|
O Rosal levanta o pano da Aula de Teatro municipal
Vai dirixida a persoas a partir de 16 anos con clases de outubro a xuño os mércores de 20.30 a 22.00 horas
O Concello do Rosal pon en marcha por primeira vez a Aula de Teatro municipal, unha iniciativa que busca "achegar o teatro á veciñanza e impulsar un punto de encontro no que poidan confluír todas as inquietudes de artes escénicas", explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Impartida pola Artística, as clases serán eminentemente prácticas para estudar e traballar aspectos e técnicas básicas da creación escénica, como a expresión dramática, a improvisación ou a creación da personaxe. As clases comezarán o vindeiro mes de outubro e impartiranse ata xuño todos os mércores de 20.30 a 22.00 horas na escola de Pancenteo.
A Aula de Teatro municipal está dirixida a maiores de 16 anos e deberá haber un grupo mínimo de 10 participantes para que se poña en marcha. O prezo da actividade será de 20 euros ao mes, pero non haberá que pagar o mes de outubro.
As persoas interesadas en participar nesta actividade poden solicitar máis información ou inscribirse xa chamando ao 986 62 50 00.
Concello de O Rosal
O Rosal fomenta a inclusión xogando
A primeira edición dos 'Xogos da empatía' terá lugar o domingo 9 de outubro, dentro da programación da Feira do Viño do Rosal
Será unha xornada lúdica onde nenos, nenas e maiores poderán desfrutar de actividades de deporte adaptado. Xa están abertas as inscricións
Fomentar valores como a empatía, o compañeirismo, o respecto e a solidariedade dun xeito lúdico e divertido. Ese é o obxectivo co que nacen os 'Xogos da empatía', unha xornada de carácter non competitivo posta en marcha polo Concello do Rosal en colaboración coas asociacións na que nenos, nenas e maiores poderán achegarse a diferentes actividades deportivas adaptadas, dando así un paso máis para converter O Rosal nun concello 100% inclusivo, tamén a nivel social.
"Esta iniciativa, que nace no seo do Consello do Deporte, busca ofrecer a toda a xente a posibilidade de poñerse por un rato do outro lado e gañar así perspectiva de inclusión. E fainos moita ilusión poñela en marcha, porque para nós supón continuar dando pasos para rachar barreiras en todos os ámbitos", explicou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
A rexedora presentou este xoves a primeira edición destes xogos acompañada por representantes das asociacións Avelaíña, Discamino e San Xerome, así como do club deportivo Tamiar-Apamp, así como de membros do Goberno local e de Serafín Martínez Acevedo e Víctor Valderrama, da empresa Noko 360 Sports Consulting, encargada do desenvolvemento das probas deportivas.
O vindeiro domingo 9 de outubro, a Praza do Calvario converterase nun grande espazo deportivo no que desfrutar de catro disciplinas nas que as e os participantes non poderán empregar todas as súas habilidades. Así, nenos, nenas e maiores poderán experimentar coas handbike tanto conducíndoas como indo de copiloto cos ollos vendados, o slalom en cadeira de rodas ou os xogos tradicionais adaptados como a petanca a cegas por parellas. Por outro lado, para una maior difusión e práctica do balonmán, haberá tamén sesión adaptadas nas que as e os participantes xogarán de diferentes formas para maior coordinación co balón. Outra das actividades que está previsto que se desenvolva será a de baloncesto en cadeira de rodas.
A actividade rematará cunha carreira-camiñada a cegas onde as e os participantes por parellas unidos por unha corda farán de guía e de guiado, como nas carreiras de persoas con discapacidade visual. O obxectivo é facer sentir a nenos, nenas e maiores o mesmo que unha persoa que non ve e goza do percorrido pola confianza e entrega á persoa que fai de guía. Haberá unha versión para adultos de 2 quilómetros e outra para cativos e cativas en forma de xincana de obstáculos.
As actividades estarán abertas a un máximo de 200 persoas que desfrutarán das disciplinas deportivas en grupos de 50 e en catro quendas que se celebrarán ás 10.00, 11.00, 12.00 e 13.00 horas. Cada participante contará ademais cun carné no que se colocará un selo por cada actividade realizada. As persoas interesadas en participar xa poden inscribirse a través dun formulario web.
Fernández Callís anima a toda a veciñanza a participar nesta iniciativa e quixo agradecer "a Noko 360 a súa organización e ás asociacións tanto a súa colaboración como o importante traballo que fan no día a día". "O primeiro son as persoas na súa diversidade por iso para nós a inclusión é un elemento esencial en todas as accións de transformación que estamos a levar a cabo no noso municipio. E estamos convencidas e convencidos de que esta xornada servirá para espertar moitas conciencias e para visibilizar unha realidade ante os nenos e nenas que construirán o futuro", destacou a alcaldesa.
Concello de O Rosal
O Rosal móllase polos ríos
Participa na limpeza simultánea de ríos impulsada por Adega, coordinada no concello rosaleiro pola asociación A Jalleira
Será o 25 de setembro no río Tamuxe. As persoas interesadas poden inscribirse xa
O Concello do Rosal implícase coa limpeza simultánea de ríos impulsada por Adega ao abeiro do Proxecto Ríos, unha xornada de recollida e retirada de lixo á beira dos espazos fluviais coa que se busca concienciar á veciñanza da necesidade de manter limpos de residuos os ríos e a súa contorna natural.
A xornada celebrarase o vindeiro 25 de setembro e con ela procederase á limpeza do río Tamuxe. A asociación forestal e de educación ambiental A Jalleira será a encargada de coordinar a xornada no Rosal, que comezará ás 09.45 horas e terá o muíño das Aceñas como punto de encontro.
A actividade está aberta a todos os públicos. Todas as persoas interesadas en participar poderán solicitar información ou inscribirse enviando un correo electrónico a ajalleira@gmail.com ou a través da páxina de Facebook da asociación (@jalleira).
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, anima a todas as rosaleiras e rosaleiros a que se una a esta nova edición de limpeza de ríos simultánea, que cada ano mobiliza a milleiros de voluntarios e voluntarias en distintos municipios galegos. Recoméndase levar roupa cómoda para camiñar, protección solar en caso de que o tempo o demande e calzado para auga ou de recambio por se se molla durante a actividade.
Concello de O Rosal
Nenos e nenas amosarán a súa garra e valentía na Gladiator Family
Portecelo acolle o 1 de outubro unha divertida carreira de obstáculos para rapaces e rapazas de 3 a 12 anos acompañados dunha persoa adulta
A inscrición terá un custo de 2 euros por parella que serán doados de forma íntegra á Asociación Down Vigo
O Rosal quenta motores para participar na 15K Atlántico que se celebrará o vindeiro 2 de outubro cunha proba pensada e deseñada para divertirse en familia. O sábado 1 de outubro chega a Portecelo a Gladiator Family, unha animada carreira de obstáculos dirixida a nenos e nenas de 3 a 12 anos, ambos incluídos, acompañados sempre dunha persoa adulta.
O Concello do Rosal colabora con Banco Mediolanum e Noko 360 na organización desta proba que comezará ás 16.30 horas e se desenvolverá na Explanada do Horizonte. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destaca "o noso compromiso por potenciar e promover o deporte participativo, animar aos máis pequenos e pequenas a divertirse coa actividade física e a incluíla na súa vida cotiá. E nada mellor que facelo cun día para desfrutar en familia facendo deporte".
O percorrido e os obstáculos da carreira estarán adaptados á idade de cada neno e nena participante e anímase ás e aos acompañantes a que se impliquen e sorteen tamén todas as probas. A carreira non terá carácter competitivo e haberá un agasallo ao rematar para cada un dos cativos e cativas.
Será entretemento en familia e solidario: a inscrición terá un custo de 2 euros por parella que irán destinados de forma íntegra á Asociación Down Vigo ao abeiro do programa Aproxima de Banco Mediolanum. As persoas interesadas en participar poderán inscribirse enchendo un formulario web ata o vindeiro 28 de setembro ás 23.59 h. Haberá prazas limitadas.
Concello de O Rosal
|