JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

O Concello estréase en Wikiloc con oito rutas de sendeirismo para diversos públicos

Contan con información detallada de cada un dos percorridos, incluído se se poden realizar na cadeira Joëlette para persoas con mobilidade reducida

Coñecer cada recuncho do Rosal nunca foi tan sinxelo. O Concello estréase en Wikiloc cun perfil propio no que se recolle información detallada sobre unha serie de rutas que percorren o municipio "que permiten completar a nosa oferta de turismo e lecer tamén para a veciñanza, que poderá desfrutar do seu tempo practicando unha actividade tan sa e interesante como o sendeirismo", como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Todas as rutas contan cunha completa ficha na que se indica a distancia coa que conta, o tipo de percorrido, a súa dificultade, a duración aproximada e o punto de partida, así como unha descrición da senda e información sobre conexións con outras rutas ou puntos de interese próximos. Ademais, nos diferentes puntos de interese da ruta o público contará con imaxes e unha descrición dos elementos máis destacados a nivel paisaxístico, patrimonial... que poderá atopar ao longo do percorrido.

Un dos datos importantes que se sinalan dentro destas fichas técnicas é o público para o que vai dirixido, se é apta para todas as persoas, se é para público familiar ou se pode facerse coa Joëlette, unha cadeira que o Concello pon a disposición de calquera persoa con mobilidade reducida para poder realizar unha ruta adaptada. As persoas interesadas en empregar esta cadeira deberán chamar ao teléfono do Concello 986 62 50 00 para ver a dispoñibilidade e a organización do seu uso.

O perfil do Concello do Rosal en Wikiloc nace con oito percorridos: a ruta circular Couselo - Niño do Corvo, a ruta circular Praia das Eiras - capela da Madalena, o sendeiro Pozas da Cal - Muíños do Calán - Capela de San Martiño, o sendeiro da Cal, o PR-G 112 Sendeiro de Pescadores río Miño - Tamuxe, a ruta familiar Parque de Pías - Área recreativa das Aceñas, unha ruta curta polos Muíños do Folón e a PR-G 94 Muíños do Folón e do Picón. O obxectivo é "ir ampliando pouco a pouco todos estes percorridos, aproveitando todo o potencial paisaxístico, natural e patrimonial que temos no noso municipio".

É importante destacar tamén que se trata dun perfil ORG grazas ao cal as persoas usuarias poderán seguir todas as rutas empregando as funcionalidades íntegras da aplicación Wikiloc aínda que non dispoñan dunha conta premium. Ademais de nesta aplicación, as persoas usuarias poden atopar toda a información no apartado de Turismo da páxina web do Concello do Rosal.

Concello de O Rosal


O Concello continúa coa transformación do núcleo urbano do Rosal

As obras de reforma na contorna do Calvario permitirán seguir recuperando espazos para as persoas, mellorar a accesibilidade e dispoñer de aparcamentos máis eficientes

O Concello do Rosal continúa a traballar para converter o núcleo urbano do municipio nun espazo de calidade, sen barreiras, inclusivo e accesible. O Goberno local ven de adxudicar as obras de reforma da contorna do Calvario, un proxecto co que se busca "seguir recuperando o epicentro da nosa actividade económica, social e convivencia e transformando O Rosal nun concello moderno e amable no que as persoas estean no centro de cada actuación", explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O obxectivo destas obras será mellorar o pavimento e a accesibilidade peonil na contorna, continuar coa recuperación de espazos amables para as persoas e dispoñer de aparcamentos máis eficientes "incorporando os criterios de calidade urbana, accesibilidade, seguranza e melloras ambientais que xa se aplicaron na transformación da propia Praza do Calvario".

Estes traballos, que teñen un prazo de execución de tres meses, implicarán actuacións na contorna do pavillón, nas rúas Manuel Suárez Marquier e Cabaqueiros e o tramo da rúa Simón do Mazo que conecta ambas as dúas rúas ata a Travesía Simón do Mazo, así como obras na rúa Nova do Couso dende o seu cruce coa Travesía do Couso ata a rúa do Couso, incluíndo o seu tramo entre as rúas Pascuala e Jesús Noya.

Cun orzamento de case 170.000 euros, con estas obras procederase á recuperación do pavimento e das marcas viarias, así como a unha formalización do espazo peonil, incorporando bandas de estacionamento acompañadas por espazos verdes con arboreda que lle dará calidade espacial á zona e achegarán as súas tradicionais funcións de sombra e captación de carbono. Ademais, incorporaranse nos pasos de peóns plataformas que permitan a incorporación dun vado para mellorar a accesibilidade ás beirarrúas.

"Temos unha Praza do Calvario totalmente renovada, unha zona urbana e comercial revitalizada a través dun deseño de praza unitario, atractivo e dinámico co que poñer en valor a historia da vila e o seu patrimonio pero co que tamén xeramos un espazo público de estancia, convivencia e lecer de alta calidade. Con estes traballos continuamos dotando toda a contorna dos espazos que a veciñanza se merece", recalca a rexedora.

Concello de O Rosal


Concerto de outono para celebrar o aniversario da Coral da Agrupación Musical do Rosal

Actuarán no auditorio municipal este domingo 30 de outubro ás 17.30 horas. Entrada de balde

Fin de semana musical no Rosal. A Coral da Agrupación Musical do Rosal celebrará este domingo o seu 18 aniversario cun Concerto de Outono no auditorio municipal ao que convidan a asistir a toda a veciñanza.

Unha actuación ás 17.30 horas á que se poderá acceder de forma gratuíta e libre ata completar aforo na que o público poderá desfrutar dunhas voces únicas. Neste concerto de aniversario, a Coral da Agrupación Musical do Rosal estará acompañada pola Coral Airiños de Nós de Oleiros e pola Coral Polifónica de Vila Nova de Cerveira.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, anima a todos os rosaleiros e rosaleiras "a gozar dunha tarde de lecer para toda a familia escoitando música de calidade e de balde ao abeiro dun programa cultural preparado para estes meses de outubro e novembro con todo o agarimo e no que se inclúen actividades para todos os públicos e para todos os gustos".

Concello de O Rosal


O Concello abre a solicitude de subvencións para a mellora das traídas de auga veciñais

As comunidades poderán recibir ata 5.000 euros para financiar investimentos nos seus sistemas e instalacións. O prazo de presentación remata o 14 de novembro

O Concello do Rosal mantén o seu compromiso coas traídas de augas veciñais do municipio lanzando unha nova liña de subvencións dotada cun orzamento total de 20.000 euros coas que colaborar con todas estas entidades na mellora das súas instalacións. A través destas axudas, as traídas de augas veciñais poderán financiar ata o 80% dos gastos subvencionables presentados ata un máximo de 5.000 euros por traída.

O Goberno local pon en marcha unha nova edición destas subvencións para axudar ás comunidades que desenvolvan a súa actividade no Rosal a adquirir materiais, renovar equipamentos ou investir en melloras de instalacións de sistemas de captación de augas, como fontes e pozos e a súa contorna; sistemas de almacenamento e potabilización, como depósitos, filtración ou decantación; sistemas de distribución e mellora das redes; ou renovación das instalacións, dende as conexións eléctricas ata os sistemas de bombeo ou o peche e a seguridade nos recintos.

As traídas de augas veciñais interesadas poderán solicitar esta subvención ata o vindeiro 14 de novembro de 2022. Toda a documentación está dispoñible na sede electrónica do Concello e terán ata o 30 de setembro de 2023 para a xustificación das axudas recibidas.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, quere agradecer a todos os veciños e veciñas que participan nas traídas de auga "a súa implicación e compromiso cos rosaleiros e rosaleiras, xa que xogan un papel moi importante na corresponsabilidade e na xestión dun ben básico e preciado como é a auga". A rexedora lembra que, ademais desta liña de subvencións, o Concello ofrece axudas económicas para financiar as análises de potabilidade obrigatorias en pozos e fontes e dá soporte ás entidades para levar a cabo calquera reparación urxente a realizar no día a día.

Concello de O Rosal


O Rosal instalará dous puntos de recarga para vehículos eléctricos

Permitirá a carga simultánea de catro coches na vía pública. Poderán usalos residentes, turistas e veciñanza dos concellos da contorna

O Concello do Rosal segue a impulsar medidas encamiñadas a crear un rural consciente, sustentable, eficiente e avanzado. Neste camiño, o Goberno municipal ven de adxudicar a instalación de dous puntos de recarga para vehículos eléctricos de uso público, un proxecto pioneiro en toda a comarca que permitirá a residentes, turistas ou veciños e veciñas dos concellos da contorna cargar os seus coches dun xeito sinxelo e cómodo.

Coa posta en marcha desta iniciativa o Concello rosaleiro busca "fomentar a mobilidade eléctrica para reducir as emisións de carbono a atmosfera investindo en infraestruturas verdes seguindo a liña de proxectos estatais e europeos". "Con estes dous puntos de recarga, os primeiros que existirán no Rosal e na nosa mancomunidade, introducimos respostas innovadoras en áreas que ata o de agora non exploraramos e crearemos dúas estacións de recarga de acceso e uso público que darán servizo a particulares e profesionais na vía pública e que servirán de exemplo para todos aqueles condutores e condutoras que aínda non utilizan vehículos eléctricos", explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Esta proposta para impulsar o uso dos coches eléctricos, que poderán cargar catro vehículos á vez, únese a todas as medidas postas en marcha para diminuír a emisión de gases contaminantes procedentes dos tráfico rodado como o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) ou a transformación da Praza do Calvario coa reorganización do tráfico da contorna.

"Queremos ser un exemplo de municipio sostible e, para iso, é fundamental que vaiamos avanzando cara a un modelo de mobilidade centrado na mobilidade activa, como peóns, en bicicleta ou empregando vehículos de baixas emisións", destaca a rexedora.

Concello de O Rosal




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais