Actividades para público infantil, presentación do libro "El báculo de San Epitacio", exposicións e o inicio do Club de Lectura serán as citas para o mes de outubro
Co gallo do Día da Biblioteca que se celebra o 24 de outubro a Biblioteca Municipal de Tui organiza un amplo programa de actividades dirixidas aos diversos segmentos de público para achegar o libro e a cultura á cidadanía.
"BiblioTeCuida" é o lema co que este ano se celebra do Día da Biblioteca, que conta cun cartel da ilustradora galega Xulia Vicente. Esta conmemoración céntrase en destacar o papel das bibliotecas como espazos libres e abertos que, a través dos seus diversos servizos e recursos, se preocupan por atender as necesidades dos seus usuarios. As bibliotecas están abertas a toda a cidadanía e son un piar fundamental dos servizos das comunidades ás que pertencen.
Teatro Ghazafelhos, Juste Kamishibai papel e teatro, e o mago Javier Muro serán os encargados das actividades programadas para o público infantil.
A primeira das citas terá lugar o próximo martes, 4 de outubro, ás 17.30 h da man de Teatro Ghazafelhos con "A máquina do tempo". Unha obra na que os protagonistas a doutora Mon e o seu axudante Pe logran construír unha máquina do tempo coa que viaxar a distintas épocas da nosa historia. O espectáculo cunha duración de 50 minutos vai dirixido a público familiar dende os 5 anos.
A semana seguinte, o martes 11 de outubro, ás 17.30 h Juste Kamishibai, Papel e Teatro presentará "Os Nortis e os libros sen título" recomendada a partir de 4 anos. Será unha viaxe entre libros de cartón dos que xorden desplegables pop-up, mecanismos móbiles e xogos de contraluz con imaxes.
Mentres o martes, 18 de outubro, ás 18.00 h será o mago Javier Muro quen presente o espectáculo "Xogando coas palabras" no que as palabras, os números e as letras escollidas ao azar sorprenderán ao público.
Dentro da programación do Mes da Biblioteca está prevista a presentación do libro "El báculo de San Epitacio" do autor tudense Emilio Estévez o venres, 7 de outubro, ás 20.00 h. O acto contará coa presenza do autor e diversas persoas convidadas.
O luns 17 será inaugurada unha moi interesante exposición "Castelao grafista (facsimile)" que achega a nosa cidade Afundación, Obra Social de Abanca, coa colaboración da Fundación Gonzalo Torrente Ballester, a Real Academia Galega de Belas Artes e Turismo de Galicia - Xunta de Galicia.
Na segunda quincena de outubro o Anexo da Sala Municipal de Exposicións acollerá unha mostra fotográfica promovida pola Subdelegación de Defensa e a Comandancia Naval do Miño sobre a "Misión Atalanta" que desenvolven as Forzas Armadas españolas no océano Índico. No decurso da mostra haberá tamén unha charla informativa sobre esta misión dos militares españois.
Amais a Biblioteca Municipal iniciará o martes, 22 de outubro o Club de Lectura, para o que está aberta a inscrición ata o día 15 de outubro. Un club de lectura é un grupo de persoas que se reúnen periodicamente para comentar un mesmo libro. Cada un le de xeito individual na súa casa e despois, nas reunións do Club, comparten opinións e debaten os distintos aspectos do texto: as personaxes, o seu significado, o estilo literario, etc. Os libros son aportados pola Biblioteca Municipal de Tui. O persoal da Biblioteca actuará como coordinador e moderador dos clubs. Non é necesario ser un gran lector, simplemente ter ganas de ler e animarse a participar nas reunións do club que se establecen cunha periodicidade quincenal.
Os interesados poden inscribirse no formulario dispoñible na web da biblioteca municipal tudense https://www.bibliotecaspublicas.es/tui/Servicios/Club-de-lectura.html, tamén enviando un correo a biblioteca@tui.gal ou persoalmente na propia biblioteca.
Programa Mes da Biblioteca
- Martes, 4 de outubro, ás 17.30 h na Biblioteca Municipal de Tui
o "A maquina do tempo" por Teatro Ghazafelhos
- Venres, 7 de outubro, ás 20.00 h na Biblioteca Municipal de Tui
o Presentación do libro "El báculo de San Epitacio" do autor tudense Emilio Estévez
- Martes, 11 de outubro, ás 17.30 h na Biblioteca Municipal de Tui
o "Os Nortis e os libros sen título" de "Juste Kamishibai papel e teatro"
- Luns, 17 de outubro, na Sala de Exposicións Municipal
o Inauguración da exposición "Castelao grafista (facsímile)" da Afundación, Obra Social de Abanca, coa colaboración da Fundación Gonzalo Torrente Ballester, a Real Academia Galega de Belas Artes e Turismo de Galicia - Xunta de Galicia.
- Segunda quincena de outubro no Anexo da Sala Municipal de Exposicións
o Exposición fotográfica sobre a "Misión Atalanta" que desenvolven as Forzas Armadas españolas no océano Índico. Promove a Subdelegación de Defensa e a Comandancia Naval do Miño.
o Haberá charla informativa sobre esta misión dos militares españois.
- Martes, 18 de outubro, ás 18.00 h na Biblioteca Municipal de Tui
o "Xogando coas palabras" co mago Javier Muro
- Martes, 22 de outubro
o Comezo do Club de Lectura
o Inscrición até o 15 de outubro en https://www.bibliotecaspublicas.es/tui/Servicios/Club-de-lectura.html, no correo biblioteca@tui.gal ou persoalmente na propia biblioteca.
O Anexo da Sala Municipal de Exposicións acolle dende hoxe, 29 de setembro, e durante unha semana unha pequena exposición itinerante promovida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico realizada ao abeiro do denominado Proxecto Albufeira sobre a xestión e a conservación dos recursos hídricos do noso entorno e as especies e hábitats asociados a estas masas de auga.
O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, xunto coa Axencia Portuguesa do Ambiente, atópase desenvolvendo o PROXECTO ALBUFEIRA (asociado ao Programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020), que ten por obxectivo mellorar a coordinación das accións para promover e protexer o bo estado das masas de auga compartidas entre España e Portugal para a súa protección e aproveitamento sustentable.
Este proxecto abarca diferentes aspectos de carácter técnico, social, ambiental e económico. Unha das súas liñas de actuación é a sensibilización dos axentes sociais e da poboación de zonas transfronteirizas sobre a cooperación en concas hidrográficas compartidas, perseguindo o fomento da biodiversidade e preservación dos ecosistemas asociados a estas masas de auga, así como o seu uso sustentable.
Unha das actividades destacadas nesta liña de actuación é a exposición itinerante, que estes días está en Tui, enfocada a informar acerca dos obxectivos do Proxecto Albufeira á poboación dos municipios próximos á fronteira, considerada parte importante na xestión e conservación dos recursos naturais.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradece a elección do Concello de Tui por parte do Ministerio para promover esta actividade de sensibilización de carácter medioambiental como son os recursos hídricos e a necesidade da súa conservación.
O Concello de Tui quere facer un chamamento á responsabilidade cidadá e ao civismo tras os actos vandálicos que se están a rexistrar en distintos puntos do municipio, e que provocaron danos no mobiliario urbano.
O último deles tivo lugar onte, 27 de setembro, no parque infantil do Souto en Guillarei. A Policía Local acudiu a este lugar ante a alerta dun presunto furto, con elementos illantes da goma protectora do chan arrincados e que non foron atopados. Asemade, a pasada fin de semana deuse aviso de máis desperfectos nunha das pérgolas na Veiga do Louro, onde foron arrincadas as plantas ornamentais. Así o recolle no seu informe a Policía Local, deixando constancia que estaban "totalmente arrincadas e con terra espallada pola calzada".
Pero estes non foron os únicos rexistrados xa que no mes de agosto tamén se rexistraron danos no mobiliario urbano no parque infantil dos Xardíns Troncoso e na Veiga do Louro. A Policía Local personouse tamén nas localizacións e deu parte das incidencias.
No parque infantil dos Xardíns Troncoso os danos foron identificados cara ao mediodía do pasado 4 de agosto. Os axentes municipais atopáronse desperfectos no céspede artificial arrincado, o illante protector do solo arrincado e restos do teito dunha vivenda abandonada espallados polo espazo de xogos. O 25 de agosto os danos tiveron lugar na Veiga do Louro, onde se atoparon danos nunha das pérgolas da zona, con ladrillos soltos e rotos no chan amais de enredadeiras que serven de decorado rotas e arrincadas.
Ante estes actos vandálicos que se veñen sucedendo, o Concello de Tui insiste na mensaxe de respecto e coidado polos espazos públicos, que son para uso e desfrute da veciñanza e supoñen un gasto de reparación que prexudica a toda a cidadanía.
O concello de Tui ven de implantar unha rede WiFi municipal no marco do programa europeo WiFi4EU. Grazas a esta iniciativa contan con cobertura wifi gratuíta a praza do Concello, as rúas Porta da Pía, Bispo Castañón, Calvo Sotelo e o Paseo da Corredoira.
O programa WiFi4EU promove o acceso libre dos cidadáns á conectividade de banda ampla en espazos públicos coma parques, prazas, edificios oficiais, bibliotecas, centros de saúde ou museos de municipios de toda Europa. A actuación realizada en Tui supuxo o despregue de 10 puntos de acceso WiFi exterior que a través da rede de nome "WiFi4EU", permite ofrecer tanto a cidadáns e visitantes un servizo de acceso a Internet de calidade. Así calquera usuario ubicado na área de cobertura da rede "WiFi4EU" poderá acceder de xeito seguro e gratuíto as 24 horas do día á conexión. A primeira vez que a persoa se conecte á rede será redirixida a unha páxina segura de inicio de sesión (portal cativo).
O investimento realizado ascende a 15 mil euros que foron financiados pola Unión Europea.
Este novo servizo de wifi municipal gratuíta pretende complementar outros proxectos ligados á posta en valor do patrimonio cultural tudense, como son as actuacións de sinalización mediante códigos QR ou roteiros autoguiados, facilitando o acceso a Internet en mobilidade e promovendo a visibilidade do concello animando aos usuarios para compartir a súa experiencia en redes sociais a través dos seus dispositivos móbiles.
Con esta iniciativa o concello de Tui súmase a unha ampla rede de municipios europeos que xa ofrecen este servizo, promovendo o uso de novas plataformas e servizos dixitais innovadores, facilitando a comunicación gratuíta tanto a residentes como visitantes.