nas vindeiras semanas un técnico encargarase de revisar as posibles verteduras de pluviais ao sistema municipal de saneamento que se poidan estar a producir e de avisar ás persoas propietarias do inmoble.
En caso de que algunha vivenda se atope en situación irregular por estas verteduras, o propietario ou propietaria deberán dar os pasos necesarios para regularizar a situación. Para iso será necesario acudir á oficina de Aqualia en Tomiño os mércores e xoves de 09.00 a 13.00 horas, chamar ao teléfono de atención ao cliente 900 81 33 57 ou contactar co Concello a través do teléfono 986 62 20 01, extensión 6, onde a técnica de Medio Ambiente tomará nota do aviso para realizar a posterior chamada ou visita.
O Concello mellorará os camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas en Figueiró
A través dunha subvención de case 67.000 euros da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADDER)
O Concello de Tomiño continúa coa mellora paulatina da rede de estradas do municipio. Entre este o vindeiro ano, o Goberno municipal levará a cabo os traballos de mellora dos vieiros en Lago, na parroquia de Figueiró, ao abeiro da axuda concedida pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) ao abeiro do Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023.
Serán case 67.000 euros, o equivalente ao 100% da axuda solicitada, que permitiu ao Concello seguir captando fondos para reparar estradas e pistas asfaltadas e mesmo para pavimentar completamente as pistas que se atopan en terra, alargándoas en caso de ser necesario para mellorar os servizos ofrecidos á veciñanza. Serán case 16.000 euros para a anualidade 2022 e máis de 50.000 para a de 2023.
Como explica a alcaldesa, Sandra González, "dada a ampla superficie do tempo municipal e ao gran número de estradas existentes en Tomiño, a tarefa de mantelas todas en perfecto estado é complicada e laboriosa. Por iso poñemos en marcha diferentes proxectos para ir rexenerando completamente a rodadura nos nosos vieiros e incluso levar a cabo traballos de pavimentación que nos permitan ampliar a plataforma actual en zonas nas que é necesario".
Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023:
Pinocho chega a Goián en forma de teatro musical
EducaTeatro representará 'O mundo máxico de Pinocho' este domingo 13 de novembro ás 17.30 horas no auditorio municipal
O Concello de Tomiño continúa ofrecendo á veciñanza unha ampla programación cultural con actividades pensadas para o desfrute de todos os públicos e todas as idades. Este domingo 13 de novembro chega a Goián 'O mundo máxico de Pinocho', unha curiosa adaptación de EducaTeatro ao teatro musical deste clásico de Carlo Collodi, no que o público poderá gozar dunha proposta que mestura técnicas como voz e piano en directo, maxia de grandes ilusións ou sombras chinesas ou corpóreas.
Pensado especialmente para público familiar e cativos e cativas a partir de 2 anos, o espectáculo recolle unha historia contada a través dos ollos de Pepiño Grilo que, xunto coa fada Mimadriña, Raposo e Gato, acompañará a Pinocho no camiño para converterse nun neno de verdade. Un camiño que comeza no obradoiro de Gepetto e que pasará pola escola, por un circo de monicreques onde un malvado titiriteiro tentará raptalo e ata pola barriga dun peixe xigante. Unha morea de aventuras para que o protagonista aprenda que dicir mentiras ten as súas consecuencias.
A representación será ás 17.30 horas no auditorio municipal de Goián e terá un prezo de 5 euros para persoas adultas e de 2,5 euros para menores de 12 anos. A alcaldesa, Sandra González, convida aos tomiñeses e tomiñesas a gozar dunha tarde de teatro en familia con este espectáculo cheo de música, maxia, risas e ilusión.
O Outono de libros baixa o pano coa ópera prima do escritor tudense Emilio Estévez
O autor presentará este venres 11 no Mercado de Tomiño (20.00 h) o seu libro 'El Báculo de San Epitacio. Susana, Susana...', a súa primeira incursión no panorama narrativo de aventuras
Tras seis semanas achegando á veciñanza a literatura de autores e autoras da comarca, o Outono de libros do Concello de Tomiño baixa o pano cunha presentación moi especial, a da ópera prima do tudense Emilio Estévez, 'El Báculo de San Epitacio. Susana, Susana...'. Nunha charla amable, amena e aberta a todos os públicos, o escritor descubrirá ao público a historia que se agocha detrás da súa primeira novela, coa que debuta no panorama narrativo de aventuras.
Ambientada principalmente en Tui, cunha prosa áxil e cun ritmo imparable, Estévez mergúllanos na historia de Susana, unha moza nada no País Vasco que ordena e organiza minuciosamente o seu presente e o seu futuro nunha época de reinicio e cambios, o verán de 1999, co novo milenio chamando á porta. Non obstante, o pasado sae ao seu encontro nunha viaxe á histórica cidade tudense, ao finisterrae románico, na procura das orixes da súa defunta nai que lle cambiará a vida para sempre. Con esta historia de fondo, os e as lectores poderán gozar dunha novela que cabalga entre o xénero de aventuras e a novela histórica, sen desatender os aspectos máis profundos da natureza humana.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, convida a toda a veciñanza a desfrutar da presentación do libro de Emilio Estévez ao abeiro dun programa co que dende o Concello se buscaba "descubrir aos tomiñeses e tomiñesas ás e aos escritores que teñen ao seu carón e dar visibilidade á creación literaria en todos os xéneros e a calquera idade".
Natural de Tui, Emilio Estévez é enxeñeiro industrial de profesión, doutor en matemática aplicada e profesor universitario. A súa carreira profesional desenvolveuse ocupando cargos de responsabilidade en empresas e organizacións empresariais, como Coplant, a principal distribuidora de planta ornamental de Galicia e das máis importantes a nivel estatal, da que é xerente. Coa chegada da pandemia, Estévez decidiu explorar unha inquedanza que tiña dende tempo atrás e comezou a dar forma a unha historia que percorre escenarios de ficción nunha aventura trepidante na que o lector e a lectora poderán atopar certos matices autobiográficos. O autor xa está a traballar na súa segunda novela.
A presentación será no Mercado de Tomiño ás 20.00 horas con entrada de balde e libre ata completar aforo.
'O meu mundo non é deste reino' ou unha farsa para escapar da opresión dos totalitarismos
Teatro da Rambooia súbese este sábado 12 ao escenario no auditorio de Goián con esta obra gañadora de dous premios María Casares. Será ás 21 h e de balde
A programación cultural volve esta fin de semana a Tomiño levantando o pano para acoller unha obra teatral de gran calado. Teatro da Ramboia súbese este sábado 12 de novembro ao escenario do auditorio municipal de Goián para representar 'O meu mundo non é deste reino', unha adaptación libre da 'Farsa de Bululú' de Manuel María, unha parodia da ditadura franquista escrita no ano 1973 que busca un ben sostido equilibrio entre a farsa de marionetas orixinal e unha duplicidade máis enfocada ao histórico a través da conversa entre os dous personaxes protagonistas.
Nela un par de feirantes chegan ao que chaman fogar logo dun longo día de traballo. Son Camilo e Tomás, dous titiriteiros que levan o mesmo espectáculo unha e outra vez polas vilas de todo o país, carrexando ás súas costas un enorme 'tutilimundi'. A disxuntiva de abrilo convérteo nunha caixa de pandora latente xa que contar e dar vida ao que contén supón a única vía de escape dos totalitarismos que os oprimen.
Escrita pola directora María Peinado, a recuperación do título orixinal da obra serve para proxectar este laio silenciado no seu día. Hoxe encabeza o espectáculo de novo para facer fronte a un pasado que insiste en repetirse, apostando por un código de denuncia social que mantén o aroma a farsa negra que desprende o texto de Manuel María.
A obra foi flamante vencedora do primeiro Certame Manuel María de Proxectos Teatrais e gañadora ademais de dous premios María Casares á mellor adaptación e mellor dirección. Este espectáculo está subvencionado pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do programa Tornar as táboas.
O espectáculo representarase ás 21.00 horas, será de balde e está dirixido a público a partir dos 14 anos.
Tomiño deu apoio a máis de 4.300 persoas para promover o seu benestar social
Xunto a este programa de valoración, orientación e información, en 2021 o Concello atendeu a 285 tomiñeses e tomiñesas na unidade de convivencia e axuda a domicilio e asistiu a 199 familias no de educación familiar
O Concello de Tomiño segue avanzando ano a ano para garantir que toda a veciñanza poida acceder a unha atención social que lle permita mellorar a súa calidade de vida, fomentando a integración e apostando pola prevención. Só durante o ano 2021 a área de Benestar Social prestou apoio a 4.355 persoas dentro do seu programa de valoración, orientación e información, a través do que se tramitaron numerosas solicitudes relacionadas con persoas maiores, con diversidade funcional e dependencia, con familia e infancia ou con muller, entre outros.
"Facer una balance anual permítenos visibilizar e dar a coñecer á veciñanza todas as tarefas que abarca a área de Benestar Social e o amplo abano de servizos que ofrece a todos os tomiñeses e tomiñesas, así como ver as melloras e os avances que cada ano facemos na conquista do benestar de todos e todas", explica a alcaldesa, Sandra González.
Entre outras accións postas en marcha por esta área, ao longo de todo o ano pasado 65 usuarios e usuarias participaron no servizo de axuda no fogar con carácter básico, e outros 144 con grao de dependencia. Ao abeiro do programa de apoio á unidade de convivencia e axuda a domicilio tamén se prestaron camas articuladas e grúas a 24 persoas, 16 beneficiarios e beneficiarias están adscritos ao programa Xantar na Casa e outros 36 ao de teleasistencia domiciliaria.
Co obxectivo de promover a integración social e a calidade educativa, o Concello de Tomiño ten en marcha tamén un servizo de educación familiar no que participaron o ano pasado 199 familias con 511 menores a cargo. Ademais, dentro do programa de integración social, 168 unidades familiares percibiron algunha axuda económica de emerxencia.
A concelleira responsable da área de Benestar Social, Cristina Martínez, explica que "é fundamental facer unha diagnose social da comunidade, analizar as súas necesidade e demanda, e deseñar así un plan de intervención en caso de colectivos ou persoas socialmente vulnerables, pero tamén facer unha detección precoz de situacións de risco que nos permitan desenvolver actuacións de carácter preventivo ou de promoción e integración social".
|