Chega a Tui o espectáculo
"Os Nortis e os libros sen título"
Será o martes ás 17.30 h dentro da programación do Día da Biblioteca
O próximo martes, 11 de outubro, ás 17.30 h continúan as actividades programadas pola Biblioteca Pública Municipal de Tui arredor da celebración do "Día da Biblioteca", que terán lugar ao longo de todo o mes co lema de "BiblioTeCoida".
Nesta nova cita dirixida aos máis pequenos contarase coa presenza de "Juste Kamishibai, papel e teatro" que achega a Tui o seu espectáculo "Os Nortis e os libros sen título". Esta actividade combina unha dimensión teatral cun obradoiro en papel para todos os participantes.
Os Nortis son uns personaxes que habitan na dimensión da creatividade e a través dos libros axudan aos nenos e nenas a espertar a súa imaxinación. Con esta premisa comeza unha viaxe entre libros de cartón dos que xorden despregabres pop-up, mecanismos móbiles e xogos de contraluz con imaxes. Unha aventura visual e de lendas para toda a familia.
A concelleira de cultura, Sonsoles Vicente Solla, anima ás familias a participar nestas actividades que teñen como obxectivo á promoción da lectura e da oferta cultural e informativa que realiza á biblioteca municipal tudense.
Aberto o prazo de inscrición no Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Tui até o próximo sábado 15 de outubro
A Biblioteca Pública Municipal de Tui ten aberto, ata o vindeiro sábado, 15 de outubro, o prazo para a inscrición das persoas interesadas no Club de Lectura de adultos.
Un club de lectura é un grupo de persoas que se reúnen periodicamente para comentar un mesmo libro. Cada un le de xeito individual na súa casa e despois, nas reunións do Club, comparten opinións e debaten os distintos aspectos do texto: as personaxes, o seu significado, o estilo literario, etc. Os libros son aportados pola Biblioteca Municipal de Tui. O persoal da Biblioteca actuará como coordinador e moderador do club.
Non é necesario sen un gran lector ou lectora, simplemente ter ganas de ler e animarse a participar nas reunións do club que se establecen cunha periodicidade quincenal.
As persoas interesadas poden inscribirse en liña no formulario dispoñible na web da biblioteca municipal tudense https://www.bibliotecaspublicas.es/tui/Servicios/Club-de-lectura.html ou enviando un correo a biblioteca@tui.gal ou persoalmente na propia biblioteca.
A concelleira de Ensino e Cultura do concello tudense, Sonsoles Vicente Solla, sinala que esta convocatoria se enmarca dentro das actividades de promoción da lectura que desenvolve a Biblioteca Municipal tudense para facilitar o acceso á lectura da cidadanía e dinamizar este centro bibliotecario.
Tudenses dobremente condecorados polos seus méritos profesionais e deportivos
Medalla ao Mérito Policial de Galicia para catro axentes da Policía Local logo da súa actuación na explosión de Paramos. A deportista Marisa Giráldez recibiu a condecoración ao Mérito Deportivo de Galicia.
Semana de múltiples condecoracións a tudenses. Por unha banda catro axentes da policía local de Tui recibiron hoxe a Medalla ao Mérito Policial de Galicia pola súa actuación na explosión de material pirotécnico rexistrada 23 de maio de 2018 no barrio da Torre, en Paramos.
Nun acto celebrado na sede da Academia Galega de Seguridade na Estrada, a Xunta premiou o labor policial do actual inspector xefe, Manuel Arca, do anterior no cargo, José Ramírez, e tamén dos axentes David González e Avelino Martínez.
Co este galardón, a máxima distinción policial en Galicia, recoñécese a profesionalidade demostrada aquel 23 de maio axudando aos damnificados, trasladando aos feridos e adentrándose no lugar onde se producira a explosión buscando feridos sen importar o risco. A entrega desta condecoración, que xa viñera publicada no DOG en 2020, adiouse até hoxe debido á pandemia.
