O Concello de Tui recibe a confirmación da viabilidade técnica da construción dun túnel de 500 metros sobre a vía do tren no centro urbano
Esta obra estratéxica, que permitiría crear unha nova avenida, suporá un investimento de 15 millóns de euros
O proxecto presentado polo Concello de Tui para cubrir un tramo da vía férrea no centro urbano é viable tecnicamente. Así llo vén de confirmar o ADIF ao alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro. O rexedor tudense sinala que se trata dunha "obra estratéxica para Tui" xa que "nos permitiría desdobrar unha zona de tráfico bastante intensa coma é o primeiro tramo da rúa Colón". O investimento estimado é de 15 millóns de euros.
O Concello de Tui presentara o ano pasado ante o Administrador de Infraestructuras Ferroviarias, ADIF, a memoria técnica para cubrir a vía férrea entre os taludes da rúa Colón e do barrio de Ricamonde, coa construción dun túnel de 500 metros. Precisamente para abordar este proxecto o alcalde, Enrique Cabaleiro, mantivera varias reunións cos representantes de ADIF. Agora vén de recibir a confirmación da viabilidade técnica da proposta presentada, que non afectará ao tráfico ferroviario e será compatible amais coas obras proxectadas para renovar a vía entre Guillarei e Tui.
Enrique Cabaleiro explica que unha vez iniciado o expediente o seguinte paso será establecer a aportación de cada entidade para a redacción do proxecto, cuantificado en 900 mil euros, e para a execución da obra que se prevé acade os 12 millóns de euros máis IVE de investimento. Así o rexedor tudense sinala que "temos que traballar para ver que parte de aportación municipal se destina a ese proxecto" avanzando que "trataremos de buscar, dentro da medida do posible, financiamento externo, porque a aportación municipal estaría entre o 16 e o 32% e estamos obrigados a buscar financiamento alleo para poder asumir esa porcentaxe".
Por último alcalde de Tui sinala que "esta é unha obra para o presente e o futuro de Tui" engadindo que "é unha obra estratéxica e aí si que teremos que facer o esforzo financeiro que sexa necesario para poder sacala adiante".
A actuación proposta polo concello sitúase entre o pk 3+110 e pk 3+610 coa construción dun túnel de 500 metros entre os taludes da rúa Colón e do barrio de Ricamonde. A superficie superior será urbanizada para crear unha nova avenida de dobre sentido separada por un seto central con aparcamento a ambos lados, paseo, carril bici e amplas zonas verdes.
O novo vial contaría con tres rotondas unha na rúa Colón, outra na rúa Pilar que dará acceso á praza de Abastos, e unha terceira que daría acceso á estación de autobuses e melloraría o acceso ao barrio de Ricamonde.
Aberta a inscrición para a nova temporada do programa Cultiva a Mente
Impartirase en oito parroquias ao incorporarse tamén Malvas
O próximo mes de outubro comezará unha nova temporada do programa Cultiva a Mente posto en marcha polo Concello de Tui coa colaboración de AFAGA. Este ano esta actividade celebrarase en oito parroquias tudenses ao incorporarse Malvas e continuar en Areas, Caldelas, Guillarei, Pazos de Reis, Randufe, Rebordáns, e Ribadelouro.
Cultiva a Mente busca promover un envellecemento activo e saudable das persoas maiores de 55 anos a través de diversas actividades, ao tempo que fomenta a sociabilidade ao ser unha actividade grupal.
As clases, cunha hora e media de duración, serán entre outubro e xuño. Terán lugar os martes ás 9.30 h en Malvas, e ás 11.30 h en Ribadelouro, os mércores ás 9.30 h en Pazos de Reis e ás 11.30 h en Areas, os xoves ás 17 h en Caldelas e ás 19 h en Randufe, e os venres ás 9.30 h en Guillarei e ás 11.30 h en Rebordáns.
As persoas interesadas poden inscribirse no programa "Cultiva a Mente" descargando da web municipal a ficha de solicitude e presentándoa por sede electrónica en https://concellotui.sedelectronica.gal/ ou directamente nos Servizos Sociais na casa do concello. Pódese ampliar esta información no 986 60 36 25 ext. 25 ou no 607 194 175.
A Estratexia e Plan de Acción marca o camiño a seguir pola Eurocidade Tui-Valença até 2030
O Teatro Municipal de Tui acolleu hoxe a presentación pública da Estratexia e Plan de acción 2030 da Eurocidade Tui-Valença. O evento estivo presidido polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e polo presidente da Cámara de Valença, José Manuel Carpinteira.
Coa presentación de hoxe conclúe o proceso de elaboración da Estratexia 2030 para a Eurocidade Tui-Valença liderada polo Concello de Tui e a Câmara Municipal de Valença no marco do proxecto europeo Unicidade, aprobado con cargo ao programa de cooperación Interreg VAI España-Portugal 2014-2020 e cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
Esta Estratexia supón un fito destacado para a Eurocidade que, tras a súa constitución no 2012, aspira agora a reforzar a cooperación e o crecemento sostible nos próximos anos, profundando nas relacións institucionais que existen desde hai máis dunha década entre ambos municipios. Impúlsase así un modelo de cidade transfronteiriza, integradora, sostible, atractiva e dinámica, cunha estrutura de gobernanza e xestión propia, que optimiza os seus recursos a través do uso compartido de servizos e equipamentos municipais, mellora a calidade de vida da súa poboación, saca proveito dos seus valores patrimoniais e minimiza o efecto fronteira para a consolidación dunha identidade común europea
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salientou a singulariedade deste territorio no que a poboación interactúa diariamente en todos os ámbitos e facetas da vida. O que representa "unha enorme riqueza e unha enorme oportunidade que todos e todas temos o deber de aproveitar". Nese senso lembro que a Axenda Urbana de Tui, presentada hai uns días, "xa tivo coma premisa recoller a enorme influencia que Valença ten no noso día a día en Tui". Afirmou Enrique Cabaleiro que a Eurocidade "foi un primeiro paso para este territorio" e neste momento Valença e Tui, polo que significaron historicamente polo que significan temos que aspirar a dotarnos de máis órganos que nos permitan traballar de forma independente e seguir consolidando esta extraordinaria relación".
Pola súa parte o presidente da Cámara de Valença, José Manuel Carpinteira, indicou que "a personalidade xurídica da Eurocidade, o carné do cidadá, e o estatuto de traballador transfronteirizo deben marcar a nosa axenda, así coma a mobilidade" con especial atención ao reforzo do transporte ferroviario.
Xosé Lago, coordiandor POCTEP da Xunta, salientou coma "a Eurocidade Tui-Valença é un exemplo claro de colaboración a nivel institucional e cidadá" engadindo que "a auga que rega esta colaboración son os fondos europeos. Este proxecto Unicidade é o máis emblemático" Tamén afirmou Xosé Lago que a Estratexia da Eurocidade presentada hoxe "encaixa perfectamente na nova convocatoria do Interreg VI publicado o pasado dia 5 no BOE".
A Estratexia consta dunha análise e diagnóstico territorial da Eurocidade, xunto cun marco estratéxico, de acción e de implementación para a súa materialización no horizonte 2030. A batería de accións propostas, clasicadas segundo o seu nivel de prioridade, distribúense en 6 áreas temáticas clave: gobernanza transfronteiriza e xestión conxunta de servizos transfronteirizos, desenvolvemento económico e innovación territorial, urbanismo e infraestruturas, medioambiente e enerxía, reto demográfico e benestar social, e dixitalización. Na web oficial pode accederse a material divulgativo sobre a Estratexia, incluíndo un resumo executivo.
O respaldo cidadán á Eurocidade Tui-Valença quedou patente nos resultados da enquisa realizada, onde un 94% dos consultados considera que a cooperación transfronteiriza entre Tui e Valença debe ser reforzada nos próximos anos, ou onde un 80% considera que a cooperación é moi ou bastante relevante para o desenvolvemento socioeconómico do seu municipio.
Este mediodía neste workshop tamén se presentou a plataforma dixital de xestión de servizos compartidos e a páxina web oficial da Eurocidade Tui-Valença -www.eurocidadetuivalenca.eu- impulsada pola Câmara Municipal de Valença e o Concello de Tui, como un dos resultados do proxecto Unicidade. Pretende ser unha ferramenta que facilite o acceso dixital a equipamentos deportivos e culturais, a reserva e inscrición en eventos e a dispoñibilidade de información sobre a vida cotiá das dúas cidades.
Á presentación de hoxe asistiron diversos axentes públicos, privados e do terceiro sector que durante os últimos meses participaron na elaboración da Estratexia a través de entrevistas, grupos de traballo e unha enquisa cidadá que alcanzou a 650 residentes de Tui e Valença.
O Concello de Tui inaugura o novo Centro Municipal de Piragüismo Quique Míguez
A actuación supuxo un investimento de 600 mil euros financiados polo Consello Superior de Deportes
Esta mañá tivo lugar o acto inaugural do Centro Municipal de Piragüismo Quique Míguez, na rúa Olímpicos Tudenses, tras a obras de reforma acometidas ao longo dos últimos meses.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, xunto ao presidente do Consello Superior de Deportes, José Manuel Franco, foron os responsables do acto inaugural. Alí estiveron tamén os presidentes das Federacións Española e Galega de Piragüismo, Javier Hernanz e Alfredo Bea, respectivamente, e o presidente do Club Kaiak Tudense, Diego Piña. A subdelegada do goberno en Pontevedra, Maica Larriba, o deputado da Deputación de Pontevedra, Carlos López, o xefe provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides, o comandante naval do Miño, Pablo Redondo, e o concelleiro de Deportes do Concello de Tui, Rafael Estévez, presenciaron tamén o evento, xunto a outros membros e concelleiros da corporación municipal. Tamén acudiron convidados o propio medallista Quique Míguez, os expresidentes do Club Kaiak Tudense e padeeiros e padeeiras do club.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, quixo agradecer ás autoridades presentes e implicadas "nestes traballos de mellora, cumprindo cos parámetros de eficiencia, comodidade e, sobre todo, dignificación e habitabilidade para un club histórico".
José Manuel Franco, presidente do Consello Superior de Deportes destacou a "tenacidade do goberno local e do Club Kaiak Tudense por obter o investimento para unhas obras que dignifican estas instalacións", que están "á altura" dos seus deportistas".
Pola súa banda, Diego Piña, o presidente do Kaiak Tudense, quixo salientar o esforzo de "todas as persoas que pelexaron por este club dende os seus inicios". Javier Hernanz, presidente da Federación Española de Piragüismo, eloxiou ao club tudense, ao que definiu como "emblemático" e agradeceu o investimento realizado por parte do Consello Superior de Deportes.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, ao remate do acto, entregou ao presidente do Consello Superior de Deportes, José Manuel Franco, unha réplica da centenaria Ponte Internacional, "dun dos nosos máis importantes emblemas que representan tamén a nosa unión con Portugal".
Obras de remodelación
As obras de remodelación acometidas no centro tudense comezaron en outubro do pasado ano 2021, e supuxeron un investimento de 600 mil euros financiados polo Consello Superior de Deportes. O edificio conta agora con novas e maiores entradas de luz natural. A fachada integrouse na contorna con revestimento en madeira que redunda tamén na eficiencia enerxética do inmoble. Amais, a planta baixa reformouse situándose na parte traseira o almacén das piraguas e a entrada lateral da acceso agora á sala de espera, aos vestiarios e ao ximnasio. Tamén nesta planta baixa se sitúa vestiario adaptado.
O primeiro andar, que aumentou o seu volume, acolle agora a zona administrativa, de fisioterapia, sala de descanso, zona de sauna, hidromasaxe, crioterapia e vestiarios, amais da zona de ergómetros.
|
Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
 |
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000
|
Há estórias de casas e casas com história Externato de Santa Rita de Caminha
 |
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000
|
República em Tumulto
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
História Nossa Crónicas de Tempos Passados por Terras de Caminha e Âncora
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento Apoiado pela Fundação EDP
|
Da Monarquia à República no Concelho de Caminha Crónica Política (1906 - 1913)
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
O Estado Novo
e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense
Júlio Baptista (1882 - 1961)
 |
Organização e estudo biográfico do autor
por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora
 |
Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000
|
Memórias da Serra d'Arga
 |
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000
|
Outras Edições Regionais
|