Este sábado celébrase o 51 Descenso Internacional do Miño
Participarán 450 deportistas de 39 clubs. A saída será ás 17.30 h dende Salvaterra
Este sábado, 17 de setembro, celébrase o 51º Descenso Internacional do Miño con 450 participantes pertencentes a 39 clubs galegos, doutros puntos de España, de Portugal, Arxentina e Uruguai.
A deste ano é unha edición especial xa que pospuxo a súa data de celebración, tradicionalmente en agosto, a este mes de setembro debido ás obras no Centro Municipal de Piragüismo Quique Míguez, que será inaugurado o próximo mércores.
Este mediodía tivo lugar a presentación na rúa Olímpicos tudenses na que participaron o alcalde, Enrique Cabaleiro, o secretario xeral de Deportes da Xunta, José Ramón Lete Lasa, o deputado de Deportes, Gorka Gómez, os concelleiros de Deportes de Tui, Rafael Estévez, e de Salvaterra, Edgar Martínez, o presidente da Real Federación Española de Piragüismo, Javier Hernanz, e o presidente do Club Kaiak Tudense, Diego Piña. Tamén estiveron presentes a concelleira de Igualdade, Ana Núñez, e o comandante naval do Miño, Pablo Redondo.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, destacou na súa intervención o especial desta edición dunha proba emblemática que cumpre a súa 51 edición. Unha edición dicía que ven marcada, "pola culminación dunha demanda histórica do Club Kaiak Tudense", coma é a reforma do Centro Municipal de Piragüismo.
Sinalaba Enrique Cabaleiro que "falar de piragüismo e falar de Tui é falar de éxito, é un dos deportes que máis nos identifica". Apuntaba neste senso que os deportes de río, piragüismo e remo, "levan o nome desta cidade polo mundo, e máis aló dos éxitos nos enchedes a todos de inmenso orgullo".
Pola súa parte o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, destacou coma o Club Kaiak Tudense "é un dos primeiros en ser recoñecido coma núcleo de adestramento especializado". Engadía que "me gustaría que seguirades traballando coma o estades facendo, non só coas licencias de base, senón coas licenzas de alto nivel e alto rendemento para que poidamos disfrutar do que estamos a facer coma é un momento histórico para o deporte de Galicia, e sen ningunha dúbida para o piragüismo"
O deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez, indicaba que o Descenso do Miño é unha proba internacional cunha participación altísima que "pon en valor o territorio, a Tui e ao río". Dicía tamén que é fundamental vincular "o deporte á economía e ao turismo. Sempre falamos de potenciar os eventos deportivos coma este que sexan un referente a nivel nacional e internacional para captar a posibles visitantes que disfruten de Tui, da provincia e de Galicia".
Javier Hernaz, presidente da Real Federación Española de Piragüismo, agradecía ao club Kaiak Tudense "o esforzo que facedes polo piragüismo, polo esforzo que facedes por levar esta actividade a toda España" e por "ser quen de sacar de aquí coa súa metodoloxía e a súa programación a uns dos mellores deportistas do mundo". Mencionaba así a traxectoria de Roi Rodríguez "que nos últimos anos ten sido un dos mellores deportistas do equipo español".
A saída do Descenso Internacional do Miño será este sábado ás 17.30 h dende Salvaterra, será dende terra na beira española para as embarcacións K1 masculinas, dende a beira portuguesa para os K1 femininos e canoas, e dende a auga para as embarcacións dobres C2 e K2. Vinte minutos antes tomarán a saída os participantes da modalidade de paleo a pé. A entrega de premios está prevista ás 19.30 h. Entre os favoritos para subir ao podio están Franco Balboa e Lara Feijoo en K1, Jaime Duro en C1, Carmen Vilar e Tania Fernández en K2, Manuel Busto e Diego Míguez en C2, e Leticia Piña e Rubén Millán no K2 mixto.
O Concello de Tui recibe a medalla de ouro 'Praias sen fume'
O galardón aos areeiros fluviais tudenses foi recollido por Ismael Diz, concelleiro de Medio Ambiente
O Concello de Tui recibiu a medalla de ouro de praias sen fume ao contar coa totalidade dos seus areeiros libres de tabaco.
O pasado venres tivo lugar en Baiona o acto de entrega destas distincións, onde o concelleiro de Medio Ambiente, Ismael Diz, recibiu o diploma acreditativo de mans do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.
En concreto no Concello de Tui son as praias de Areeiros, en Guillarei, e do Penedo, en Caldelas, as que forman parte da Rede Galega de Praias sen Fume. Este programa ten un fin educativo, de promoción da saúde e de protección do medio ambiente, sendo o seu cumprimento voluntario. Deste xeito, busca promocionar unha vida sen tabaco e desnormalizar o seu consumo na sociedade mediante a promoción turística dunhas praias nas que tamén se respecte e coide o medio ambiente.
Ismael Diz, concelleiro de Medio Ambiente, amosou a satisfacción que supón este distintivo para Tui ao verse incluído nun selecto grupo de 214 areais en 80 concellos. Diz fixo unha valoración 'moi positiva' dun proxecto que o goberno local vén desenvolvendo dende a pasado mandato. Agora recolle os seus froitos "continuando con constancia e coa aposta pola saúde e por facer máis inclusivas para todos as praias de Tui".
Pertencer a esta rede compromete aos concellos a colocar toda a sinaléctica e materiais de difusión que recoñecen a estes espazos libre de fume. Tamén implica desenvolver actividades e accións encamiñadas a lograr unha sociedade libre de tabaco.
A Eurocidade Tui-Valença convértese na capital europea da mobilidade autónoma coa presentación do proxecto 5G-MOBIX
Na vella Ponte Internacional realizáronse distintas demostración co shuttle do CTAG
A Eurocidade Tui-Valença converteuse hoxe na capital europea da mobilidade conectada coa presentación do proxecto 5G-Mobix. Así o destacou o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, quen sinalou o idóneo deste territorio para acoller esta presentación tendo en conta que é o lugar de maior tránsito transfronteirizo da península, e que une dous polos de gran actividade coma é a franxa atlántica de Galicia e o norte de Portugal.
Enrique Cabaleiro, na súa intervención tanto no Teatro Municipal coma a carón da vella Ponte Internacional, agradeceu ao CTAG ter elixido a Eurocidade coma sede deste proxecto e máis concretamente "un lugar emblemático coma a vella Ponte Internacional".
O alcalde de Tui lembrou que xa trasladaron aos responsables do CTAG o interese da Eurocidade neste vehículo autónomo para mellorar a comunicación dos dous centros urbanos . Nese senso avanzaba que a través de fondo europeos "imos tratar de optar a este proxecto" porque dicía "sería unha magnífica oportunidade, en aras de mellorar a mobilidade entre Valença e Tui, e sobre todo tamén en termos de economía social e eficiencia enerxética, dispor dun vehículo autónomo que funcionase de forma seguida e conectase os centros urbanos de Valença e Tui".
A vicepresidenta da Cámara de Valença, Ana Paula Xavier, amosou o seu agradecemento porque este territorio fose elixido para este proxecto, salientando o seu dinamismo poboacional e empresarial. unha aposta clara pola cooperación no territorio transfronteirizo máis dinámico do país.
Francisco Sánchez, director de Electrónica e Sistemas Intelixentes de Transporte do CTAG, explicaba esta mañá que a tecnoloxía 5G será a clave para a mobilidade autónoma permitindo que sexa máis segura e eficiente.
Engadía coma hoxe amósanse os resultados principais deste proxecto e de coma a tecnoloxía 5G permite informar ao vehículo autónomo da presenza de peón ou permitir o control remoto do mesmo.
O vehículo autónomo do CTAG, con capacidade para 12 persoas e unha velocidade máxima de 40 km/h, circulou hoxe pola vella Ponte Internacional, amosando as distintas situacións que na condución se poden dar coma a presenza dun peón ou dun obstáculo, aos que fai fronte grazas á tecnoloxía 5G, e que permite tamén no caso de ser preciso realizar unha condución remota do mesmo.
Éxito de participación nas actividades da Xornada Europea da Cultura Xudía en Tui
Especialmente as visitas nocturna e teatralizadas contaron con grande asistencia
O domingo 11 de setembro, finalizou en Tui o amplo programa de actividades organizado polo Concello tudense para á celebración da Xornadas Europea da Cultura Xudía, con actividades entre o 1 e o 11 de setembro. Arredor de seiscentas persoas teñen asistido a esta programación ao longo destas xornadas destacando a presenza de arredor de 150 participantes tanto na visita nocturna, á luz das candeas, celebrada o venres 2 de setembro coma á visita teatralizada desenvolvida polo conxunto histórico tudense onte, domingo 11 de setembro que foi adiada do anterior domingo debido as previsións meteorolóxicas.
Tamén contou cun número amplo de asistentes, arredor do centenar de persoas, o concerto titulado "Melodías sefardís de sempre" que correu a cargo da cantante e arpista portuguesa, Helena Madeira, que deleitou ao público coa súa potente voz e as canción populares e de orixe sefardí interpretadas na igrexa de San Domingos, onde finalmente tivo lugar o concerto en lugar da Praza do Pracer debido as condición meteorolóxicas.
Tamén estiveron concorridas tanto á presentación da exposición "As familias criptoxudías, entre a diáspora e a asimilación: os Coronel" a cargo do comisario da mesma, o historiador Suso Vila celebrada o xoves 1 de setembro, como a posterior mesa redonda titulada "Anticipando o IV centenario de Francisco Sánchez" na que participaron o xa referido Suso Vila xunto a Rafael Sánchez Bargiela e o médico Rosendo Bugarín González. Igualmente cerca de cincuenta persoas asistiron á conferencia do investigador Elyjah Byrzdett que realizou unha achega xenérica á cultura xudía de grande interese.
Completou a programación as "Xornadas gastronómicas sefardís" onde tanto o Parador de Turismo como o Gastrobar "O trisco do Miño" ofreceron diversas receitas arredor do bacallau. E finalmente a cidade irmá de Valença acolle unha exposición titulada "Diálogos" preparada pola Biblioteca Nacional de Israel e a Red de Juderías de España, que está ao longo do mes de setembro no Paiol de Marte no centro histórico valenciano.
Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, resulta unha satisfacción comprobar o interese suscitado pola programación da Xornada Europea da Cultura Xudía tanto entre os veciños de Tui como en numerosos visitantes, que en alto número, se achegaron a Tui para asistir a algún destes eventos. Para o rexedor tudense esta programación contribúe moi positivamente á difusión e valorización do patrimonio cultural da nosa cidade onde o legado xudeu posúe especial relevancia.
A integración de Tui na Red de Juderias de España - Caminos de Sefarad no ano 2019 ten contribuído moi positivamente á difusión do acervo patrimonial tudense, tanto o ligado á presenza de comunidades xudías como criptoxudías na nosa cidade como o amplo conxunto histórico que atesoura Tui. Integración que queda simbolizada coa placa de bronce descuberta na facha da Casa Consistorial co logotipo desta Red de Juderías e que identifica a Tui como membro desta asociación de municipios.
Presentado o Plan de Acción da Axenda Urbana a través da Radio Municipal de Tui
O alcalde Enrique Cabaleiro e os técnicos responsables da Diagnose e do Plan de Acción presentaron á cidadanía o documento da Axenda Urbana arroupados de recoñecidos arquitectos e urbanistas
Para chegar a toda a cidadanía posible o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, presentou o Plan de Acción da Axenda Urbana de Tui nun especial radiofónico aberto ao público. No encontro celebrado na sala de exposicións do edificio Francisco Sánchez, antiga Área Panorámica, asistiron e participaron o equipo de goberno, o urbanista e planificador de estratexias Luciano Alfaya, responsable da diagnose; Jesús Irisarri, arquitecto e profesor de proxecto na ETSA de A Coruña; María Ferreirós, arquitecta técnica responsable do ARI de Tui, Sonia de Gregorio, profesora de urbanismo na Politécnica de Madrid e redactora do contido da Axenda Urbana Española; Miriam García, profesora de urbanismo en Barcelona, experta en medioambiente e transformacións verdes, coautora da proposta gañadora para o fronte fluvial de Tui, e Antonio Paz, economista e redactor do Plan de Acción de Tui.
Neste espazo a través das ondas da Radio Municipal de Tui o alcalde trasladou á cidadanía os tres grandes retos da estratexia de crecemento dos vindeiros dez anos.
Por un lado Tui apostará pola revitalización da cidade histórica e a súa contorna con accións de dinamización e modernización do comercio, humanizacións do centro urbano, melloras de accesibilidade, impulso da vivenda social, creación de bolsas de vivenda, fomento do emprego, recuperación de edificios municipais e melloras de eficiencia enerxética, entre outras moitas accións como a implantación da Smart City ou o impulso da economía de coidados. Outro dos retos de Tui é traballar no reequilibrio territorial a través da mellora de servizos nas parroquias e a protección medioambiental conectando os ríos co Aloia creando eixos verdes e fomentando os usos agrícolas aproveitando a fertilidade das terras de Tui. O reforzo do papel transfronteirizo dende a innovación económica é o terceiro dos retos apostando por un espazo intermodal de intercambio internacional de todo tipo de transportes, promovendo e fortalecendo as relacións socio-económicas con Valença e norte de Portugal e posicionándose como referente da innovación como motor económico.
Cabaleiro destacou a singularidade de Tui que como concello cabeceira de comarca debe planificar para un conxunto de poboación que vai moito máis alá do seu territorio dando servizos e sendo referente dos concellos da contorna e do outro lado da Raia.
Os e as arquitectas e urbanistas participantes coincidiron en salientar a riqueza de Tui e a súa singularidade, ademais da importancia xeográfica, cultural, patrimonial e paisaxística que ten a cidade.
Pola súa riqueza histórica e patrimonial, por ser un referente a nivel turístico e pola súa situación xeográfica, o Concello de Tui é un punto estratéxico que debe medrar planificando non só para a mellora do día a día da súa cidadanía, tamén para acoller á toda a poboación que no seu día a día interactúa coa cidade e para aqueles que a visitan.
Tui camiñará cara un desenvolvemento sostible no que a procura dunha mellor calidade de vida para a veciñanza é o obxectivo prioritario e farao cun documento consensuado financiado cos fondos Next Generation e que planificará os vindeiros dez anos en liña con dez obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS).
Dos 8131 concellos que hai en España tan só 121 foron seleccionados para a redacción dunha Axenda Urbana.
A Axenda Urbana de Tui conta cunha páxina web propia da estratexia https://axendaurbanatui.gal/.