Amais hoxe o policía tudense Avelino Martínez recibiu o distintivo por 25 anos de servizo no corpo.
Por outra parte esta semana outra tudense, Marisa Giráldez, foi recoñecida por toda unha vida dedicada ao deporte. Marisa Giráldez, deportista e pioneira en deportes como o baloncesto e o bádminton en Tui, recibiu esta semana a condecoración ao Mérito Deportivo de Galicia, nun acto celebrado en Santiago de Compostela.
Como muller, bateu portas no deporte en multitude de ámbitos dende moi nova e ata o día de hoxe, que continúa ligada á práctica deportiva como presidenta do Club Bádminton Tui. Coma deportista profesional, xogou no Celta de baloncesto entre 1969 e 1971, foi campioa de España de baloncesto no ano 1967 e tamén mellor xogadora de liga nese ano. No 74 comezou a súa andaina co bádminton pero tamén fixo tenis, balonmán ou golf, sempre a un alto nivel e gañando torneos en todas as disciplinas e categorías que integrou.
Comeza en Tui o taller de reforzo escolar do Servizo Municipal de Atención de Menores
Impártese os martes no edificio Francisco Sánchez. Está destinado a menores que precisan apoio.
Esta semana deu comezo un taller de reforzo escolar destinado a menores que precisan apoio. Enmárcase dentro do programa SAMM, o Servizo de Atención Municipal a Menores de Tui. Púxose en marcha xa en cursos pasados logo de que Servizos Sociais detectasen unha necesidade crecente neste ámbito de actuación.
Amais da actuación deste departamento municipal, detectando cada caso que precisa de atención, os propios centros tamén fan derivacións de aquel alumnado con certas dificultades educativas e académicas e en situacións de vulnerabilidade.
Os talleres céntranse no reforzo en diferentes ámbitos a nivel socioeducativo, con clases de apoio e reforzo educativo. Desenvólvese no edificio Francisco Sánchez os martes de 16:00 a 19:00 horas e en dous grupos de idade limitados a 10 menores por grupo para poder atender ás necesidades específicas de cada neno ou nena.
Trátase dun programa de gran demanda, xa que todos os anos existe lista de agarda. Con este e outros programas dos Servizos Sociais municipais, o Concello de Tui quere incidir no seu firme compromiso con estas políticas públicas, esenciais para a asistencia, a axuda e o apoio a todos os colectivos vulnerables do municipio. Por isto lembran, a todo aquel que o precise, que pode contactar con este servizo no teléfono 986 60 36 25 extensión 54.
O CEIP de Caldelas estrea comedor escolar
O Concello investiu 25 mil euros para acondicionar o espazo para este novo servizo que utilizarán unha vintena de nenos e nenas
Onte inaugurouse no CEIP de Caldelas un novo servizo de comedor escolar co que conta o centro neste curso 2022/23. Deste xeito, o Concello de Tui continúa a súa aposta por dotar destes servizos aos seus centros escolares, investindo 25 mil euros nas obras para acondicionar o espazo que acolle o comedor, e facilitando deste xeito vías de conciliación aos pais e nais.
En concreto en Caldelas, máis de 20 nenos e nenas beneficiaranse deste novo servizo de comedor escolar que xa o luns abría as súas portas para ofrecer xantares variados e nutritivos ao alumnado inscrito.
Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, os comedores escolares eran "unha das prioridades en materia de equipamento educativo ante á, cada vez, maior demanda". Este novo espazo de comedor en Caldelas, destacaba o rexedor, súmase ao inaugurado en Randufe, e reforzará un servizo que antes só era demandado en zonas urbanas pero que "agora é moi necesario facer extensible tamén no rural".
Neste senso, a concelleira de Educación, Sonsoles Vicente, salientou a ledicia por ver inaugurado este servizo. Indicaba coma a boa acollida do mesmo reflicte o necesario que era para a comunidade educativa, alumnado e familias. Tamén quixo reforzar o compromiso que o Concello de Tui adquiriu cos centros públicos e afirmou que "traballará para que todos os colexios poidan dispoñer de comedor", sendo o de Guillarei o seguinte centro que porá o seu en marcha.
O comedor de Caldelas súmase ao recentemente inaugurado en Randufe para, deste xeito, dotar con este equipamento á práctica totalidade dos centro educativos tudense espallados polo municipio.
Once mulleres amosan a súa obra pictórica na exposición "O despertar dos sentidos"
Estará aberta ao público ata o día 31 de outubro na Oficina Municipal de Turismo de Tui
Hoxe inaugurouse na Oficina Municipal de Turismo de Tui a exposición "O despertar dos sentidos" organizada pola Asociación Cultural Tyde coa colaboración do Concello de Tui. Presenta a obra pictórica de once mulleres pertencentes a Asociación Cultural Tyde.
María Fernández, María Garrido, Emilia González, Teresa Ruano, Isabel G. De Haro, Conchi Alonso, Mª Carmen Baquero, Fina Saa, Mª José Rodríguez, Loli González e Pilar Pereira amosan os seus cadros nos que plasman dende paisaxes ata bodegóns e dende retratos ata imaxes abstractas. A técnica empregada na maioría é a acuarela.
No acto inaugural estiveron esta mañá o alcalde, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Igualdade, Ana Núñez, e a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, quixo felicitar ás artistas salientando o seu traballo e a súa actividade. Di o rexedor que, á marxe do sentido cultural, tamén é salientable a súa acción en canto tecido asociativo, que aporta ese sentido máis social.
Pola súa banda a concelleira de Igualdade, Ana Núñez, felicitou ás integrantes deste colectivo pola creación de "rede", ao tempo que as felicitou polas obras que agora presentan publicamente.
A Asociación Cultural Tyde está conformada por un grupo interxeneracional, coa integrante máis nova de 14 anos. Reúnese cada martes no baixo do edificio da Seguridade Social, fronte á igrexa da Misericordia, onde pode achegarse en horario de mañá ou tarde calquera interesado ou interesada, xa que aínda que na actualidade está conformada so por mulleres está aberta tamén á participación masculina.
A exposición "O despertar dos sentidos" está aberta na Oficina Municipal de Turismo de Tui ata o 31 de outubro, en horario de 9:30 h a 14 h e de 16 h a 19 h de luns a domingo.
Tui inicia o outono cunha ampla programación teatral para todos os públicos
Haberá espectáculos no Teatro Municipal todos os venres de outubro e novembro
Dende este venres 7 de outubro, o Teatro Municipal de Tui acollerá unha extensa programación teatral para todos os públicos con recoñecidos espectáculos que visitarán a cidade ao longo dos próximos dous meses. En canto aos xéneros, haberá propostas de ópera, comedia, drama, cinema, danza contemporánea ou musicais.
Serán un total de oito espectáculos a celebrar até o 25 de novembro que chegarán da man de compañías coma Talia Teatro, Píscore, Butaca Zero, Tanxarina Títeres, Da.Te. Danza, Os Naúfragos e Contraproducións.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salienta que con esta programación Tui continúa a ser un referente cultural tamén no outono con estas novas propostas, e tras o éxito da acollida das actividades celebradas ao longo dos meses estivais.
Pola súa parte a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, convida á cidadanía a gozar dos espectáculos programados para este outono no teatro nunha programación que continúa coa liña marcada en anteriores temporadas con propostas de gran calidade, diversidade, e para todos os públicos.
Este venres, 7 de outubro, dende as 21.30 h, representarase a primeira proposta: 'Morte accidental dun anarquista', de Talía Teatro. A comedia de Dario Fo está dirixida por Cándido Pazó e narra uns sucesos reais ocorridos nos Estados Unidos en 1921 e que se inspiran na morte do ferroviario Giuseppe Pinelli en Milán. Con prezos de 6 e 8 euros, está recomendada para maiores de 12 anos.
O próximo venres 14 de outubro, ás 19.30h, haberá cita co teatro musical 'Concerto con fusión' de Píscore. A obra, galardoada co Premio do Público no Festaclown 2019, conta como catro músicos descoñecidos descobren un pasado común e o seu gusto polas músicas que fusionan estilos. Con prezos de 3 e 4 euros, está recomendada para maiores de 3 anos.
A compañía Butacazero representará 'Papagena' o próximo venres 21 de outubro ás 21.30h. Trátase dunha ópera electrónica a partir da figura de Papagena, presente na célebre obra 'A frauta máxica' de Mozart. Está recomendada para maiores de 12 anos. A entrada será gratuíta previa reserva en tui.gal.
O venres 28 de outubro ás 19.30h haberá teatro xestual con Tanxarina Títeres e a súa obra 'A cazola de Lola'. Conta a vida desta moza, que cambia por completo dende o momento no que lle cae un cazo enriba. Os prezos son de 3 e 4 euros e está recomendada para maiores de 3 anos.
O mes de novembro comezará con danza o venres 4, ás 19.30 h, co espectáculo 'Natanam' de Da.Te Danza, que recibiu o premio Feten 2021 ao mellor espectáculo de achegamento á danza para a primeira infancia. A danza contemporánea é o punto de partida dun espectáculo con dous intérpretes que xogan cos elementos. Os prezos serán de 3 e 4 euros e está pensado para público de entre 0 e 6 anos.
Tamén haberá espazo para o cinema nesta programación de outono. A aclamada comedia galega 'Cuñados', con Miguel de Lira e Xosé Touriñán coma protagonistas, chegará a Tui o 11 de novembro ás 21.30h. Conta a historia destes dous cuñados que precisan moitos cartos logo de meter a pata nun dos seus negocios. As entradas serán de 4,5 e 6 euros nun filme recomendado para maiores de 10 anos.
O venres 18 de novembro, ás 19.30h, chegará a Tui 'Hugo', a obra da compañía Os Náufragos que recibiu os premios María Casares 2022 á escenografía, á dirección e ao mellor espectáculo. Esta peza de teatro familiar conta unha historia persoal que, a través da empatía, a comunicación e a beleza do diferente, busca sensibilizar e dar visibilidade ao trastorno de espectro autista. Recomendada para maiores de 4 anos, os prezos serán de 3 e 4 euros.
O último espectáculo que acollerá o Teatro Municipal neste ciclo será un dobremente aclamado pola crítica e polo público. 'Cigarreiras', de Contraproduccións, conta a relación imposible entre unha proletaria e un burgués na época da I República. Unha obra dramática, Premio do Público no 2021 no Festival Internacional de Outono de Carballo e Premio María Casares no 2022 á escenografía, dirección e mellor espectáculo, que chegará a Tui o 25 de novembro ás 21.30h, con prezos de 6 e 8 euros. Está recomendada para maiores de 12 anos.
As entradas para Talía Teatro estarán dispoñibles a partir de mañá mércores en www.tui.gal e dende a próxima semana poderán mercarse para os outros espectáculos que conforman a programa de outono.
En todos os casos as entradas poderán mercarse en tui.gal até media hora do inicio de cada función. Todos os espectáculos contarán cun prezo de entrada xeral e outro con descontos para a mocidade con carné xove, co carné de estudante, tamén para os que posúan o carné de socio da Biblioteca Pública Municipal, o carné de familia numerosa, carné de discapacidade, desemprego ou xubilación e tamén para menores de 12 anos.
Toda a información deste outono de teatro en Tui pódese consultar nas redes do concello e tamén na web tui.gal.
A Oficina de Turismo de Tui atendeu este verán máis de 23 mil visitantes
En setembro houbo case 5 mil persoas e o récord estivo en agosto con 10.600
A Oficina Municipal de Turismo de Tui atendeu o pasado mes de setembro un total de 4.897 visitantes, deles 3.200 eran turistas e 1697 peregrinos. Desta forma complétanse os datos de tempada de verán na que esta céntrica oficina de turismo tudense recibiu un total de 23.137 visitantes, deles 5.704 peregrinos e 17.433 turistas.
Estes datos para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, expresan o dinamismo crecente do sector turístico tudense que experimenta anualmente un sostido crecemento. Os datos da Oficina de Turismo recollen unicamente unha tendencia pois a realidade é moito máis ampla pois unicamente unha parte dos visitantes á nosa cidade se achegan ata esta oficina na procura de información para a súa visita. O rexedor tudense comenta que estes positivos datos son un acicate, tanto para o Concello como para os diversos axentes do sector privado, para continuar mellorando a calidade da oferta de servizos da nosa cidade que consoliden esta tendencia de crecemento do número de visitantes.
Nos meses de xullo agosto e setembro, o número de peregrinos atendidos nesta oficina foi de 5.704 peregrinos, deles 1.332 de procedencia internacional e 4.372 españois. Namentres que os turistas acadaron a cifra de 17.433, con 1.117 estranxeiros e 15.678 españois. Un ano máis nos meses de verán o predominio de peregrinos e turistas españois resulta amplamente maioritario, afirmándose pois o predominio do mercado español para estes meses de tempada alta.
No desglose dos datos ofrecidos pola Oficina Municipal de Turismo para o mes de setembro podemos comprobar un progresivo incremento de peregrinos estranxeiros, mantendo a tendencia observada en anos anteriores no mes de setembro, cos seguintes países como líderes neste ámbito: Alemaña(172), Portugal (105), Italia(68), EE.UU (85), Reino Unido (57), Canadá (36), Francia(24) ata completar os 727 peregrinos atendidos neste mes de setembro. Os 970 peregrinos nacionais chegaron dende: Madrid (181), Barcelona (86), Sevilla (85), Málaga (84), Alacante (60), Cádiz (60), Valencia (52) e Tenerife (40).
No que atinxe aos turistas, dos 390 atendidos na oficina os principais países de orixe foron: Alemaña (93), Portugal (69), Reino Unido (36), Francia (37), Reino Unido (22), Polonia (22) e Arxentina (22). Pola súa banda, os 2.810 turistas españois chegaron especialmente de Madrid (502), Asturias (183), Pontevedra (164), A Coruña (125), Barcelona (122), Zaragoza (108).
A Máquina do Tempo de Teatro Ghazafelhos abre a programación de actividades da Biblioteca Municipal neste mes de outubro
A Biblioteca Pública Municipal de Tui abre a súa programación de actividades para este mes de outubro, arredor da celebración do "Día da Biblioteca", cun espectáculo de animación para os máis cativos, dende os cinco anos, titulado "A máquina do tempo" a cargo do grupo de teatro Ghazafelhos. Esta actividades terá lugar mañá martes, 4 de outubro, ás 17.30 h con entrada de balde ata completar o aforo.
"A máquina do tempo" é unha peza de teatro que ilustra dun xeito ameno e pedagóxico a historia das civilizacións. Coa axuda dunha curiosa escenografía, Pepablo Patinho e Montse Piñón, farán un percorrido pola historia a través de dúas chamativas personaxes: A doutora Mon e o seu axudante Pe. Durante o espectáculo precisarán da axuda do público que viaxará xunto coa doutora e o seu axudante a distintas épocas da nosa historia. Teatro Ghazafelhos propón con esta peza teatral unha aventura educativa a partir do humor.
A concelleira de cultura, Sonsoles Vicente, anima ás familias a participar nesta actividade que achegar á historia das civilizacións de xeito atractivo para todos. Con esta proposta inicia a Biblioteca tudense unha nova xeira de actividades de animación á lectura que pretende achegar de forma lúdica á lectura e á cultura a todos os segmentos sociais.
Esta actividade forma parte do programa "Ler conta moito" que promove a Consellería de Cultura, Educación, F.P. e Universidade da Xunta de Galicia para a dinamización da lectura nas bibliotecas públicas de Galicia e no que participa o Concello de Tui.