|
A mocidade de Tomiño tomará as rúas para provocar a reflexión en torno ao dereito á auga
Son os participantes do obradoiro de comunicación de guerrilla do proxecto #PeopleAndPlanet impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e impartido pola Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO)
A mocidade de Tomiño non para, e neste caso participa coas mozas e mozos doutros nove concellos nunha mobilización moi pouco convencional. Trátase do que se denomina como "comunicación de guerrilla" e que consiste, básicamente, en utilizar intervencións no Espazo público para captar a atención da Sociedade e xerar reflexións na cidadanía en torno a unha temática en concreta. A través de accións de performance, de uso non vandálico do mobiliario público e outras estratéxias do mundo da publicidade.
As mozas e mozos de Tomiño, xunto coa mocidade de outros nove concellos - A Pastoriza, Bergondo, Monforte de Lemos, O Barco de Valdeorras, Ponteareas, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Pontevedra e Teo - que forman parte do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, poderán paticipar en obradoiros sobre comunicación orientada ao cambio social, onde aprenderan técnicas tan innovadoras como as da "comunicación de guerrilla", pero tamén sobre a temática que abordarán na súa mobilización: a auga como un dereito humano fundamental e a crise climática global.
O Obradoiro "Técnicas Básicas de Comunicación de Guerrilla" en Tomiño terá lugar o vindeiro 8 de outubro de 9 a 13h e de 16h a 18h en Goián, no edificio anexo ao Mercado Municipal. A inscrición é de balde e pode facerse dende xa na web municipal tomino.gal ou a través da ligazón: https://tomino.gal/inscricion-comunicacion-de-guerrilla/ Tras o obradoiro, levarase a cabo a acción de comunicación de guerrilla final como intervención pública de denuncia e sensibilización.
Estas accións enmarcanse no proxecto 'People & Planet: un destino común' promovido pola Comisión Europea e que busca sensibilizar e concienciar ás mozas e mozos europeos sobre o cambio climático e o seu grave impacto no planeta e na vida das persoas. O obxectivo é convertirlles en axentes activos do cambio. A iniciativa comezou en 2020 e terá unha diuración de 4 anos.
Tomiño reactiva os composteiros dos centros de ensino do Concello
As 13 aulas de CRA e os 5 colexios de infantil e primaria de Tomiño levan apostando pola compostaxe dende 2019
Coa chegada do curso escolar, como cada ano, póñense en marcha os composteiros dos centros de Ensino de Tomiño, composteiros que levan en funcionamento dende 2019 nas 13 aulas de CRA e nos 5 colexios de infantil e primaria do Concello e que o alumnado utiliza para xestionar os biorresiduos das merendas.
Durante o mes de setembro o Mestre e a Mestra composteira percorreron cada un destes centros educativos para darlle un remexido e un regado ao material do composteiro, parado dende o remate do curso pasado, así como para ensinarlles ás e aos mais pequenos como se debe xestionar o residuo orgánico que xeran nas aulas.
Amais, nalgúns casos extraeron compost do curso anterior, mudaron de sitio os composteiros para mellorar a accesibilidade dos mesmos e se lles facilitou o material estruturante necesario para axudar á compostaxe.
En Tebra, instalouse un novo composteiro para a xestión das sobras que se poidan producir no novo servizo de comedor. E o alumnado do centro CEIP Pintor Antonio Fernández acudiu ao Centro de Compostaxe Comunitaria de Goián para aprender novas técnicas de compostaxe: todos os cursos participaron activamente na tarefas de cribado para conseguir un compost máis fino.
A alcaldesa Sandra González celebra a boa acollida que está a ter a compostaxe nos centros educativos, e lembra a importancia deste tipo de actuacións: somos un concello pioneiro na implantación da compostaxe xa que entendemos que é a mellor forma de xestión deste tipo de residuos e é preciso ensinarlle o camiño da sostibilidade ás e aos máis pequenos porque son o futuro do municipio e coas súas accións contribuirán a que Tomiño sexa cada día máis sostible".
Dende o Concello lembran tamén que xa está en marcha o reparto dos segundos composteiros aos veciños e veciñas que así o demandaron, previa visita dos técnicos ás súas casas, se algunha persoa precisa un segundo composteiro doméstico, debe poñerse en contacto co consistorio, no departamento de Medio Ambiente, ou co persoal técnico que esta a levar a cabo os seguimentos nas parroquias.
Tomiño, escenario da segunda edición do Foro da Muller Rural Galega de EuRural
Celebrarase o vindeiro 14 de outubro, véspera do Día Internacional das Mulleres Rurais
Será unha xornada de networking na que 19 mulleres compartirán a súa experiencia liderando iniciativas rurais no territorio
EuRural volve ceder o protagonismo ás mulleres e a poñer en valor e destacar iniciativas que apostan polo rural. A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural celebra o vindeiro 14 de outubro, véspera da conmemoración do Día Internacional das Mulleres Rurais, a segunda edición do Foro da Muller Rural Galega, unha iniciativa que busca dar voz a todas as mulleres que apostaron por formar parte do rural, traballando, vivindo, transformando e axudando a mellorar o territorio.
O Pazo do Mosteiro de Tomiño será o escenario no que se darán cita 14 protagonistas deste ano, que explicarán a súa situación liderando proxectos rurais nos 13 concellos de EuRural. Despois do almorzo e networking, que comezará ás 10.00 horas, ás 10.30 horas darase paso á inauguración oficial. Logo será a quenda do apartado 'Compartindo experiencias, visibilizando realidades', na que se contará coas intervencións de todas as protagonistas e que este ano serán Nuria Villa Vicente, de Éxfico (A Guarda); Mar Lago Giráldez, de Glamping do Mar (Baiona); Paula Fernández Fraga, do Pazo da Escola (Gondomar); Elisabeth Lage Muíños, de Casa Rural Magina (Fornelos de Montes); Carla Valle Pérez, da Clínica de podología de Mos; Silvia Molliñedo García, de Gardian Xoias (Nigrán); Carmen Blanco, Puertas de Casa Rural Casa Puertas (Oia); Estefanía Grandal Leiros, de Encaixe - Estudio de Arquitectura (O Porriño); Angélica Lage Tellado, unha artesana de Pazos de Borbén; Inés Tornero Viñas, dedicada á confección de bolsos en Redondela; Marisol Otero Fernández e Raquel Otero Fernández, de Augaluz Florista (O Rosal); Mariví Álvarez Fernández, da Asociación Cultivos do Baixo Miño - acuBam (Tomiño); e Natalia Rodríguez Estévez, de Bodega Corisca (Tui).
Tras este espazo, ás 12.30 h, procederase á lectura do manifesto da muller rural galega e celebrarase o acto de entrega de recoñecemento á muller homenaxeada nesta edición, que será veciña da vila tomiñesa.
As persoas interesadas en asistir poden inscribirse xa a través dun formulario disposto na páxina web de EuRural, onde poderá tamén atopar máis información sobre a xornada.
CONVIVE.COMigo volve a Tomiño na procura de persoas ou familias dispostas a axudar a adolescentes que teñan que cumprir unha medida de convivencia
"CONVIVE.COMigo" é un programa promovido por ARELA e a Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra
Conseguir persoas ou familias que queiran convivir cunha persoa adolescente que teña a obriga de cumprir unha medida xudicial (Convivencia con outra persoa, familia ou grupo educativo). Esé é obxectivo de CONVIVE.COMigo, un programa promovido pola asociación ARELA e a Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra, que chegou a Tomiño na procura de apoios de cara a colaborar na difusión do mesmo e así continuar nutrindo o banco de persoas ou familias do programa con núcleos de convivencia que abarquen diferentes puntos do territorio.
Na reunión mantida hai uns días, acordouse a colaboración do Concello de Tomiño na difusión e achegamento do programa á cidadanía, coa finalidade de que poidan xurdir novas persoas ou familias interesadas no municipio. Anteriores campañas de difusión do CONVIVE.COMigo teñen espertado un grande interese entre a poboación, polo que a alcaldesa, Sandra González, agarda que a presente campaña obteña de novo resultados positivos: "a veciñanza tomiñesa sobresae polo seu compromiso e pola súa solidariedade e estou convencida de que moitas familias quererán sumarse de novo á iniciativa de Arela e da Xunta e cooperar na presente edición de CONVIVE.COMigo".
O programa busca familias ou persoas cunha alta sensibilidade cara á adolescencia que queiran facer unha aposta temporal por unha persoa adolescente con dificultades que, a través dun ambiente socializador e positivo terán a posibilidade de modificar as circunstancias que motivaron a medida xudicial e evitarán, así, reincidir nos mesmos feitos, comportamentos e actitudes unha vez regresen a vivir coa súas familias de orixe.
Os requisitos para formar parte do programa CONVIVE.VOMigo son os seguintes: ser maior de idade, dispoñer dunha vivenda adecuada, estabilidade emocional, comprometerse a traballar en equipo, garantir un alto grao de dispoñibilidade, non buscar a satisfacción dun desexo de parentalidade... Á súa vez, valorarase positivamente a formación relacionada con ciencias sociais, a experiencia previa en programas de acollemento familiar e a predisposición á aprendizaxe en diferentes eidos como a adolescencia ou a formación de carácter xurídico.
ARELA ofrece unha formación grupal e individual, e asesoramento, con acompañamento de profesionais e un financiamento de 40€ diarios durante os meses que a persoa adolescente permaneza coa familia ou persoa.
Pódese consultar máis información sobre este programa na páxina web de ARELA, así como no teléfono 986 21 25 37 ou a través do enderezo electrónico convive@arela.org.
ARELA é unha asociación que leva traballando en Galicia dende o ano 1998 con infancia e adolescencia en situación de desprotección e/ou conflito social, prestando diferentes servizos: Casas de Familia, Centros de Atención de Día Integral e Centros de Intervención Educativo en Medio Aberto (CIEMA) coa Consellería de Política Social.
A Eurocidade Cerveira-Tomiño promove o debate sobre a igualdade social
Unha reunión sobre cidadanía e igualdade pecha o ciclo de encontros sociais preparatorios da Axenda Urbana 2030
A Eurocidade Cerveira-Tomiño celebra este martes 4 de outubro o seu cuarto aniversario. Tras unha longa traxectoria de traballo conxunto, en 2018 ambos os dous concellos constituíanse como Eurocidade, un paso máis ao dado no ano 2014, no que os municipios de Tomiño e Vila Nova de Cerveira subscribían a Carta da Amizade, un documento no que recoñecían que "a cooperación territorial é un dos medios máis eficaces con vista á aproximación das poboacións fronteirizas, a supresión das dificultades que implican todas as fronteiras e a promoción do desenvolvemento económico, social e cultural".
En 2015, a aprobación da Axenda Estratéxica de Cooperación Transfronteiriza Cerveira-Tomiño propiciou un proxecto POCTEP INTERREG VA, cofinanciado ao 75% polo con fondos FEDER da Unión Europea. Ao abeiro deste programa POCTEP ao longo destes anos desenvolvéronse diferentes accións contribuíndo a un novo modelo de gobernanza transfronteiriza baseado no traballo técnico e político conxunto e nunha participación pública efectiva.
Novo impulso da acción conxunta centrado na mocidade e no medioambiente
Na actualidade, estase a traballar na renovación da estratexia conxunta para a elaboración dunha Axenda urbana no horizonte 2030, mediante un proceso participativo con axentes sociais, económicos e culturais de ambas as dúas beiras do río Miño. Precisamente, coindicindo co cuarto aniversario, este martes celebrouse a última das reunións ata agora programadas, que xuntou no Forum Cultural de Cerveira a distintas asociacións e empresas para falar de igualdade de xénero, conciliación da vida familiar e laboral e non discriminación, entre outros asuntos englobados nun dos piares da nova axenda estratéxica: cidadanía e igualdade.
O proceso comezou en abril, con distintas reunións para a elaboración dunha Axenda específica para a mocidade e continuou en xuño, na Semana do Medio ambiente con encontros sobre economía circular e desenvolvemento territorial, abordándose temas como os hábitos de consumo ou produción máis saudábeis, as novas funcións ambientais dos espazos rurais, a paisaxe, o patrimonio ou todo o relacionado coa protección e valorización do Rio Miño, entre outros. Xa o 28 de xuño, un novo encontro abordou os desafíos da mobilidade e a transición dixital.
A Eurocidade Cerveira-Tomiño pretende así ampliar as súas liñas de actuación en base ás políticas urbanas da Unión Europea e aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel (ODS) das Nacións Unidas.
No mes de outubro reunirase o Consello de Xestión Estratéxica, integrado pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente da Câmara de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, cos seus respectivos equipos técnicos, para preparar o Plan de actividades de 2023.
Tomiño crea un novo tramo que dá continuidade á senda da Avenida do Baixo Miño
As obras mellorarán a accesibilidade e seguridade da veciñanza no treito do PO-344 entre a glorieta da Pedra e á da avenida
Creará unha zona de paseo continua na contorna do Seixo duns 2,3 quilómetros
O Concello de Tomiño continúa apostando por recuperar espazos para as persoas, creando zonas de estancia e lecer coas que potenciar tamén a mobilidade sustentable. Neste camiño, o Goberno municipal xa está a traballar na creación dunha senda peonil e ciclista entre a rotonda da Pedra e a rotonda norte da Avenida do Baixo Miño que dará continuidade á existente xa na variante e permitirá crear unha zona de paseo continuo na contorna do Seixo duns 2,3 quilómetros.
"Dende hai moitos anos estamos traballando para crear un novo modelo de mobilidade pensado para as persoas no que teñan cabida espazos amables e de calidade. Esa é a liña que segue esta nova intervención na contorna do centro urbano, un xeito de entender o Tomiño do presente e do futuro que pouco a pouco vaise espallando por todo o municipio", salienta a alcaldesa, Sandra González.
Este tramo, transferido recentemente pola Xunta tras a construción da Avenida do Baixo Miño, era unha estrada dedicada exclusivamente ao tráfico rodado, con dobre sentido con amplos carrís e beiravías e con vehículos circulando a gran velocidade, pero sen espazos seguros para as e os viandantes. Coa creación deste novo tramo de senda peonil e ciclista "non só melloramos a accesibilidade e seguridade da veciñanza, senón que tamén lle damos continuidade á rúa Gondomar ata a Avenida do Baixo Miño creando unha zona de encontro, de estancia e de lecer para todos os tomiñeses e tomiñesas no corazón da vila", como explica a rexedora.
Para manter de forma íntegra esa continuidade coa actual peonil e ciclista da variante, este novo espazo estase a construír empregando o mesmo tipo de árbores e luminarias, así como o mesmo formigón coloreado que dá forma ao chan. Deste xeito, o Concello mellorará a mobilidade alternativa neste treito cunha notable integración no ámbito urbano e dotando de espazos seguros para peóns o viario existente. As obras supoñen un investimento de máis de 160.000 euros.
|