JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Restricións ao tráfico debido á celebración da 15k do Atlántico este domingo

O Concello da Guarda, a través da Xefatura da Policía Local, informa de que este domingo día 22 de outubro vaise a celebrar a IX edición da Carreira 15k do Atlántico, o que motivará algunhas restricións ao tráfico.

Entre as 10:30h e as 13:30h recoméndase aos veciños evitar, na medida do posible, a circulación de vehículos nos tramos comprendidos entre a Baixada das Loucenzas, Area Grande, Fedorento, Rúa Rosal, Rúa Irmáns Noia, Rúa Fontiñas, Rúa Oliva, Rúa Malteses e a zona da Atalaia no Porto da Guarda.

Un dispositivo de seguridade especial, formado por membros da Policía Local e voluntarios, estarán ao longo deste percorrido para garantir a seguridade e coordinar o tráfico nestas rúas.

Concello de A Guarda


O poder do rural como protagonista na IV Feira de Emprego da Guarda

" O Concello da Guarda, a través da Oficina de Información Xuvenil e o departamento de Emprego e Desenvolvemento Local organiza para o mes de novembro a feira de emprego Imaxinando Rural.

A feira deste 2022 terá lugar na planta baixa da Casa dos Alonso os días 3 e 4 de novembro en horario de mañá, e estará centrada nas oportunidades de emprego e emprendemento no rural.

A mensaxe que pretendemos difundir, e que estaría especialmente dirixida á mocidade, é que pensando en rural tamén se pode pensar en grande. As zonas rurais son espazos especialmente amigables para desenvolver un plan de vida, pero tamén poden ofrecer moitas oportunidades para poñer en marcha proxectos profesionais.

No evento contaremos coa participación de diversos entes como o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Vigo-A Guarda, ou o Grupo de Desenvolvemento Rural Baixo Miño que profundarán nas opcións laborais que ofrece tanto o sector do mar coma o sector agrícola.

Tamén nos visitará Anceu Coliving que ofrece en Ponte Caldelas unha experiencia de convivencia e coworking nunha granxa restaurada, na que resulta posible vivir de maneira sostible e traballar de forma remota.

O xoves 3 pecharemos a xornada coa empresa guardesa Skeirrum, que presentará o seu proxecto e ten preparada unha interesante actividade de street scape.

O día 4 realizaremos a presentación dos resultados do estudo "O futuro laboral da mocidade da Guarda" a cargo da consultora Inthemove, e pecharemos a feira cunha mesa redonda na que contaremos con testemuñas de persoas que decidiron emprender ou continuar negocios familiares na Guarda, facendo así unha clara aposta pola vida no rural.

No evento participará principalmente o alumnado dos institutos da comarca, pero está aberto a todas aquelas persoas que desexen participar.

Actividade subvencionada pola Deputación de Pontevedra

Concello de A Guarda


O BNG REITERA QUE A VIABILIDADE DA PISCINA PASA POLA SÚA REFORMA INTEGRAL

Anxo Baz:"O BNG fará todos os esforzos posíbeis para que se manteña o servizo da piscina"

O BNG reitera a necesidade de levar adiante unha reforma integral da piscina municipal. Esta demanda presentada no pleno do Concello no mes de maio do 2021 polo BNG sigue sendo a chave para manter este servizo segundo os nacionalistas.

O deterioro provocado na piscina polo paso dos anos acompañado dun mantemento deficitario como indica a auditoría técnica encargada polo propio Concello fai que a instalación a día de hoxe estea obsoleta.

Os nacionalistas consideran necesario acometer un proxecto de reforma integral onde se atendan tanto as carencias arquitectónicas do edificio como aquelas de carácter enerxético que fagan viábel esta infraestrutura.

O BNG lamenta tamén que o goberno do PSOE non fixera un estudio económico comparativo que determinara se é máis vantaxoso para o Concello, para as usuarias e usuarios e para as traballadoras a municipalización do servizo ou unha nova licitación como demandaron os nacionalistas no seu momento.

O portavoz do BNG no Concello da Guarda Anxo Baz indicou que os nacionalistas farán todos os esforzos posíbeis para manter o servizo da piscina.

BNG de A Guarda


A Asociación Raiceiras organiza unha xornada multicultural para dar visibilidade e protagonismo á migración da Guarda.

A Asociación Raiceiras - Acción Rural, co apoio do Concello da Guarda, realiza unha xornada multicultural con diversas actividades: showcooking e petiscos, unha conferencia, a proxección dun minidocumental realizado pola propia asociación e un obradoiro para crianzas.

A xornada, destinada a toda a poboación da contorna, ten como obxectivo visibilizar e poñer en valor os saberes e experiencias das persoas migrantes en Galicia, de forma máis concreta, no Baixo Miño.

Realizarase a conferencia "Antirracismo para principiantes" a cargo do migrante indíxena Inalef Reyulma onde nos falará de boas prácticas, veciñanza e acollida á poboación migrante; de seguido teremos o Showcooking "Sabores do mundo", onde integrantes da comunidade migrante da Guarda e concellos da contorna realizarán en vivo receitas propias dos seus lugares de orixe cunha posterior degustación para as persoas asistentes; pola tarde proxectaremos o minidocumental "Migración Galicia", no que personas de diferentes orixes contarán a súa experiencia no noso país e outros aspectos da súa vivencia como migrantes. Por último, contaremos cun obradoiro para crianzas,cun pequeno contacontos e un mural sobre as culturas que quedará exposto na sede da asociación.

A participación é de balde e será o domingo 30 de outubro a partires das 12 da mañá na sede da Asociación Raiceiras, na Antiga Escola Unitaria de San Lorenzo, Avda de S. Lorenzo s/n, A Guarda.

Asociación Raiceiras - Acción Rural


Gran éxito na Guarda do primeiro roteiro guiado da iniciativa "Historias de mulleres guardesas"

" Preténdese poñer en valor a figura de diferentes mulleres da vila, tanto anónimas como coñecidas, que destacaron na súa época por rachar cos estereotipos e intentar acadar un espacio dentro dun mundo do que non eran donas.

" As prazas para o vindeiro roteiro están xa esgotadas, pero aínda quedan prazas libres para as dúas andainas no mes de novembro.

O Concello da Guarda, a través da Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller, iniciou o pasado venres a iniciativa "Historias de mulleres guardesas", unha alternativa de ocio cultural e saudable na que o eixo principal son as historias de mulleres da vila que destacaron nas súas diferentes épocas por diversas razóns.

O Primeiro roteiro tivo lugar o pasado venres día 14 de outubro e congregou a máis de medio cento de persoas que saíron dende a Praza do Reló, para facer un percorrido guiado polo casco histórico da vila e rematar na fonte da ribeira no Porto da Guarda cunha amenización musical a cargo do cantautor guardés Tino Baz.

Nos roteiros, dos que só queda a quenda do 28 de outubro en horario de 20:00h a 21:00h(prazas completas) fálase dunha serie de mulleres, todas veciñas da Guarda, que dun xeito ou doutro forman parte do imaxinario colectivo e da historia da vila, cunha breve achega biográfica para lembrar como foi ou como é a vida destas mulleres e poñerlle cara amosando fotografías para que todos/as os/as participantes as recoñezan.

No caso das andainas, que terán lugar o 13 e 27 de novembro en horario de 10:30h a 13:30h(aínda quedan prazas libres) e que sairán dende a Alameda da Guarda (8km de percorrido e dificultade media), falarase de mulleres de Salcidos e Camposancos, tendo en conta fundamentalmente os traballos e oficios aos que se adicaban, e lembrando a algunhas persoas que viven ou viviron nestas dúas parroquias, amosando tamén imaxes delas para saber quen foron ou son as protagonistas destas historias.

As inscricións continúan abertas para as andainas na recepción do Concello, chamando ao 986610000 ou no enderezo electrónico conserje@aguarda.es

As actividades son gratuitas e as prazas limitadas.

Actividade subvencionada pola Deputación de Pontevedra

Concello de A Guarda


Continúa a programación do mes de outubro na Guarda

" Música con Coiro Vello e deporte coa 15k do Atlántico son as propostas desta fin de semana na Guarda.

" A Exposición "Galiza profunda. interpretacións do rural galego mediante ilustración e fotografía contemporáneas" amplía a súa estadía na Guarda ata o 27 de outubro

O Concello da Guarda continúa coas actividades programadas para este mes de outubro, con accións medioambientais, obras de teatro, actuacións musicais, eventos deportivos, obradoiros, exposicións e moito máis.

Nesta fin de semana o sábado 22 de outubro o Centro Cultural da Guarda acolle ás 20:00h o Concerto "Reserva 15 anos" de Coiro Vello.

O Domingo día 23 de outubro é a quenda do deporte coa novena edición da xa tradicional 15K del Atlántico Banco Mediolanum, unha das probas de referencia no calendario do atletismo galego. A proba deportiva referente do running galego que reunirá este ano ao redor de 600 corredores na 15k categoría e 200 na categoría de andaina, empregando parte do percorrido do Camiño Portugués da Costa que conduce a Santiago. A proba conta cunha parte solidaria, onde doarase un euro de cada inscrito a DOWN VIGO, así como a apertura dunha fila 0 en MI GRANO DE ARENA, para intentar recadar unha maior cantidade de recursos para dita asociación. As inscricións seguen abertas ata o 19 de outubro na web oficial do evento https://bancomediolanum15kseries.com/

A programación do mes de outubro continúa na vindeira semana o martes 25 de outubro cos Obradoiros para a creación de filtros de realidade aumentada, Social Pilgrims II, unha actividade orientada a un público xeral a partir dos 12 anos e que forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia. O taller levarase a cabo nunha aula municipal no Concello da Guarda o vindeiro día 25 de Outubro, ás 19:30 horas. A actividade, que é de balde, se pode inscribir calquera persoa interesada no mail de OMIX A Guarda informacion@aguarda.es

O sábado día 29 de outubro terá lugar a primeira representación teatral para público familiar da man da Compañía Pedras de Cartón coa obra "O Quixote" ás 18:00h no Centro Cultural, non é precisa inscrición previa.

A Exposición "Galiza profunda. interpretacións do rural galego mediante ilustración e fotografía contemporáneas" amplía a súa estadía na Guarda ata o 27 de outubro nos baixos do Concello. GALIZA PROFUNDA quere facernos reflexionar sobre a dicotomía entre a fermosura do rural xunto coa potencia e riqueza do mesmo e as causas para o seu difícil desenvolvemento. Como, a pesares de termos todo a prol nosa, o contexto social e político logrou que non avanzaramos nestes séculos todo o que mereciamos.

O Concello da Guarda, a través da Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller, programa para outubro e novembro a iniciativa "Historias de mulleres guardesas", unha alternativa de ocio cultural e saudable na que o eixo principal son as historias de mulleres da vila que destacaron nas súas diferentes épocas por diversas razóns.

Os roteiros, dos que só queda a quenda do 28 de outubro en horario de 20:00h a 21:00h(Prazas esgotadas) fálase dunha serie de mulleres, todas veciñas da Guarda, que dun xeito ou doutro forman parte do imaxinario colectivo e da historia da vila, cunha breve achega biográfica para lembrar como foi ou como é a vida destas mulleres e poñerlle cara amosando fotografías para que todos/as os/as participantes as recoñezan. O broche destes roteiros poraos o artista Tino Baz cunha intervención musical.

Concello de A Guarda




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais