JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

A Oficina de Turismo da Guarda atendeu a máis de 6.000 persoas nos meses de verán

Dende o 2018 a Oficina de Turismo Municipal da Guarda forma parte da Rede de Oficinas Info Rías Baixas da Deputación de Pontevedra e unha das melloras foi a ampliación do horario de atención grazas ao financiamento dos seus informadores turísticos.

Este ano adiantouse o horario de verán ao mes de maio para ofrecer un mellor servizo. Isto veu motivado polas previsións que indicaban unha forte recuperación dos peregrinos internacionais ao ser Ano Santo e porque o Camiño Portugués da Costa ten un marcado perfil estranxeiro grazas ao aeroporto da cidade portuguesa de Porto e ao tranquilo e fermoso do noso camiño.

Nos meses de verán, de xuño a setembro, atendéronse a 6.332 visitantes e peregrinos. En canto o perfil da persoa que acude a nosa oficina e principalmente, nacional durante o verán, sendo madrileños e castela leoneses as principais comunidades emisoras de turistas, sobre todo, familias con nenos. Xa comezado setembro o perfil cambia a parellas e, sobre todo, houbo un notable incremento de peregrinos que realizan o camiño en grupo.

As consultas máis habituais dos visitantes son qué visitar na vila e nos arredores e a programación de eventos e festas. A Festa da Langosta en xullo deu comezo a unha intensa programación de verán que se veu reflectida na afluencia de visitantes e na satisfacción do sector do comercio e hostaleira.

Gran interese tiveron as, xa habituais, visitas guiadas ao Castro Santa Trega pero que teñen unha excelente aceptación. Os visitantes agradecen poder coñecer a importancia arqueolóxica do Castro de Santa Trega ademais de gozar das vistas panorámicas que o monte ofrece e que sempre quedan no recordo dos visitantes. Este verán ofertouse a visita guiada ao Castro de Santa Trega comezando na Casa Forestal, continuando polo Barrio de Mergelina e rematando na área escavada polo arqueólogo Calvo xunto as vivendas reconstruídas. A oferta de visitas simplificouse pero ampliáronse os días das visitas, realizándose 6 días de martes a domingo en xullo e agosto, e en temporada baixa xuño e setembro as fins de semana. Esta amplía oferta de visitas guiadas permitiu que más 2.786 persoas coñecesen mellor o castro grazas as explicación do guía.

Outra actividade que tivo moito interese entre veciños e visitantes foron as saídas de navegación do Volanteiro Piueiro e que puxo en marcha a asociación coa colaboración do concello. Nas saídas organizadas nos meses de xullo e agosto foron máis de 600 persoas que puideron coñecer unha embarcación tradicional recuperada polos mariñeiros da nosa vila e que dan a coñecer o patrimonio e a esencia mariñeira.

Por último, indicar que a Rede de Museos da Guarda mantivo o seu horario acostumado nos meses de xullo e agosto, con máis de 48.000 persoas rexistradas no acceso ao Monte Santa Trega e con máis de 800 persoas no Museo do Mar.

A partir do 1 de outubro a Oficina de Turismo muda ao seu horario de outono e estará aberta de luns a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 18:30h.

Concello de A Guarda


A unidade móbil de doazóns de sangue estará instalada na Guarda o venres 7 e sábado 8 de outubro

" O venres 7 en horario de 10:15 ás 14:00 horas e de 16:30h a 21:00h e o sábado 8 de 10:15h ás 15:00h.

Este autobús estará emprazado na Rúa Rosalía de Castro(Ao Carón do Centro Cultural) o venres 7 en horario de 10:15 ás 14:00 horas e de 16:30h a 21:00h e o sábado 8 de 10:15h ás 15:00h.

O Centro de Transfusión de Galicia, grazas ao emprego destas unidades móbiles intenta facilitar o solidario xesto de doar sangue a todos os cidadás. Sen a implicación de todos é imposible acadas as 500 doazóns de sangue que se precisan nos hospitais galegos.

Para doar sangue hai que almorzar e despois de xantar espere 2 horas. Non esqueza traer a tarxeta de doazón, DNI ou documento similar. Informe ao médico se está a tomar algún medicamento. É desexable solicitar cita para doar no telefono gratuíto 900 100 828.

