A especial relación entre Tui e a BRILAT plasmada na visita que o alcalde realizou esta semana á base desta unidade do exército
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, acompañado das concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, e de Igualdade, Ana Núñez, realizou esta semana unha visita ás instalacións da BRILAT en Pontevedra respondendo ao convite feito polo xeneral xefe da Brigada de Infantería Lixeira "Galicia" VI, Luís Cortés,
Na visita realizaron un percorrido polas instalacións da Base "General Morillo" en Pontevedra e o alcalde asinou no libro de honra.
Enrique Cabaleiro explica que con esta visita "recoñécese a especial relación de colaboración entre o Concello de Tui e a BRILAT, que xa ven de lonxe". Cómpre lembrar que a BRILAT é confrade de honra de San Telmo, participando cada ano na procesión do patrón da cidade, e dende Tui sae anualmente o concurso de Patrullas que organiza esta unidade do exército polo Camiño de Santiago entre Tui e Compostela.
O mago Xavier Muro presenta o martes na Biblioteca o espectáculo "Xogando coas Palabras"
Será ás 18 h dentro do programa do Mes da Biblioteca
O próximo martes, 18 de outubro, ás 18 h, a Biblioteca Municipal de Tui acolle unha nova actividade, do programa do Mes da Biblioteca, dirixida aos rapaces e rapazas co espectáculo titulado "Xogando coas palabras" a cargo do mago Xavier Muro.
En "Xogando coas palabras" as palabras, os números e as letras escollidas ao azar, van creando o espectáculo. Ao longo dos 50 minutos que dura a función o público será o que faga a maxia, porque sen saber como, realizará o espectáculo e con resultados sorprendentes.
Actividade pertencente ao programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, convida a todos os nenos e nenas a participar nesta actividade de balde, que se inxire nos obxectivos de animación e de promoción da lectura como unha ferramenta de formación e coñecemento pero tamén como unha oferta de lecer para todas as idades. Para ambos obxectivos a Biblioteca Municipal traballa para mellorar cada día a súa oferta bibliográfica e de servizos.
O centro urbano de Tui transformarase cunha mobilidade amable para as persoas, mellorando a accesibilidade e a estética
Antes de finais de ano está previsto o inicio das obras nas rúas Augusto González Besada e Lugo cun investimento de 700 mil euros
Antes de finais de ano está previsto o inicio das obras nas rúas Augusto González Besada e Lugo dentro do proceso de transformación do centro urbano tudense cara unha mobilidade amable coas persoas, mellorando a accesibilidade e a estética. Estás actuacións están tamén en liña cos obxectivos fixados no Plan de Acción da Axenda Urbana e coa Axenda 2030.
A intervención na rúa Augusto González Besada será a primeira fase dun proxecto global que abrangue tamén ao Paseo da Corredoira, ao abeiro do Plan Ágora, para recuperar esta zona coma punto de encontro e convivencia. O orzamento de licitación ascende a 467.834,45 € financiados con cargo ao remanente de tesourería. Arestora está en fase de licitación.
A rúa manterá o sentido único de circulación e estableceranse estacionamentos a ambos lados, intercalando as prazas de aparcamento con exemplares de árbores ornamentais co que se converterá nunha avenida arborada, pavimentada en lousas de gratino, dando acceso ao Conxunto Histórico. Amais mellorarase a mobilidade peonil, con grandes beirarrúas, novo mobiliario urbano, e soterramento de cruces de servizos en aéreo deixando espazos de reserva para futuros servicios de telecomunicacións, electricidade e alumeado.
Con esta actuación perséguese potenciar as viaxe a pé en detrimento dos realizados en vehículos co que se reduce o consumo de enerxía e as emisións de dióxido de carbono.
Por outra parte a rúa Lugo será a primeira das coñecidas comas "rúas novas" en transformarse. A actuación prevista conta cun orzamento de licitación de 233.258,74 € con cargo ao Plan Concellos e un prazo de execución de dous meses. Intervirase o tramo comprendido entre a rúa Ourense e a praza de Galicia que pasará a ser de sentido único. Con este cambio búscase facilitar a mobilidade ao diminuír a acumulación de vehículos no cruzamento coa rúa Ourense e facilitando o fluxo de tráfico na praza de Galicia.
Promocionarase a mobilidade peonil con beirarrúas máis anchas, zonas esparcemento, novo mobiliario urbano e zonas verdes. As prazas de aparcamento pasarán a ser en liña. Destaca a aposta pola accesibilidade eliminando as barreiras arquitectónicas e executando unha zona de beirarrúas-aparcamento-calzada con mínimas diferencias de cota. A rúa Lugo, tras as obras, pasará a ser unha rúa Residencial co que terá prioridade peonil, se establecerá unha única zona de carga e descarga.
O proxecto a executar tamén busca revitalizar a zona a nivel comercial facilitando o tránsito peonil e aumentando as relacións cos comercios existentes na zona.
Coa intervención nestas dúas primeiras rúas comeza a transformación do centro urbano cara unha cidade amable, accesible, e máis respectuosa co medio ambiente.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salienta que "o obxectivo das dúas obras é seguir avanzando no proceso de humanizar o ámbito central da cidade, sempre coa filosofía de recuperar espazo para as persoas e limitar na medida do posible e dar unha imaxe máis moderna e actual do noso centro urbano". De aí sinalaba que "priorizamos estas actuacións que esperamos iniciar antes de finais de ano" "será o inicio desta actuación no ámbito central máis urbano unido ás obras de humanización que se están executando xa na rúa Colón".
45 persoas fórmanse en Tui en reanimación cardiopulmonar
O curso, organizado pola Área Sanitaria de Vigo, desenvolveuse na casa do Concello con motivo do Día Mundial da Reanimación Cardiopulmonar que se celebra este domingo día 16
A casa do Tui acolleu esta mañá unhas xornadas formativas sobre reanimación cardiopulmonar. Desenvolvéronse en tres quendas, ás 9:00 h, ás 10:00 h e ás 11:30 h, e acudiron un total de 45 persoas entre persoal municipal, de clubs deportivos, Policía Local, Protección Civil e establecementos de hostalería.
Organizadas pola Área Sanitaria de Vigo, coa colaboración do Concello de Tui, constaron dunha charla teórica de 15 minutos e dunha parte práctica de 45, impartidas por profesionais sanitarios e membros da Garda Civil. O obxectivo destas tres sesións foi o de sensibilizar da relevancia e repercusións da morte súbita cardíaca e técnicas de resucitación cardiopulmonar RCP.
A actividade enmárcase no contexto do Día Mundial da Reanimación Cardiopulmonar, en concienciación ante o paro cardíaco, que se celebra este domingo día 16 de outubro. O lema deste ano é "Unha sociedade que salva vidas".
A reanimación cardiopulmonar, ou RCP, é un conxunto de manobras que se realizan cando a respiración ou os latexos do corazón dunha persoa se paran. A RCP confórmase polas técnicas de respiración boca a boca e as compresións torácicas. Mediante estas dúas accións envíase osíxeno aos pulmóns do ou da paciente e axúdase así a manter activa a circulación do sangue.
Tui acolle esta semana a preparación da Selección Española de balonmán xuvenil para o Campionato do Mundo 2023
Xa disputaron un encontro amistoso e este sábado ás 20.15h xogarán o segundo no Pavillón Gustavo Rodríguez contra o Académico de Braga
A Selección Española de balonmán xuvenil escolleu Tui para continuar a súa preparación de cara ao Campionato do Mundo do próximo ano. O verán de adestramentos, partidos e torneos foi intenso para os rapaces liderados por Javier Fernández que veñen de acadar o Europeo de balonmán en Montenegro.
Deste xeito, o combinado xuvenil adestra dende o pasado domingo no pavillón Gustavo Rodríguez e concéntrase nun hotel tudense. O segundo dos dous encontros que xogarán estes días na comarca do Baixo Miño será este sábado ás 20.15h no mesmo pavillón tudense fronte ao Académico de Braga. Trátase dun encontro de gran nivel ante o terceiro club máis laureado do balonmán portugués e servirá de peche desta mini xira do combinado nacional.
Aproveitando a súa estancia na cidade, hoxe foron recibidos na Casa do Concello polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez. O rexedor agradeceu que escolleran a cidade para a súa posta a punto e tendeu a man do concello para seguir acollendo equipos e encontros de balonmán de primeiro nivel. Asemade, fixo entrega ao seleccionador nacional do libro da Eurocidade Tui-Valença como recordo da súa visita.
Logo da visita á casa consistorial, e antes de volver aos adestramentos e aos estudos que compaxinan co balonmán, os xogadores aproveitaron para pasear polo centro histórico de Tui, coñecer a Catedral de Santa María e o seu claustro e gozar da vista sobre o río Miño e a vella Ponte Internacional.
5.255 persoas iniciaron en setembro Camiño de Santiago en Tui
Foron o 35% dos 14.805 peregrinos e peregrinas que en setembro realizaron o Camiño Portugués
Os datos publicados pola Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago correspondentes ao pasado mes de setembro continúan situando á cidade de Tui nos primeiros lugares escollidos polos peregrinos xacobeos para iniciar o seu Camiño cara a tumba do apóstolo Santiago na cidade de Santiago en calquera das rutas xacobeas. En concreto, un total de 5.255 peregrinos escolleron Tui para iniciar a súa peregrinación, un 35% dos 14.805 peregrinos que realizaron o Camiño Portugués o pasado mes de setembro.
A nosa cidade unicamente foi superada pola localidade lucense de Sarria, no Camiño Francés con máis de vinte mil peregrinos, e pola cidade portuguesa de Porto onde comezaron o Camiño un total de 5.736 peregrinos. Este ascenso de Porto, en relación cos pasados meses, está en relación directa co maior número de peregrinos estranxeiros polo Camiño Portugués e unha redución dos peregrinos españois.
Cabe sinalar que si a Tui sumamos os datos de Valença, que con 1.854 peregrinos ocupa a sexta posición como lugar de inicio da peregrinación xacobea, teriamos que na Eurocidade Tui-Valença iniciaron o Camiño de Santiago un total de 7.109 peregrinos no pasado mes de setembro.
O dinamismo do Camiño Portugués, que ten a súa porta de entrada en Galicia en Tui, queda acreditado polos 14.805 peregrinos que realizaron este itinerario, consolidándose unha vez máis como o segundo Camiño de Santiago escollido polos peregrinos e peregrinas, logo do Camiño Francés, e con grande distancia das outras rutas xacobeas que ocupan os seguintes lugares nas estatísticas, o Camiño da Costa con 5.444 ou o Camiño Inglés con 3.572 peregrinos.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, expresa a súa satisfacción por estes datos da Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago que confirman a importancia que a nosa cidade ten no ámbito xacobeo. Esta achega dos peregrinos e peregrinas resulta de gran importancia para Tui pois contribúe ao desenvolvemento socio-económico do noso concello e converte á nosa cidade en referencia obrigada no ámbito xacobeo acollendo a peregrinos e peregrinas de numerosas nacionalidades que promoven un intercambio multicultural que enriquece a vida da nosa cidade e que constitúe un dos valores máis apreciados do Camiño de Santiago polas persoas que viven esta experiencia.
O programa Cultiva a Mente impartirase tamén en Pexegueiro
Esta nova temporada realizarase en nove parroquias, dúas máis que o ano pasado
Pexegueiro contará tamén co programa Cultiva a Mente, que este novo curso chegará a nove parroquias tudenses. As persoas interesadas neste novo grupo de actividade poden realizar xa a súa inscrición descargando da web municipal a ficha de solicitude e presentándoa por sede electrónica en https://concellotui.sedelectronica.gal/ ou directamente nos Servizos Sociais na casa do concello. Pódese ampliar esta información no 986 60 36 25 ext. 25 ou no 607 194 175.
A actividade comezou xa a desenvolverse neste novo curso no que se va celebrar en nove parroquias.
As clases, cunha hora e media de duración, son entre outubro e xuño. Teñen lugar os martes ás 9.30 h en Malvas, e ás 11.30 h en Ribadelouro, os mércores ás 9.30 h en Pazos de Reis, ás 11.30 h en Areas, e ás 19 h en Randufe, os xoves ás 17 h en Caldelas e ás 19 h en Pexegueiro, e os venres ás 9.30 h en Guillarei e ás 11.30 h en Rebordáns.
Cultiva a Mente busca promover un envellecemento activo e saudable das persoas maiores de 55 anos a través de diversas actividades, ao tempo que fomenta a sociabilidade ao ser unha actividade grupal.