|
Tomiño incorpora un segundo vehículo cero emisións ao servizo de compostaxe municipal
A adquisición deste novo vehículo supón un fito máis no compromiso do Concello de reducir a súa pegada de carbono
Tomiño da un paso máis cara a sostibilidade ao adquirir un segundo vehículo con distintivo ambiental cero emisións de CO2 para o servizo do persoal encargado da Implantación e xeralización da Compostaxe.
A adquisición foi posible grazas a unha subvención en concorrencia competitiva a entidades locais do Fondo de Compensación Ambiental, por importe de 27.375,00 euros (75%), achegando o resto da inversión o propio Concello.
Trátase concretamente dunha furgoneta 100% eléctrica cun tempo máximo de recarga de 8 horas (punto de carga nave municipal), con opción de carga rápida en 2 horas. Ten un espazo de carga 5 m3, con una carga útil de más de 1.000 kg. Asemade, o novo vehículo ten unha autonomía de 330 Km., sensor de aparcamento, cámara de visión traseira e pantalla multimedia táctil.
Esta furgoneta utilizarase para tarefas de mantemento dos 16 centros de compostaxe comunitaria, distribuídos nos núcleos urbanos de Tomiño e Goián. Ademais estanse a repartir os últimos dos 3.000 composteiros individuais entre os veciños e entidades das parroquias, os cales tamén requiren de visitas de asesoramento, por parte do persoal técnico municipal. Todo isto, tendo en conta que Tomiño ten actualmente case 14.000 habitantes asentados nun territorio de 106 KM2 en 15 parroquias, de maneira moi dispersa.
Todos eses centros de compostaxe, os composteiros individuais, así como os puntos verdes habilitados nas parroquias onde deixar os restos de podas leñosas, precisan para o seu adecuado funcionamento do traballo de mantemento de persoal municipal, xa sexa para recoller material como para deixar ou comprobar o estado do material estruturante, presente en Puntos Verdes e Centros de Compostaxe Comunitaria. Polo que este vehículo, complementará o traballo que se leva a cabo co Camión, adquirido ó abeiro do Revitaliza, de transporte do material dos puntos verdes.
Este novo vehículo para o servizo de compostaxe é un fito máis dentro do compromiso destes últimos anos por parte do Concello para ir reducindo pouco a pouco nos distintos ámbitos de competencia municipal o uso de enerxías fósiles e contaminantes.
Segundo a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro , "este segundo vehículo contribuirá non só a mellorar o servizo que están a levar a cabo tanto os técnicos encargados da xestión e mantemento dos centros de compostaxe comunitaria, o equipo de recollida de biomasa nos puntos verdes, senón que suporá, ao mesmo, un paso máis cara a protección do Medio ao reduciren ao mínimo a emisión de contaminantes ao noso ar".
Dende a concellería de Medio Ambiente valoran moi positivamente estas axudas, xa que suman nos plans que dende o municipio están desenvolvendo, como o plan de acción polo clima e a enerxía, o plan local de implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a xeralización da compostaxe (https://revitaliza.tomino.gal/).
José Ramón Álvarez, xefe da Policía Local de Tomiño, condecorado polos seus 32 anos de servizo e dedicación
O Concello ofreceu unha recepción ao axente, que recibiu o distintivo de permanencia xunto a outros 126 policías locais de toda Galicia
Toda unha vida dedicado a facer de Tomiño un lugar seguro. O xefe da Policía Local tomiñesa, José Ramón Álvarez Riveiro, Chiño, era condecorado hai uns días polos seus máis de 32 anos de servizo e dedicación, un distintivo de permanencia que recibía nunha gala na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) na Estrada xunto a outras e outros 126 profesionais galegos que levan máis dun cuarto de século sempre na primeira fila velando pola seguridade da veciñanza das súas localidades.
Un distintivo que para Álvarez supón "todo un orgullo, porque é un recoñecemento de todo o tempo que levas desempeñando o teu traballo con actitude e responsabilidade. Son máis de 32 anos sen incidentes, esta condecoración indica que mal de todo non o estaremos facendo", explica cheo de ledicia.
Un traballo de proximidade, no que o coñecemento da veciñanza e do territorio é fundamental e que foi mellorando de forma progresiva. "Eu levo desempeñando toda a miña vida profesional en Tomiño. Pero os tempos mudaron. Antes aprobabas unhas oposicións, poñías o uniforme e saías directamente á rúa a traballar, sen apenas experiencia, coñecementos e formación. Agora todo iso mudou e as novas xeracións están moi ben preparadas", lembra Álvarez, que leva 26 anos ao fronte da xefatura da Policía Local de Tomiño.
Tras tantos anos, Álvarez recoñece que repetiría. "Para min é unha vocación e unha responsabilidade vir cada día a traballar con gañas e ilusión. E recoñecementos como este non só son moi gratificantes, senón que tamén son o respaldo a toda unha traxectoria profesional", asegura.
O Goberno local quixo sumarse a este recoñecemento cunha recepción na Casa do Concello coa que "darlle os parabéns e agradecer a súa vocación, esforzo, dedicación e compromiso con Tomiño". Neste encontro a alcaldesa, Sandra González, tamén quixo estender a súa felicitación "a todo o conxunto de axentes locais que se implican e que cada día velan pola seguridade da nosa veciñanza.
O programa 'Coidados porta a porta' regresa este mes a Tomiño
Unha unidade móbil estará no torreiro do Alivio para prestar de balde servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria a maiores de 55 anos
Tomiño acolle este mes de outubro unha nova visita dunha unidade móbil do programa 'Coidados porta a porta', unha iniciativa posta en marcha pola Xunta de Galicia con fondos europeos ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que busca achegar servizos aos usuarios e usuarias.
Deste xeito, os vindeiros 27 e 28 de outubro e 2 de novembro, unha unidade móbil instalarase no torreiro do Alivio para prestar de forma gratuíta os servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria a persoas maiores de 55 anos residentes no municipio. O horario de atención será das 09.00 ás 20.00 horas.
As persoas interesadas en participar neste programa deberán solicitar cita previa a través dos teléfonos 622 748 283 ou 623 546 992 ou enviando un correo electrónico a coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, anima á poboación maior de 55 anos do municipio a participar neste programa, destinado especialmente a efectuar revisións e valoracións auditivas, atención podolóxica para prevención e tratamento das principais patoloxías e realización de probas de valoración cognitiva para a prevención de doenzas como o Alzheimer ou demencias neurodexenerativas.
Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Cristina Martínez, lembra que as unidades móbiles deste programa volverán visitar Tomiño ao longo do vindeiro ano 2023 para seguir prestando estes servizos.
Tomiño achega os clásicos a toda a familia con humor e case sen palabras
Será co espectáculo 'Quixote', da compañía Pedras de Cartón, que chega este domingo 23 ás 17.30 h ao auditorio de Goián
Tomiño continúa coa súa programación cultural, unha oferta de actividades de calidade para pequenos, pequenas e maiores e que esta fin de semana cede o escenario a un dos clásicos da literatura. Este domingo 23 de outubro a compañía Pedras de Cartón chegan ao auditorio municipal de Goián cos seu particular 'Quixote', un espectáculo para achegar os clásicos a toda a familia con humor, case sen palabras e cunha estética inspirada no pallaso clásico e moi próxima ao clown.
Co seu segundo espectáculo, Pedras de Cartón afronta o texto de Cervantes, un dos máis coñecidos da literatura española, en clave de comedia para afrontar as escenas máis icónicas da novela e a relación antagónica entre Quixote e o seu escudeiro Sancho Panza. Un velocípedo no que vai montado Quixote será Rocinante e o triciclo cargado de maletas no que estará montado o escudeiro será o peculiar Rucio, o asno de Sancho. No fondo un pano cubrirá o escenario e sobre el xogaranse as escenas de día e de noite.
A alcaldesa, Sandra González, convida a todas as familias desfrutar este domingo deste peculiar 'Quixote', "que permite achegar aos nosos nenos e nenas aos clásicos da nosa literatura dun xeito ameno e divertido". A rexedora resalta que o espectáculo gañou por unanimidade o Premio Certame Barroco Infantil no Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro 2021 polo enxeño da mímica, a mestría e o oficio dos actores para conectar co público e a orixinalidade da música do espectáculo, perfectamente ensamblada coa historia e os personaxes.
A función comezará ás 17.30 horas e as entradas terán un prezo de 3 euros para persoas adultas e de 1,5 euros para menores de 12 anos.
Comedia, autoficción e danza para facer desfrutar ao público este sábado en Tomiño
O auditorio de Goián acolle o espectáculo 'Baila agora', de Marta Alonso Tejada. Será ás 21.00 horas para público maior de 16 anos
O Concello de Tomiño continúa cunha oferta cultural de calidade deseñada para o desfrute do público adulto os sábados e para público familiar e infantil os domingo. Esta fin de semana chegan novas propostas, unha delas 'Baila agora', a primeira peza escénica da bailarina Marta Alonso Tejada, unha orixinal combinación de comedia, autoficción e danza gañadora do premio Espectáculo Revelación en Galicia no ano 2021 e de numerosos galardóns como o María Casares nos que se destaca a orixinalidade da linguaxe, da interpretación e da iluminación.
Alonso subirá ao escenario do auditorio municipal de Goián para facer gozar ao público desta sorte de imperativo cara ao posicionamento no presente social e persoal a través da danza. Un impulso que leva a todas as persoas asistentes a situarse no tempo actual, no afecto e na emoción do que están a compartir aquí e agora bailando. A danza, o humor e a proximidade co público xeran unha atmosfera particular do cotiá, do natural, do común e do esperanzador que se comparte na escena.
Dirixido a público maior de 16 anos, 'Bailar agora' é unha historia dunha bailarina que nace e medra nas décadas dos 80 e 90 e que amosa cunha orixinal linguaxe escénica os sacrificios que implican ter unha traxectoria profesional nunha arte tan esixente no físico como a danza, xa que nada é suficiente para eludir o declive prematuro dos e das profesionais desta disciplina.
"Con actuacións como esta damos cabida na nosa programación cultural á danza, que para nós é unha arte escénica importante, e creamos espazos nos que o público pode achegarse dun xeito sinxelo e cómodo a esta e outras disciplinas", como salienta a alcaldesa, Sandra González.
A obra comezará ás 21.00 horas e a entrada terá un prezo de 5 euros.
|