Concello de A Guarda


A Guarda presenta á cidadanía o Plan Rehabita

" Máis dun cento de veciños participaron nesta presentación, que se puido seguir tamén por streaming.

" A iniciativa conta xa con web propia: www.rehabita.aguarda.es onde poder ampliar información.

Na xornada do pasado martes día 27 de setembro o Salón de Plenos do Concello da Guarda acolleu a presentación á cidadanía do Plan Rehabita, un programa municipal pioneiro que ten como obxectivos paliar a falla de vivenda, aumentar a eficiencia enerxética dos inmobles e mellorar a estética das nosas rúas e barrios. Algo que, en liña co PACES (Plan de Acción por el Clima y la Energía Sostenible), ao que está adherido o Concello da Guarda, influirá tamén na redución de emisións de dióxido de carbono á atmosfera.

Máis dun cento de veciños participaron nesta presentación, que se puido seguir tamén por streaming e na que se contou coas intervencións do Alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a Concelleira de Desenvolvemento Local, Fátima Rodríguez; a Concelleira de Medio Ambiente, Montserrat Magallanes e dous convidados que falaron sobre as súas experiencias en canto o aforro e a eficiencia enerxética, Javier Pereira e Gema Garrido.

Antonio Lomba, Alcalde da Guarda, comezou a súa intervención destacando que despois das diferentes mesas de traballo realizadas dende o mes de marzo deste ano, tanto internas, como cos empresarios/as e profesionais da vila de diversos sectores, xa tocaba o momento de presentar esta iniciativa aos verdadeiros beneficiarios/as da mesma, os propietarios dos inmobles, que serán os que poidan optar ás diferentes axudas existentes para a rehabilitación de vivendas, edificios e pisos na nosa vila, seguindo criterios de eficiencia e aforro enerxético.

Montserrat Magallanes, Concelleira de Medio Ambiente, foi a encargada de presentar a plataforma web que se creou para esta iniciativa, e na que se irán incluíndo todas aquelas informacións de interese para as persoas que desexen participar e rehabilitar os seus inmobles na Guarda a través do Plan rehabita. Se pode ver na seguinte ligazón: www.rehabita.aguarda.es

Fátima Rodríguez, Concelleira de Desenvolvemento Local, explicou algúns casos prácticos con exemplos dos custes e importes subvencionables en diferentes tipos de inmobles e actuacións.

Antes do remate desta presentación, os convidados Javier Pereira e Gema Garrido, explicaron aos presentes os seus respectivos casos de éxito particulares coa rehabilitación de inmobles mediante eficiencia e aforro enerxético, o que lles supuxo unha importante mellora no confort, baixada nos consumos da luz, mellor climatización dos seus inmobles e un aforro considerable de custes a medio e longo prazo.

Ao remate da presentación, abriuse unha quenda de preguntas, onde varios veciños e veciñas da vila puideron resolver as súas dúbidas sobre diferentes cuestións técnicas do Plan Rehabita, e que dende este momento xa se poderán tamén solventar a través do teléfono do concello 986610000 ou no enderezo electrónico rehabita@aguarda.es

Mediante o "Plan Rehabita", un programa integral de asesoramento para a rehabilitación e mellora da eficiencia enerxética de vivendas que se atopan na Guarda, preténdese devolver ao mercado moitos inmobles que se atopan parados ou desactualizados na actualidade e promover así o seu alugueiro, reforma, venda, actualización, etc.

Link gravación Plan Rehabita: https://www.youtube.com/watch?v=I44ofvjfYB4&t=4344s

Concello de A Guarda


Concerto de Sergey Arutyunyan ensemble o sábado 8 de outubro na Guarda

" Sábado 8 de outubro ás 20:00h no Centro Cultural da Guarda.

" Entrada de Balde ata completar o aforo.

O vindeiro sábado día 8 de outubro o Centro Cultura da Guarda acolle a partires das 20:00h o concerto de Sergey Arutyunyan ensemble, enmarcado no programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia, coa colaboración de Peregrinos Musicales e o Concello da Guarda.

Sergey Arutyunyan ensemble conta con Sergey Arutyunyan, acompañado dun ensemble de músicos de talla internacional, como son Larissa Shomina, Alexander Arutyunyan, Bruno Miguel Pinheiro Fernándes e Paulo Areias.

Sergey Arutyunyan
Sergey é violinista e descendente la prestixiosa escola de corda de San Petersburgo, cidade onde a tradición vinculada ao violín e moi larga e veñen dende os tempos do lexendario L. Auer. Sergey naceu no seo dunha familia de violinistas e comezou seus estudos musicais a unha idade moi temperá co seu pai Anatoli Schwarzburg famoso profesor e pedagogo de violín.

Larissa Shomina
Iniciou os seus estudos musicais na Escola de Música de Kharkov, USSR, nunha escola para niños superdotados, na que acadou as máxima calificacións en todas as disciplinas.
En 1987 acabou o "Mestrado en Artes" no Conservatorio Superior Estatal Rimsky-Korsakov em San Petersburgo, onde estudou na clase de violín do brillante violinista Marc Komissarov.
Foi membro da Orquestra da Câmara "Clássica" de San Petersburgo ca que realizou Concertos por toda a Unión Soviética e noss Estados Unidos e Europa.

Alexander Arutyunyan
Nado o 15 de agosto de 2002, comezou os seus estudos musicais cos seus pais, profesores de violín, Larissa Shomina e Sergey Arutyunyan.
No ano 2013, na Academia de Música de Viana do Castelo, comeza as clases de piano na clase de Olga Baranova, continuando os seus estudos de violín na casa.

Bruno Miguel Pinheiro Fernándes
Naceu o 21 de agosto de 1993. Ten o seu primeiro contacto coa música na Banda de Escuteiros de Barroselas en 2001.
En 2005 inicia os seus estudos de violoncello na Escola Profesional de Música de Viana do Castelo na classe do profesor Iminas Kucinskas.
En 2011 ingresou na Escola Superior de Música e Artes de Espetáculo na clase do professor Jed Barahal terminando en 2015 a sua Licenciatura.

Paulo Areias
Nado en Viana do Castelo, licenciouse en oboe na Escola Superior de Música de Lisboa (ESML), perfeccionándose en clases maxistrais en Portugal e no estranxeiro con François Leleux, Stefan Schilli, Lazlo Hadady, Ernest Rambout, Alex Klein, Maurice Bourgue. , Thomas Indermuhle, Christian Wetzel, Nick Deutsch, Alfredo Bernardini, Jean Luc Fillon, Ricardo Lopes e Henrik Goldschmidt.

PROGRAMA:
Obras : Albinoni, Bach, Pergolesi, Marcello e Vivaldi.

Concello de A Guarda


O BNG LEVA A PLENO A AMEAZA DA UNIÓN EUROPEA DE PECHAR 87 ZONAS DE PESCA NO ATLÁNTICO NORORIENTAL

Anxo Baz "Este regulamento, é un novo golpe ao que hai que engadir o anuncio das restricións na comercialización da quenlla"

A Comisión Europea vén de impoñer un novo regulamento que se traduce no feche para a pesca nun total de 87 zonas do Atlántico nororiental. Unha medida que entrará en vigor en poucos días e que suporá a expulsión da frota galega de fondo, podendo reducir até nun 75% as súas capturas.

Segundo Anxo Baz "Este regulamento, imposto desde a Comisión Europea (CE) sen un contraste e interlocución efectiva co propio sector, é un novo golpe que se engade ás limitacións de TACs e cotas de pesca, ou os anuncio das restricións na comercialización da quenlla, que vai limitar e dificultar a faena da frota galega¨".

Estamos diante dun acordo da CE que non contou co apoio unánime do Consello nin coa aprobación do Parlamento europeo, que se tomou baseándose nuns informes científicos e técnicos insuficientes, por parciais e desactualizados, sen diálogo e busca de alternativas co sector, sen unha avaliación socioeconómica sobre o seu impacto e cunhas consecuencias que poden ser estarrecedoras, e que non pode ser aceptado baixo ningún concepto tendo en conta que Galiza somos unha das primeiras potencias pesqueiras de Europa. As consecuencias desta decisión, suporán tamén agudizar a cada vez maior dependencia da importación de peixe e un previsíbel aumento dos prezos dificultando o acceso ao peixe aos segmentos sociais de menores ingresos.

A efectivización deste regulamento arbitrario e inxusto suporá un golpe en toda a regra á nosa frota, afectando a varios centos de barcos galegos e ameazando millares de postos de traballo.

En definitiva, o impacto do novo regulamento imposto pola Comisión Europea supón unha ameaza de primeiro nivel que pode facer desaparecer este sector estratéxico tal e como o coñecemos, como advertiron xa publicamente tanto dende o propio sector como dende organizacións sindicais como a CIG.

A moción presentada polo BNG no apartado resolutivo esixe a Xunta de Galiza que convoque con carácter inmediato o Consello Galego de Pesca para organizar unha resposta unitaria de todo o sector do mar e de todo o tecido social do país e insta ao goberno español a despregar todas as accións que como estado membro poida exercer para lograr a anulación do regulamento imposto pola Comisión Europea.

Concello de A Guarda


Este sábado o concerto de San Rockers abre o ciclo de concertos "Música e viño no teu camiño"

" A partires das 13:00h na Praza Avelino Vicente da Guarda.

A praza de Avelino Vicente acollerá este primeiro concerto organizado por EuRural e Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.

Esta iniciativa que forma parte do programa O Teu Xacobeo impulsado pola Xunta de Galicia e que ten por obxectivo xerar espazos de encontro e de lecer entre a veciñanza, visitantes e peregrinas e peregrinos que estean a facer o Camiño de Santiago nesta época do ano.

O concerto comezará ás 13:00h en sesión vermú e a banda viguesa San Rockers ofrecerá un recorrido polas cancións máis influentes do pop/rock español das décadas dos 80/90 ata a actualidade.

Esta actividade pretende fomentar as experiencias positivas arredor da música e dos produtos de todo noso territorio e deste xeito poñelos en valor. Nesta ocasión, a música acompañará os viños da D.O. Rías Baixas apoiándose nos establecementos da vila e, como non, da nosa gastronomía.

Anímase a toda a veciñanza a gozar deste primeiro concerto acústico na Praza de Avelino Vicente.

Concello de A Guarda


O Concello da Guarda entra no outono dando visibilidade a historias de mulleres singulares da vila

" A través de dous roteiros e dúas andainas preténdese poñer en valor a figura de diferentes mulleres da vila, tanto anónimas como coñecidas, que destacaron na súa época por rachar cos estereotipos e intentar acadar un espacio dentro dun mundo do que non eran donas.

O Concello da Guarda, a través da Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller, programa para outubro e novembro a iniciativa "Historias de mulleres guardesas", unha alternativa de ocio cultural e saudable na que o eixo principal son as historias de mulleres da vila que destacaron nas súas diferentes épocas por diversas razóns.

Nos roteiros, que terán lugar o 14 e 28 de outubro en horario de 20:00h a 21:00h e que sairán dende a Praza do Reló, falarase dunha serie de mulleres, todas veciñas da Guarda, que dun xeito ou doutro forman parte do imaxinario colectivo e da historia da vila, cunha breve achega biográfica para lembrar como foi ou como é a vida destas mulleres e poñerlle cara amosando fotografías para que todos/as os/as participantes as recoñezan. O broche destes roteiros poráos o artista Tino Baz cunha intervención musical.

No caso das andainas, que terán lugar o 13 e 27 de novembro en horario de 10:30h a 13:30h e que sairán dende a Alameda da Guarda (8km de percorrido e dificultade media), falarase de mulleres de Salcidos e Camposancos, tendo en conta fundamentalmente os traballos e oficios aos que se adicaban, e lembrando a algunhas persoas que viven ou viviron nestas dúas parroquias, amosando tamén imaxes delas para saber quen foron ou son as protagonistas destas historias.

As inscricións están xa abertas na recepción do Concello, chamando ao 986610000 ou no enderezo electrónico conserje@aguarda.es

As actividades son gratuitas e as prazas limitadas.

Actividade subvencionada pola Deputación de Pontevedra

Concello de A Guarda


Citas para a renovación do DNI na Guarda para o mes de outubro

O vindeiro xoves día 29 de setembro de 2022 xa se poderán solicitar as citas para a visita das unidades móbiles no concello para a renovación do Documento Nacional de Identidade (DNI) correspondente ao mes de outubro de 2022.

A apertura do prazo para a solicitude de novas citas en setembro ofertadas pola unidade móbil do Corpo Nacional de Policía de Vigo comezarán o xoves día 29 de setembro de xeito preferentemente telefónico no 986 61 0000 de 9:00h a 14:00h ou presencialmente na Casa dos Alonsos.

A Unidade Móbil desprazarase á Guarda o 11 de outubro e a recollida de documentos terá lugar o 14 de outubro.

Ata entón, aquelas persoas que de xeito urxente necesiten realizar a renovación do seu DNI, poderán acudir ás oficinas de expedición de Tui (na rúa Párroco Rodríguez Vázquez, 3) ou Vigo (rúa Álvaro Cunqueiro, 6) previa solicitude de cita no teléfono 060 ou ben a través da páxina web www.citapreviadni.es.

Concello de A Guarda


A Guarda acolle un Obradoiro de creación de filtros para redes sociais con realidade aumentada

" Social Pilgrims II é un obradoiro para a creación de filros de realidade aumentada para redes sociais

" Terá lugar o 5 de outubro ás 19:30h na Guarda

" Inscricións na Omix da Guarda no enderezo electrónico informacion@aguarda.es

O Concello da Guarda acolle o vindeiro día 5 de outubro un obradoiro para a creación de filtros de realidade aumentada para redes sociais. A actividade está orientada a un público xeral a partir dos 12 anos. Esta iniciativa forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia.

O taller levarase a cabo na Aula Municipal, na Casa dos Alonso o vindeiro día 5 de Outubro, ás 19:30 horas. O proxecto forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia e estará impartida por monitores de Ceo Aberto Divulgación. Nestas sesións prácticas procurarase familiarizar as/os usuarias/os das principais redes sociais (Facebook, Instagram, TikTok) coas ferramentas de creación de filtros de Realidade Aumentada e a súa posterior incorporación aos propios perfís. Asemade, falarase dos riscos de seguridades das redes sociais e daranse pequenas claves de como protexer os nosos contidos ao tempo que optimizamos o rendemento e impacto das nosas publicacións.

Na actividade, que é de balde, poderase inscribir calquera persoa interesada a partir dos 12 anos de idade no mail de OMIX A Guarda informacion@aguarda.es

Concello de A Guarda


A Guarda inaugura este sábado a Exposición "Galiza Profunda"

" Sábado 1 de outubro ás 11:30h na Casa dos Alonso

Este sábado día 1 de outubro ás 11:30 a Casa dos Alonso da Guarda acolle a inauguración da exposición "Galiza profunda. interpretacións do rural galego mediante ilustración e fotografía contemporáneas".

Contarase coa comisionaría da exposición, Vanesa Iglesias Casal, coa que poderase desfrutar dunha visita guiada para coñecer en profundidade todas as obras. Ademais tamén haberá unha intervención musical.

E que nos imos atopar nesta exposición?

A visión do rural galego brinca ás veces entre imaxes idealizadas que del conservamos de cando eramos cativos, os prexuízos cara o mesmo pero tamén a confrontación fronte á idealización que supón voltar a el cunha ollada adulta.

Esta mostra pretende, dende a conciencia e visión crítica das artistas escollidas, facer unha dignificación do mesmo fronte a unha visión clasista, reaccionaria, costumista e ata denigrante do rural galego que xerou co tempo un "autodio" cara o mesmo, e por conseguinte, cara a toda cultura galega. Pois Galiza non se pode nunca desligar da súa ruralidade como país

Se ben é certo que fronte a certas visións utópicas do rural galego que se poidan ter dende a cidade, o día a día no mesmo alónxase desa idealización. Por iso as pezas elixidas axúdannos a confrontar esa dimensión bucólica á realidade tan dura que pasaron os nosos avós e avoas, especialmente as mulleres. Mulleres bravas e homes que con todo en contra lograron erguerse e sobrevivir en tempos de miseria tal como a posguerra.

GALIZA PROFUNDA quere facernos reflexionar sobre a dicotomía entre a fermosura do rural xunto coa potencia e riqueza do mesmo e as causas para o seu difícil desenvolvemento. Como, a pesares de termos todo a prol nosa, o contexto social e político logrou que non avanzaramos nestes séculos todo o que mereciamos.

Mais a mensaxe final é positiva. Cales son as achegas das novas xeracións e das artistas que manifestan as mesmas? GALIZA PROFUNDA recolle e representa o respecto, a dignidade e o orgullo cara as nosas raíces e cara a nosa historia vencellada á paisaxe. Así, presenta unha realidade complexa de Galiza para entender e comprender o noso pasado e reivindicar así a nosa orixe tantas veces maltratada e infravalorada.

ARTISTAS PARTICIPANTES:

*LIDIA CAO
*PAMPILLO STORE
*MARY DE LYRIOS
*ACONTRAVENTO/PRUDEN TT
*CAVALINHO DO DEMO
*XIRALÚA
*ARIADNA SILVA FERNÁNDEZ
*ALBERTE PEITEAVEL
*IRIA RIBADOMAR
*SABELA EIRIZ
*ROSA DE CABANAS
*ALEJANDRO MOSQUERA
*REBECA LAR
*NEKA

Organizan: Casal de Creación, Acontravento e Concello da Guarda.

Concello de A Guarda


A Guarda e Caminha abren inscricións para as Andainas de Outono 2022

" Ofértanse 4 andainas entre outubro e novembro, cun custe de 10€ por andaina

" As prazas son limitadas polo que se abre un prazo de inscrición para os interesados do mércores 28 de setembro ata ao luns 3 de outubro.

A Guarda e Caminha retomaron nesta primavera as andainas conxuntas que se tiveron que suspender debido á pandemia e que xa arrancaron este ano coas Andainas de Primavera, e que continúan desta volta coas Andainas de Outono.

As Andainas de Outono 2022 contan con 4 rutas e cun custo de 10€ por andaina e persoa e como en edicións anteriores os participantes galegos sairán da explanada da Sangriña en autocar para xuntarse co autocar de Caminha.

As prazas son limitadas polo que se abre un prazo de inscrición para os interesados dende o mércores 28 de setembro ata ao luns 3 de outubro. A inscrición realizarase na Oficina de Turismo da Praza do Reló, máis información no teléfono 986 61 4546 ou no enderezo electrónico turismo@aguarda.es

ANDAINA 1.- SÁBADO, 8 DE OUTUBRO: RUTA Á PORTALÉN: PORTA DO MÁIS ALÓ (A LAMA)

Saída: 8:30h da explanada da Sangriña
Hora aproximada de chegada A Guarda: 18:00h

Distancia: 11,7 km
Tipo: ruta lineal
Grao de dificultade: medio-alto
Desnivel: 262 metros positivos.
Duración: 5 h
Punto de partida: A Barcia (A Lama).
Percorrido: paisaxe / inmaterial

Descrición:
Ruta lineal que se realizará pola Serra do Cando, a "Montaña máxica do Seixo". Esta andaina conta con múltiples recursos de gran valor ecolóxico e inmaterial, unha fusión entre natureza e lendas que deixará abraiados aos participantes.
Accederemos ascendendo por unha pista forestal ata a Porta do alén, un lugar onde o mundo do máis aló se xunta co mundo dos vivos, sendo o correo dos mortos.
Nesta zona atoparemos tamén o marco do vento ou a capela de Santa Mariña, e xa camiñando polo cumio, chegaremos a un precioso miradoiro no que, se o día acompaña, observaremos as 3 rías (Vigo, Pontevedra e Arousa).
Xa descendendo pola ladeira entre grandes áreas de matogueiras, atoparemos gando en semiliberdade, rastros e camiños de carro antigos.
Unha ruta moi completa, de dificultade media-alta, con bastante desnivel, pero que satisfará aos camiñantes.

ANDAINA 2.- SÁBADO, 22 DE OUTUBRO: TRILHO DO RÍO ÂNCORA (CAMINHA)

Saída: 9:00h da explanada da Sangriña
Hora aproximada de chegada A Guarda: 17:00h

Distancia: 15 km
Tipo: ruta pequena
Grao de dificultade: medio
Duración: 5:30 h
Punto de partida: Sâo Lourenço da Montaria (serra d'Arga -Viana do Castelo)
Percorrido: ecolóxico / paisaxe
Descrición:
Partindo de São Lourenço da Montaria, aldea situada na base do macizo rochoso da Serra d'Arga, no concello de Viana do Castelo, o percorrido transcorre dende o val do río Âncora ata a parroquia de Riba de Âncora, no concello de Caminha.
Entre regatos, fervenzas, muíños de auga e pontes, poderase apreciar espazos do "Lugar de Interese Comunitario Serra d'Arga", que inclúen hábitats naturais e seminaturais, con especies de fauna e flora de conservación prioritaria, como así como coñecer o valioso patrimonio cultural de zonas rurais típicas do Val do Âncora, como Amonde, Orbacém e Gondar.

ANDAINA 3.- SÁBADO, 5 DE NOVEMBRO: SENDA DOS CARRANOS (COVELO)

Saída: 9:00h da explanada da Sangriña
Hora aproximada de chegada A Guarda: 17:00h

Distancia: 7,2 km
Tipo: ruta circular
Grao de dificultade: medio-alto
Desnivel: 253 metros positivos
Duración: 3:30 h
Punto de partida: Camping de Maceira.
Percorrido: ecolóxico / etnográfico

Descrición:
Ruta de río e bosques de ribeira de alto valor ecolóxico, que serpentea entre os bosques ben conservados de arborado autóctono das ribeiras do Río Tea.
A ruta parte da Praia de Maceira e comeza ascendendo cara o aserradoiro dos Carranos, un dos mellor conservados de Galicia. Seguindo entre árbores e outra vexetación que fará da ruta un camiño fresco, chegaremos a Fofe, un pobo coñecido pola súa reitoral e unha ponte de pedra cun incalculable valor arquitectónico.
Trátase dunha ruta curta pero de dificultade media, debido a que posúe algo de desnivel.

ANDAINA 4.- SÁBADO, 19 DE NOVEMBRO: TRILHO DO LITORAL NORTE (DE VIANA DO CASTELO A MOLEDO, CAMINHA)

Saída: 9:00h da explanada da Sangriña
Hora aproximada de chegada A Guarda: 17:00h

Distancia: 16 km
Tipo: ruta pequena
Grao de dificultade: fácil
Duración: 5 h
Punto de partida: Viana do Castelo
Percorrido: ecolóxico / paisaxe

Descrición:
Pola costa, dende Viana do Castelo ata Vila Praia de Âncora, os participantes percorrerán a Ecovia do Litoral Norte, con praias, xeositios, campos agrícolas, castros e muíños de vento. Descubrir algúns dos monumentos naturais do Xeoparque Litoral de Viana do Castelo, subir ao alto do outeiro de Montedor, apreciar o seu faro, ou contemplar o océano Atlántico no Forte do Cão, na Âncora, serán algunhas das experiencias que quedarán na memoria.

Concello de A Guarda


A Guarda e Póvoa de Varzim ratifican o seu irmanamento

o Este Irmanamento permitirá estreitar os lazos de amizade entre os dous pobos e ampliar o intercambio de iniciativas e mellora dos servizos á cidadanía

O Concello da Guarda iniciou en xuño os trámites para formalizar o Irmanamento entre as vilas mariñeiras da Guarda e de Póvoa de Varzim(Portugal) coa creación dunha Comisión integrada polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba, un representante de cada un dos grupos municipais e o representante da asociación O Piueiro, Tomás Núñez González.

O acto protocolario de irmanamento na cidade portuguesa celebrouse o pasado 29 de xuño de 2022, coincidindo coa festa de San Pedro, patrono da Póvoa. Unha comitiva municipal, encabezada polo Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, desprazouse ata a cidade portuguesa, convidados polo Presidente da Camara Municipal de Póvoa de Varzim, Aires Henrique do Couto Pereira, participando en diferentes actos das Festas de S. Pedro e procedendo tamén á sinatura da "Minuta de Acordo de Germinaçao", o documento polo que as súas vilas quedan deste xeito irmandadas.

Con motivo desta celebración o volanteiro Piueiro e a súa tripulación navegaron ata a Povoa, coa idea de estreitar lazos coa lancha do alto "Fe em Deus" e a súa tripulación, participar no irmanamento e simbolizar a unión das comunidades pesqueiras tradicionais da Guarda e da Póvoa de Varzim.

Desta volta o 23 de setembro a lancha do alto "Fe em Deus" e a súa tripulación, así coma unha comitiva municipal de Povoa de Varzim trasladouse ata A Guarda para participar na Romaría de Santa Trega.

Xa na xornada do sábado 24 de setembro, e despois de estar tamén presentes na Romaría de Santa Trega, as autoridades de Povoa de Varzim e da Guarda, tripulación do lancha do alto "Fe em Deus" e do Piueiro, participaron na celebración dun pleno extraordinario no que se ratificou o irmanamento entre as dúas cidades, un acto moi emotivo que continuou co acto de sinatura do irmanamento que contou coas intervencións do Presidente da Camara Municipal de Póvoa de Varzim, Aires Henrique do Couto Pereira, dun representante da Asociación Piueiro e do Alcalde da Guarda, Antonio Lomba.

Este Irmanamento comezou a súa andadura no 2020, cunha proposta da asociación O Piueiro de creación dunha comisión organizadora, posteriormente o equipo de goberno da Guarda se puxo en contacto con representantes da Cámara de Póvoa de Varzim para manifestar de maneira explícita a vontade de Irmanamento pero debido á pandemia do Covid houbo que retrasar a súa celebración ata o 2022.

O Alcalde da Guarda manifestou ante os presentes neste acto de sinatura a súa ledicia e satisfacción por un Irmanamento entre dúas vilas que dende xa hai moitos anos manteñen moitos nexos de unión, sempre vencellados á vida mariñeira, como son as marcas dos pescadores e mariñeiros da Guarda ou as siglas povoeiras.

A relevancia deste Irmanamento, entre dous pobos cunha intensa relación ao longo dos tempos, permitirá estreitar estes lazos, incrementar as relacións culturais, fomentar un turismo mutuo entre os cidadáns de ambas entidades e posibilitará un intercambio de experiencias e de coñecementos entre os responsables da xestión municipal coa finalidade de propiciar o intercambio de iniciativas e de mellora en materia dos servizos á cidadanía.

Concello de A Guarda


A 15k do Atlántico terá lugar o 23 de outubro

" Imprevistos alleos á organización motivaron un aprazamento de data.

" As inscricións para a carreira e para a andaina continúan abertas.

A terceira e última proba pertencente ás Series 15K terá lugar o domingo domingo 23 de outubro e terá lugar entre os concellos de Oia, A Guarda e O Rosal.

Todos os participantes terán por diante 15 quilómetros pola costa galega, que serán os encargados de ofrecer unhas vistas únicas do evento. Ás 11:00 horas soará o sinal de saída no campo de fútbol de Oia e a poxa final será no porto da Guarda, punto especial onde se entregarán os diferentes premios unha vez rematada a proba.

Ademais, previamente á proba realizaremos unha andaina a partir das 10:00 horas, onde cada un dos participantes terá a oportunidade de gozar desta ruta dun xeito algo máis relaxado.

Da man do proxecto Aproxima do Banco Mediolanum, esta IX edición da proba saca a relucir o seu lado máis solidario doando 1€ de cada inscrición á Asociación Down Vigo en apoio á súa loita por lograr a plena integración das persoas con Síndrome de Down e Discapacidade Intelectual. . Ademais, habilitouse unha fila 0 para todas aquelas persoas que queiran facer a súa achega.

Toda a información sobre a proba pódese atopar na súa web oficial: https://bancomediolanum15kseries.com/

Concello de A Guarda




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais