JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Aberta a inscrición para os cursos de Instalación de Elementos de Carpintería e Venda de produtos e servizos turísticos

Está previsto que comecen no mes de febreiro de 2023

Está aberto o prazo de inscrición para os dous cursos de formación de "Instalación de Elementos de Carpintería" e de "Venda de Produtos e Servizos Turísticos" que se van impartir no Centro Municipal de Formación e Emprego en Guillarei.

Estas accións formativas foron concedidas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ao Concello de Tui. Estas actividades contribuirán á mellora da empregabilidade dunha trintena de persoas polo que dende o Concello de Tui se amosa o agradecemento á Xunta pola concesión da correspondente subvención para o seu desenvolvemento.

As persoas interesadas poden inscribirse presencialmente na Oficina de Emprego ou no Centro Municipal de Formación e Emprego en Guillarei, solicitando cita previa no 670 24 56 33. No momento da inscrición débese aportar a documentación requirida para cada curso. Terán preferencia as persoas en situación de desemprego. As persoas seleccionadas poderán solicitar bolsas e/ou axudas por asistencia.

O curso de "Instalación de Elementos de Carpintería" contará cun total de 578 horas lectivas. Celebrarase entre o 22 de febreiro e o 11 de agosto de 2023 en horario de 15.30 a 20.30 h. O alumnado debe estar en posesión do título da ESO, certificado de profesionalidade de nivel 2; ou certificado de profesionalidade de nivel 1 da mesma familia e área; ou acreditar ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos ou maiores de 45 anos; ou acreditar ter as competencias clave de nivel 3.

Mentres o curso de "Venda de produtos e servizos turísticos" terá unha carga lectiva de 688 horas a impartir entre o 6 de febreiro e o 31 de agosto de 2023 en horario de 9 a 14 h. Para realizalo as persoas interesadas deben estar en posesión do título de bacharelato ou Técnico de FP (grao medio); ou certificado de profesionalidade de nivel 3; ou certificado de profesionalidade de nivel 2 da mesma familia e área; ou acreditar ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos ou maiores de 45 anos; ou acreditar ter as competencias clave de nivel 2.

En ambos casos débese achegar tamén a tarxeta de emprego actualizada.

Concello Tui


Tui ofrece en Outono múltiples propostas de lecer

A Feira da Cabaza, a programación do Teatro Municipal, unha andaina da Eurocidade, ou a Urban Trail Night forman parte da oferta para as próximas semanas.

O outono ofrece en Tui múltiples propostas para gozar do tempo de lecer vinculadas á cultura, ao patrimonio histórico ou natural.

Así, por unha banda, mañá sábado e o domingo celébrase a II Feira da Cabaza no edificio dos antigos xulgados na praza da Inmaculada. Este evento enxalza este produto típico do outono a través da exposición e venda, pero tamén coa súa preparación a través de obradoiros infantís de cociña, e demostracións e degustacións de diferentes pratos coa cabaza coma ingrediente principal, maridados con viños da zona e mesmo con cervexa de cabaza.

No plano cultural o outono ofrece tamén distintos espectáculos no Teatro Municipal. Deles, tres van destinados a público familiar. Hoxe mesmo, ás 19.30 h, Tanxarina Títeres presenta o espectáculo "A cazola de Lola". No mesmo horario o venres 4 de novembro actuará Da.Te Danza con "Natanam", e o venres 18 Os Náufragos con "Hugo". Pero, amais, o venres 11 ás 21.30 h proxectarase o filme "Cuñados", e o venres 25 Contraproducións levará a escena "Cigarreiras". As entradas están á venda en tui.gal.

No mesmo edificio Francisco Sánchez, onde está ubicado o teatro tudense, pode visitarse a exposición "Castelao grafista (facsímile)" de Abanca e Afundación até o 20 de novembro, e o próximo xoves 3 de novembro inaugurarase a mostra fotográfica "En un Lugar Cualquiera" de ACCEM.

No ámbito deportivo o sábado 5 de novembro, ás 10 h, sairá da igrexa de Malvas a andaina por Malvas e Pexegueiro que forma parte do circuíto de Andainas e Caminhadas Saudables da Eurocidade Tui-Valença. A inscrición está aberta en andatui.es. Mentres, o sábado 26 de novembro, celebrarase a Urban Trail Ninght Eurocidade, cun percorrido nocturno entre Tui e Valença do que se pode ampliar a información en urbantrailnight.com.

A Oficina Municipal de Turismo, no Paseo da Corredoira, ofrece a tudenses e visitantes a información sobre todas estas citas, pero tamén sobre os atractivos que o municipio ofrece nesta época do ano.

Así é cita obrigada achegarse até o Parque Natural do Monte Aloia, no que foi o primeiro espazo protexido de Galicia, para gozar das cores marróns, ocres, verdes que inundan a paisaxe. No Aloia hai diferentes rutas establecidas coma da Rego da Auga, Senda Botánica, Cabana-Cabaciña, ou Castro do Alto dos Cubos. En plena natureza e no mesmo parque natural podemos visitar a senda dos Muíños do Tripes ou dos Muíños do Deique, que tras as últimas choivas permiten ver fervenzas ou levadas ateigadas de auga.

Cruzar andando pola vella Ponte Internacional permite pór un pé en España e outro en Portugal, pero tamén gozar da paisaxe outonal nas rúas beiras do Miño. Igualmente o Camiño de Santiago ofrece percorridos de gran beleza paisaxística, natural e patrimonial, dende a propia entrada a Galicia, o conxunto histórico, San Domingos, San Bartolomeu ou a Ponte das Febres en Ribadelouro.

Perderse polas rúas da cidade histórica é outra das propostas para este outono, ben deixándose levar polos pasos a través das rúas empedradas, ou seguindo as rutas histórica ou xudía a través da plataforma turismotui.mobi que permiten realizar un percorrido autoguiado e xeolocalizado.

Do mesmo xeito na Oficina Municipal de Turismo, que abre de luns a domingo de 9.30 a 14 h e de 16 a 19 h, pódense recoller os impresos das rutas autoguiadas para público familiar para descubrir o tesouro de Salomón ou o túnel de Dona Urraca.

Concello Tui


Adxudicadas as obras de adecuación e mellora da N-551 na Avenida de Portugal

Suporán un investimento por parte do Mitma superior aos 530 mil euros

O Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, Mitma, adxudicou as obras de adecuación e mellora da seguridade vial na Avenida de Portugal nun tramo de 400 metros na N-551 entre o cruzamento coa N-550 (intersección do Parador) até a vella Ponte Internacional.

As obras foron adxudicadas por importe de 532.870 euros e consistirán na mellora da seguridade vial e estética desta Avenida, entrada a España dende Portugal, Camiño de Santiago e acceso á cidade.

Así o proxecto a executar comprende por unha parte a redistribución da sección transversal do tramo e reordenación do tráfico no entorno do edificio onde se ubica o Centro de Cooperación Policial e Aduaneiro, CCPA. Por outra parte adecuaranse os elementos de drenaxe existentes ao novo deseño da sección transversal. Tamén se levará a cabo a mellora da imaxe do entorno e adecuación ao valor cultural e patrimonial do tramo.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, lembra que se trata dunha vella reivindicación e dunha obra "importante, prioritaria e moi necesaria" que contribuirá á transformar "a principal porta de entrada de Portugal no noso país e Camiño de Santiago".

Concello Tui


Tui celebra esta fin de semana a II Feira da Cabaza

Haberá venda, gastronomía, obradoiros e degustación de receitas con cabazas

A cabaza será a protagonista esta fin de semana do Samaín en Tui coa celebración da segunda edición da Feira da Cabaza. A cita será no edificio dos antigos xulgados na praza da Inmaculada. Exposición e venda de cabazas, obradoiros infantís de cociña, showcooking, e música en directo formarán parte do programa previsto.

O programa comezará este sábado día 29 cun obradoiro de cociña con cabaza para nenos e nenas de 5 a 12 anos impartido por Raquel e Elena Alonso Galván de Cociñarte. Haberá dúas quendas ás 17:00 h e ás 18:30 h.

O sábado continuará cun showcooking, ás 20:00 h, con menú degustación maridado con viños da zona a cargo de Noelia Figueiras Vega, chef en Gloria Domenecq Catering que elaborará un tabulé de cus cus, cabaza asada e granada, guiso de outono con cabaza, garavanzos, e cogomelos, e mousse de cabaza con kikos crocantes. A cata dos viños Bruña 2021 e Teimosía 2018 será comentada pola sumiller tudense Marina Cruces.

A actividade do sábado pecharase cunha actuación musical ás 22 h.

O domingo día 30 ás 12 h está previsto un showcooking con menú degustación maridado cos viños da Adega Edmun do Val da man da sumiller tudense Olalla Rubial. Mentres o chef tudense Isaac Míguez Viana, propietario do Gastrobar Emma, elaborará ensalada semifría de cabaza, rissoto de cabaza asada, figos e gorgonzola, e tarta de cabaza e cenoria cuberta de chocolate de chantilly.

Ás 13:30 h haberá sesión vermú coa actuación musical do grupo Kmzero.

Xa pola tarde, ás 18:00 h, terán lugar os últimos showcookings da Feira. O primeiro deles será a cargo de Raquel e Elena Alonso Galván de Cociñarte que elaborarán Taco cochino con cabaza encurtida e brotes ternos e callos vegui con cabaza curada ao pimentón da Vega, maridado esta vez con cervexa artesanal de cabaza de Adrián Vila. O segundo será un showcooking doce da man do mestre pasteleiro tudense Óscar Romero que elaborará Mufins de cabaza con topping de chocolate , crema de queixo e manteiga

Para participar no obradoiro infantil de cociña e nos diferentes showcookings é preciso inscrición previa na Oficina de Turismo de Tui , co teléfono 677 41 84 05 ou no correo turismo@tui.gal, ata o día do evento ou ata cubrir prazas que son limitadas.

Como fin de festa, o domingo ás 20:00 h haberá conxuro, queimada e castañas asadas.

Amais, esta fin de semana poderase desfrutar de diversos pratos elaborados con cabaza na hostalería local.

Concello Tui


Os voluntarios de Protección Civil en formación continua

Nos próximos días incorpóranse seis persoas á agrupación tras realizar o curso básico

Os voluntarios da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tui fórmanse de maneira continua ao longo de ano coa realización de distintos cursos especializados. Este colectivo pasará nun días a contar con vinte voluntarios, ao incorporarse seis persoas.

Estes novos voluntarios e voluntarias realizaron a pasada fin de semana no Porriño o curso básico para incorporarse á agrupación.

Amais, outro dos voluntarios da Agrupación de Protección Civil está a realizar o curso de Incendios Urbanos e Forestais no concello de Incio, na provincia de Lugo, xunto a outra voluntaria que está a realizar a mesma formación en liña. Asemade, tres voluntarios estiveron a realizar o curso para obter a licenza de navegación en Vilanova de Arousa. Outro dos membros de Protección Civil de Tui asistiu no concello da Veiga, en Ourense, a un curso de Accidentes en Estrada.

Mañá mesmo, sábado 29, unha voluntaria realizará o curso de Desfibrilación semiautomática externa na Xefatura Provincial de Pontevedra, e o 9 de novembro, outro voluntario asistirá ao curso de Coordinación Operativa en Plans de Emerxencia na estrada.

Así, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil prepárase de forma continua ao longo do ano para afrontar as distintas actuacións que levan cabo tanto en eventos programados coma en accidentes levando a cabo un labor encomiable de forma totalmente altruísta. Por exemplo, foron o pasado sábado 22 de outubro, actuaron en distintos puntos do municipio nunha madrugada que deixou numerosas incidencias como caída de árbores, accidentes de coches ou inundacións.

Dende o Concello de Tui quérese amosar o agradecemento ás persoas que integran a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tui polo tempo que dedican a labores de protección da cidadanía sen ningún tipo de remuneración.

Concello Tui


O 15 de novembro comeza o club de lectura feminista Tempo de Mulleres

Impulsado pola concellería de Igualdade coa colaboración da Biblioteca Municipal será dinamizado pola escritora Conchi Regueiro

O próximo 15 de novembro o club de lectura Tempo de Mulleres retoma a súa actividade impulsado pola concellería de Igualdade en colaboración coa Biblioteca Municipal e dinamizado pola escritora tudense Conchi Regueiro.

Esta iniciativa vai dirixida a mulleres, ofertándose un máximo de 15 prazas. As persoas interesadas deben inscribirse no correo electrónico biblioteca@tui.gal ou no teléfono 617 498 103.

En "Tempo de mulleres" analizaranse obras escritas por mulleres baixo unha atenta lectura e diálogo, analizándoas e falando sobre elas dende unha perspectiva de xénero.

A encargada de dinamizar este club de lectura será a escritora tudense Conchi Regueiro, autora bilingüe de narrativa para adultos e xuvenil sempre desde unha perspectiva feminista, pero, sobre todo, lectora apaixonada. Ten preto de vinte libros publicados, sobre todo en xénero fantásticos, pero tamén ducias de relatos e varios artigos sobre diversos temas literarios. Entre a súa obra destaca: Tempos agradables (III Premio de novela Mulleres Progresistas); Un marciano neste mundo (finalista do I Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil); La moderna Atenea (finalista dos Premios Ignotus e do premio Guillermo de Barkerville); Historias del Crazy Bar y otros relatos de lo imposible -coescrito con Lola Robles-, ou as novelas breves da saga da revolución do fume (Los espíritus del humo; La refulgencia e Aldith). Ademais, xunto con Lola Robles, foi seleccionadora da antoloxía Visiones 2016, e foi xurado en distintas edicións dos premios Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil.

As participantes reuniranse inicialmente o primeiro martes de mes para comentar e intercambiar opinións sobre un mesmo libro previamente lido, analizando diferentes textos literarios, a súa trama, o seu contido, as súas expresións, os seus personaxes, etc.

Algúns dos libros poderán ser facilitados gratuitamente, en réxime de préstamo, pola Biblioteca Pública Municipal a través da xestión do Concello de Tui e deberán ser devoltos no prazo establecido. No obstante, calquera participante que así o desexe, poderá comprar o libro de lectura seleccionado.

A primeira obra que abrirá esta nova temporada do club de lectura "Tempo de mulleres" o próximo 15 de novembro, ás 19 h no edificio Francisco Sánchez, será "O club da calceta" de María Reimóndez, obra finalista do Premio Xerais de 2005 e Premio Arcebispo Xoán de San Clemente 2007.

Concello Tui


Tui acolle unha nova edición do Cross Escolar Baixo Miño os días 3 e 4 de novembro

Participarán máis de 1.500 alumnos e alumnas en Caldelas, nunha proba organizada pola Agrupación Deportiva do Baixo Miño coa colaboración do Concello, a Xunta e a Comunidade de Montes de Caldelas

O Concello de Tui volve a acoller unha proba especial: o Cross Escolar Baixo Miño. Trátase dun evento de campo a través que se celebrará na Ribeira de Caldelas o xoves 3 e o venres 4 de novembro, logo de ter que ser adiada polas previsións meteorolóxicas. Trátase dun evento organizado pola Agrupación Deportiva do Baixo Miño (AGRUDEBAM), en colaboración co Concello tudense, a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e a Comunidade de Montes de Caldelas.

Máis de 1.500 nenos e nenas de 2º, 3º, 4º e 5º de primaria e de 1º e 2º da ESO participarán neste evento, que terá lugar en horario lectivo. Contará coa participación de 18 colexios da zona: CEIP Nº1 e Nº2, CEIP Rebordáns, CEIP Guillarei, CEIP Pazos de Reis, CEIP de Randufe, Colexio Maristas, IES Indalecio Pérez Tizón e IES San Paio de Tui; CEIP de Tebra, CEIP de Sobrada, CEIP Pedro Caselles, CEIP de Barrantes e ANPA Pintor Antonio Fernández de Goián por parte do concello de Tomiño; CPI Suárez Marquier do Rosal; CEP Altamira e IES Pedra Rubias de Salceda; e o CEP Neira Vilas de Gondomar.

A proba conta este ano con varias novidades e alicientes para os participantes. As carreiras organizaranse por cursos e competirán clases enteiras coma equipos. As marcas serán individualizadas e cronometradas, coas que se clasificarán os mellores tempos nas dúas series tanto na modalidade masculina coma feminina. Deste xeito, este Cross Escolar Baixo Miño permitirá a clasificación para outras dúas probas de campo a través de carácter provincial: unha delas será por aulas e en horario lectivo e participará a mellor aula desta proba en Tui, e outra será unha proba individual en horario de fin de semana á que acudirán os mellores rexistros persoais.

Na presentación da proba, que tivo lugar hoxe na Casa do Concello de Tui, estiveron presentes o alcalde, Enrique Cabaleiro, o xefe de servizo de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides, os concelleiros de Deportes e Ensino e Cultura, Rafael Estévez e Sonsoles Vicente, o presidente de AGRUDEBAM, Alfonso Lorenzo, e o presidente da Comunidade de Montes de Caldelas, Pablo Rebellado.

O rexedor tudense, Enrique Cabaleiro, quixo destacar o orgullo por acoller esta proba nun lugar "emblemático como é Caldelas, onde se dan o espazo, as condicións e o valor patrimonial" para acoller esta clase de eventos. Enrique Cabaleiro agradeceu a todos os organismos implicados o traballo e a colaboración, tamén por fomentar o deporte como actividade de desenvolvemento nas etapas de crecementos dos cativos, e tendeu a man para organizar toda clase de probas deportivas en Tui.

Por parte da Xunta de Galicia, Daniel Benavides quixo salientar o compromiso do organismo autonómico en pro do deporte, traballo que se ve recompensado con "datos espectaculares de máis do 90% de participación". Salientou o gran traballo do profesorado implicado, de AGRUDEBAM e tamén da Comunidade de Montes de Caldelas e o Concello de Tui por dotar dos mellores espazos para a celebración deste cross.

Na mesma liña expresouse Rafael Estévez, concelleiro de Deportes, que tamén destacou o amplo dispositivo loxístico para acoller ao gran número de participantes.

Dende a organización, Alfonso Lorenzo detallou polo miúdo todas as características da proba. Destacou que se optou por organizala en horario lectivo para implicar ao máximo número de alumnado e que detrás hai horas de traballo dende AGRUDEBAM e os profesores e profesoras que, a título persoal, "dedicaron horas de preparación dos dorsais, organización e planificación".

Pablo Rebellado, por parte da Comunidade de Montes de Caldelas, salientou a grande ledicia que supón mobilizar a máis de 1.500 persoas ata Caldelas, co que iso conleva, e cos recordos que os nenos e nenas xerarán na parroquia tudense.

Concello Tui


Tui recibe unha subvención de case 800 mil euros para rehabilitar o edificio municipal na rúa Camilo José Cela

Foi o décimo cuarto proxecto mellor puntuado na convocatoria realizada polo Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana

O edificio municipal situado na rúa Camilo José Cela, a carón do xulgado e a poucos metros do céntrico paseo da Corredoira, vai ser completamente rehabilitado mellorando substancialmente a súa eficiencia enerxética e a súa estética para destinalo a usos múltiples.

O proxecto presentado polo Concello de Tui á convocatoria para a Rehabilitación de Edificios de Titularidade Pública no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, obtivo un total de 62.83 puntos, a 14ª mellor puntuación segundo figura na listaxe provisional de entidades beneficiarias. En concreto o Concello de Tui vai recibir 793.725 € para rehabilitar toda a envolvente do edificio, así como o interior que contará con todos os protocolos de eficiencia enerxética, co obxectivo de convertelo nun espazo multiusos, para o que non se realizará a división con tabiquería pendente do uso final ao que será destinado.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, salientou precisamente que con esta achega de preto de 800 mil euros financiarase case a totalidade do investimento previsto. Indicou amais que o feito de ter obtido a décimo cuarta mellor puntuación entre máis de 500 proxectos "reflicte o bo traballo do equipo de redactor, e fala da enorme responsabilidade e o rigor co que se tramitan aquí os asuntos". Enrique Cabaleiro sinalou que o feito ter aprobado o plan de acción da Axenda Urbana outorgoulle ao documento máis de 40 puntos polo que dicía que "a aprobación da Axenda Urbana amais da súa finalidade coma instrumento de planificación tamén serve para poder acadar e conseguir recursos que son importantes".

Concello Tui


As visitas escolares centran a celebración do Día da Biblioteca na Biblioteca Municipal de Tui

Desde comezos deste mes a biblioteca desenvolveu un amplo programa de actividades

Con motivo do Día da Biblioteca, que se celebrou onte 24 de outubro, a Biblioteca Municipal de Tui recibe este días unha serie de visitas de grupos escolares para coñecer as súas instalacións e servizos.

Ao longo desta semana un total de nove grupos do Colexio Maristas Santa María de Tui visitan a Biblioteca tudense para achegarse ao funcionamento deste centro bibliotecario e coñecer os seus recursos tanto de acceso á cultura como á información.

Onte foron máis de 80 alumnos dos cursos superiores deste centro educativo os que participaron nestas xornadas de portas abertas da Biblioteca tudense. O persoal bibliotecario acompaña aos escolares na súa visita polas instalacións deste centro, para coñecer as súas diversas seccións e o sistema de préstamo de libros de cara á difusión dos seus usos entre os escolares.

O 24 de outubro celébrase en España o Día da Biblioteca que este ano contou cun cartel da ilustradora galega Xulia Vicente baixo o lema "BiblioTEcuida" que se centra en destacar o papel das bibliotecas como espazos libres e abertos que, a través dos seus diversos servizos e recursos, se preocupan por atender as necesidades dos seus usuarios. As bibliotecas están abertas a toda a cidadanía e os seus servizos son un piar fundamental para as comunidades ás que pertencen.

Concello Tui



Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais