|
A Guarda recibe do 24 ao 26 de outubro a unidade móbil de coidados sociosanitarios "Porta a Porta"
" É preciso pedir cita previa chamando ao número de teléfono 622 748 283.
A Unidade Móbil de coidados sociosanitarios estará instalada no Campo de Fínola entre o 24 e o 26 de outubro, ambos incluidos.
Esta proposta da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, visitará os 14 municipios do sur pertencentes ás bisbarras do Baixo Miño, O Condado e A Paradanta ata finais do presente mes de maio, estando previstas dúas visitas máis.
Estes servizos de sociosanitarios mediante unidades móbiles están pensados para achegar a atención as zonas rurais con dispersión poboacional. Plantéanse coma unha alternativa para evitar desprazamentos e levar achegar os servizos a cidadanía.
As consultas ofertadas consisten en revisións e valoracións auditivas; atención podolóxica para prevención, diagnose e tratamento das principais patoloxías dos pés; e realización de probas de valoración cognitiva ou exercicios de estimulación para a prevención de Alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas.
Para esta visita na Guarda da Unidade Móbil de coidados sociosanitarios, é preciso pedir cita previa chamando ao número de teléfono 622 748 283 ou contactar a través do enderezo de correo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.
A OMIX da Guarda organiza o Obradoiro "Conversas en Inglés
" O obradoiro será de balde para as persoas participantes.
" Toda a información e inscrición poderá facerse na OMIX nas súas redes sociais, no mail informacion@aguarda.es ou no teléfono 986610000 ext. 7.
A OMIX do Concello da Guarda organiza para este fin de ano un obradoiro de práctica de inglés nivel B2. Neste obradoiro crearanse situacións cotiás nas que practicar o idioma e así mellorar as nosas ferramentas comunicativas.
O horario do curso será os luns e mércores de 20:30h á 22:00h a partir do 3 de novembro. O obradoiro será de balde para as persoas participantes.
Toda a información e inscrición poderá facerse na OMIX nas súas redes sociais, no mail informacion@aguarda.es ou no teléfono 986610000 ext. 7.
O PP RECURRE A MENTIRA PARA OCULTAR OS SEUS APAÑOS CO PSOE
Anxo Baz "A desesperación do PP é tal que chegan a inventar que o BNG é socio de goberno de Antonio Lomba cando toda A Guarda sabe que non é verdade"
O PP da Guarda trata de desviar a atención sobre os apaños aos que chega co PSOE repetindo permanentemente a mentira de que "o BNG é socio de goberno de Antonio Lomba", a pesar de que todo o pobo da Guarda sabe que o BNG non forma parte do goberno municipal.
Esta maneira tan absurda de proceder do PP, é unha mostra clara da desesperación e nerviosismo do líder do PP por ocultar a veciñanza os acordos vergoñentos e contrarios aos intereses dos guardeses e guardesas aos que chega co PSOE de Antonio Lomba.
O PP da Guarda é cómplice co goberno do PSOE de intentar eliminar 12.000 m² de solo público para equipamentos, zonas verdes e aparcamentos no entorno do antigo campo de fútbol do Trega (PERI 5). Tamén son cómplices do goberno de Antonio Lomba en atrasar e ter paralizado o acceso sur ao porto da Guarda a pesar das advertencias do BNG.
O cinismo do portavoz do PP, ponse de manifesto unha vez máis cando acusa ao BNG da inoperancia do goberno do PSOE na xestión da piscina. Dase a circunstancia ademais que fronte ao silencio do PP neste asunto no último pleno, o BNG demandou explicacións ao goberno municipal.
O portavoz municipal do BNG Anxo Baz manifesta " a ausencia de proxecto do PP e do PSOE para a Guarda coinciden plenamente. Carecen dun deseño alternativo e de futuro para o pobo da Guarda e a política do PP consiste en tratar de distraer a veciñanza para tapar as súas falcatruadas".
A Asociación Raiceiras organiza un curso de cociña para homes
A Asociación Raiceiras - Acción Rural, co apoio da Secretaría Xeral de Igualdade, realiza un curso de cociña para homes na Guarda enmarcado dentro do Plan Corresponsables.
O curso, destinado a homes de máis de 16 anos, ten como obxectivo incrementar as habilidades dos participantes e así favorecer a súa implicación e autonomía, o que favorecerá actitudes de corresponsabilidade en diferentes áreas da súa vida. A formación será dinámica e participativa, na mesma aprenderán a facer recetas básicas e económicas como distintos tipos de tortilla, tapas e orixinais postres que máis tarde poderán degustar e cociñar para a súa familia e amizades. Con todas as recetas confeccionarase un recetario que formará parte dos materiais facilitados pola asociación.
A participación será de balde e incluirá as clases de cociña, os ingredientes precisos para facer as recetas e un recetario de cocina sinxela e económica. A formación será os luns e xoves de novembro en horario de tarde e levarase a cabo na sede de Asociación Raiceiras Antiga Escola Unitaria de San Lorenzo, Avda de S. Lorenzo s/n, A Guarda.
Para inscricións, pódese chamar ou enviar un whatsapp ao teléfono 644696925, enviar un correo a info@raiceiras.org ou contactar coa entidade a través das súas redes sociais.
Asociación Raiceiras - Acción Rural
Continúa a axenda de outubro na Guarda
O Concello da Guarda continúa coas actividades programadas para este mes de outubro, con accións medioambientais, obras de teatro, actuacións musicais, eventos deportivos, obradoiros, exposicións e moito máis.
Nesta fin de semana o sábado día 15 de outubro ás 11:00h da mañá terá lugar a Limpeza Simultánea de Praias organizada por ADEGA, que desta volta acada a súa XI edición, esta xornada de voluntariado ambiental ten o propósito de concienciar a sociedade na loita contra a contaminación mariña. Este ano o Concello da Guarda adheriuse a esta limpeza e acollerá este evento na xornada do sábado día 15 de outubro a partires das 11:00h na Praia do Codesal. Podes realizar a túa inscrición chamando ao Concello da Guarda ao 986 61 0000.
Tamén na xornada deste sábado día 15 de outubro o Centro Cultural acolle ás 20:30h a representación teatral "Smoke on the water" de Ibuprofeno teatro. Unha historia de sexo, drogas e rock&roll que nos traslada á unha posible recreación da vida de Janis Joplin na súa madurez. Esta peza é a última produción de Ibuprofeno Teatro, quen xa estivo na Guarda con propostas como O Furancho, Raclette, A filla de Woody Allen...Nesta ocasión cambia radicalmente o ton e a temática para trasladarnos a unha historia de curte mais sórdido dentro dun enredo amoroso-financieiro con final sorprendente, como é habitual no corte da compañía. É de destacar a calidade do elenco e a música en directo, especialmente para os amantes do rock.
Para o sábado 22 de outubro o Centro Cultural da Guarda acolle ás 20:00h o Concerto "Reserva 15 anos" de Coiro Vello.
O Domingo día 23 de outubro é a quenda do deporte coa novena edición da xa tradicional 15K del Atlántico Banco Mediolanum, unha das probas de referencia no calendario do atletismo galego. A proba deportiva referente do running galego que reunirá este ano ao redor de 600 corredores na 15k categoría e 200 na categoría de andaina, empregando parte do percorrido do Camiño Portugués da Costa que conduce a Santiago. A proba conta cunha parte solidaria, onde doarase un euro de cada inscrito a DOWN VIGO, así como a apertura dunha fila 0 en MI GRANO DE ARENA, para intentar recadar unha maior cantidade de recursos para dita asociación. As inscricións seguen abertas ata o 19 de outubro na web oficial do evento https://bancomediolanum15kseries.com/
O martes 25 de outubro terá lugar o Obradoiros para a creación de filtros de realidade aumentada, Social Pilgrims II, unha actividade orientada a un público xeral a partir dos 12 anos e que forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia. O taller levarase a cabo nunha aula municipal no Concello da Guarda o vindeiro día 25 de Outubro, ás 19:30 horas. A actividade, que é de balde, se pode inscribir calquera persoa interesada no mail de OMIX A Guarda informacion@aguarda.es
O sábado día 29 de outubro terá lugar a primeira representación teatral para público familiar da man da Compañía Pedras de Cartón coa obra "O Quixote" ás 18:00h no Centro Cultural, non é precisa inscrición previa.
Ata o 21 de outubro continúa nos baixos do Concello a Exposición "Galiza profunda. interpretacións do rural galego mediante ilustración e fotografía contemporáneas". GALIZA PROFUNDA quere facernos reflexionar sobre a dicotomía entre a fermosura do rural xunto coa potencia e riqueza do mesmo e as causas para o seu difícil desenvolvemento. Como, a pesares de termos todo a prol nosa, o contexto social e político logrou que non avanzaramos nestes séculos todo o que mereciamos.
O Concello da Guarda, a través da Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller, programa para outubro e novembro a iniciativa "Historias de mulleres guardesas", unha alternativa de ocio cultural e saudable na que o eixo principal son as historias de mulleres da vila que destacaron nas súas diferentes épocas por diversas razóns.
Nos roteiros, que terán lugar o 14 e 28 de outubro en horario de 20:00h a 21:00h e que sairán dende a Praza do Reló, falarase dunha serie de mulleres, todas veciñas da Guarda, que dun xeito ou doutro forman parte do imaxinario colectivo e da historia da vila, cunha breve achega biográfica para lembrar como foi ou como é a vida destas mulleres e poñerlle cara amosando fotografías para que todos/as os/as participantes as recoñezan. O broche destes roteiros poraos o artista Tino Baz cunha intervención musical. As inscricións están xa abertas na recepción do Concello, chamando ao 986610000 ou no enderezo electrónico conserje@aguarda.es. As actividades son gratuítas e as prazas limitadas.
Este sábado arranca na Guarda o Outono Teatral
" A Compañía Ibuprofeno Teatro abrirá esta quenda ás 20:30h con "Smoke on the water".
" Un total de 6 obras teatrais, 3 para público adulto e 3 para público familiar, todas elas no Centro Cultural da Guarda.
O Concello da Guarda, a través da Concellería de Cultura, organiza este ano o Outono Teatral 2022, no que se representarán na Guarda un total de 6 obras teatrais, 3 para público adulto e 3 para público familiar.
Para Antonio Lomba, "é de salientar a calidade das representacións teatrais que se realizan na Guarda e a complicidade que ten o público guardés coas funcións teatrais, mostra de elo é a gran acollida que teñen as obras de teatro que se realizan na vila, onde cada ano se esgotan as entradas da meirande parte dos eventos que se realizan, gozando case sempre dun aforo completo."
Para Montserrat Magallanes, Concelleira de Cultura, "esta programación é unha programación pensada para todos os públicos, con obras destinadas a público adulto e outras destinadas a público familiar, que permitirán desfrutar do teatro a moitos veciños e veciñas da Guarda, unha aposta pola cultura que ano a ano trae á Guarda a algunhas das mellores compañías de teatro de Galicia, como pode ser Ibuprofeno teatro, A Panadaría ou Caramuxo Teatro."
O vindeiro sábado 15 de outubro arranca o ciclo de teatro para os meses de outono no Centro Cultural, unha programación que está a consolidarse grazas á grande expectación e afluencia que esta disciplina artística esperta entre o público guardés que destaca por un alto nivel de fidelidade ás propostas.
Para este ano 2022 fíxose unha aposta decidida por manter o nivel das compañías profesionais escollidas, así como por achegar unha variedade nos temas tratados e na perspectiva e técnicas teatrais empregadas, procurando xerar unha diversidade e ofertar propostas novidosas que sigan atraendo ao público guardés.
Fíxose tamén un importante esforzo para que a oferta de programación non quedara só no público adulto, xa consolidado, senón por atraer a públicos mais novos, dende a mocidade que pode atopar unhas atraentes temáticas novidosa, como as meniñas e meniños e familias para as que se fixo unha coidada selección de historias sen olvidar o toque de humor, buscando así crear o hábito ao teatro desde as idades mais tempranas.
Un total de 6 representacións que a razón de dúas sesións cada mes (unha para público adulto e outra para público familiar) queren consolidar esta oferta cultural e de ocio que tan boa aceptación ten sempre no noso auditorio.
PÚBLICO ADULTO E XUVENIL
O Ciclo comezará o vindeiro sábado 15 de outubro coa obra "SMOKE ON THE WATER", unha historia de sexo, drogas e rock&roll que nos traslada á unha posible recreación da vida de Janis Joplin na súa madurez. Esta peza é a última produción de Ibuprofeno Teatro, quen xa estivo na Guarda con propostas como O Furancho, Raclette, A filla de Woody Allen...Nesta ocasión cambia radicalmente o ton e a temática para trasladarnos a unha historia de curte mais sórdido dentro dun enredo amoroso-financieiro con final sorprendente, como é habitual no corte da compañía. É de destacar a calidade do elenco e a música en directo, especialmente para os amantes do rock.
A proposta do mes de novembro, será a función "As que Limpan" o 24 de novembro da exitosa compañía A Panadería, que xa coñecemos polas obras "PAN! PAN!" e "Elisa e Marcela". As artistas porriñesas escollen novamente a temática de xénero para denunciar as condicións de precariedade laboral das empregadas da limpeza nas grandes cadeas hoteleiras dentro dun sistema de desenrolo baseado no turismo. A súa programación na Guarda vai aparellada cos eventos relacionados co Día internacional contra a violencia machista e conta cunha. Así mesmo esta función forma parte da programación Tornar As Táboas que organiza a Deputación de Pontevedra por toda a provincia para recuperar o pulso teatral despois da pandemia.
Por último, o 10 de decembro continúa a temática de muller cunha proposta totalmente novidosa de Diana Sieira, unha actriz con longo percorrido no mundo do teatro e do circo, pero que chega por primeira vez ata a Guarda con The Witch, unha novidosa proposta chea de forza, na que estando ela sola sobre o escenario entabla unha proposta participativa establecendo un diálogo/xogo co público para recuperar o debate sobre a persecucións as mulleres menciñeiras na Idade Media.
Para asistir a calquera destas funcións é preciso reservar entrada previa cunha semana de antelación a través do lugar web www.eventbrite.es (https://www.eventbrite.es/o/concello-da-guarda-35370803503) . En caso de dúbida ou dificultades coa plataforma o público pode achegarse ata as oficinas do Concello en horario de 9 a 14h.
PÚBLICO INFANTIL E FAMILIAR
Para acudir ás representacións pensadas para as crianzas non será preciso reservar con antelación previa, estando eso si a entrada condicionada ao límite de aforo sentado
Nesta ocasión seguíuse a mesma premisa que para público adulto de programar unha función cada mes e achegar unha diversidade de historias que van dende a tradición de O Quixote da Compañía Pedras de Cartón (29 de outubro), a ternura da tradicional historia das Fabas Máxicas da compañía Caramuxo Teatro (12 de novembro) e o humor e desenfado de Fran Rei con Superheróe (4 de decembro)
Todas as representacións realizaranse no Centro Cultural respetando o mesmo horario de 20:00h. Nas opcións de público adulto e 18:00h. No Público familiar
A programación de Outono Teatral é subvencionada pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2022
O Camiño Portugués da Costa como fío condutor do Obradoiro de Emprego na Guarda
" Concello da Guarda continúa traballando cara á promoción e mellora do tramo do Camiño Portugués da Costa que pasa pola vila, un indubidable revulsivo que está provocando un gran desenvolvemento económico e posibilita a desestacionalización do turismo.
A ruta xacobea é un dos nosos mellores recursos e está sendo, sen dúbida, un factor clave á hora de desestacionalizar o turismo. A afluencia de peregrinos/as prodúcese durante todo o ano, incluso durante aqueles períodos nos que tradicionalmente son considerados temporada baixa para o turismo.
É evidente que o Camiño xera economía e sinerxías, grazas a el visítanos xente que consume no comercio local, a restauración e as pernoctacións, por todo isto desde o Concello da Guarda se segue apostando firmemente por fomentar a súa promoción e a mellora das contornas polas que descorre.
Froito desa aposta nace o proxecto de obra que se desenvolverá este ano no Obradoiro de Emprego e que estará centrado en mellorar diversos puntos do Camiño ao seu paso pola Guarda. Levaranse a cabo actuacións a nivel de obra, xardinería e forestal en varias zonas de Camposancos, na zona dos Seixiños, baixada á Fedorento, etc.
Estas intervencións permitirán embelecer, aínda máis se cabe, estes espazos e, sen dúbida, mellorar a experiencia dos peregrinos e peregrinas que nos visitan para que a súa viaxe pola nosa terra resulte unha experiencia inolvidable.
O vindeiro domingo 23 disputarase a 15K del Atlántico Banco Mediolanum
A xa tradicional 15K del Atlántico Banco Mediolanum chega a súa novena edición, consolidándose como unha das probas de referencia no calendario do atletismo galego.
Este martes presentouse a novena edición da 15k del Atlántico - Banco Mediolanum, nun entorno único por onde pasará a proba o próximo 23 de outubro, a Explanada do Horizonte, en Portecelo, O Rosal.
A proba deportiva referente do running galego que reunirá este ano ao redor de 600 corredores na 15k categoría e 200 na categoría de andaina, empregando parte do percorrido do Camiño Portugués da Costa que conduce a Santiago.
O inicio da proba da carreira será el día 23 ás 11:00 horas dende o Campo de fútbol de Oia, con chegada ao Porto da Guarda. No caso da andaina, a saída será dende o mesmo lugar pero ás 10:00 horas.
A organización disporá dun servicio de autobús antes e despois da proba.
A presentación desta mañá contou coas intervencións de:
Cristina Correa, alcaldesa de Oia, que destacou na súa intervención o gran impulso para a localidade dun evento así, cunha alta participación.
Anxela Fernandez, alcaldesa do Rosal, coincidía coa súa homóloga e destacaba a visibilidade que ten un evento onde acode máis dun 90% de participantes de fora da comarca.
Antonio Lomba, alcalde da Guarda, comentaba que o gran impacto que ten a proba dende fai xa 9 anos vese reflexado nos negocios locais durante toda a fin de semana.
Pola súa parte, Ivonne Pousa, responsable de Banco Mediolanum zona norte, comentaba a importancia da proba para a entidade, onde cada ano ten unha maior difusión, non só nacional, incluso en Portugal, así como a importancia da unión do deporte coa solidaridade e os valores que todo elo conleva.
A proba conta cunha parte solidaria, onde doarase un euro de cada inscrito a DOWN VIGO, así como a apertura dunha fila 0 en MI GRANO DE ARENA, para intentar recadar unha maior cantidade de recursos para dita asociación.
As inscricións seguen abertas ata o 19 de outubro na web oficial do evento https://bancomediolanum15kseries.com/
Social Pilgrims II: Obradoiros para a creación de filtros de realidade aumentada
A actividade está orientada a un público xeral a partir dos 12 anos. Esta iniciativa forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia.
Lugar e data.- O taller levarase a cabo nun aula municipal no Concello da Guarda o vindeiro día 25 de Outubro, ás 19:30 horas. O proxecto forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia e estará impartida por monitores de Ceo Aberto Divulgación.
Nestas sesións prácticas procurarase familiarizar as/os usuarias/os das principais redes sociais (Facebook, Instagram, TikTok) coas ferramentas de creación de filtros de Realidade Aumentada e a súa posterior incorporación aos propios perfís. Asemade, falarase dos riscos de seguridades das redes sociais e daranse pequenas claves de como protexer os nosos contidos ao tempo que optimizamos o rendemento e impacto das nosas publicacións.
Na actividade, que é de balde, poderase incribir calquera persoa interesada a partir dos 12 anos de idade no mail de OMIX A Guarda informacion@aguarda.es
A Guarda acolleu o curso de formación europeo ACMIT
20 participantes de 8 países distintos se reúnen no concello da Guarda no curso de formación ACMIT organizado pola asociación guardesa FOCO. Neste curso, os participantes de España, Albania, Alemaña, Bulgaria, Xeorxia, Italia, Portugal, Polonia e Turquía reúnense para explorar como aplicar a teoría das intelixencias múltiples combinada con actividades teatrais para facilitar a avaliación de competencias.
Howard Gardner creou esta teoría nos anos 80 do século XX. Distingue oito tipos de intelixencia (lingüística, espacial, lóxico-matemática, naturalista, corporal-kinestésica, musical, intrapersonal, interpersoal). O novo punto crave no concepto de intelixencia é que todos os tipos de intelixencia son equivalentes e participan na construción da imaxe intelectual xeneral do individuo.
O tipo de intelixencia vén determinado polo conxunto de habilidades biolóxicas do individuo para resolver problemas que non están directamente relacionados, é dicir, unha persoa pode ser moi capaz nun tipo e completamente incapaz noutro tipo de intelixencia.
Este curso está cofinanciado pola Unión Europea a través do programa Erasmus+ e conta coa colaboración da Xunta de Galicia e o Concello da Guarda. Durante este curso, ademais de realizar actividades teatrais para cada unha das intelixencias, visitaron o castro do monte Santa Trega e recibiron a visita do alcalde Antonio Lomba e o resto do equipo de goberno, quen lles deu a benvida á Guarda.
O Concello da Guarda aluméase de verde para conmemorar o Día Mundial da Saúde Mental, a petición da Asociación Avelaíña
O Concello de A GUARDA súmase así á campaña que leva a cabo a Asociación Avelaíña ao longo do mes de outubro, co obxectivo de sensibilizar e informar á poboación sobre a enfermidade mental.
O 10 de outubro celébrase o Día Mundial da Saúde Mental, conmemoración que pretende sensibilizar e informar sobre a importancia do coidado da saúde mental e a defensa dos dereitos das persoas que teñen algún problema desta índole. Este ano, o tema elixido a nivel mundial para esta conmemoración é a saúde mental nun mundo desigual, chamando a atención sobre aqueles factores que impiden que o coidado da saúde mental poida chegar a todas as persoas en igualdade de condicións.
A Asociación Avelaíña
A Asociación Avelaíña é unha entidade sen ánimo de lucro que nace no ano 1997 na comarca do Baixo Miño, coa misión de potenciar a inclusión das persoas con problemas de saúde mental mediante a promoción da súa calidade de vida e a dos seus familiares. Foi declarada Entidade de Utilidade Pública no ano 2010.
Tras 25 anos de andadura, na actualidade a asociación está integrada por 18 profesionais e máis de 400 persoas socias con enfermidade mental, familiares, coidadores e persoas sensibilizadas ante este problema de saúde. Sendo o seu ámbito de actuación a provincia de Pontevedra.
Hoxe en día Avelaíña está presente no Baixo Miño, Val Miñor, no Condado, na Paradanta e en Salceda de Caselas e conta con numerosos convenios e concertos con organismos públicos, promovendo aquelas intervencións na área da saúde mental non cubertas polas institucións existentes e procurando unha mellor relación entre a persoa e o seu medio.
|