|
A Guarda avanza no seu plan de acción polo clima e a enerxía sostible
O Concello da Guarda celebrou esta semana unha sesión de traballo para a elaboración do informe de seguimento do PACES (Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible).
Entre os principais obxectivos do PACES está o de reducir as emisións de CO2 un 40% para 2030, minimizar o consumo enerxético no municipio, incrementar o nivel de implantación das enerxías renovables, elaborar un Inventario de Emisións de Referencia (IER) e aumentar a capacidade de resiliencia mediante a adaptación ao cambio climático.
Nesta sesión de traballo explicáronse os avances realizados polo Concello da Guarda dende o ano 2014 para a redución das emisións contaminantes á atmosfera, analizando en detalle cales son as principais fontes de emisións, como poden ser os edificios e equipamentos municipais, edificios residenciais, alumeado público, frota municipal, transporte público, transporte privado e comercial, xestión de residuos ou xestión de augas residuais.
Deste xeito o maior consumo enerxético na Guarda dáse nos edificios residenciais e no transporte privado e comercial, rexistrándose un descenso no consumo entre o ano 2014 e 2022 de 2119 MWh no caso de edificios residenciais e de 1551 MWs no caso do transporte privado e comercial. Tamén no caso de emisións de CO2 verificouse un descenso de 1528t CO2 no caso de edificios residenciais e de 1794t CO2 no caso do transporte privado e comercial.
A nivel municipal o consumo enerxético céntrase nos edificios e equipamento/instalacións
Municipais cun 65%, no Alumeado público cun 26% e na Frota de vehículos municipais cun 9%. Neste senso rexistrouse un descenso do consumo entre o 2014 e o 2022 dun 592MHw en edificios e equipamento/instalacións Municipais, 371MHw no alumeado público e de 33MHw na frota de vehículos municipais.
O obxectivo final do PACES é a redución dun 40% das emisións de CO2 con 9390t CO2, acadando arestora unha redución dun 14,64% das emisións de CO2 con 3438t CO2.
O Concello da Guarda continúa co compromiso e a aposta decidida contra o cambio climático mediante o seguimento do PACES en toda a política municipal, sendo un obxectivo que se ten en conta como prioritario á hora da realización de novos proxectos, obras, infraestruturas, entre outras accións.
Súmate á XI Limpeza Simultánea de Praias o sábado 15 de outubro na Praia do Codesal
" Sábado 15 de outubro ás 11:00h na Praia do Codesal.
" Podes realizar a túa inscrición chamando ao Concello da Guarda ao 986 61 0000.
ADEGA convoca un ano máis a Limpeza Simultánea de Praias, que desta volta acada a súa XI edición, e terá lugar na fin de semana do 14 e 15 de outubro. Esta xornada de voluntariado ambiental ten o propósito de concienciar a sociedade na loita contra a contaminación mariña.
Foron chamados a participar nesta limpeza simultánea de praias e denunciar esta problemática ambiental os centros de ensino, escolas de surf e mergullo, clubs de piragüismo e vela, pescadores, mariscadoras, concellos do litoral, e entidades de todo tipo de Galiza, tanto públicas como privadas, ademais das persoas particulares, este ano o Concello da Guarda adheriuse a esta limpeza e acollerá este evento na xornada do sábado día 15 de outubro a partires das 11:00h na Praia do Codesal.
As limpezas serán ecolóxicas, non mecanizadas, e tratarán de eliminar boa parte dos residuos que están nas praias coa idea de chamar a atención da sociedade sobre a súa contaminación procedente nomeadamente de terra adentro. As principais causas desta problemática ambiental débense situar no modelo de consumo e produción baseado no modelo "usar e tirar", a deficiente xestión dos residuos que xeramos e a falta de concienciación dalgúns sectores da poboación. Todo iso provoca que cada ano 10 millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos, procedentes en parte da industria do mar (pesca, extraccións...), pero tamén dos nosos fogares.
Podes realizar a túa inscrición chamando ao Concello da Guarda ao 986 61 0000.
Anxo Baz: "PP-PSOE deben dar marcha atrás e parar o espolio de 12.000 m² de solo público ao pobo da Guarda"
O BNG vén de presentar alegacións ao proxecto de segregación do Campo de Fínola do Plan Especial (PERI) 5, aprobado por PSOE-PP, que de ir adiante, implicaría a perda de 12.000 m² de solo público para A Guarda.
