JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

"A saia raíña" visibiliza na Guarda o loito e a súa histórica relación coa muller en Galicia

" Esta Exposición de testemuñas a través da fotografía e o audiovisual estará na Casa dos Alonso en horario de mañá ata o vindeiro 5 de decembro.

" A actividade está recomendada para público de todas as idades.

A Casa dos Alonso da Guarda acolle ata o vindeiro 5 de decembro en horario de mañá a exposición "A Saia Raíña". Trátase dunha exposición de testemuñas nos formatos de fotografía e audiovisual, froito do traballo de campo de Rita Mas Ybáñez en diferentes aldeas e cidades galegas.

A inauguración, celebrada este xoves día 10 de novembro, contou coa asistencia de preto de medio cento de persoas, intervindo a Concelleira de Igualdade, Fátima Rodríguez, o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a autora desta exposición, Rita Mas Ybáñez.

Para Fátima Rodríguez, "esta exposición pon de manifesto que cada persoa vive en Galicia o loito dunha maneira distinta, en función do seu ámbito familiar, as tradicións dos lugares onde residen ou o seu entorno máis próximo, unha visión global dun feito que a todos nos toca vivir nalgún momento das nosas vidas e que queda reflexado dunha maneira moi visual co excelente traballo feito por Rita Mas Ybáñez".

O Alcalde valorou esta exposición dun xeito moi positivo, ademais coincidindo no mes de novembro, tendo pasado fai uns días o día de todos os santos, unha exposición que fai un traballo antropomórfico exacto e real do loito en Galicia.

Para a realización desta exposición, foron entrevistadas máis de 60 persoas informantes, principalmente mulleres, aínda enloitadas e tamén homes que falan do costume de gardar o loito, tanto temporal coma permanente. As viaxes coas cámaras, a gravadora e mailo caderno de campo percorreron as provincias de Pontevedra, Lugo, Ourense e A Coruña tanto no rural como no ámbito urbano.

As mulleres falan no documental das súas vivencias, da necesidade ou imposición de gardar o loito, das diferencias do costume entre homes e mulleres, e finalmente da súa evolución que tende a desaparecer no século XXI.

Rita Mas Ybáñez é poetisa e escritora. Entre outros gañou o Premio Nacional de poesía Jaime Gil de Biedma (Segovia) e premios de poesía e vídeo creación das Mariñas (Carballo). Adicada a comunicación en medios e a etnografía, logo da súa formación audiovisual, é estudante de Antropoloxía Social e Cultural na UNED e realiza o traballo de campo e investigación etnográfica sobre o loito. Ten impartido conferencias e charlas na universidade, Concellos de Vigo, A Coruña, e Bibliotecas Provinciais dentro e fora de Galiza, e actualmente está traballando na próxima publicación do formato libro da monografía referida ao loito e o traballo de campo etnográfico resultado da exposición A Saia Raíña, mulleres galegas enloitadas no século XXI.

Esta actividade está promovida pola Concellería de Igualdade e o CIM da Guarda, e está subvencionada con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Dende o Concello da Guarda se lanza un convite xerala toda a cidadanía guardesa para que visite esta magnífica exposición, que estará ata o vindeiro día 5 de decembro na Casa dos Alonso.

Concello de A Guarda


A ASEMBLEA LOCAL DO BNG DA GUARDA ELIXE POR UNANIMIDADE A ANXO BAZ COMO CANDIDATO A ALCALDE

Anxo Baz: "Temos un proxecto para colocar esta vila na vangarda saíndo da rutina e coa valentía suficiente para modernizar e transformar A Guarda"

O BNG da Guarda vén de elexir a Anxo Baz como candidato a Alcaldía por unanimidade.

A responsábel local do BNG, Bea Lomba na súa presentación destacou de Anxo Baz que coñece ben os problemas da sociedade guardesa e nestes últimos anos adquiriu a experiencia necesaria para colocar este concello no lugar que lle corresponde. A Guarda leva demasiado tempo parada, desaproveitando oportunidades cando temos un concello que é un diamante en bruto: temos un enorme patrimonio tanto cultural como natural e xente talentosa con grande capacidade de iniciativa.

As distintas intervencións que se sucederon na asemblea coincidiron en cualificar a Anxo como unha persoa "dialogante, próxima, amable e humilde, e con capacidade para darlle A Guarda un novo rumbo cun proxecto de goberno para aproveitar todo o seu potencial".

Pola súa banda Anxo Baz fixo fincapé na urxencia de sacar A Guarda adiante porque pese a todas as súas fortalezas o municipio está "estancando", unha situación na que leva moito tempo. Temos un proxecto para colocar esta vila na vangarda saíndo da rutina e coa valentía suficiente para modernizar e transformar A Guarda e para mellorar a calidade de vida da veciñanza, afondou.

"Nun momento como o actual, de grandes cambios e transformacións a nivel global, hai que sacar A Guarda dese bucle de apatía e poñer en marcha un novo proxecto, para poñela a funcionar, na vangarda, con confianza nas potencialidades que temos aquí. E podemos facelo. Así o facemos en todos os Concellos que gobernamos, que avanzan da man do Bloque", explicou.

BNG de A Guarda


Obradoiro do Plan para a implementación da Axenda 2030 no Concello de A Guarda

Continúa avanzando o proxecto "A Axenda 2030, un reto local nun mundo en transformación II", que ten por obxectivo a elaboración dun Plan estratéxico para a Implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) no Concello da Guarda.

O próximo paso é a celebración dun obradoiro, onde se explicará a axenda global e a súa aplicación a nivel municipal. Ademais, exporase a análise diagnose realizada trala fase de entrevistas a persoal do concello e un número significativo de asociacións, así como o período de enquisa aberta á cidadanía. O groso do acto consistirá na exposición da proposta do Plan estratéxico, para dar paso ao momento de suxestións no que o público poderá expresar a súa opinión e as súas achegas.

Esta actividade realizarase o vindeiro mércores 16 de novembro, de 10 a 11:30 horas no Concello da Guarda.

Concello de A Guarda


Preséntase na Guarda o libro "Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos"

" Venres 11 de novembro ás 20:00h na Casa dos Alonso da Guarda.

Roberto Mera recupera para a historia a figura do deputado republicano que liderou a evacuación desde Francia de 17.000 exiliados durante a guerra civil

O Salón de Plenos do Concello da Guarda acollerá o vindeiro venres, día 11 de novembro, a presentación do libro "Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos", do avogado e politólogo Roberto Mera, publicado por Belagua Ediciones. O acto, organizado en colaboración coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e Louriña, terá lugar ás 20.00 horas, e estará introducido polo escritor Francisco Álvarez, "Koki".

Neste libro, dispoñible en versións en galego e en castelán, Roberto Mera recuperou para a historia a vida do seu tío bisavó, o deputado republicano Alejandro Viana (Ponteareas, 1877-México DF, 1952), cuxa intervención foi decisiva para a evacuación dende Francia cara a América de 17.000 refuxiados republicanos tras o estoupido da guerra civil española.

Pola súa trascendencia na recuperación da memoria democrática, o libro foi galardoado este ano co premio Antón Losada Diéguez, na categoría de Investigación e Ensaio.

A través dunha inxente documentación atopada en diversos arquivos, Mera Covas constrúe un libro ameno e de áxil lectura para contar os dezaséis últimos anos da vida de Alejandro Viana, "un home íntegro e entregado aos demais", que fuxiu a Francia co goberno da República e arriscou a súa vida, acosado pola Gestapo e a Falanxe, para salvar a decenas de miles de persoas antes de poder el mesmo embarcar cara ao exilio en México, onde morreu en 1952.

A epopea que narra este libro comeza co estoupido da Guerra Civil. Daquela Alejandro Viana tiña xa unha dilatada traxectoria vital e era un relevante persoeiro do empresariado, a política e a sociedade de Vigo.

Alejandro Viana, que puido porse a salvo nos primeiros compases da guerra porque tiña os medios económicos e os contactos necesarios para facelo, optou por permanecer xunto ao goberno da República no exilio francés e, á fronte do Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles, axudar os seus concidadáns na procura da liberdade, nun exemplo de entrega aos demais, fiel sempre aos valores republicanos.

O libro é, en palabras do seu autor, "un acto de xustiza para un home que merecería o apelativo do Schindler galego por méritos propios e que, porén, foi vítima, como tantos e tantas, do sepulcral esquecemento imposto polo medo e o terror de corenta anos de ditadura, alongado ata os nosos días por un vergoñento pacto de silencio".

Concello de A Guarda


O delegado amosa o apoio á Rede de Cruceiros Costeiros e Fluviais dos Destinos Náuticos Sostibles de España, que recibe 2M€ do PRTR

José Miñones presenta na Guarda un proxecto de turismo sostible que creará itinerarios fluviais con cruceiros polos ríos Miño e Sil, a cargo do Plan de Recuperación do Goberno

" O delegado do Goberno resalta na Guarda a grande oportunidade do Plan de Recuperación para a transformación do sector turístico de Galicia

" "Imos facer do Miño, e tamén do Sil, unha vía navegable, dende a provincia de Lugo, pasando por Ourense e Pontevedra, ata a súa desembocadura na Guarda", detalla

" Valora a oportunidade para posicionarnos como destino turístico sostible no mercado internacional

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, resaltou esta mañá na Guarda "a grande oportunidade" do Plan de Recuperación para a transformación do sector turístico galego, durante a presentación da Rede de Cruceiros Costeiros e Fluviais dos Destinos Náuticos Sostibles de España, na que Galicia é un dos dez territorios participantes. O proxecto está financiado por Turismo España con 1.999.980 euros a cargo do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Goberno. "Imos facer do Miño, e tamén do Sil, unha vía navegable, dende a provincia de Lugo, pasando por Ourense e Pontevedra, ata a súa desembocadura na Guarda", valorou o delegado. A presentación tivo lugar no porto da Pasaxe-Camposancos, na Guarda, e nela participaron tamén o a alcalde da localidade, Antonio Lomba; o concelleiro da localidade lusa de Caminha João Antonio Branco Pinto; e o representante da Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN) José Manuel Fernández, que promove a iniciativa.

José Miñones subliñou que o este proxecto é "unha nova mostra de que o Plan de Recuperación está chegando a todo o territorio, aos concellos, á cidadanía e ás empresas; neste caso, ao sector turístico". O delegado insistiu en que a Rede de Cruceiros Costeiros e Fluviais (Rede CCF) supón unha grande oportunidade para A Guarda, para a Ribeira Sacra e os distintos destinos que ofrecen riqueza natural e cultural nas ribeiras do Sil e do Miño nas provincias e Lugo, Ourense e Pontevedra.

Este proxecto representa dúas apostas firmes deste Goberno. Por unha banda, a sustentabilidade como base de transformación do sistema produtivo. Por outra, a cooperación entre territorios fronteirizos. Neste caso entre Galicia e Portugal, a ambas as dúas beiras do Miño.

O delegado do Goberno reuniuse o pasado mes de marzo con José Manuel Fernández para coñecer esta iniciativa da Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN) que agora toma forma co apoio do Goberno. "O desenvolvemento de itinerarios náuticos e culturais encaixa perfectamente co potencial turístico que temos en Galicia e en Portugal", valorou José Miñones, quen amosou a súa satisfacción por impulsar a modernización do sector en Galicia "para posicionarnos como destino turístico sostible no mercado internacional".

"O turismo do futuro será sostible ou non será. E estamos a aproveitar esta grande oportunidade do Plan de Recuperación do Goberno para transformar o noso modelo produtivo, para sermos máis competitivos e sostibles", concluíu o delegado.

Concello de A Guarda


A Guarda sitúa ao rural como eixo de futuro e emprendemento coa Feira de Emprego e Formación "Imaxinando Rural"

" Durante esta feira demostrouse unha realidade: vivir e traballar no rural é posible, e así nolo amosaron as diferentes entidades e empresas que participaron a través do relato das súas experiencias.

O Concello da Guarda puxo este venres o broche final á IV edición da Feira de Emprego que este ano levou por nome "Imaxinando Rural". Un evento con dúas xornadas no que participou alumnado do IES A Sangriña da Guarda, do Obradoiro de Emprego, do Centro Especial de Emprego de San Xerome e demais convidados e asistentes.

Nesta edición púxose de manifesto todo o potencial que gardan as zonas rurais, especialmente A Guarda, non só para desenvolver proxectos de vida senón tamén porque son espazos nos que é posible poñer en marcha actividades profesionais exitosas.

No evento contouse coa participación de diversos entes como o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Vigo-A Guarda, ou o Grupo de Desenvolvemento Rural Baixo Miño que afondaron nas opcións laborais que ofrece tanto o sector do mar coma o sector agrícola.

Tamén visitou A Guarda Anceu Coliving, que ofrece en Ponte Caldelas unha experiencia de convivencia e coworking nunha granxa restaurada, na que resulta posible vivir de maneira sostible e traballar de forma remota.

Contouse ademais coa empresa guardesa Skeirrum, que presentou o seu proxecto e que preparou unha interesante actividade de street scape polas rúas da Guarda na que o eixo principal foi o emprendemento.

Durante o evento tamén houbo espazo para a presentación dos resultados dun estudo sobre mocidade guardesa e perspectivas laborais que se levou a cabo este ano a iniciativa do Concello pola consultora Inthemove, e por último, participaron nunha mesa redonda varios/as representantes de 6 empresas asentadas na vila, un centro especial de emprego e unha asociación que desenvolve proxectos europeos con mocidade aquí na Guarda.

Desde o Concello queremos agradecer a todas as persoas convidadas, asistentes e especialmente queremos recoñecer as aportacións das persoas que participaron desta mesa redonda e que representaron a Librería Atlántica, Acontravento, Academia Lili, XerEmprega, Lacena, Academia Your English Corner, Asociación Foco e Maderas Lomba, que deixaron moi motivado ao público asistente e transmitiron a idea das inmensas posibilidades que ten o noso pobo para emprender.

A actividade estivo subvencionada pola Deputación de Pontevedra.

Concello de A Guarda


Xornada informativa sobre dereitos básicos das persoas consumidoras en servizos financeiros o 17 de novembro na Guarda

" O Concello da Guarda acolle o vindeiro xoves día 17 de novembro unha Xornada informativa organizada pola Escola Galega de Consumo sobre dereitos básicos das persoas consumidoras en servizos financeiros, que terá lugar ás 17:00h no Salón de Plenos.

O obxectivo da charla é achegar á poboación galega información e asesoramento sobre os dereitos básicos que temos en materia bancaria e financeira, para o cal se veñen desenvolvendo talleres gratuítos sobre estas temáticas nas catro provincias galegas.

Como persoas consumidoras de produtos bancarios enfrontámonos a diario a conceptos e situacións complexas, como poden ser os créditos ao consumo ou as tarxetas revolving. De aí que, unha educación financeira plenamente accesible ao conxunto da sociedade reduce os riscos de exclusión e alenta ás persoas consumidoras a planificar, contribuíndo tamén desta maneira a dar a coñecer a conta de pago básica e a evitar o sobreendebedamento.

Concello de A Guarda


O Grupo Antorcha cumpre 40 anos de intensa actividade

" Celebran o vindeiro sábado día 19 de novembro o Concerto de Outono ás 20:30h na Igrexa parroquial coa participación de María José Baz, Grupo Antorcha e o Coro Cantábile.

O Grupo Antorcha da Guarda cumpre neste ano o seu 40 aniversario, unha longa traxectoria que naceu no ano 1981 baixo o nome "Rondalla del Recreao Artístico Guardés, para pasar a chamarse "Rondalla cultural guardesa" e agora na actualidade Grupo Antorcha.

Baixo a dirección da cantautora guardesa María José Baz, o Grupo Antorcha ten participado en diversos concursos, concertos e festivais de toda Galicia, colaborando tamén con corais e diversos grupos en actos culturais de toda a xeografía española e do norte de Portugal, pasando polos estudos de gravación da TVG, en programas como "Galicia Enteira" ou "Desde Galicia para el mundo" e tamén en Radio Obradoiro, no seu programa "Estamos contigo".

O Grupo Antorcha componse maioritariamente de mulleres, ás que as une a súa paixón pola música, reuníndose varias veces á semana para realizar os ensaios e preparar os temas, con cancións románticas, populares, modernas e relixiosas.

A vindeira actuación do grupo Antorcha será o sábado día 19 de novembro ás 20:30h na Igrexa Parroquial da Guarda, onde compartirán escenario con María José Baz e o Coro Cantábile.

María José Baz

A Cantautora guardesa María José Baz iníciase na música aos 12 anos, participando dende aquela en numerosos festivais, actos, exposicións e concertos. Na súa traxectoria pasou pola TVG, Radio Tui, a Radio Galega, colaborando no seu programa "Pensando en Ti" ou Radio Obradoiro no seu programa "Estamos contigo".

Publica o seu primeiro traballo discográfico no ano 2010 baixo o título "Crepúsculo Mental". Dirixe o Grupo Antorcha e é Monitoria de guitarra coma actividade extraescolar en diversos colexios do Baixo Miño.

Coro Cantábile

O coro xurde no 1986 como coro da catequesis para máis tarde pasar a chamarse coro Arpegios, primeiro infantil e despois xuvenil de voces mixtas. Durante a súa traxectoria percorreron varios lugares de España, País Vasco, Barcelona, Madrid... e tamén Portugal e Francia acadando un gran nivel con gran esforzo e adicación.

A partir do ano 2007, José Luis Lorenzo Rodríguez continúa como presidente e pasa a asumir a dirección dona Lucía Alonso Castro. Xa para aquel entón o coro inicial Arpegios se tiña dividido en dúas formacións: Coro Arpegios, infantil e Coro Cantábile, xuvenil e adulto.

No ano 2016 toma a batuta Don Avelino Ferreira López, director actual, e dende a súa incorporación, o Coro Cantábile ten continuado promocionando a música como hobby, interpretando temas de distintas épocas, estilos e orixes xeográficos, obras profanas e relixiosas, clásicas e contemporáneas.

Concello de A Guarda


O clásico conto de Xan e as Fabas máxicas, a cita deste sábado dentro do Outono Teatral na Guarda

" Sábado 12 de novembro ás 18:00h no Salón de Actos do Centro Cultural.

Cunha coidada presentación e estética a compañía Caramuxo representa con teatro de monicreques e actor a proposta As Fabas Máxicas, cunha linguaxe actualizada e enlazada coa nosa realidade, a historia respecta non obstante o argumento orixinal do clásico conto infantil. Tras criarse na aldea coa súa avoa, Xan vive agora nun pequeno apartamento nun dos edificios mais altos de Nova York. Un día coidando das plantas da súa terraza, descobre algo que lle fai lembrar unha infancia chea de aventuras con xigantes, galiñas con ovos de ouro, plantas trepadoras ao infinito....mais con valor, emoción e inxeño conseguirán vencer todos os obstáculos.

A cita será este sábado ás 18:00h. no Salón de Actos do Centro Cultural da Guarda, non é precisa a inscrición previa e a entrada é de balde. A duración prevista é de 45min. Sendo unha proposta válida para nenos a partir dos 3-4anos

Este espectáculo é a segunda entrega para público infantil do ciclo Outono Teatral subvencionado pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2022.

Concello de A Guarda




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais