|
Interese irlandés pola experiencia de participación pública da Eurocidade Cerveira-Tomiño
O director do Centre for Cross Border Studies, Anthony Soares, mantivo un encontro coa alcaldesa de Tomiño, o presidente de Cerveira e o equipo técnico para analizar as iniciativas postas en marcha pola Eurocidade
Impresionado por como a "participación cívica está no corazón de cada paso que se dá na conformación da cooperación transfronteiriza na Eurocidade Tomiño-Cerveira". Así o expresaba nunha rede social ao remate da xornada Anthony Soares, director do Centre for Cross Border Studies CCBS de Armagh, en Irlanda do Norte, que visitou onte Tomiño e Cerveira para coñecer en detalle a experiencia da Eurocidade, pola que se interesara tras a participación da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, no Borders Forum de París en xuño, onde a rexedora intervira nunha mesa de debate sobre o papel da mocidade e da sociedade civil na construción dos territorios transfronteirizos.
"Foi un pracer recibir a Anthony Soares e percibir o seu grande interese por todas as experiencias de participación pública que estamos levando a cabo dentro da Eurocidade. Foi unha xornada intensa na que intercambiamos ideas e que abre moitas posibilidades futuras de aprendizaxe mutua", salientaron a rexedora tomiñesa e o presidente da Câmara municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, durante o encontro, que contou tamén coa participación de parte do equipo técnico da Eurocidade.
A xornada comezou analizando o programa de traballo da Eurocidade Cerveira-Tomiño, dende o proceso participativo en curso para a elaboración da Axenda 2030 ata os instrumentos de gobernanza conxunta, os servizos e actividades compartidas ou a figura das Valedoras para a Cidadanía Transfronteiriza. Durante o encontro abordaronse ademais: o Orzamento Participativo Transfronteirizo, que celebrará este 2023 unha nova edición protagonizada pola mocidade; as iniciativas conxuntas para a dinamización económica; a participación en redes de cooperación e proxectos europeos ou os obstáculos que se ambos os dous concellos atopan no día a día na súa cooperación transfronteiriza. Tamén se analizaron as posibilidades de colaboración futura entre o CCBS e a Eurocidade.
Despois deste encontro na Casa do Concello de Tomiño, o equipo técnico da Eurocidade Cerveira-Tomiño acompañou Anthony Soares a unha visita polo Espazo Fortaleza para darlle a coñecer o proxecto do futuro Parque da Amizade. Tras o xantar, o director do CCBS reuníuse tamén en Valença co secretariado da AECT Rio Minho.
Fundado en 1999, o Centre for Cross Border Studies é unha organización independente que traballa ao abeiro do compromiso de cooperación transfronteiriza que forma parte dos Acordos de Paz de Belfast para a contribución ao aumento da cohesión social, económica e territorial na fronteira entre a República de Irlanda e Irlanda do Norte como parte do proceso de paz e reconciliación, así como para fomentar a cooperación entre Irlanda, Gran Bretaña e Europa para aumentar o entendemento mutuo, a prosperidade e o benestar.
A mocidade protagonizará a nova edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo
O Consello de Xestión Estratéxica da Eurocidade Cerveira-Tomiño aprobou as bases dunha edición que estará dirixida á mocidade. Ademais deu luz verde ao programa de actividades e ao orzamento para 2023
Tomiño e Vila Nova de Cerveira seguen a dar pasos na súa aposta por compartir cada vez máis servizos, proxectos e iniciativas conxuntas. Neste camiño, o Comité de Xestión Estratéxica da Eurocidade Cerveira-Tomiño mantivo un novo encontro no que se abordaron diferentes cuestións de futuro, como a celebración dunha nova edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT), que nesta ocasión "estará dirixido á mocidade buscando darlle un novo impulso e maior protagonismo aos cidadáns e cidadás do futuro", como explicaron a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente da cámara municipal de Cerveira, Rui Teixeira, durante a reunión mantida co equipo técnico.
O Orzamento Participativo Transfronteirizo 2023 pretende dar continuidade ás catro edicións celebradas dende 2016, que conseguiron implicar a máis de 50 asociacións dos dous concellos e posibilitaron que se traballara de forma conxunta na preparación de 25 proxectos no marco da Axenda de Cooperación financiada con fondos FEDER da Unión Europea Interreg 2014-2020. Os dous rexedores salientaron que este instrumento de participación pública na gobernanza transfronteiriza "converteuse nunha ferramenta imprescindible para promover a transformación das relacións entre sociedade e institucións e, no noso caso, como a mellor opción para facilitar a relación e a iniciativa conxunta entre os habitantes dos nosos concellos".
Por decisión de todas as persoas votantes nas anteriores edicións, a infancia e a mocidade tiveron un protagonismo destacado nos proxectos anteriores. Por ese motivo, e tras dous anos de pandemia da COVID.19, a Axenda 2030 da Eurocidade Cerveira-Tomiño retoma a actividade de forma decidida reflectindo este protagonismo no OPT-23, que estará orientado á xente máis nova co obxectivo de incrementar a participación e o poder de decisión da veciñanza do futuro. Así, mozos e mozas de 12 a 25 anos tanto residentes na Eurocidade como non residentes pero matriculados en centros de ensino dos dous municipios participarán este ano na votación para a elección de dous proxectos financiados cun importe de 20.000 euros, que este ano estará centrada en catro iniciativas elaboradas nun proceso de participación pública chamado 'Axenda para a Mocidade Eurocidade Cerveira-Tomiño' que se celebrou no primeiro semestre de 2022.
Deste xeito, a Eurocidade Cerveira-Tomiño mantén o seu compromiso co cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) das Nacións Unidas e cos desafíos ambientais, de integración social, mobilidade e conectividade priorizados a escala europea para 2021-2027. Dende a Eurocidade agradécese a boa disposición das direccións e profesorado dos centros educativos, que colaborarán activamente tanto na difusión do OPT 2023 como no proceso de votación.
Por outro lado, o Comité de Xestión Estratéxica da Eurocidade tamén procedeu a dar luz verde ao plano de actividades e ao orzamento para o vindeiro ano 2023, ademais de analizar as propostas para a renovación da titularidade das Valedoras da Cidadanía Transfronteiriza, que aprobarán proximamente ambos os dous concellos.
Superpoderes, lingua e artesanía nos novos cursos da OMIX de Tomiño para este outono
O Concello ven de abrir o prazo para inscribirse no curso de lingua de signos, no de cestería e nun obradoiro con metodoloxía Lego® Serious Play®
O Concello de Tomiño segue a por en marcha novos cursos, obradoiros e iniciativas para que a mocidade siga aprendendo e divertíndose durante os meses de outono. A OMIX acaba de abrir o prazo de inscrición para tres novidosos cursos de tres ámbitos totalmente diferentes: os idiomas, a artesanía e as novas tecnoloxías. "Queremos achegar á nosa mocidade unha programación actual, na que se traten temáticas que lles interesan especialmente e que poden brindarlles novas oportunidades persoais ou profesionais", destaca a alcaldesa, Sandra González.
Baixo esta premisa desembarca en Tomiño un innovador obradoiro realizado baixo a metodoloxía Lego® Serious Play®, unha ferramenta que facilita a reflexión, a comunicación e a resolución de problemas baseándose nas construcións 3D e que permitirá a todas e todos os participantes converter as súas habilidades en 'Superpoderes'. A través deste obradoiro os rapaces e rapazas a partir dos 16 anos "indagarán dun xeito eminentemente práctico e vivencial sobre as súas habilidades reais para abrir un camiño de posibilidades cara ao futuro persoal e profesional, xogando seriamente e dun xeito creativo". "Este método parte dun principio exemplar: que todas as persoas temos algo único e valioso que achegar. E iso permitirá ás e aos participantes aprender a reflexionar, a comunicarse e a enfrontarse a desafíos complexos", explica a rexedora. O curso impartirase o sábado 19 de novembro de 09.30 a 14.00 horas en Goián e terá un prezo de 10 euros.
Deixando as novas tecnoloxías a un lado, os e as amantes dos idiomas poderán achegarse á lingua de signos española con un curso de nivel elemental para o que non se precisa coñecemento previo. Será 30 horas de clase moi prácticas nas que se buscará a máxima implicación e participación activa do alumnado para traballar as destrezas principais da lingua, como a expresión, a interacción e a compresión signada. O curso comezará o vindeiro 26 de novembro e impartirase todos os sábados de 12.00 a 14.00 horas en Goián. Pensado para rapazas e rapaces a partir de 12 anos, terá un prezo de 15 euros por persoa participante.
En decembro chega a artesanía á OMIX de Tomiño cun curso monográfico de cestería, no que cada persoa participante aprenderá a confeccionar, crear e compoñer as súas propias pezas coa guía do docente. O obradoiro será de balde, estará destinado a rapaces e rapazas a partir de 12 anos e impartirase de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 20.00 horas en Goián.
As persoas interesadas en participar en calquera destes obradoiros poden inscribirse xa a través da páxina web do Concello de Tomiño.
Tomiño pon en marcha a recollida porta a porta de residuos voluminosos
O servizo, que comezará a funcionar esta semana, permitirá mellorar a atención á veciñanza e evitar os problemas derivados dos depósitos incontrolados de lixo
Tomiño segue avanzando cara a un municipio máis sostible, limpo e comprometido co medio ambiente. Neste camiño, o Concello pon en marcha esta mesma semana o servizo de recollida de residuos voluminosos porta a porta, un novo modelo no que os operarios e operarias recollerán na porta dos domicilios aqueles enseres, elementos de gran tamaño ou residuos especiais que non poden ser depositados nos colectores habituais.
O obxectivo é, como sinala a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, "mellorar o servizo de recollida de voluminosos e facilitar á veciñanza o seu uso, concienciando a todos os tomiñeses e tomiñesas sobre a importancia de xestionar de xeito correcto todos os nosos residuos".
Por outra banda, este sistema permitirá acabar tamén cos depósitos incontrolados de voluminosos ou de lixo fóra dos colectores e das illas de reciclaxe, un uso irresponsable do servizo de recollida de lixo que ademais de provocar un impacto directo nas rúas con sucidade, malo cheiros ou sensación de abandono, supón tamén alteracións no sistema de recollida, que se pode ver desbordado. "Ao saber que camión e operarios pasan a recoller os voluminosos, hai xente que deixa os seus restos sen ter chamado previamente ao servizo, o que xera moitos problemas no propio servizo de recollida", recalca a concelleira.
Coa posta en marcha deste novo modelo de recollida, o Concello de Tomiño dá un paso máis para garantir a limpeza do municipio, algo que é responsabilidade de todos e todas. "Se toda a veciñanza utiliza as canles axeitadas para desfacerse do lixo, poderemos desfrutar dun concello limpo e coidado", salienta Casaleiro.
A concelleira lembra que as persoas interesadas en desfacerse de voluminosos deben solicitar o servizo de recollida gratuíto chamando ao Concello ao 986 622 001 para dar aviso. Os restos deberán colocarse ao carón da porta ou do portal do propio domicilio, sen invadir a vía pública, os mércores a última hora para que os operarios e operarias pasen a retiralos nesa mesma noite ou o xoves de mañá. A edil tamén quere agradecer o labor de todos os veciños e veciñas que cada día fan un esforzo para realizar unha correcta xestión dos seus residuos, facendo de Tomiño un municipio concienciado e sostible.
Tomiño, sede da iniciación ao tiro con arco de 15 novos deportistas
Arco Trasno organizou un campionato indoor de iniciación no que participaron arqueiros e arqueiras noveis do club tomiñés e do portugués SATA
Fin de semana de estrea para arqueiros e arqueiras en Tomiño. O club Arco Trasno organizou en colaboración co Concello un campionato indoor de iniciación no pavillón da Carballa, unha competición moi especial pensada para todos aqueles rapaces, rapazas e maiores que se acaban de iniciar no tiro con arco e que aínda non participaron nunha competición oficial. Un xeito de que os e as deportistas vaian collendo táboas no desenvolvemento dunha competición oficial, con cronómetro e sinais acústicas e luminosas.
En total foron 15 deportistas, 6 principiantes do club tomiñés e outros 9 arqueiros e arqueiras da escola de tiro con arco portuguesa SATA. Unha xornada na que as e os participantes fixeron unha serie de tiradas como adestramentos, moi importantes para que se acostumen ás condicións dunha competición real. Ao final do campionato fíxose unha entrega simbólica de trofeos aos primeiros e segundos clasificados e clasificadas e de medallas aos terceiros e cuartos, onde os rapaces e rapazas sentiron a emoción de subirse ao podio. A xornada rematou cunha merenda para todas e todos os participantes para repoñer forzas.
Con esta competición o club dá por rematada a tempada de cursos de iniciación á espera de recibir cursos de instrutores para os mestres e mestras o vindeiro mes de novembro en Goián. Serán uns cursos formativos que, a través da colaboración do Concello, permitirán facerse instrutores e instrutoras a persoas de Galicia e Asturias da man de IFAA-Spain.
Dende o club agradécese a colaboración do Concello non só nesta formación, senón tamén na obtención de todo o necesario para seguir practicando este deporte no municipio. Pola súa banda, o Concello que quere dar os parabéns ao club Arco Trasno por todo o labor que está a desenvolver para levar o deporte do tiro con arco a toda a veciñanza.
Tomiño porá en valor o torreiro de Vilameán como espazo patrimonial e de lecer
O Concello transformará a contorna cunhas obras que revalorizarán o carballo centenario da praza e incluirán a creación dunha pérgola fronte ao edificio sociocultural
Unha praza amable, sostible e accesible que permita poñer en valor a arquitectura e patrimonio da contorna e seguir recuperando espazos públicos para as persoas. Así será a contorna do torreiro de Vilameán tras as obras de transformación que levará a cabo o Concello de Tomiño e que buscan "xerar novos espazos de encontro e convivencia atractivos para a veciñanza nos núcleos das parroquias ao tempo que se preserva e se pon en valor axeitadamente unha zona con importantes elementos patrimoniais", como sinala a o concelleiro de Obras e Acción Rural, Alexandre Pérez Souto.
Trátase dunha actuación na contorna da igrexa parroquial de San Benito de Vilameán que conta xa coa autorización de Patrimonio na que se favorecerá o uso peonil seguro e se incorporarán novas zonas de estancia para un maior fluxo, uso e desfrute de nenos, nenas e maiores e que permitirá ademais a revalorización co carballo centenario que coroa o adro da igrexa, unha das árbores senlleiras destacadas de Tomiño. Ao abeiro deste proxecto crearase unha pérgola fronte ao edificio sociocultural repleta de glicíneas para xerar un espazo de sombra diante do inmoble, potenciando ese lugar de encontro e de lecer para a veciñanza.
Serán unhas obras respectuosas co medio e coa contorna na que se terá moi en conta minimizar calquera impacto visual. Por ese motivo, fronte ao muro de contención ao carón do torreiro construirase un entramado de madeira con especies vexetais trepadoras que naturalicen a zona e diminúan calquera alteración visual. Ademais, as obras darán como resultado un espazo de plataforma única con preferencia peonil e substituirán o muro existente entre o torreiro norte e sur por unha pequena grada que suavizará o encontro entre ambos elementos e que servirá como lugar onde sentarse para ver actuacións e concertos nos días de festa.
Como colofón, mellorarase a iluminación xeral en toda a praza e empregaranse sempre acabados suaves, con cores naturais xa identificados con outros espazos públicos do concello que nos darán como resultado, como sinala o concelleiro, "un espazo público contemporáneo, máis humanizado no que as persoas son as protagonistas e que permite poñer en valor a arquitectura e o propio espazo realzando todas as boas cualidades da praza cunha iluminación personalizada".
"Con este proxecto continuamos coa nosa aposta por crear espazos públicos nas parroquias que sexan accesibles e pensados para os veciños e veciñas, lugares deseñados para que a xente camiñe, pasee, desfrute... e para converter estas contornas nun punto de encontro neurálxico da parroquia que funcionará como lugar de convivencia", salienta Pérez Souto.
O Concello de Tomiño consensuou esta intervención coas entidades da parroquia e coa propia comunidade de montes, que axudaron a definir o proxecto e a asegurarse de que a intervención é a axeitada para os usos que precisa a veciñanza.
|