JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

As rúas Antero Rubín e Coengo Valiño terán prioridade peonil tras as obras de humanización

A execución do proxecto comeza o luns e conlevará restricións de tráfico na zona

O próximo luns, 24 de outubro, comezan as obras de execución do proxecto de humanización das rúas Antero Rubín e Coengo Valiño, tras as catas arqueolóxicas realizadas ao longo das últimas semanas. A actuación prevista comprenderá dende a intersección entre Antero Rubín e a rúa Bispo Lago até Coengo Valiño coa súa travesía, ao longo de 300 metros e cunha superficie de actuación de case 2.500 metros cadrados. O investimento previsto ascende a case 900 mil euros e o prazo de execución será de 7 meses.

Previo ao inicio dos traballos onte estiveron na zona da obra o alcalde, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Urbanismo, Yolanda Rodríguez, xunto a técnicos municipais, o director de obra e técnicos da empresa adxudicataria.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, salientou que dende o goberno municipal priorizaron esta obra tendo en conta que da acceso ao conxunto histórico da cidade. Ante as restricións do tráfico que haberá dende o próximo luns o rexedor tudense pedía á veciñanza, especialmente á que vive nesa rúa, comprensión "estamos traballando para mellorar a habitalibilidade da mesma", polo que recomendaba evitar circular pola zona se non é preciso.

Esta vía de acceso ao conxunto histórico e en pleno Camiño de Santiago na actualidade mantén un carácter urbano coa circulación rodada coma prioritaria. Tras as obras pasará a ter prioridade peonil. A velocidade limitarase a 10 km/h, e colocarase un sistema semafórico intelixente para o control da direccionalidade do tráfico.

Coa execución do proxecto de humanización aumentarase a superficie peonalizada en algo máis de 1.300 m2, o que supón o 85% do entorno. Así a proposta a executar plantexa un espazo para as persoas transformando o ámbito de actuación e do seu entorno cunha calzada en materiais tradicionais con plataforma única, eliminando as barreiras de accesibilidade ou mobilidade, creando zonas verdes de descanso e convivencia, que se dotarán de iluminación sostible e segura

Tamén se contempla a renovación de servizos, en concreto das canalizacións tanto da rede de abastecemento coma de saneamento separando as augas fecais e pluviais, e soterrando as instalacións aéreas doutros servizos.

O proxecto de humanización da rúa Antero Rubín e Coengo Valiño segue os principios da Rede Ágora: o espazo público é un dereito, as persoas primeiro, mobilidade inclusiva, autonomía infantil, mobilidades alternativas, espazos seguros, hábitat saudable, espazos amables e de calidade, actividade económica de proximidade e mobilidade sostible.

Restricións no tráfico

Debido ao inicio das obras de humanización a partir do próximo luns non se poderá estacionar na rúa Antero Rubín. A veciñanza desta zona deberá empregar coma punto alternativo para estacionar as prazas de aparcamentos situadas no inicio do Paseo Fluvial, ou o aparcamento habilitado nas antigas pistas deportivas do seminario.

Amais dende o luns non se poderá acceder á rúa nova dende a rúa Antero Rubín, e dende a Baixada ao Embarcadoiro, polo que os vehículos deberán saír desta zona por Coengo Valiño e Calzada cara á avenida da Concordia.

Concello Tui


Tui aposta pola formación e emprego con varias iniciativas formativas

O Centro de Formación de Guillarei a pleno rendemento co inicio do Obradoiro dual de emprego, cursos para persoas desempregadas e outras actividades formativas

O Concello de Tui aposta pola formación e emprego desenvolvendo distintos proxectos como obradoiros de emprego, cursos de formación e actividades que contribúan a mellorar a empregabilidade da veciñanza tudense. O Centro Municipal de Formación e Emprego, en Guillarei, acolle actualmente intensa e variada actividade cunha ocupación nas súas instalacións superior ao 90%.

Neste senso, no día de hoxe inaugurouse un novo obradoiro dual de emprego 'Senda peonil río Furnia' que ocupará a 20 persoas traballadoras e 5 de persoal directivo en dúas especialidades: actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e montaxe e instalación de construcións de madeira. Trátase dunha iniciativa para a que a Xunta de Galicia inviste más de 503 mil euros e o Concello tudense máis de 160 mil.

No acto, celebrado na Casa do Concello de Tui, estiveron presentes o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Formación e Emprego, Ana María Núñez, a xefa territorial en Pontevedra da Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade da Xunta, Marta Mariño, e a directora do obradoiro, Loli Pérez, entre outros.

Enrique Cabaleiro, quixo destacar que será unha actividade formativa que recupere e poña en valor o gran patrimonio natural co que conta a cidade, á vez que agradeceu o apoio da Xunta e o traballo da concellería de Emprego. Ana Núñez, responsable municipal deste departamento, fixo extensible os agradecementos aos veciños de Malvas e Pexegueiro pola cesión dos seus terreos particulares para a realización deste obradoiro. Tamén neste senso, a responsable de emprego da Xunta na provincia, Marta Mariño, destacou que esta actividade de formación é froito do traballo co Concello e animou ao alumnado a non deixar a formación continua. Pola súa banda directora, Loli Pérez, indicou que espera que, co obradoiro, se valorice Tui e que o alumnado poida mellorar a súa empregabilidade

Ademais deste obradoiro que comeza hoxe, a actividade formativa en Tui conta con moitos outros proxectos para a veciñanza. Nos últimos días, o Concello recibiu a notificación da concesión de tres cursos de formación que empezarán proximamente e formarán a 15 persoas desempregadas en cada un deles. Serán en tres especialidades: 'Montaxe de mobles e elementos de carpintería' cunha carga de 538 horas lectivas, de 'Instalación de elementos de carpintería', cun total de 578 horas de formación, e de 'Venda de produtos e servizos turísticos', con carga lectiva de 688 horas. En total, a Xunta de Galicia investirá nestes cursos de Tui máis de 181 mil euros.

Tamén, este pasado mércores iniciouse o programa #YoEmprendo para mellorar a empregabilidade de 15 mozos e mozas desempregados inscritos en Garantía Xuvenil. Cun total de 50 horas de formación, contribuirá a enfocar as carreiras laborais dos asistentes e fomentará e dará ferramentas para o emprendemento.

Por outra parte 25 mulleres estanse a formar na segunda edición de Galegas Dixitais, programa para a dixitalización das mulleres, que se celebra tras o éxito da primeira edición na que outras 20 mulleres recibiron esta formación. Celébrase en horario de mañá e tarde cun total de 120 horas de formación. Está previsto en novembro comezar unha terceira edición. Amais 15 persoas de Tui están a participar, dende o 7 de outubro, no curso de Repoñedor/a de supermercado ao abeiro do Plan de Inclusión.

Á marxe destas iniciativas concretas, dende o Concello de Tui lembran as ferramentas para mellorar a empregabilidade e asesorar neste senso á veciñanza tudense coma o Servizo Municipal de Orientación e Emprego, situado no Centro Municipal de Formación e Emprego en Guillarei. Un servizo que periodicamente organiza talleres de busca de emprego. Amais os luns a través da Radio Municipal de Tui emítese o espazo 'Club de Emprego' para achegar oportunidades laborais a persoas en busca activa de emprego. E en materia de formación en liña Tui está adherida a rede de Aulas Mentores do Ministerio de Educación e Formación Profesional a través da que se ofrecen formacións en liña cun amplo catálogo e liberdade de horarios.

Concello Tui


Tui continúa a mellorar os seus centros de compostaxe comunitario

O Concello vén de renovar e limpar estes composteiros, amais de instalar novos caixóns para o estruturante e para gardar as ferramentas de traballo

O Concello de Tui continúa apostando pola compostaxe coa renovación e continuo mantemento dos composteiros municipais ubicados no centro urbano da cidade. O persoal municipal levou a cabo, nos últimos días, tarefas de limpeza profunda nos composteiros municipais, cambiando adhesivos e carteis para a mellora e accesibilidade dos centros de compostaxe.

Agora, nunha actuación conxunta coa Deputación de Pontevedra no marco do Plan Revitaliza, póñense á disposición da veciñanza novos caixóns para estruturante, o material esencial para facer compost, e tamén para gardar as ferramentas de traballo de mantemento. Estes contedores están construídos con taboleiro mariño e con plástico reciclado de cor marrón para a súa integración co mobiliario urbano.

Con esta aportación búscase mellorar a imaxe dos centros de compostaxe comunitario, retirando os antigos caixóns de aceiro inoxidable, e tamén favorecer a comodidade tanto do uso dos composteiros por parte da veciñanza coma de mantemento por parte dos técnicos municipais.

Os seis centros de compostaxe comunitario están situados na parte traseira e no lateral do edificio Francisco Sánchez, na rúa Tenencia, na prolongación da rúa Casal Aboy preto da intersección coa Avenida da Concordia, na rúa Ourense, e a carón da praza de Abastos.

Concello Tui


A unidade de Coidados Porta a Porta estará en Tui do 8 ao 11 de novembro

Pódese solicitar xa cita para os servizos gratuítos de podoloxía, revisión auditiva e estimulación da memoria

A unidade de Coidados Porta a Porta estará en Tui do 8 ao 11 de novembro ofrecendo servizos gratuítos de podoloxía, revisión auditiva e estimulación da memoria. As persoas maiores de 55 anos interesadas poden solicitar xa a súa cita nos teléfonos 622 74 82 83 e 623 54 69 92 ou no correo coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.

A unidade do programa Coidados Porta a Porta, posto en marcha pola Xunta de Galicia, estivera xa en Tui o pasado mes de abril, e en abril realizará unha segunda visita.

Concello Tui


O proxecto Río Miño, un destino navegable presentado nun congreso internacional en Huelva

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, deu a coñecer hoxe os obxectivos desta actuación conxunto con Valença, Salvaterra e Monçao

A presentación do proxecto transfronteirizo "Río Miño, un destino navegable" foi unha das ponencias que tiveron lugar esta mañá na xornada sobre "Dinamización territorial, patrimonio e turismo no tramo internacional transfronterizo: o caso do río Miño". O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, desprazouse até Punta Umbría en Huelva, para dar a coñecer este proxecto desenvolvido polo concello de Tui xunto ao de Salvaterra de Miño e as Cámaras Municipais de Valença e Monçao.

Esta actividade é un dos tres seminarios organizados no marco do Foro Internacional de Transferencia de Coñecemento en Economía Azul que se celebra en Huelva dentro do proxecto europeo Atlazul. A organización corresponde ao Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, socio nesta acción financiada polo programa Interreg de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP).

O alcalde, Enrique Cabaleiro, tras rematar a ponencia salientou que "é toda unha satisfacción vir a presentar a un congreso internacional un proxecto que atañe directamente a Tui, á Eurocidade Tui-Valença, e tamén a Monçao - Salvaterra, convidados polo CETMAR". O rexedor tudense valorou positivamente "a acollida que este proxecto tivo neste congreso, o que nos anima a seguir traballando no mesmo", avanzando que "debemos estudar a ampliación do mesmo cara unha segunda fase, na que haberá que reformular varias cuestións". Engadía que "estamos diante dunha actuación que está encamiñada a pór en valor o río Miño, e mediante a súa posta en valor convertelo tamén nun elemento de dinamización turística e polo tanto económica, e tamén pondo en valor os recursos patrimoniais e culturais que temos, como un elemento de dinamización social".

O proxecto Río Miño Navegable ten coma obxectivo principal mellorar a navegabilidade do río Miño internacional, pondo en marcha a xestión compartida do espazo Rede Natural 2000 do Baixo Miño e aproveitando a existencia de patrimonio natural e cultural de alto interese turístico asociado á especificidade do territorio coma vantaxe competitiva fronte a outros destinos. O proxecto centrouse na mellora da navegabilidade no tramo de 16 quilómetros comprendido entre as pontes internacionais Tui-Valença e Salvaterra-Monçao, a adecuación de infraestruturas fluviais, no caso de Tui no embarcadoiro pantalán situado no Penedo, e a dotación de medios de mobilidade sostible coma o barco que realiza paseos fluviais. Tamén recolle este proxecto transfronteirizo a creación do Centro Transfronterizo de Interpretación Ambiental do Río Miño Internacional, e a posta en valor do corredor medio ambiental do río Miño, a consolidación da marca Visit Miño da que formou parte a apertura da nova oficina municipal de Turismo de Tui, e a creación da rúa fluvial do río Miño.

Concello Tui



Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais