JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Tomiño prepara un outono de libros

O Mercado municipal acollerá os venres de outubro a presentación de cinco títulos literarios da man de autoras e autores da comarca

O cambio de estación chega a Tomiño cargado de literatura. O Concello organiza o 'Outono de libros', unha iniciativa a través da que durante as vindeiras semanas se programarán ata cinco presentacións de títulos literarios da man dos seus autores e autoras, todas e todos escritores locais e da comarca. "Con este proxecto queremos destacar a importancia que ten a creación literaria en todos os xéneros e a calquera idade e facelo dando tamén a coñecer á veciñanza ás e aos novelistas que teñen ao seu carón", explica a alcaldesa, Sandra González.

As presentacións arrancarán o vindeiro 30 de setembro e prolongaranse todos os venres durante o mes de outubro. Todas serán para todos os público e de balde e celebraranse a partir das 20.00 horas no Mercado de Tomiño.

A rosaleira Antía Fernández Martínez, voluntaria durante anos na OMIX de Tomiño, será a encargada de estrear esta actividade. Será o día 30 coa presentación do seu libro 'Parias, kellys, rebeldes. Mi periplo por una Grecia cansada', que recolle a historia da autora, moi ligada á historia da propia Grecia e que comezou tras unha viaxe peculiar, absurda ás veces e case profética á illa de Creta.

O venres 7 de outubro será a quenda de Francisco Álvarez, Koki, que chega coa súa última creación, 'Aldea Buxán', un libro singular escrito por un emigrante que recorda o eido orixinario e a el retorna coa memoria cada pouco. Jorge Cameselle chegará ao Mercado municipal de Tomiño o venres 14 de outubro con 'El mono poeta. Metamorfosis de un médico e investigador de cáncer de mama', unha testemuña dirixida ao persoal médico máis novo, ás súas familias e ás súas amizades sobre algunhas das dificultades que tivo que superar durante décadas para compatibilizar o exercicio da medicina clínica coa súa vocación como investigador. Cameselle, que foi médico no centro de saúde de Tomiño, dedicará todo o recadado coas vendas do libro a investigación.

O venres 21 de outubro sobre o escenario do Mercado estará Daniel Pino, destacado sociólogo, veciño da parroquia de Forcadela e homenaxeado no Acto Cívico do Alivio no ano 2016. Presentará 'As casualidades necesarias', unha novela que sen chegar a ser coral presenta tipos e arquetipos que esconden e delatan unha fonda introspección sociolóxica sobre o presente e o pasado dun pobo cunha ollada sen complexos na que o positivo e o negativo se entrecruzan nunha interminable relación dialéctica.

O peche deste ciclo literario será o venres 28 de outubro da man de Emilio Estévez, que achegará ao público a súa primeira novela 'El báculo de San Epitacio. Susana, Susana...', na que a protagonista realiza unha viaxe á histórica cidade de Tui na procura das orixes da súa defunta nai que lle cambiará a vida para sempre.

Concello Tomiño


Tomiño rehabilita o Lavadoiro do Ramo, na parroquia de Forcadela

O Concello continúa co seu labor de recuperación do patrimonio etnográfico e arquitectónico do municipio para o desfrute de veciñanza

As obras supuxeron un investimento de máis de 20.000 euros financiados pola Deputación de Pontevedra

O Concello de Tomiño continúa a pasos para a recuperación do patrimonio etnográfico e arquitectónico da vila. Neste camiño, vén de rehabilitar o Lavadoiro do Ramo, situado na parroquia de Forcadela, co obxectivo de poñelo de novo en uso, protexer o seu valor patrimonial e recuperar, na medida do posible, o seu aspecto orixinal.

Esta obra de recuperación do patrimonio supuxo un investimento de máis de 20.000 euros que foron financiados ao abeiro dunha subvención da Deputación de Pontevedra para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural e a supresión da simboloxía franquista nos espazos públicos dirixidas aos concellos da provincia de Pontevedra no ano 2021.

O proxecto, que se levou a cabo coa aprobación da veciñanza de Forcadela e da Comunidade de Montes, tivo o obxectivo de garantir a seguridade das persoas usuarias do lavadoiro, ademais de protexer e conservar o patrimonio cultural e etnográfico. As obras consistiron na rehabilitación da cuberta do lavadoiro, dado o seu mal estado de conservación. Substituíronse, ademais, os apoios da cuberta elaborados anteriormente en tixolo por outros de pedra maciza da zona e columnas tamén de pedra. A reforma incluíu, así mesmo, a limpeza da mampostería.

Deste xeito, Tomiño continúa avanzando na recuperación e dignificación do seu patrimonio. "Este proxecto é importante para conservar e pór en valor o noso patrimonio, difundilo e perpetuar a identidade de Tomiño a través da historia, facendo partícipe á veciñanza no proceso", comenta a concelleira de Cultura e Patrimonio, Ana Isabel Fernández.

Na mesma liña de actuación, a concellería levou a cabo o ano pasado o inventario e documentación do patrimonio de carácter etnográfico ligado á arquitectura tradicional e relixiosa, coa sinalización das igrexas e capelas románicas do concello, a de Santa María de Tebra, a de Barrantes e a de Tomiño.

Concello Tomiño


O programa Reactívate regresa cunha morea de actividades para o envellecemento activo

As persoas interesadas poden xa inscribirse de xeito presencial, a través da web ou chamando ao teléfono 986 622 001

Tras dous anos de pandemia e de extremar as precaucións sanitarias, o Concello de Tomiño retoma este outono o programa de maiores Reactívate, un plan de envellecemento activo e de hábitos saudables que busca mellorar a calidade de vida, promover as relacións sociais e a autonomía persoal entre as persoas maiores de 55 anos a través dun enfoque multidisciplinar.

Trátase dun programa ideado para fomentar a vida activa entre as veciñas e veciños de maior idade da vila, ofrecendo "un completo plan de actividades que lles poida resultar interesante á vez que útiles para a súa vida cotiá", salienta a concelleira de Servizos Sociais, Cristina Martínez. Así, as e os participantes poderán gozar de obradoiros de memoria, de talleres de creación artística, cinefórum, roteiros, obradoiros de conservación da memoria histórica, ioga, risoterapia ou sesións de relaxación, entre outras propostas. "Buscamos actividades que lles sexan atractivas e que lles axuden a seguir en activo, que os anime a saír do seu fogar e a relacionarse con máis xente da súa idade pero tamén máis nova", recalca a edil.

O programa de actividades comezará no mes de outubro e rematará en xuño de 2023 e terá un custo de 20 euros ao mes. As sesións desenvolverase dous días á semana, martes e venres, en horario de mañá (de 10.30 a 13.00 horas) nas instalacións da Asociación Vontade. En total serán 5 horas de actividades semanais nas que se abordarán da man de diferentes profesionais as áreas cognitiva, socioeducativa e física para mellorar a súa saúde e calidade de vida e manter as diferentes habilidades cognitivas conservadas o maior tempo posible.

Dende o Concello anímase a todas as persoas maiores do municipio a participar neste programa para conseguir un envellecemento activo. As persoas interesadas en participar poden xa inscribirse de forma presencial, a través da páxina web do Concello ou chamando ao teléfono 986 622 001.

Concello Tomiño


Parlamentarios europeos mergúllanse na experiencia de cooperación transfronteiriza da Eurocidade Cerveira-Tomiño

Os cinco eurodeputados visitaron ambos concellos e coñeceron de primeira man o futuro Parque da Amizade, o primeiro parque transfronteirizo de Europa

A Eurocidade Cerveira-Tomiño acolleu este luns a visita dunha delegación composta por 46 persoas e encabezada polos cinco deputados e deputadas do Parlamento integrantes do grupo da Alianza Libre Europea (ALE) Jordi Solé, tamén primeiro vicepresidente da agrupación; a galega Ana Miranda; o francés François Alfonsi; a catalana Diana Riba e o italiano Pernicola Pedicini.

Nun encontro coa alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e co presidente da Cámara de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, a delegación procedente de Bruxelas mergullouse na experiencia de cooperación transfronteiriza da Eurocidade e coñeceu de primeira man o futuro Parque da Amizade, o primeiro parque transfronteirizo de lecer de Europa. "Seguimos traballando para poñer na axenda europea este proxecto de espazo en común que, aínda hoxe sen unión física, está sendo trazado dun xeito cohesionado e complementario", salientou a rexedora tomiñesa. Unha estratexia común que tamén destacou o alcalde luso, quen explicou que o futuro parque transfronteirizo responde "á vontade dos dous concellos de crear un verdadeiro espazo público europeo e de consolidalo a través da unión peonil e ciclable".

Tras a visita ao futuro parque transfronteirizo, a delegación visitou a Bienal de Arte de Cerveira para rematar cunha recepción na casa do Concello de Tomiño, no que ambos rexedores trasladaron algúns dos exemplos de cogobernanza, participación pública e cooperación transfronteiriza que caracterizan á Eurocidade Cerveira-Tomiño.

A visita ten por obxectivo achegarse á realidade sociopolítica galega dentro dun proxecto de "apoio aos sectores produtivos, avaliación da situación da cooperación transfronteiriza e de modelos de xestión dos concellos, así como do emprego de fondos europeos", como explicou a eurodiputada Ana Miranda.

O Grupo da Alianza Libre Europea (ALE) no Parlamento Europeo reúne aos eurodeputados e eurodeputadas que promoven a causa das nacións, rexións e minorías desfavorecidas sen estado de Europa. A favor dunha Europa dos pobos, promoven a diversidade cultural e lingüística na Unión Europea. Membros do Grupo Verdes/Alianza Libre Europea, conforman un grupo parlamentario común cos Verdes de Europa dende 1999, o cuarto grupo en importancia na cámara europea con 71 deputados e deputadas.

Concello Tomiño




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais