JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Tomiño volve mollarse polos ríos participando na limpeza simultánea impulsada por Adega

A actividade celebrarase o luns 26 de setembro ás 10.30 h co obxectivo de implicar ao alumnado tomiñés

As persoas interesadas poden xa inscribirse na páxina web do Concello

Un ano máis o Concello de Tomiño implícase coa limpeza simultánea de ríos impulsada por Adega ao abeiro do Proxecto Ríos. Será participando na iniciativa 'Móllate polos ríos', unha xornada de retirada de lixo á beira do río coa que se busca concienciar á sociedade da necesidade de manter limpos de residuos os cursos fluviais do municipio como premisa para garantir a súa saúde. Nese camiño cara a sensibilización, o Concello celebrará este ano a xornada o luns 26 de setembro para acadar unha maior implicación do alumnado tomiñés.

A concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, convida a toda a veciñanza e a grupos ou asociacións a que se unan á vixésimo quinta edición desta iniciativa que en quendas anteriores mobilizou a miles de voluntarios e voluntarias e nas que se retiraron decenas de toneladas de residuos. Máis información na web https://proxectorios.org/projects/xv-limpeza-simultanea-de-rios-mollate-polos-rios/).

A actividade está aberta a todos os públicos. Todas as persoas interesadas en participar poderán inscribirse a través da páxina web do Concello. Mentres, as asociacións e centros educativos que desexen implicarse poderán facer a súa inscrición a través do correo electrónico tecnica.medioambiente@tomino.gal ou chamando ao teléfono 986 62 20 01, extensión 6. Se algún grupo está interesado en participar outro día diferente, pode e debe comunicalo, para facilitarlle material e organizar a xestión do recollido.

Recoméndase levar roupa cómoda para camiñar, protección solar en caso de que o tempo o demande e gorra e calzado para a auga ou de recambio por se se molla durante a actividade.

Concello Tomiño


O Concello de Tomiño colabora con ADEGA na organización dun curso técnico de compostaxe descentralizada

Organizado e impartido Adega, durará un mes e está dirixido especialmente a persoas en situación de desemprego, priorizando a maiores de 45 anos, menores de 25, mulleres e persoas con discapacidade

Tomiño segue a dar novos pasos no seu compromiso coa compostaxe. O Concello colabora con Adega (Asociación para a defensa ecolóxica de Galicia) no Curso Técnico de Compostaxe Descentralizada que organiza esta entidade de protección ambiental, co que se formará a profesionais nos diferentes procesos e temáticas de compostaxe, dende coñecer e determinar a calidade do compost e os seus usos a manexar composteiros domésticos e comunitarios.

"Somos un concello pioneiro na implantación da compostaxe e na descentralización da xestión dos biorresiduos, xa que o entendemos como a mellor forma de xestión deste tipo de resíduos. Queremos un municipio máis sostible, comprometido co noso medio natural, e camiñamos sempre da man dos nosos veciños e veciñas para acadalo. Pero esta formación tamén é unha aposta para favorecer a empregabilidade dos nosos veciños e veciñas, tan importante hoxe en día e fundamental para garantir o asentamento poboacional", salientou a alcaldesa, Sandra González, durante a presentación do curso, na que estivo acompañada pola concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, e pola coordinadora da formación, María Amigo.

O curso, que comezará o vindeiro 3 de outubro, terá 100 horas de duración presenciais en horario de mañá cunha gran carga práctica con saídas de campo a empresas do sector orientadas sempre a controlar todos os aspectos dos proxectos de compostaxe descentralizada, podendo ser individual ou comunitaria, e a xestión sustentable dos residuos.

A formación é de balde e está dirixida especialmente a persoas en situación de desemprego, priorizando maiores de 45 anos, menores de 25, mulleres e persoas con discapacidade. Ademais, a inscrición no curso non está restrinxida a veciños e veciñas de Tomiño, senón que nel poden participar persoas de calquera municipio interesadas.

As prazas son limitadas, polo que se realizará unha selección previa, na que colabora a Técnica municipal de desenvolvemento local. Levarase a cabo na Escola Obrdoiro de Goián e a inscrición deberá facerse a través dun formulario web ata o vindeiro 28 de setembro. O curso está financiado pola Fundación Biodiversidade e o Fondo Social Europeo no marco do Programa EmpleaVerde para 2021.

Esta nova formación complementa o traballo que se está a facer no ámbito da compostaxe dende o Concello de Tomiño e no que se están a obter "datos moi alentadores", como sinala a concelleira de Medio Ambiente. Así, no ano 2021 o Concello xestionou nos 16 Centros de Compostaxe Comunitaria (CCC) de Tomiño 159 toneladas de biorresiduos e restos vexetais, mentres que xa hai 2200 vivendas do municipio que empregan os composteiros individuais para a autocompostaxe.

Concello Tomiño


O CEIP de Tebra estrea este curso comedor escolar

A alcaldesa, Sandra González, e o xefe territorial de Educación da Xunta, César Pérez Ares, visitaron este xoves as instalacións

O Concello investiu máis de 7.400 euros na posta en marcha deste servizo fundamental para favorecer a conciliación familiar e laboral

O alumado do CEIP Plurilingüe de Tebra xa dipón de comedor escolar. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o xefe territorial de Educación da Xunta de Galicia, César Pérez Ares, visitaron este xoves o centro educativo para coñecer de primeira man unhas novas instalacións coas que se dá resposta a unha demanda da comunidade educativa.

O Concello investiu máis de 7.400 euros nas obras de posta en marcha deste servizo que, como salienta a rexedora, "supón dar un paso máis na nosa aposta por favorecer unha maior conciliación laboral e familiar entre os nosos veciños e veciñas". "Con estas novas instalacións pechamos un ciclo e conseguimos que, por primeira vez, todos os centros educativos do municipio dispoñan de comedor escolar", explicou González.

Para a adecuación das instalacións, o Concello colocou unha nova instalación eléctrica, de fontanaría e saneamento, cambiou todas as luminarias por un sistema LED que garanta a eficiencia enerxética, pintou o espazo, instalou as mosquiteiras e matamoscas esixidos pola normativa e dotou ao comedor de todo o mobiliario necesario. Pola súa banda, centro educativo e ANPA colaboraron proporcionando os electrodomésticos precisos para o desenvolvemento do servizo. Mentres, a Xunta de Galicia será a encargada da xestión do cátering do comedor.

Concello Tomiño


A EurocidadeCerveira-Tomiño debate en Lituania sobre os obstáculos legais para a mobilidade transfronteiriza cotiá

Na reunión de peche do proxecto BRIDGE, coordinado por Vila Nova de Cerveira e integrado por 11 entidades e municipios transfronteirizos de 10 países

A cidade lituana de Panev?žys foi o lugar elixido para celebrar a quinta e derradeira reunión do proxecto BRIDGE, unha iniciativa na que a EurocidadeCerveira-Tomiño participa xunto con outras 10 entidades e municipios transfronteirizos de 11 países co obxectivo de promover a cidadanía e a cohesión social alén das fronteiras. Coordinado por Vila Nova de Cerveira e financiado polo Programa Europa para os cidadáns da Unión Europea, a Eurocidade estivo presente expoñendo as dificultades xurídicas que se atopan a diario os municipios transfronteirizos que comparten servizos, cultura e vida.

Por parte da Eurocidade, a vice-presidenta da Câmara de Vila Nova de Cerveira, Carla Segadães acompañada, entre outros, polo director da Agrupación de Escolas cerveirense, Venceslau Teixeira, e o representante da Agrupación de Scouts de Campos, Elvis Graça, presentaron a experiencia da Bienal Internacional de Arte de Cerveira e a realidade dos centros escolares da vila portuguesa.

Pola súa banda, a delegación de Tomiño expuxo ante o público asistente as dificultades para a mobilidade transfronteiriza de menores no territorio, uns obstáculos recollidos polas Valedoras da Eurocidade nun informe realizado xa en 2019 e que propuña medidas que adapten os requisitos de autorización para a mobilidade dos menores ás novas realidades sociais e administrativas a nivel local, ou a promoción de experiencias piloto que permitiran avaliar o avance do exercicio efectivo de dereitos sociais e a construción de identidades compartidas europeas.

Proxecto BRIDGE

Durante este novo encontro, presentáronse tamén as conclusións dun cuestionario a todos os integrantes do proxecto, procedentes de Bulgaria, Hungría, Eslovaquia, Eslovenia, Italia, Chipre, Lituania, Letonia e Serbia, sobre o impacto da pandemia nas rexións transfronteirizas e a contribución do proxecto BRIDGE para combater o euroescepticismo. As principais conclusións deste documento transformaranse nun informe con recomendacións para a Comisión Europea.

O celebrado na Panev?žys Civic Art Gallery de Lituania é o derradeiro dos cinco encontros internacionais que arrancaron o pasado 2021 en Cerveira e Tomiño e que se prolongaron ata este 2022 nas diferentes zonas transfronteirizas participantes. O proxecto pretendeu contribuír ao coñecemento da historia e da diversidade da Unión Europea, ademais de promover a cidadanía europea mellorando as condicións de participación cívica e democrática.

A pesar de ser a última reunión prevista polo proxecto, tanto a Eurocidade Cerveira-Tomiño como o resto de entidades e municipios integrantes manifestaron a súa vontade de continuar co traballo iniciado, esforzándose por garantir unha maior cohesión das rexións transfronteirizas da Unión Europea.

Concello Tomiño


Tomiño rende unha sentida homenaxe a Toñi Vicente, pioneira en poñer rostro de muller á alta cociña

Alcaldesa e autoridades destacaron a traxectoria da chef que transmitiu sempre á súa cociña os sabores e saberes da súa terra

Unha homenaxe emotiva e chea de palabras de agradecemento para a súa protagonista, Toñi Vicente. Tomiño celebrou esta fin de semana o seu acto cívico do Alivio nunha Praza do Seixo ateigada de autoridades, familiares e veciños e veciñas que quixeron arroupar á chef tomiñesa nun momento tan especial. Unha profesional de recoñecemento internacional que sempre levou orgullosa o nome da súa terra, unha muller emprendedora, pioneira en poñerlle á alta cociña nome de muller e "a gran dama da cociña galega nun tempo no que a profesión estaba controlada por homes", como subliñou durante o acto a alcaldesa, Sandra González.

"Toñi recolle a tradición das familias unidas arredor da mesa e únea a unha enorme paixón polo que fai, grandes doses de innovación e un profundo coñecemento da súa profesión. Sen perder esa esencia de produto, de cariño no facer, de raíces... consegue aunar tradición e modernidade para revolucionar a cociña galega", louvou a rexedora.

Unha longa traxectoria na que sempre levou consigo os sabores e saberes de Tomiño que a levaron de volta ás raíces nesta nova etapa da súa vida. "Con esta sinxela homenaxe queremos que recibas o agarimo de tantos tomiñeses e tomiñesas e o noso recoñecemento a toda unha vida de entrega e traballo", salientou a rexedora.

Emocionada pola semblanza da súa vida feita durante o acto tamén por parte do presentador da cerimonia, Suso Pando, na súa intervención, Toñi Vicente tivo unhas verbas de agarimo para os seus país, Delmiro e Antolina, cos que se iniciou no mundo da cociña con tan só sete anos de idade, porque "esta homenaxe é para eles". A cociñeira aproveitou tamén o seu discurso para lanzar unhas palabras de recoñecemento a todas as persoas que se dedican á restauración e á hostalaría, "unha profesión moi dura que ten moito de vocación".

No multitudinario encontro, a alcaldesa quixo agradecer tamén o labor das Forzas e Corpos de Seguridade e de Protección Civil de Tomiño, polo seu traballo para poder desfrutar dunhas Festas do Alivio con total normalidade tras a pandemia; da Banda da Agrupación Musical de Goián, que amenizou o acto cívico; e, especialmente, da Comisión de Festas, "que tanto ten traballado para que todos e todas poidamos gozalas despois de dous anos sen festas".

Concello Tomiño




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais