|
Sofía Areal, antiga presidenta de Voces Novas, participa na Conferencia Anual da Asociación Europea de Rexións Fronteirizas
A primeira presidenta do Consello da Infancia e a Mocidade de Tomiño repasou a traxectoria deste órgano na súa intervención en Serbia
No marco da Conferencia Anual da Asociación Europea de Rexións Fronteirizas ARFE/AEBR 2022 que tivo lugar en Novi Sad na provincia autónoma de Vojvodina (República de Serbia), a antiga presidenta de Voces Novas, o Consello da Infancia e a Mocidade de Tomiño, Sofía Areal, participou onte no Panel: The Youth Manifesto: Como facer máis accesibles á participación da mocidade as políticas de cooperación transfronteiriza.
Na súa intervención, Sofía Areal repasou a traxectoria de Voces Novas:
"A participación da mocidade é algo real e palpable cando se nos dan verdadeiros espazos de escoita e participación activa, onde nós mesmas sexamos as protagonistas.
Xurdimos no ano 2017 e a día de hoxe somos un órgano máis do funcionamento do Concello, participando de xeito activo na vida municipal, con máis de 15 membros dende os 8 ata os 17 anos. Nós xurdimos coa intención de establecer unha canle permanente de participación, sobre todo naqueles ámbitos que nos afectan de xeito directo.
A traxectoria que fomos construíndo permitiunos participar en cantidade de accións: no deseño de novos espazos urbáns para as persoas a través de procesos de humanización e peonalización; nas campañas anuais do día contra a violencia de xénero; en proxectos que nós mesmos imaxinamos e materializamos como o Nadal solidario, co intercambio de postais cos maiores das nosas residencias; como xurado no Certame transfronteirizo de Pintura ao aire libre Antonio Fernández; e mesmo temos consolidado a celebración anual dun pleno infantil.
Unicef España, galardoounos no ano 2018 co "Selo de Recoñecemento Cidade Amiga da Infancia", sendo un concello pioneiro en Galicia. Esta distinción esixe un traballo continuo e permanente a prol do benestar da infancia e adolescencia xa que ten unha vixencia de catro anos. Estamos xustamente agora comprometidos coa renovación deste recoñecemento.
Por outra banda, na Eurocidade Cerveira-Tomiño realizamos numerosos intercambios escolares, con máis de 1500 participantes de todos os niveis educativos nas actividades do Orzamento Participativo Transfronteirizo, e compartimos algúns dos nosos servizos máis demandados como son a Piscina Municipal (de Cerveira) ou a Escola Municipal de Música (de Tomiño), que participou nun proxecto Erasmus con escolas de Portugal e Italia, promovendo a formación de valores e o intercambio sociocultural na mocidade a través da música".
Finalmente, a que fóra primeira presidente de Voces Novas destacou os traballos en curso para a elaboración dunha Axenda para a Xuventude entorno os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas coa celebración de mesas de debate coa rapazada de entre 12 e 25 anos, de ambos os lados da raia.
A AEBR é unha das principais referencias europeas para o estudo e mellora da cooperación transfronteiriza e xa se interesou polas experiencias de participación pública da Eurocidade Cerveira-Tomiño o pasado mes de Maio, cando a intervención da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, no Borders Forum celebrado en París. A AEBR é tamén responsable do programa B-solutions da Comisión Europea que emitíu un informe sobre os obstáculos á mobilidade transfronteiriza de menores en intercambios culturais e educativos, a raíz das recomendacións das Valedoras da cidadanía transfronteiriza da Eurocidade Cerveira-Tomiño sobre este asunto.
O pleno municipal de Tomiño mostra o seu apoio ao IES Antón Alonso Ríos na súa demanda dunha segunda especialista en Pedagoxía Terapéutica
O Concello comprometeuse tamén a dar traslado á Xunta da necesidade deste segundo docente
O goberno de Tomiño levou onte ao Pleno Municipal unha moción de apoio ao IES Antón Alonso Ríos na súa solicitude dunha segunda especialista en Pedagoxía Terapéutica. O centro conta actualmente cunha matrícula de 590 alumnos e alumnas, un número en crecemento exponencial acorde ao perfil demográfico do Concello. Este incremento ten suposto novas necesidades para o centro. Como amosa o proxecto de ampliación das súas instalacións que está a piques de executar a Xunta de Galicia.
Sen embargo, e pese a evidencia de que a un maior número de alumnado demanda dun mellor servizo, o IES Antón Alonso Ríos leva dous cursos sen unha 2ª especialista en Pedagoxía Terapéutica. Un segundo docente de apoio individualizado ao alumnado con necesidades específicas do que dispuña até o curso 2020-21. É dicir, que o centro sufriu un recorte en vez dun incremento a pesares de ir medrando en demanda.
Dende a dirección, o claustro e a comunidade educativa fixéronse as xestións correspondentes para a súa solicitude, tanto no curso pasado coma no presente curso, co visto bo do equipo específico de orientación e co inspector da zona, mais non recibiron resposta algunha.
Ante esta situación, o consello escolar municipal acordou levar ao pleno municipal a situación e as necesidades urxentes coas que conta o centro educativo tomiñés. Finalmente, na xornada de onte, o Pleno do Concello de Tomiño mostrou o seu apoio a solicitude do IES Antón Alonso Ríos para a concesión da segunda especialista en pedagoxía terapéutica. A alcaldesa Sandra González confirmou tamén "o compromiso do Concello para trasladar á Xunta de Galicia a necesidade deste segundo docente para que IES Antón Alonso Ríos poida atender todas as necesidades que o alumnado tomiñés precisa".
O xurado do programa 'Vilas en Flor' pon nota á riqueza natural e paisaxística de Tomiño
Tras un recibimento na Casa do Concello, os tres membros do xurado visitaron algunhas das intervencións mediambientais e dos proxectos de cooperación transfronteiriza levados a cabo no municipio
O Concello de Tomiño participa nunha nova edición do programa Vilas en Flor de Galicia, unha iniciativa que procura a mellora ambiental, social e económica dos municipios galegos de menos de 50.000 habitantes. Organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), tres membros do xurado visitaron este mércores a vila tomiñesa para coñecer os avances do concello en materia medioambiental e paisaxística e achegarse de primeira man a algúns dos proxectos de cooperación transfronteiriza que se están levando a cabo.
A visita comezou cunha reunión no consistorio no que se lles amosou as intervencións e proxectos desenvolvidos ao longo do último ano acompañados pola concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro; o de Obras e Acción Rural, Alexandre Pérez; e o de Promoción Económica, Francisco Campo, así como pola paisaxista e responsable dos deseños das novas rotondas da Avenida do Baixo Miño, Sinda Davila, e de técnicos municipais de medio ambiente e cooperación transfronteiriza.
Durante o encontro o Concello fixo un balance das melloras realizadas durante o 2021, como un aumento do 28% dos metros cadrados de zona verde con respecto ao ano anterior, o que deixa a Tomiño con case 57.000 m2 de espazos verdes e case 400 novas árbores plantadas dende xaneiro do ano pasado.
Concelleiras, concelleiros e equipo técnico presentaron ademais proxectos como a campaña 'Enche o teu monte de vida autóctona', na que se regalaban plantas forestais frondosas propias da zona para fomentar a repoboación nas franxas secundarias, as intervencións artísticas nas rotondas ao abeiro do proxecto Cultivando paisaxes.
Precisamente estas intervencións nas rotondas foi unha das iniciativas que máis destacou o xurado. Nesta iniciativa a paisaxista Sinda Davila traballou de forma coordinada cos viveiros da comarca e coa Fundación Xavier Pousa para converter as cinco rotondas da Avenida do Baixo Miño nun escaparate da actividade do viveirismo, principal motor económico da vila.
Entre outros proxectos, edís e equipo técnico presentaron aos tres membros do xurado tamén a recuperación de espazos públicos para as persoas como no Parque da Feira e na Praza da Mina, actividades como a Semana do Medio Ambiente 'Tomiño natural' ou o servizo transfronteirizo piloto de préstamo de bicicletas eléctricas E-Bike Rio Minho.
Tras a presentación, xurado e concelleiros e concelleiras saíron á rúa para coñecer de primeira man algunhas destas melloras. Ademais do servizo de bike-sharing transfronteirizo, que ten unha das súas unidades de préstamo en plena Praza do Seixo, visitaron o parque da Feira e a Praza da Mina, a rúa Calzado Poceiro e as novas rotondas da Avenida do Baixo Miño.
Este é o cuarto ano que o Concello de Tomiño participa no certame Vilas en Flor, un programa que pretende por en valor a mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible e a concienciación cidadá no coidado do medio ambiente. Tomiño conta na actualidade con tres Flores de Honra.
Rapazas e rapaces tomiñeses mollanse polos rios e recollen mais de 140 quilos de lixo
Tomiño móllase polos ríos con máis forza que nunca. Case 150 rapaces e rapazas participaron este luns nunha nova edición da limpeza simultánea de retirada de lixo á beira do río posta en marcha ao abeiro do Proxecto Ríos, coordinado pola asociación ecoloxista Adega, coa que se buscaba concienciar á sociedade de manter limpos de residuos os cursos fluviais do municipio.
O Concello decidiu trasladar a xornada ao luns na procura dunha maior implicación da mocidade tomiñesa, un cambio de data que foi todo un éxito de convocatoria e na que finalmente achegaron o seu gran de area membros da Comunidade Terapéutica Alborada, persoas voluntarias inscritas na web do Concello e alumnado de distintos centros tomiñeses. Participaron estudantes Do CEP Pedro Caselles, do CEIP Plurilingüe de Tebra, de primeiro e segundo do ciclo medio de 'Aproveitamento e conservación do medio natural' e de 1º e 2º de FP Básica de 'Agroxardinaría e composicións florais'.
En total foron máis de 140 quilos de lixo retirados, especialmente plásticos, latas e cartóns, tras percorrer durante a mañá por rutas próximas os ríos Cereixo (zonas da Briña, da Estoca e da Pedra) e Pego.
Tomiño pon en marcha 'Peludos en apuros', unha xornada de adopción de cans e gatos
Está organizada polo grupo de voluntariado da OMIX de Tomiño e celebrarase este sábado 1 de 10 a 14 horas na Praza do Seixo
Haberá photocall de mascotas e recollida de alimentos e materiais
Co obxectivo de concienciar sobre a tenencia responsable de mascotas e fomentar a adopción de animais de compañía, o Concello de Tomiño pon en marcha 'Peludos en apuros', unha xornada de sensibilización e adopción de cans e gatos que se celebrará este sábado 1 de outubro de 10.00 a 14.00 horas na Praza do Seixo.
Organizada polo grupo de voluntariado da OMIX de Tomiño, o obxectivo desta xornada é promover a adopción fronte á compra de animais de compañía, así como concienciar a todas e todos os participantes da importancia de non abandonalos ao longo do ano e loitar contra as estatísticas, que sinalan que cada tres minutos unha mascota é abandonada en España, unha das cifras máis altas de abandono animal en Europa.
Durante toda a mañá do sábado a Praza do Seixo converterase en lugar de encontro para posibles adoptantes, onde voluntarios e voluntarias vinculadas ás protectoras participantes informarán a visitantes sobre o problema do abandono, ademais de asesorar sobre como adoptar unha mascota.
Os grandes protagonistas serán os cans e os gatos, que poderán participar no photocall gatuno e canino. Por outro lado, tamén haberá recollida de alimentos e materiais que serán entregados ás protectoras de animais. Dende o Concello de Tomiño anímase a todas as persoas interesadas a participar nesta iniciativa de grande importancia, xa que é vital educar e sensibilizar á poboación.
O programa Agroemprega chega á súa recta final con máis dun 60% de inserción laboral
As alcaldesas de Tomiño e O Rosal visitaron un dos cursos complementarios que se están a desenvolver tras a formación inicial
Foron máis de 700 horas de formación na que participaron 100 persoas, a maioría delas mulleres
O Programa Integrado de Emprego de Galicia, Agroemprega, afronta a súa recta final con grande éxito de resultados. O proxecto, promovido polos Concellos de Tomiño e O Rosal en colaboración coa Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal, arrancaba en marzo deste ano cun ambicioso programa para formar a 100 persoas desempregadas en traballos relacionados co rural e "ofrecer á veciñanza unha oportunidade de formación gratuíta para mellorar as súas habilidades para acceder ao mercado laboral nun sector puxante na comarca", como sinalan a alcaldesa tomiñesa, Sandra González, e a rosaleira, Ánxela Fernández Callís.
Seis meses despois máis do 60% de inserción laboral confirma que a fórmula funciona. Para acadar este éxito, o programa completou a formación ofertada con contactos con máis de 30 empresas da zona, a sinatura de convenios de colaboración e cun traballo de intermediación e xestión de ofertas laborais. Entre as 100 persoas integrantes do programa destaca a participación de mulleres (57%), así como de colectivos prioritarios de desempregados como persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, menores de 30 anos sen cualificar, paradas e parados de longa duración ou persoas perceptoras de RISGA e RAI. A media de idade foi de 45 anos, tendo a persoa participante máis nova 18 anos e a de maior idade 66.
En total foron 700 horas de formación en especialidades como cultivo de flores e plantas ornamentais en xardinaría, abonos e fertilizantes, técnicas de rega e de poda, uso profesional de fitosanitarios, cultivo baixo abrigo, sementeira de sementeiros, multiplicación vexetativa de ornamentais, sector vitivinícola, produción integrada de froiteiras e hortalizas ou plantas aromáticas e medicinais que se completaron, por exemplo, con cursos de prevención de riscos laborais específicos de viveiros, de tractor ou de almacén e control de stocks, manipulador de alimentos ou carretilla elevadora. A todas estas iniciativas sumáronselle accións formativas máis transversais de alfabetización dixital, mobilidade laboral, igualdade, emprendemento, busca activa de emprego ou habilidades sociolaborais.
As rexedoras destacan que "na nosa comarca o agro é un nicho de creación de emprego e de fixación de poboación no rural e nós debemos colaborar no que poidamos para potencialo ao máximo, xa que é un sector estratéxico e de futuro para os nosos concellos". "Foi un orgullo ver a grande acollida que tivo o programa cando comezou, pero o é aínda máis ver os resultados que se están obtendo", aseguran.
Neste tramo final o Programa Integrado de Emprego de Galicia, Agroemprega, contará cunha formación adicional de 50 horas deseñada especificamente para unha empresa de nova apertura na que as 10 persoas participantes realizarán prácticas profesionais non laborais con compromiso de contratación. Ademais, nestes intres xa realizaron prácticas en empresas da contorna outros 14 integrantes do programa, o que lles permitiu "non só poñer en práctica os coñecementos adquiridos durante a formación en viveiros e adegas, senón tamén, en moitos dos casos, saír do programa cun contrato laboral".
Agroemprega está a desenvolverse entre os Concellos de Tomiño e do Rosal, aínda que ten a súa sede de execución no Centro de Formación Ocupacional do Regatiño, en Goián, onde se levan a cabo as accións de información, orientación e asesoramento por parte de dúas técnicas de orientación e prospección laboral, así como das técnicas de emprego local de Tomiño e O Rosal e a orientadora laboral tomiñesa. Un completo equipo de orientación e inserción laboral que realizou máis de 400 accións de atención individualizada ao longo destes meses.
|