|
O II Foro da Muller Rural Galega de Eu Rural homenaxea a Clara Pousa, un referente do empoderamento feminino
Máis de medio cento de persoas participaron no Pazo do Mosteiro de Tomiño neste punto de encontro que dá voz a todas as mulleres que apostan polo rural
O foro contou coa presenza de 13 emprendedoras que presentaron as súas iniciativas de desenvolvemento rural
"Dende Eu Rural pretendemos dar voz a todas esas mulleres que apostaron por formar parte do rural, traballando, vivindo, transformando e axudando a mellorar o noso territorio". Así explicaba Sandra González, presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural, o obxectivo do Foro da Muller Rural, que celebrou a súa segunda edición coa colaboración do Concello de Tomiño no Pazo do Mosteiro este venres, véspera do Día Internacional da Muller Rural. Un punto de encontro que busca recoñecer o valor das mulleres como peza fundamental para o desenvolvemento do territorio, "no que visibilizar o que están a facer e no que crear un espazo para compartir e tecer redes".
"Esta segunda edición volve poñer o foco sobre mulleres emprendedoras, valentes, capaces de vivir e emprender no rural. Estamos orgullosas de todas vós e da vosa man comezamos este camiño que xa non ten volta atrás e que no que ano tras ano iremos poñendo en valor ás mulleres empoderadas dos nosos municipios", destacaba González durante o acto inaugural, no que participaron alcaldes, alcaldesas, concelleiras e concelleiros dos 13 municipios do territorio. A presidenta de Eu Rural quixo aproveitar a ocasión para recordar durante a lectura do manifesto "a importancia para as mulleres de dar un paso adiante, con determinación, con intelixencia, con decisión e sen medo para que a desigualdade de xénero no noso rural só sexa unha triste lembranza do pasado".
A directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, AGADER, Inés Santé, quixo agradecer a Eu Rural a posta en marcha deste foro e quixo resaltar todos aqueles indicadores que poñen de manifesto a importancia da muller no rural, así como a súa presenza nas novas incorporacións de xente moza á actividade agraria ou a cantidade de mulleres que atoparon ou consolidaron o seu emprego a través das axudas Leader. "Existe emprendemento no rural en feminino", destacou.
Pola súa banda, a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, recalcou que "hai moitos proxectos interesantes que demostran que podemos aproveitar todo o que temos no noso rural e que nos sitúan nos postos máis altos do ranking estatal de emprendemento feminino dende hai anos. É o momento de servir de exemplo". Mentres, a deputada de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso, deu os parabéns a todas as mulleres que hoxe están aquí, pero tamén a todas as que están a defender proxectos co rural como esencia e raíz".
En total, 14 mulleres emprendedoras deron a coñecer os seus 13 proxectos, iniciativas que demostran de novo que o rural ofrece moito máis que sector primario. Así, nesta segunda edición compartiron as súas experiencias e visibilizaron as súas realidades Nuria Villa, de Petit de la Crème e Nuvi & Éxfico (A Guarda); Mar Lago, de Glamping do Mar (Baiona); Paula Fernández, de Pazo da Escola (Gondomar); Elisabet Lage, de Casa Rural Magina (Fornelos de Montes); Carla Valle, de Clínica de podología Pisamos (Mos); Silvia Mollinedo, de Guardian Xoias (Nigrán); Carmen Blanco, de Casa Rural Casa Puertas (Oia); Estefanía Grandal, de Encaixa Estudo de Arquitectura (O Porriño); Angélica Lage, artesana (Pazos de Borbén); Inés Tornero, confección de bolsos (Redondela); Marisol e Raquel Otero, de Augaluz Florista (O Rosal); Mariví Álvarez, de acuBam (Tomiño) e Natalia Rodríguez, de Bodega Corista (Tui).
Eu Rural recolleu a experiencia de todas estas mulleres e dos seus proxectos de emprendemento rural en pezas audiovisuais que xa están dispoñibles na páxina web da asociación.
Muller homenaxeada
Como xa fixera o ano pasado, o Foro reservou un espazo especial para o recoñecemento de mulleres que foron, son e serán pezas fundamentais para o desenvolvemento do territorio. Este ano a homenaxe foi para a goianesa Clara Pousa, un referente do empoderamento feminino en Tomiño e na comarca. Enxeñeira, técnica na Oficina Agraria Comarcal do Rosal e presidenta da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Goián, Pousa recibía de man da alcaldesa Sandra González unha escultura da artista búlgara afincada en Tomiño Liliya Pobornikova.
"Cando rematei de estudar, nos anos 70, non imaxinaba que ía ser tan complicado atopar traballo e incorporarme a un sector no que só querían homes. Hoxe xa hai moitas mulleres que son técnicas, pero a maioría dos postos de mando seguen estando en mans de homes. Por iso é un pracer estar hoxe aquí e ver que a igualdade de xénero no emprendemento esta cada vez máis cerca. Aínda nos queda camiño por diante, e para percorrelo é importante que nos valoremos, que asumamos responsabilidades... para que as nosas fillas e netas saiban que poden. O rural ten futuro... e nome de muller", recoñeceu Pousa.
Tomiño aborda as dificultades na mobilidade transfronteiriza de menores na EU Regions Week
A alcaldesa, Sandra González, falou da experiencia da participación da Eurocidade Cerveira-Tomiño no programa B-Solutions no maior encontro anual dedicado á cohesión política das rexións e cidades de toda Europa
A Eurocidade Cerveira-Tomiño comparte a súa experiencia transfronteiriza con rexións e cidades europeas. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, participou este xoves na European Week of Regions 2022 (EU Regions Week), o maior encontro anual dedicado a cohesión política que durante tres días reuniu de forma presencial e telemática a autoridades e técnicos de toda Europa.
A rexedora foi unha das relatoras invitadas ao taller dedicado á iniciativa B-Solutions, coa que a Comisión Europea e a Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE) apoian aos axentes locais para identificar e aplicar solucións viables para superar os numerosos obstáculos que dificultan e fan máis complexa a vida diaria nas rexións transfronteirizas. González foi convidada a este evento para expoñer a súa experiencia como participante no programa B-Solutions a raíz dun informe elaborado polas valedoras da cidadanía transfronteiriza da Eurocidade Cerveira-Tomiño co obxectivo de dar visibilidade a toda a problemática que rodea a mobilidade de menores entre ambos municipios para realizar intercambios educativos, deportivos ou culturais cando non van acompañados dos seus pais, nais ou titores e titoras legais.
Para Sandra González "a iniciativa B-Solutions foi un instrumento rápido e útil para concretar a situación legal deste obstáculos e as súas posibles vías de solución", aínda que cre que "a resposta dos estados continúa sendo demasiado lenta". O asunto foi trasladado xa no ano 2019 a un cumio dos gobernos español e portugués, pero dende entón non houbo ningunha novidade nin pasos adiante neste ámbito.
Un taller con achegas de toda Europa
Este taller internacional celebrouse ao abeiro da XX Semana Europea das Rexións e Cidades, que nesta edición centrou o debate en catro temas principais: a transición verde, o empoderamento da mocidade, a cohesión territorial e a transición dixital. Tras unha introdución por parte da experta e moderadora Caitriona Mullan, a alcaldesa tomiñesa compartiu a súa visión sobre as dificultades existentes na rexión transfronteiriza formada por Tomiño e Cerveira e sobre como a iniciativa B-Solutions pode ser unha ferramenta relevante para afrontalas.
Tras González, Ricardo Ferreira, do Punto Focal de Fronteiras en DG REGIO da Comisión Europea, presentou o contexto político que rodea o programa B-Solutions e os seus resultados e deu paso a Martín Guillermo, secretario xeral da ARFE, que presentou os efectos prácticos da iniciativa e a convocatoria de proposta aberta nestes intres. A directora de proxectos da AECT GO, de Nova Gorica, en Eslovenia, Lara Devetak, achegou exemplos concretos doutros casos B-Solutions implementados. Para rematar, Jan Molzberger, asistente científico da Universidade de ciencias Aplicadas de Kehl, puxo a todo o público asistente ao día sobre a aplicación deste programa nunha solución europea para o control da contaminación atmosférica entre Francia e Alemaña.
A OMIX de Tomiño prepara un outono con novidosos cursos e actividades
Xa está aberto o prazo para inscribirse nos obradoiros de caracterización, podcast e podcasting e conservación de alimentos
Aproveitar o outono nunca foi tan doado nin divertido. A OMIX de Tomiño ten preparada para esta nova tempada un amplo programa de cursos novidosos e innovadores que buscan achegar a mozos e mozas a actividades actuais que espertan grande interese entre eles e elas.
"Temos unha mocidade moi dinámica con ganas de facer cousas e seguir aprendendo, polo que dende o Concello debemos adaptar os nosos programas, actualizalos constantemente e modernizalos para brindarlle novas oportunidades en campos que agora están en boga", explica a alcaldesa, Sandra González.
O primeiro curso da tempada de outono comezará o vindeiro 22 de outubro e estará centrado na caracterización. Con Samaín á volta da esquina e tamén pensando no Entroido, a OMIX de Tomiño organiza un obradoiro práctico no que as persoas participantes aprenderán diferentes técnicas de caracterización para crear personaxes de cine ou teatro empregando maquillaxe artística e efectos especiais para facer realidade todo o que poidan imaxinar. O curso, aberto rapazas e rapaces a partir de 12 anos, impartirase os sábados 22 e 29 de outubro de 12.00 a 13.30 horas en Goián e terá un custo de 10 euros.
As novas tecnoloxías e formas de comunicación tamén teñen oco na programación de outono da OMIX. O sábado 29 de outubro celebrarase un obradoiro sobre podcast e podcasting, un curso no que as e os participantes recibirán formación sobre este novo formato como vía de información, divertimento ou aprendizaxe que aumentou de forma considerable o seu consumo nos últimos tempos. O obradoiro será impartido por David Gesteira, creador do podcast 'Descifrando a historia', que ten máis dun ano de traxectoria e foi un dos gañadores dos V Premios Xuventude da Deputación de Pontevedra en 2021. Dirixido preferentemente a mocidade ata os 35 anos, o curso desenvolverase de 09.00 a 13.00 horas en Goián.
No mes de novembro o gran protagonista será o obradoiro de conservación de alimentos, dúas xornadas nas que o alumnado aprenderá a elaborar conservas de alimentos seguras e se concienciará sobre a necesidade de aplicar boas prácticas na súa manufactura. Este curso vai dirixido ás persoas con inquedanzas particulares e a aquelas e aqueles profesionais relacionados coas conservas artesanais. Será os sábados 5 e 12 de novembro de 10.00 a 14.00 horas no Mercado de Tomiño. O curso terá un prezo de 10 euros por persoa.
As persoas interesadas en participar en calquera destes obradoiros poden inscribirse xa a través da páxina web do Concello de Tomiño.
Consellos, obstáculos e solucións para dar pulo á investigación clínica co médico Jorge Cameselle
O autor, médico de familia no Centro de Saúde de Tomiño durante algúns anos, presenta este venres 14 no Mercado de Tomiño (20.00 h) o seu libro 'El mono poeta. Metamorfosis de un médico e investigador de cáncer de mama'
Todo o recadado coas vendas do libro irá destinado a investigación
Todo xurdiu cando se decidiu a deixar ao persoal médico máis novo, á súa familia e ás súas amizades o seu testemuño sobre o camiño de dificultades que tivo que percorrer durante décadas para compatibilizar o exercicio da medicina coa súa vocación como investigador. Así naceu 'El mono poeta. Metamorfosis de un médico e investigador de cáncer de mama', un libro co que o médico e científico Jorge Cameselle reflexiona problemas e solucións para dar pulo ás investigacións no ámbito da saúde e que este venres 14 de outubro presenta ante o público no Mercado de Tomiño ao abeiro do 'Outono de libros'.
Nunha charla próxima e amable, Cameselle falará de todas as facilidades que achegaron as novas tecnoloxías a este campo de investigación, pero repasará tamén todas aquelas "barreiras absurdas" coas que vai tropezar unha e outra vez aqueles médicos, médicas, enfermeiros e enfermeiras que queiran dedicarse na actualidade á investigación clínica.
Doutor en Medicina e Cirurxía, académico da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, director do grupo de investigación en Oncoloxía Clínica ADICAM ou director e guionista de cinema médico, Cameselle regresa con esta presentación a Tomiño, onde foi médico de familia no Centro de Saúde nos anos 2007 e 2008. Co-autor de máis de 50 artigos médicos e gañador de numerosos premios nacionais e internacionais pola súa investigación sobre o cancro de mama e os seus documentais científicos, Cameselle destina de forma íntegra todo o recadado coa venda deste libro á investigación.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, convida a toda a veciñanza a desfrutar da presentación do libro de Jorge Cameselle e de todas as incluídas nun programa co que "buscamos descubrir aos tomiñeses e tomiñesas ás e aos escritores que teñen ao seu carón e dar visibilidade á creación literaria en todos os xéneros e a calquera idade".
Todas as presentacións son ás 20.00 horas con entrada de balde e libre ata completar aforo.
|
|
|
Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
 |
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000
|
Há estórias de casas e casas com história Externato de Santa Rita de Caminha
 |
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000
|
República em Tumulto
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
História Nossa Crónicas de Tempos Passados por Terras de Caminha e Âncora
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento Apoiado pela Fundação EDP
|
Da Monarquia à República no Concelho de Caminha Crónica Política (1906 - 1913)
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
O Estado Novo
e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense
Júlio Baptista (1882 - 1961)
 |
Organização e estudo biográfico do autor
por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora
 |
Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000
|
Memórias da Serra d'Arga
 |
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000
|
Outras Edições Regionais
|