A segregación acordada por PSOE-PP reduce os 15.000 m2 posibeis de solo público que se lograrían desenvolvendo o Plan especial 5 a menos de 3.000 m2, eliminando así 12.000 m2 destinados a infraestruturas, zonas de aparcamento e zonas verdes.
O portavoz do BNG Anxo Baz manifestou "só intereses moi escuros poden estar detrás deste acordo vergoñento. PP e PSOE deben dar marcha atrás e renunciar a espoliar 12.000 m² de solo público ao pobo da Guarda que lle pertence por lei".
A alegación presentada polo BNG está fundamentada na Lei do Solo de Galiza que no seu artigo 129 marca o aproveitamento do espazo público ao que da lugar o desenvolvemento dun Plan Especial como é o PERI 5.
A Guarda presenta a programación de Teatro de Outono
" Un total de 6 obras teatrais, 3 para público adulto e 3 para público familiar, todas elas no Centro Cultural da Guarda.
O Concello da Guarda, a través da Concellería de Cultura, organiza este ano o Outono Teatral 2022, no que se representarán na Guarda un total de 6 obras teatrais, 3 para público adulto e 3 para público familiar.
A presentación desta programación realizouse este xoves, contando coa participación do Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e da Concelleira de Cultura, Montserrat Magallanes.
Para Antonio Lomba, "é de salientar a calidade das representacións teatrais que se realizan na Guarda e a complicidade que ten o público guardés coas funcións teatrais, mostra de elo é a gran acollida que teñen as obras de teatro que se realizan na vila, onde cada ano se esgotan as entradas da meirande parte dos eventos que se realizan, gozando case sempre dun aforo completo."
Para Montserrat Magallanes, Concelleira de Cultura, "esta programación é unha programación pensada para todos os públicos, con obras destinadas a público adulto e outras destinadas a público familiar, que permitirán desfrutar do teatro a moitos veciños e veciñas da Guarda, unha aposta pola cultura que ano a ano trae á Guarda a algunhas das mellores compañías de teatro de Galicia, como pode ser Ibuprofeno teatro, A Panadaría ou Caramuxo Teatro."
O vindeiro sábado 15 de outubro arranca o ciclo de teatro para os meses de outono no Centro Cultural, unha programación que está a consolidarse grazas á grande expectación e afluencia que esta disciplina artística esperta entre o público guardés que destaca por un alto nivel de fidelidade ás propostas.
Para este ano 2022 fíxose unha aposta decidida por manter o nivel das compañías profesionais escollidas, así como por achegar unha variedade nos temas tratados e na perspectiva e técnicas teatrais empregadas, procurando xerar unha diversidade e ofertar propostas novidosas que sigan atraendo ao público guardés.
Fíxose tamén un importante esforzo para que a oferta de programación non quedara só no público adulto, xa consolidado, senón por atraer a públicos mais novos, dende a mocidade que pode atopar unhas atraentes temáticas novidosa, como as meniñas e meniños e familias para as que se fixo unha coidada selección de historias sen olvidar o toque de humor, buscando así crear o hábito ao teatro desde as idades mais tempranas.
Un total de 6 representacións que a razón de dúas sesións cada mes (unha para público adulto e outra para público familiar) queren consolidar esta oferta cultural e de ocio que tan boa aceptación ten sempre no noso auditorio.
PÚBLICO ADULTO E XUVENIL
O Ciclo comezará o vindeiro sábado 15 de outubro coa obra "SMOKE ON THE WATER", unha historia de sexo, drogas e rock&roll que nos traslada á unha posible recreación da vida de Janis Joplin na súa madurez. Esta peza é a última produción de Ibuprofeno Teatro, quen xa estivo na Guarda con propostas como O Furancho, Raclette, A filla de Woody Allen...Nesta ocasión cambia radicalmente o ton e a temática para trasladarnos a unha historia de curte mais sórdido dentro dun enredo amoroso-financieiro con final sorprendente, como é habitual no corte da compañía. É de destacar a calidade do elenco e a música en directo, especialmente para os amantes do rock.
A proposta do mes de novembro, será a función "As que Limpan" o 24 de novembro da exitosa compañía A Panadería, que xa coñecemos polas obras "PAN! PAN!" e "Elisa e Marcela". As artistas porriñesas escollen novamente a temática de xénero para denunciar as condicións de precariedade laboral das empregadas da limpeza nas grandes cadeas hoteleiras dentro dun sistema de desenrolo baseado no turismo. A súa programación na Guarda vai aparellada cos eventos relacionados co Día internacional contra a violencia machista e conta cunha. Así mesmo esta función forma parte da programación Tornar As Táboas que organiza a Deputación de Pontevedra por toda a provincia para recuperar o pulso teatral despois da pandemia.
Por último, o 10 de decembro continúa a temática de muller cunha proposta totalmente novidosa de Diana Sieira, unha actriz con longo percorrido no mundo do teatro e do circo, pero que chega por primeira vez ata a Guarda con The Witch, unha novidosa proposta chea de forza, na que estando ela sola sobre o escenario entabla unha proposta participativa establecendo un diálogo/xogo co público para recuperar o debate sobre a persecucións as mulleres menciñeiras na Idade Media.
Para asistir a calquera destas funcións é preciso reservar entrada previa cunha semana de antelación a través do lugar web www.eventbrite.es (https://www.eventbrite.es/o/concello-da-guarda-35370803503) . En caso de dúbida ou dificultades coa plataforma o público pode achegarse ata as oficinas do Concello en horario de 9 a 14h.
PÚBLICO INFANTIL E FAMILIAR
Para acudir ás representacións pensadas para as crianzas non será preciso reservar con antelación previa, estando eso si a entrada condicionada ao límite de aforo sentado
Nesta ocasión seguíuse a mesma premisa que para público adulto de programar unha función cada mes e achegar unha diversidade de historias que van dende a tradición de O Quixote da Compañía Pedras de Cartón (29 de outubro), a ternura da tradicional historia das Fabas Máxicas da compañía Caramuxo Teatro (12 de novembro) e o humor e desenfado de Fran Rei con Superheróe (4 de decembro)
Todas as representacións realizaranse no Centro Cultural respetando o mesmo horario de 20:00h. Nas opcións de público adulto e 18:00h. No Público familiar
A programación de Outono Teatral é subvencionada pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2022
LOS ENVIADOS INICIA A RODAXE DA SÚA SEGUNDA TEMPORADA EN ESPAÑA
Miguel Ángel Silvestre e Luis Gerardo Méndez volven a protagonizar este exitoso orixinal de Paramount+, esta vez en colaboración con 100 Bares e Portocabo.
A primeira temporada, que está dispoñible en exclusiva en Paramount+, foi galardoada nos New York Festivals® TV & Film Awards co Premio de Ouro ao Mellor Drama e o Premio de Prata ao Mellor Guión.
Paramount+ anunciou o inicio da rodaxe da segunda temporada de Los Enviados, a exitosa serie orixinal dirixida polo recoñecido director e guionista Juan José Campanella, gañador dun premio Oscar, e producida por VIS, o estudo internacional de Paramount, en asociación con 100 Bares e a galega Portocabo.
A primeira temporada de Los Enviados, un éxito mundial en Paramount+, foi galardoada nos New York Festivals® TV & Film Awards, un dos premios internacionais máis prestixiosos da industria, onde recibiu o Premio de Ouro ao Mellor Drama e o Premio de Prata por Mellor Guión.
Esta mañá presentouse no concello da Guarda (Pontevedra), o inicio de rodaxe desta segunda temporada da serie. Na presentación estiveron presentes Alfonso Blanco (CEO de Portocabo e produtor executivo da serie), José 'Fidji' Viggiano (VP de Producción de VIS Americas -Paramount-), Juan José Campanella (director de 100 bares e showrunner de Los Enviados) e Román Rodríguez (Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia). Ao evento tamén acudiron como invitados representantes dos concellos de Nigrán, Tui, ou institucións como AGADIC.
Unha rodaxe que transcorre en Galicia
Durante a rolda de prensa o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba deu a benvida aos asistentes e agradeceu que a produción escollese A Guarda e outras localidades da zona para a gravación desta segunda temporada.
José Fidji Viggiano (VP de Producción de VIS Americas -Paramount-) sinalou que dende Paramount "buscamos desarrollar contenido de calidad con los mejores talentos y socios, en este caso 100 Bares y Portocabo". E quixo facer énfase no emocionados que estaban de poder grabar en Galicia "las localizaciones son totalmente increíbles, el resultado va a ser muy bueno".
Juan José Campanella (showrunner da serie) tamén quixo expresar a seu entusiasmo por estar rodando na Comunidade: "Galicia es un lugar hermoso, todas las localizaciones donde estamos grabando son maravillosas. Estamos muy felices de estar aquí y esperamos que esta segunda temporada tenga todavía más éxito que la primera".
Por parte de Portocabo, Alfonso Blanco (Portocabo) manifestou o orgullo que é para a produtora poderse embarcar nun proxecto con 100 Bares e Paramount. "Como productor gallego es un orgullo poder traer un contenido internacional aquí. Es nuestra primera colaboración con latinoamérica, algo muy buscado por nosotros y estamos muy contentos de poder trabajar con estos socios y este talento".
Pola súa parte, Román Rodríguez, Conselleiro de Cultura, Educación e Universidades, destacou que: "es un privilegio poder presentar una serie de carácter internacional en Galicia y el efecto que esto tiene: que nuestra comunidad se vea en todas partes del mundo". O Conselleiro tamén quixo remarcar que esta rodaxe con axentes internacionais e co talento que está involucrado "es la muestra del buen momento que atraviesa el sector audiovisual en Galicia".
Los enviados: a serie
Nesta ocasión os cregos Simón Antequera e Pedro Salinas deben determinar a veracidade dun milagre nun convento onde viven tres monxas cegas. Pero, ao pouco de chegar, prodúcese unha estraña morte na vila. Así, atópanse envoltos nunha dobre investigación: unha de carácter místico e outra moito máis terrenal e concreta.
A nova temporada, que se rodará en diferentes localizacións españolas de Galicia, está protagonizada por Luis Gerardo Méndez e Miguel Ángel Silvestre xunto a Assira Abbate e un elenco que completan Marta Etura, Susi Sánchez, Francis Lorenzo, Pepón Nieto, Pepo Suevos, Charo Zapardiel, Cristina Marcos, Ricardo de Barreiro, Isabel Naveira, Miquel Insúa, Martí Cordero, Guillermo Carbajo, Carlos Olalla e Luis Iglesia.
Este apaixonante thriller contará, de novo, con Juan José Campanella como showrunner, que tamén será o encargado de dirixir xunto a Martino Zaidelis, Camilo Antolini e Inma Torrente. Escrita por Eduardo Sacheri, Emanuel Diez, Juan Pablo Domenech e Juan José Campanella, a segunda temporada conta coa produción executiva de Muriel Cabeza, por 100 Bares, e Alfonso Blanco, por Portocabo.
A ficción rodarase ata finais de decembro nos concellos de Forcarei, Nigrán, A Guarda, Tui, Oia, Pontevedra e Santiago. Conta co apoio do HUB Audiovisual da Xunta de Galicia xestionado por AGADIC, que ofrece unha inxección económica para as produtoras independentes galegas. Unha medida que, ademais de atraer rodaxes á comunidade autónoma, aumenta a competitividade e fortalece o tecido audiovisual galego. Trátase dunha operación financiada pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo de desenvolvemento Rexional (FEDER), como parte da resposta da Unión Europea á pandemia do COVID-19.
Arranca o Obradoiro de Emprego no que 20 persoas desempregadas da Guarda se formarán en albanelería e xardinería-forestal
" Na mañá deste luns inaugurouse oficialmente o Obradoiro de Emprego "Manuel B. Portela VIII" coa presenza do Alcalde da Guarda, o Delegado Territorial da Xunta, a Concelleira de Formación e o equipo directivo e docente, que animaron ao alumnado participante a aproveitar esta interesante oportunidade, a través da que durante 12 meses poderán formarse e traballar ao mesmo tempo.
O Alcalde, Antonio Lomba, destacou que desde o Concello se seguirá apostando por inverter esforzos e fondos municipais para desenvolver na Guarda todas aquelas accións formativas que, coma neste caso, podan brindar aos guardeses e guardesas oportunidades de mellorar as súas posibilidades de inserción laboral, sobre todo naqueles sectores nos que poda existir unha alta demanda de profesionais.
Pola súa parte o Delegado territorial, Luís López, puxo de manifesto a aposta polo emprego da Xunta e agradeceu aos/ás participantes a súa implicación e gañas de aprender un oficio mellorando os seus coñecementos para outorgarse máis oportunidades no mercado e amosouse convencido de que aproveitarán este ano completo ao máximo para adquirir coñecementos que poden ser fundamentais para o seu futuro profesional.
A Concelleira de Formación e Desenvolvemento Local, Fátima Rodríguez, destacou que o proxecto de obra que se levará a cabo no Obradoiro está en liña coas actuacións de posta en valor do Camiño Portugués da Costa que está levando a cabo o Concello, xa que permitirá desenvolver melloras en varios puntos do noso Camiño e polo tanto embelecer aínda máis o noso tramo. Estes/as alumnos e alumnas, xunto cos docentes que os/as acompañarán, terán a oportunidade de deixar a súa pegada e contribuír a que a peregrinaxe a Santiago pola costa resulte aínda máis atractiva do que é actualmente.
O obradoiro de emprego "Manuel B. Portela VIII" contará coas especialidades de Albanelería e Forestal-Xardinaría, en cada unha das cales se formará a un grupo de 10 alumnos/as, obtendo ao remate do Obradoiro tres certificados de profesionalidade por cada unha das especialidades.
Esta iniciativa conta cun investimento da Xunta de Galicia que ascende a 504.000 euros, así como con financiación municipal.
O concello da Guarda aproba a expropiación que permitirá a apertura da rúa Baixo Muro
" No último pleno a Corporación do concello da Guarda aprobou por unanimidade seguir avanzando na apertura da rúa Baixo Muro
" Despois de anos de xestións o alcalde, Antonio Lomba, mostra a súa satisfacción por estar tan cerca de cumprir este importante obxectivo.
Despois de anos de procedementos e xestións por parte do alcalde da Guarda, Antonio Lomba, o pleno do concello aprobou por unanimidade, o pasado venres día 30 de setembro, a proposta da alcaldía de expropiar e solicitar a urxente ocupación da propiedade privada que se atopa entre a rúa Baixo Muro e a rúa Ireira.
O obxectivo desta expropiación é que o concello adquira os terreos afectados pola Modificación Puntual número 5 do PXOM, aprobada definitivamente en maio de 2021, para executar a obra de "urbanización da prolongación da rúa Baixo Muro e a súa conexión coa rúa Ireira".
A apertura da rúa xa conta con financiamento a través do plan concellos da Deputación de Pontevedra 2022-23 e conta tamén con informe favorable de patrimonio. Para poder empezar as obras unicamente será necesario que o Consello de Goberno da Xunta aprobe a declaración de urxente ocupación que se solicita dende o concello da Guarda.
O terreo a expropiar é de 131,7 m2 e non afecta á vivenda con fachada á rúa Ireira. Abarca unha pequena finca, o patio do inmoble e as edificacións auxiliares adicadas a almacéns. A propiedade é nun 66% privada e nun 33% da Xunta de Galicia. A Xunta fíxose con parte da propiedade ao culminar un procedemento de abintestato promovido polo alcalde en 2016 coa intención de poder negociar o seu traspaso ou compra polo concello, negociación da que a Xunta de Galicia nunca quixo saber.
Coa conexión da rúa Baixo Muro e a Ireira conséguense en palabras do alcalde varios obxectivos: "damos cumprimento a dúas sentencias firmes que datan dos anos 2014 e 2015 relacionadas coa accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, melloramos a asistencia dos veciños da rúa Baixo Muro en casos de urxencia, melloramos a prestación de servizos básicos como por exemplo, limpeza pública e recollida de lixo, convertemos en accesible o itinerario a un dos elementos patrimoniais máis importantes da localidade como é a muralla medieval, e abrimos un novo acceso máis cómodo e rápido á zona comercial para todos os veciños dos barrios do Muro, das Laxes e a súa contorna".
|