JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

O BNG RECIBE NA GUARDA UNHA DELEGACIÓN DA ALIANZA LIBRE EUROPEA (ALE) ENCABEZADA POR ANA MIRANDA

Anxo Baz trasladoulle aos eurodeputados e eurodeputadas a necesidade dunha comunicación eficaz con Caminha que facilite a posta en marcha da Eurocidade A Guarda-Caminha

Na tarde de 19 Setembro, Anxo Baz, acompañado do grupo municipal do BNG da Guarda e da Presidenta da ELM de Camposancos, recibiron unha delegación integrada por eurodeputadas e eurodeputados do grupo da Alianza Libre Europea (ALE) na Eurocámara que se atopan de visita en Galiza.

O portavoz nacionalista na Guarda, escolleu o monte Trega para recibir a delegación europea e co rio de fondo trasladoulles aos representantes europeos a necesidade dunha comunicación eficaz e sostíbel con Caminha que sería un alicerce fundamental para a posta en marcha da Eurocidade entre as localidades miñotas.

Pola súa parte a representante do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, recolleu a proposta e comprometeuse a trasladar á institución europea a demanda guardesa que considerou fundamental para profundar na cooperación transfronteiriza.

Rematada a visita ao Trega dirixíronse ao Porto da Guarda e asistiron a un encontro coa Asociación de Redeiras Atalaia onde comprobaron en que consiste o seu traballo artesanal e escoitaron as demandas deste colectivo.

BNG de A Guarda


A Guarda fomenta e impulsa a práctica do baloncesto no municipio

" O Clube de Baloncesto BMB colabora activamente nesta nova etapa que arranca para este deporte na Guarda.

O Concello da Guarda, a través da Concellería de Deportes, ven de realizar este mércores unha reunión para fomentar e impulsar a práctica do deporte do baloncesto na vila, un deporte que amosa un forte incremento e que conta cun clube local, o Clube de Baloncesto BMB, que colabora activamente nesta nova etapa que arranca para este deporte na Guarda.

A Concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes, avanzou nesta reunión o total apoio do consistorio local para que a práctica deste deporte continúe o seu crecemento, insistindo na necesidade de crear canteira, rapaces e rapazas xoves que se inicien nesta práctica deportiva para poder facer un bo grupo e que o clube local teña equipos suficientes para poder participar en competicións e realizar campionatos ao longo do ano.

Antonio Lomba, Alcalde da Guarda, indicou na súa intervención, que dende o grupo de goberno municipal xa se tentou en varias ocasións potenciar a práctica deste deporte na vila, e considera que este é un bo momento para relanzar o clube local, posto que se conta cun bo adestrador e con moitas gañas e ilusión por traballar nesta nova etapa do clube.

Dende o Concello da Guarda faise un chamamento a rapaces e rapazas para que se inicien na práctica deste deporte, que mellora a coordinación, a habilidade locomotriz, aumenta a resistencia, mellora a axilidade, entre outros tantos beneficios.

Todas as persoas interesadas en iniciarse no baloncesto na Guarda poden contactar con Rubén, que é o adestrador, a través do teléfono 650.67.29.14(Whatsapp).

Concello de A Guarda


A Guarda abre as inscricións para as Escolas Deportivas de Patinaxe

O Concello da Guarda abre este xoves día 22 de setembro as inscricións para as Escolas Deportivas de Patinaxe, que terán inicio no vindeiro mes de outubro.

As clases de patinaxe están dirixidas a nenos e nenas de entre 5 e 14 anos e realizaranse no Pavillón do Colexio M. R. Sinde todos os venres en horario de tarde: de 5 a 8 anos en horario de 18:30h a 19:30 h e de 9 a 14 anos en horario de 19:30h a 20:30 h.

O prezo desta actividade é gratuíto e as inscricións se realizan a través da OMIX da Guarda por teléfono no 986610000 ext.7 ou no enderezo electrónico informacion@aguarda.es e as prazas son limitadas!

As inscricións estarán abertas ata completar o cupo dos grupos por idades ou ata o día 5 de outubro.

A Concellería de Deportes do Concello da Guarda segue apostando pola continuidade das actividades deportivas na vila ofertando un ano máis as escolas deportivas na modalidade de patinaxe, un servizo gratuíto para os usuarios en idade escolar de todo o municipio grazas á achega da Deputación de Pontevedra.

Concello de A Guarda


A Biblioteca Pública Municipal da Guarda acolle o 1 de outubro o Contacontos "A bruxa Maruxa non quere ser bruxa"

" Sábado 1 de outubro ás 12:00h do mediodía na Biblioteca Pública Municipal da Guarda. Entrada libre ata completar aforo.

O sábado día 1 de outubro ás 12:00h a Biblioteca Pública Municipal da Guarda acolle o Contacontos "A bruxa Maruxa non quere ser bruxa", actividade de acceso libre ata completar o aforo e enmarcada no programa Ler conta moito.

"A bruxa Maruxa non quere ser bruxa" é unha actividade de narración oral destinada nenos e nenas de entre 5 e 10 anos cunha duración aproximada duns 50 minutos. A bruxa Maruxa non quere ser bruxa, quere ser contiñeira. Filla, Neta e Bisneta de Bruxas, esta rapaza irá contando a súa historia á vez que introduce no diálogo contos da literatura galega e algunhas cancións populares. Ademais, buscará a participación activa dos asistentes na repetición das cantigas, meigallos e na narración dos contos.

Ler conta moito, é un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Xunta de Galicia en colaboración coas entidades locais.

A través deste programa, as bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia ofrecen actividades variadas para achegarlle á cidadanía a lectura e a información dunha maneira lúdica e atraente.

Deste xeito a Biblioteca Pública Municipal da Guarda reforza o seu carácter de espazo aberto, ao tempo que alenta a aprendizaxe e a descuberta a través dos recursos que proporciona.

Concello de A Guarda


A Guarda mellora da Zona infantil e deportiva da Portela en Salcidos

" O espazo que complementouse cunha nova zona de biosaudables.

O Concello da Guarda levou a cabo o proxecto de Reforma e mellora da zona infantil e deportiva da Portela, no barrio de Salcidos, unha obra executada con cargo ao Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra.

Para Antonio Lomba, Alcalde da Guarda "O Parque de Salcidos é un parque moi utilizado, principalmente para facer deporte, e existían moitas demandas para a súa mellora, polo que se decidiu actuar nestas infraestruturas, realizando unha rehabilitación integral para que estea nas mellores condicións posibles para o seu uso, tanto para os máis pequenos, coma para os deportistas e os maiores que poden xa utilizar a zona de biosaudables."

Nesta actuación realizouse unha actuación integral no conxunto das instalacións infantís, nos elementos de xogo, así como na substitución do peche perimetral.

Tamén a pista polideportiva tivo que ser mellorada, xa que debido ao seu intenso uso e ao tempo transcorrido e a pesares das pequenas intervencións de mantemento realizadas na mesma, precisaron do cambio do céspede artificial da cancha, a substitución das madeiras en mal estado da estrutura da pista e o seu pintado, así como o cambio da rexa circundante e pintado de todo o espazo, o perímetro da cancha e substitución das canastas de baloncesto. Tamén se substituíu a rede parabalóns e a reforma da súa estrutura.

Por outra banda, tamén se realizou o acondicionamento do acceso ás instalacións cun novo pavimentado en formigón pintado, que substituíu ao anterior de asfalto e que se atopaba en malas condicións.

Tamén se dotou dunha nova zona de biosaudables que está emprazada nunha parcela anexa á zona infantil e á zona polideportiva da Portela, na parroquia de Salcidos.

Esta parcela, mercada polo Concello da Guarda para o seu uso público, contá con preto dunha ducia de diferentes elementos de biosaudables.

Un novo espazo de biosaudables sumase aos xa existentes na vila na Zona da Pasaxe en Camposancos ou nos xardíns do Centro Cultural.

Estas actuacións na Portela en Salcidos, forman parte das diferentes actuacións que se están a acometer por parte do Concello da Guarda en parques infantís e zonas deportivas de todo o municipio, coma as xa realizadas en Laxe Grande ou na zona deportiva do Codesal en Camposancos.

Concello de A Guarda


"SUELO EMPRESARIAL" CONTRATA O ESTUDO DE VIABILIDADE PARA RETOMAR O POLÍGONO EMPRESARIAL DE A GUARDA-O ROSAL, PARALIZADO DENDE HAI UNHA DÉCADA

o A xerente de Suelo Empresarial del Atlántico, Beatriz Sestayo, anunciou en A Guarda a contratación do estudo de viabilidade técnico e xuridíco-económico

o O estudo ten un prazo de tres meses e permitirá actualizar a documentación e a información pertinente para poder axilizar prazos no proxecto do polígono empresarial

o SEA, que xa dispón de 45.000 metros cadrados en propiedade na zona de desenvolvemento do polígono, xa invertiu ata o momento un millón de euros no proxecto

A xerente da sociedade estatal "Suelo Empresarial del Atlántico" (SEA), Beatriz Sestayo, anunciou no dia 17 de Setembro, nun acto na Guarda, a contratación do Estudo de viabilidade técnica, xurídica e económica para retomar o polígono industrial compartido entre A Guarda e O Rosal.

"Dende SEA seguimos crendo que esta é unha zona extremadamente interesante para invertir, por iso o estudo está incluido nas prioridades para invertir neste mesmo exercicio e é dos poucos lugares nos que invertimos no encargo dos estudos. Comprometémonos unha vez e aquí estamos, para xerar máis oportunidades, solo empresarial e emprego en esta maravillosa zona", remarcou.

Nunha rolda de prensa, na que estivo acompañada do alcalde da Guarda, Antonio Lomba e da alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, Beatriz Sestayo informou do encargo do informe, froito do compromiso adquirido da reunión "moi positiva" que mantivera no Concello co sector empresarial e na que se testou a demanda existente.

"Tras un acto moi positivo, hoxe vimos dicir que xa está contratado o estudio técnico de viabilidade, xurídica e económica para retomar a construcción do polígono, na zona onde SEA ten terreo, en A Guarda e o Rosal", sinalou.

O estudo, explicou, recollerá a necesidade de actualizar a normativa que está caducada, posto que o proxecto sectorial é do ano 2007, comprobando os informes que sexan preceptivos, así como procedendo a actualizar os custes e analizar a posibilidade de realizar o polígono por fases.

O estudo contratado por SEA ten un prazo máximo de tres meses polo que, segundo subliñou Sestayo, "en decembro veremos os resultados".

"Dende SEA solicitamos a máxima premura e que sexa o máis completo posible para que o material do que dispoñamos sirva para acelerar os prazos, en caso de que a viabilidade saia como todas e todos os que estamos aquí esperamos", engadiu.

UN MILLÓN DE EUROS INVERTIDO

Suelo Empresarial del Atlántico xa dispón en propiedade de 45.000 metros cadrados na zona de desenvolvemento do polígono empresarial.

Na adquisición de terreos, así como na realización dos diferentes proxectos, a entidade estatal, dependente do Ministerio de Transportes, Axenda Urbana e Movilidade a través de Sepes, xa ten invertido 980.000 euros, preto dun millón de euros, que agora prevese que se poñan en valor.

A superficie bruta estimada do polígono empresarial, á espera da actualización dos distintos proxectos, situaríase nos 260.000 metros cadrados de superficie.

PROXECTO ESTRATÉXICO PARA A GUARDA E O ROSAL

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, incidiu na importancia do desenvolvemento deste espazo empresarial, para poder atraer oportunidades e fixar empresas na comarca.

"Temos moita xente nova que quere desenvolver aquí o seu proxecto vital e empresarial e queremos poder desenvolver unha comarca que ten moitas posibilidades, pero na que nos sentimos aillados. queremos saír do aillamento", manifestou.

O rexedor da Guarda situou o polígono empresarial e a conexión da VAP como extratéxicos para que a comarca poida desenvolverse nos ámbitos nos que xa é unha potencia, como o turístico, e para asentarse tamén no eido empresarial.

"Neste polígono empresarial non temos dúbida, insistimos en que lle vemos futuro e llo queremos facer saber ós demáis", para que "Galicia se desenvolva plenamente e se desenvolvan comarcas como a nosa", expresou na rolda de prensa.

Aludiu, neste senso, a que se trata dunha zona transfronteriza na que se percibe como ao "outro lado do río", en Portugal, estanse desenvolvendo polígonos tecnolóxicos como o de Caminha, que amosan o futuro que ten o entorno. Precisamente, lembrou que o único polígono para o asentamento empresarial, o de Areas en Tui, ven recentemente de colmatar o seu espazo dispoñible.

Doutra banda, tamén fixo referencia á necesidade de que se cumpran os compromisos da Xunta de Galicia para a comunicación entre Tui e A Guarda.

"Estaremos vixiantes, así llo dixemos á Xunta e á conselleira, para que ese proxecto siga adiante e así o insistimos tamén ante SEA, para que lle deran adiante a este proxecto", concluiu. Moitas grazas Beatriz por crer no noso polígono e na nosa comarca."

ALCALDESA DO ROSAL

Na mesa liña expresouse a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, que agradeceu a aposta de SEA por retomar un proxecto que permita asentar poboación na comarca.

"Para nós é un proxecto que non é un paso máis, é un gran paso no desenvolvemento non só da Guarda e O Rosal senón de toda a comarca", expresou, cun "proxecto estratéxico para o asentamento poboacional e por unha cuestión tamén de denominación de orixe".

Así, lembrou que na zona hay un tecido empresarial moi vencellado ao seu territorio que quere "desenrolarse aquí, medrar aquí, en sectores como o vitivinícola ou o a pesca".

"É unha aposta segura, é necesario para seguir progresando e medrando, e é unha garantía de futuro, para que os nosos emprendedores poidan desenvolverse. Quedo agradecerlle moito a SEA e a Beatriz Sestayo a súa aposta", concluiu.

SUELO EMPRESARIAL DEL ATLÁNTICO

"Suelo Empresarial del Atlántico", dependente nun 83,44% do Ministerio de Transportes, xestiona en Galicia 13 parques empresariais, que suman máis de 4 millóns de metros cadrados.

Están situados nas provincias de Lugo --Monforte de Lemos, Mondoñedo, Chantada e Rábade-, da Coruña -Malpica, Vimianzo, Cee, A Laracha, A Pobra do Caramiñal, Muros e Rianxo- e de Pontevedra -Vilanova de Arousa e Catoira-.

"Suelo Empresarial del Atlántico", S.L., S.M.E., é unha sociedade participada nun 83,44% polo Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana (https://www.mitma.gob.es/) a través de Sepes; nun 14,91% pola Xunta de Galicia en un 1,65% por ABANCA.

Concello de A Guarda


INÍCIASE NA GUARDA A RECOLLIDA DE SINATURAS DE APOIO A INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda iniciou este sábado (17/9)a recollida de sinaturas de apoio a lei de iniciativa lexislativa popular (ILP) en defensa da sanidade pública galega que desenvolven por todo Galiza as diversas plataformas e organizacións integradas en SOS Sanidade Pública.

As Plataformas buscan con esta iniciativa impulsar medidas urxentes para recuperar e fortalecer a atención primaria para salvala da situación a que chegou, debido ao proceso de privatización e desmantelamento da sanidade pública acometido pola da Xunta de Galiza nos últimos anos.

Os promotores da iniciativa consideran que a Xunta de Galiza debe recuperar os recursos humanos recortados para poder garantir a accesibilidade aos centros de saúde, desmasificar as consultas, acabar coas listas de espera e mellorar as condicións laborais do persoal.

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda informa que seguirán recollendo sinaturas durante os próximos meses para que os responsábeis desta situación perciban con claridade, cando se debata no Parlamento Galego, o clamor social existente diante dunha situación que cualifican como dramática.

Plataforma en Defensa da Sanidade Pública




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais