JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

A Feira do Viño volve inundar O Rosal maridando viño, gastronomía, lecer e moitas ganas de desfrutar

A XXX Feira do Viño do Rosal comezou este venres co pregón do Master of Wine Pedro Ballesteros

"A Feira do Viño é a máis importante do Rosal e todas e todos tiñabamos moitas ganas de volver a celebrala sen limitacións, con agarimo e apertas e compartindo o renovado espazo da nova Praza do Calvario" sinalou a Alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, no acto de inauguración.

Este venres daba comezo a 30ª edición da Feira do Viño do Rosal. Unha edición excepcional por moitos motivos: porque celebra o seu 30 aniversario, porque o fai estreando por primeira vez unha renovada Praza do Calvario, e porque, tras dous anos nos que se celebraron edicións irremediablemente condicionadas polas limitacións sanitarias, este ano volve sen limitacións, sen distancias e con moitas ganas de desfrutar.

A edición deste 2022 conxuga o mellor da feira tradicional que se viña celebrando na última década, co formato renovado que se implantou nestes anos de pandemia, resultando así unha edición máis completa, que combina o mellor da experiencia da degustación dos viños nas casetas, cunha programación de música, xogos e oferta cultural de calidade. "O mellor xeito de gozar duns viños tan excepcionais como os viños do Rosal, é facelo rodeados de familia e amigos, desfrutando dun concerto, charlando e compartindo o momento e a experiencia", destaca a alcaldesa.

Durante o acto inaugural a alcaldesa quixo destacar que "a Feira é para os rosaleiros e rosaleiras o escaparate no que celebramos e gozamos de xeito lúdico do valor do excelente viño elaborado polas nosas adegas". "O sector vitivinícola para nós é estratéxico. Non só imprime marca, calidade e emprego ao Rosal, senón que xera riqueza cun tamaño empresarial e de exportación arredor do mundo moi importante. Trátase dun sector que está vencellado ao gran valor climatolóxico e de riqueza do noso territorio no sector primario", salientou Fernández Callís.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, confesou que se trataba para ela dun día moi especial "no que imos vivir con alegría e orgullo as nosas tradicións, a nosa historia e un paraíso natural como é O Rosal". "Estamos ante un lugar único tanto en patrimonio como en intelixencia e capacidade para crear. Moitas grazas a todas as adegueiras e adegueiros que amosan o que fan e o territorio nun produto que logo comercializamos polo mundo e, por suposto, grazas pola paixón coa que mantedes esa actividade económica que nos identifica", rematou.

Pola súa banda, o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), José Luis Cabarca, resaltou que "os viños que imos probar amosan todo o esplendor das últimas colleitas. Falamos de máis de 4.000 hectáreas de DO Rías Baixas que nos deixan máis de 44 millóns de quilos de uva, pero tamén falamos viticultores e viticultoras que converten a súa paixón en calidade nos nosos viños".

O presidente da Confraría dos Cabaqueiros do Viño do Rosal, Enrique Costas, quixo resaltar a boa saúde da actividade vitivinícola no Baixo Miño e, sobre todo, no Rosal. "É un orgullo ter tantas e tan boas adegas DO no territorio que fan viños únicos, con identidade, que se exportan a todo o mundo pero que soamente poden cultivarse e realizarse aquí", asegurou.

O Master of wine Pedro Ballesteros no seu pregón nesta XXX edición da Feira do Viño do Rosal quixo lanza unha mensaxe de "profunda admiración polo permanente no Rosal, como é a paisaxe, pero tamén polo que non se ve, por saber conservar a beleza co desenvolvemento das persoas, co compromiso medioambiental e con entusiasmo para preservar o bo que existe aquí mentres se desenvolven novas oportunidades".

O pregón de Pedro Ballesteros, e o concerto de Moon Cresta dan o pistoletazo de saída a unha feira que durante a fin de semana celebrará un programa moi completo que inclúe o Showcooking do Programa "EuroChef" de EuRural, Sesións vermú onde o vermú cederá o seu protagonismo ao viño do Rosal, amenizados coa música de "Blues do País" o sábado a mediodía no marco do Programa "Música e Viño no teu Camiño", tamen de Eu rural, e a medio día do domingo co concerto de "Pandereteiras Tremelique". A cita máis destacada correrá a cargo do Grupo "Broken Peach" que dará un concerto por todo o alto á noitiña do sábado. O domingo pola mañá haberá ocasión de xogar en familia cos "Xogos da empatía" e, para rematar a programación, o dúo Awen porá o broche final a esta edición cun concerto no que recorrerán as cancións máis destacadas dos 70, 80 e 90.

Concello de O Rosal


O Concello celebra a súa Festa de Outono cunha ampla programación que inclúe a I Feira de produtos do Rosal

Rosaleiros e rosaleiras poderán festexar o Pilar no Calvario os días 11 e 12 de outubro

O Rosal continúa este mes de outubro cunha programación moi especial, a tradicional Festa de Outono, que chegará ao Concello os días 11 e 12 de outubro cunha morea de actividades para todos os públicos. Os rosaleiros e rosaleiras poderán desfrutar durante estas dúas xornadas de exposicións, música, monicreques, demostracións, o Memorial Irmáns Flores e a I Feira de Produtos do Rosal.

A programación das tamén coñecidas como Festas do Pilar arrancará o martes 11 coa inauguración de dúas exposicións: a veciñanza poderá gozar do resultado do obradoiro de pintura de Águeda Suárez e o público poderá admirar tamén o que deu de si o taller de restauración da Sociedade Recreativa de San Miguel. Xa contra a tardiña será a quenda de dúas actuacións musicais: ás 19.30 horas gozaremos de Cantos de Taberna e o concerto de Brassica porá o broche final á a xornada.

Os vindeiros 11 e 12 de outubro teremos tamén unha grande oportunidade para coñecer e apreciar o patrimonio artístico e cultural do Rosal coas dúas primeiras citas das II Xornadas de Patrimonio: o martes ás 20.00h o Centro Social acollerá a charla "Cerámica para vivir e vivir da cerámica" a cargo da ceramista Susana González Amado. E o mércores a partires das 18.00 horas na renovada Praza do Calvario terá lugar unha demostración cabaqueira de fabricación de tellas tralo pregón a cargo de Susana González Amado.

A Festa de Outono rematará o mércores 12 cunha morea de actividades. Ás 11.00h terá lugar a inauguración da I Feira de Produtos do Rosal, un espazo de encontro e tamén de exposición, degustación e venda. A alcaldesa Ánxela Fernández Callís, salienta a importancia de ter creado esta Feira de Produtos do Rosal coa vontade de ofrecerlles ás produtoras e produtores rosaleiros unha plataforma na que poder dar a coñecer os seus produtos, establecer contactos e mesmo crear sinerxías".

A rexedora anima á veciñanza a que participe e goce de todas as actividades das coñecidas como Festas do Pilar que o mércores retomarán a súa actividade ás 17.00 horas. Ese será o momento das e dos máis pequenos, que poderán desfrutar do espectáculo de monicreques "O conto de Barriga Verde".

O programa rematará co Memorial Irmáns Flores. Un encontro de murgas populares que interpretará, dende ás 19:30 horas, as creacións musicais de José e Emilio Flores Costas, dúas persoas que interviñeron moi activamente na formación persoal e musical de moitos veciños e veciñas. Será unha sentida actuación na honra de dous rosaleiros que participaron e crearon colectivos que abranguen calquera manifestación de música popular galega e que cunha soa gaita foron quen de ensinar e divertir a todo un pobo.

Concello de O Rosal


O Concello pon en marcha un servizo de autobús para a Feira do Viño do Rosal

Habilitaranse dúas liñas con saídas dende A Guarda, Tomiño e Tui. O prezo será de 2 euros

Tras a volta á normalidade na XXX edición da Feira de Viño do Rosal, o Concello do Rosal pon de novo en marcha un servizo de transporte público para aquelas persoas que queiran acudir a gozar da feira na Praza do Calvario sen ter que usar o vehículo privado. "Queremos facilitar a todas as persoas o desprazamento para que poidan desfrutar dunha Feira do Viño do Rosal de forma tranquila e segura", explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Deste xeito, os días 7, 8 e 9 de outubro habilitaranse dúas liñas con diferentes percorridos e horarios que unirán A Guarda e Tui co centro do Rosal. Así, haberá un autobús circular con saída dende A Guarda que percorrerá Pancenteo, Marzán, Novás, Fornelos, Calvario, San Miguel e Pías para volver ao punto de saída. Esta liña terá con saída dende A Guarda terá unha frecuencia de un autobús cada hora dende as 21.30 ata as 01.30 horas o venres 7, de 19.30 a 01.30 o sábado 8 e de 19.30 a 21.30 o domingo.

Pola súa banda, o Concello tamén habilitará unha liña con saída dende Tui e Tomiño que pasará por As Eiras, Tabagón, San Miguel e Pías. O horario de saídas deste autobús será de 20.45 a 00.30 horas o venres, de 18.30 a 00.30 horas o sábado e ás 19.00 horas o domingo 9.

Concello de O Rosal


A Feira do Viño do Rosal abre a inscrición á cata dirixida polo experto Pedro Ballesteros

A cata dará o pistoletazo de saída á XXX edición da Feira este venres 7 ás 12.30 horas no Restaurante Juan

As persoas interesadas poden xa facer a súa reserva a través dun formulario web. Terá un custo de 10 euros e prazas limitadas

A Feira do Viño do Rosal xa está a ultimar os detalles para celebrar o seu 30 aniversario cunha volta á normalidade e moreas de actividades para todos os públicos. Como ven sendo habitual, a cata comentada dará o pistoletazo de saída a unha feira "na que retomamos esa convivencia que tanto botabamos en falta durante a pandemia e na que haberá viño da DO Rías Baixas subzona do Rosal combinado con moita música, gastronomía e moito lecer para maiores e cativos e cativas", salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A cata comentada de nove viños será este venres 7 de outubro ás 12.30 horas no Restaurante Juan e estará dirixida por Pedro Ballesteros, primeiro español Master of Wine, enxeñeiro agrónomo con mestrado en Viticultura e Enoloxía e unha das persoas que máis sabe de viño no mundo. Ballesteros é columnista en varios xornais e revistas en España e Bélxica e escribe regularmente para publicacións de viños no Reino Unido e en Italia, traballando en catro idiomas. Ademais, preside algúns concursos internacionais, incluíndo os prestixiosos DWWA de Decanter, 5Stars de Vinitaly, Concours Mondial Bruxelles ou Bacchus, entre outros.

Activo nos campos de promoción e educación, Ballesteros é membro do Consejo do Instituto Master of Wine, da xunta directiva da Unión Española de Catadores, do Consello da Federación Internacional de Xornalistas de Viño, do Comité Vino del Basque Culinary Centre, así como mebro da Gran Orde de Cabaleiros do Viño. Entre os seus últimos traballos bibliográficos destaca o seu libro 'Comprender o viño', unha obra na que Pedro Ballesteros proponse axudarnos a coñecer e entender os principais caldos españois, xa que para el os viños contan o pasado máis ou menos recente, pero tamén poden apuntarnos algo sobre o futuro, as súas posibilidades e as súas saídas comerciais.

As persoas interesadas en participar na cata comentada deberán inscribirse previamente a través dun formulario web. A participación nesta actividade terá un custo de 10 euros por participante e tras a inscrición a organización contactará coas 30 primeiras persoas inscritas para xestionar a recepción e validación da transferencia obrigatoria para o acceso á cata. Para calquera dúbida as persoas interesadas poderán poñerse en contacto a través do teléfono 619 960 240 ou do correo electrónico confrariavinorosal@gmail.com

Concello de O Rosal


A Praza do Calvario, renovado epicentro da actividade económica e social do Rosal

Alcaldesa e presidenta da Deputación de Pontevedra inauguraron este sábado este espazo transformador

"Convertemos a nosa praza nun espazo de calidade, sen barreiras, inclusivo, igualitario, democrático e accesible", destacou a rexedora

"Hoxe damos un paso histórico no Rosal. Coa transformación da Praza do Calvario non só cumprimos un gran compromiso, senón que recuperamos o epicentro da nosa actividade económica, social e de convivencia para as persoas. Porque xuntas e xuntos estamos a construír o Rosal das persoas". Con estas verbas a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, inauguraba este sábado este espazo "mellorado, reformado e recuperado para as persoas con ese mimo, cariño, coidado, historia e posta en valor do patrimonio que merece".

Foi durante un emotivo acto que contou coa presenza da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o seu vicepresidente César Mosquera, o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, e equipo técnico da Deputación; membros da corporación municipal do Rosal, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e edís; así como representantes do equipo técnico que desenvolveu o proxecto, representantes das asociacións culturais, sociais e deportivas rosaleiras e da propia veciñanza que desfrutará deste novo espazo que se converterá de novo no centro social, administrativo e económico do Rosal.

Unha Praza do Calvario cunha historia propia na que apoiarse "para avanzar na construción do noso presente e futuro", historia que fala dunha praza humanizada a finais do século XIX coa sobreira como árbore protagonista, do valor patrimonial de edificios como unha igrexa da época medieval ou un edificio do concello construído no século XVIII. E, como non, da historia dos cabaqueiros, que no novo espazo collen preponderancia. Unha historia que tamén tivo en conta a transformación da praza, na que se empregaron materiais construtivos que preservan e potencian o carácter patrimonial e arquitectónico a través dun deseño unitario, atractivo, flexible, novo e dinámico co que poñer en valor historia e patrimonio.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, cualificou a reforma da praza como "modélica" e asegurou que "é un exemplo da reactivación da provincia, tanto pola súa calidade estética como pola súa aposta polos valores históricos e patrimoniais, para ofrecer á veciñanza un espazo de lecer e convivencia".

Foron en total 1,5 millóns de euros de investimento, dos que a Deputación de Pontevedra achegou case 518.000 euros e o Concello máis dun millón para os que solicitou fondos europeos dos Next Generation a través do IDAE. Unha reforma integral que dota de identidade a zona, reforzando o espazo como punto de revitalización urbana e comercial da contorna, con novos usos e actividades que dinamicen a zona e cunha sobreira de gran porte pero tamén cunha diversidade de árbores para potenciar a multifuncionalidade da praza, tanto dende o punto de vista estético como para dispor de zonas de sombra.

Ademais, a praza conta cunha iluminación única feita a medida que permite axustala en función das necesidades de cada momento ou cun elemento elevado a modo de escenario que reinterpreta o templete de música que tiña a praza nos anos 20, agora realizado en ladrillo artesán en recordo aos cabaqueiros. Pero ademais de traballar no exterior tamén se transformou e modernizou todo o que non se ve, coa colocación de case 1.700 metros de tubaxe para a renovación e soterramento de canalizacións, redes de saneamento, abastecemento, pluviais, telecomunicacións, electricidade e alumeado.

"Melloramos e transformamos a nosa praza nun espazo público de calidade e en maiúsculas, sen barreiras, inclusivo, igualitario, democrático e accesible", explicou a rexedora, que destacou que "convertemos un aparcamento e unha rotonda no centro neurálxico de interacción social, de convivencia, creando un espazo seguro, amable, saudable, moito máis verde no que potenciar a actividade económica de proximidade, o comercio e o consumo local".

Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, subliñou así mesmo a relevancia do ReacPon para dotar de recursos aos concellos con este plan extraordinario "cos que mobilizar a economía da provincia, impulsando proxectos maduros que supoñen un compromiso coa mobilidade sostible, co medio ambiente, con infraestruturas modernas e dotacións para que as persoas, vivan onde vivan, desfruten dos mesmos dereitos e servizos".

O acto inaugural arrancou coa actuación do grupo de baile de Paula Covián e pechouse tras a intervención das autoridades cun concerto da Banda da Agrupación Musical do Rosal.

Concello de O Rosal




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais