JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

A Feira do Viño do Rosal celebra os seus 30 anos de vida con gran número de actividades e nunha contorna renovada

Os días 7, 8 e 9 de outubro a Praza do Calvario acollerá o evento onde os caldos do Rosal maridarán con música, gastronomía ou actividades inclusivas e infantís

O Concello habilitará un servizo de autobús

A Feira do Viño do Rosal prepárase para celebrar as súas tres décadas de vida cun evento no que haberá unha morea de actividades para todos os públicos nunha contorna única. "Trinta anos non se cumpren todos os días. E queremos facelo por todo o grande, cunha morea de actividades para todos os públicos, na renovada Praza do Calvario e retomando esa convivencia que tanto botabamos de menos na pandemia", salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, durante o acto de presentación, que contou coa participación do presidente da Cofradía Cabaqueiros do Viño do Rosal, Enrique Costas, e de numerosos representantes das adegas e empresas participantes na feira.

Vólvese a unha feira presencial na que a gastronomía e as exposicións tamén se sumarán como elemento esencial e na que se contará de novo cun pregoeiro de altura, o valenciano Pedro Ballesteros, o primeiro español Master of Wine, enxeñeiro agrónomo con mestrado en Viticultura e Enoloxía e unha das persoas que máis saben de viño no mundo. El dará o pistoletazo de saída á feira o venres 7 cunha cata ás 12.30 h e co pregón durante o acto inaugural ás 20.00 h. O concerto de Moon Cresta porá o peche á primeira xornada.

Xa o sábado 8 as casetas abrirán ás 11.30 horas para dar paso ás 12.00 h ao showcooking dos chefs Iván Méndez e Álex Iglesias no marco do proxecto de cooperación transnacional Eurochef, do que forma parte Eu Rural. Ás 13.30 h concerto lixeiro con Blues do País ao abeiro do proxecto Música e Viño no teu Camiño, promovido por Eu Rural dentro do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia. Pola tarde é a quenda dos máis pequenos, que desfrutarán da maxia co Mago Paco ás 17.00 h. Logo virá un clásico da Feira, o grupo de gaitas Airiños do Folón, que deixarán paso ao concerto de peche da xornada, o do grupo Broken Peach.

Xa o domingo 9 o día arranca cos xogos da empatía, "porque somos terra de viños, pero tamén de inclusión. Con estes xogos porémonos todos e todas do outro lado e comprobaremos como é xogar ao baloncesto en cadeira de rodas, xogar á petanca a cegas por parellas, correr cos ollos pechados... Todo un reto e unha forma de sensibilizar a toda a veciñanza", explicou a rexedora. O concerto lixeiro das Pandereteiras Tremelique ás 13.00 h acompañará ao público mentre se toma un bo viño do Rosal. O broche de ouro da Feira correrá a cargo de Awen, que ofrecerá un concerto a partir das 20.00 h.

Fernández Callís quixo agradecer a todo o colectivo de adegas "todo o seu esforzo, non só por levar traballando 30 anos na Feira do Viño do Rosal, senón tamén por manter vivo un dos principais sectores económicos do noso municipio". Pola súa banda, o presidente da confraría, Enrique Costas, quixo enxalzar "o labor de todas e todos os que achegades a vosa axuda para visibilizar o noso traballo e que os nosos veciños e veciñas se sintan orgullosos. Sabemos que os éxitos dos viños do Rosal son éxitos para o territorio e para as persoas que viven nel".

O Concello habilitará un servizo de autobús. Nos vindeiros días darase a coñecer percorridos e horarios.

Concello de O Rosal


O Programa de Maiores da Universidade de Vigo estende a súa formación ao Rosal

Alcaldesa e reitor asinaron un convenio de colaboración para impartir no municipio seminarios temáticos para persoas de máis de 50 anos

As Mareas de coñecemento e experiencia do Programa de Maiores da Universidade de Vigo recalou este mes no Rosal para achegar a formación, a ciencia e a cultura á poboación rural de máis de 50 anos. Este xoves, a alcaldesa rosaleira, Ánxela Fernández Callís, e o reitor da universidade viguesa, Manuel Reigosa, formalizaron esta colaboración asinando un convenio que permite "achegar a Universidade á súa contorna e poñer o coñecemento a disposición do local, que é a xestión máis próxima das persoas". A rexedora estivo acompañada no acto por Conchi Balboa, presidenta da Asociación de Maiores do Rosal.

Pola súa banda, o reitor destacou a importancia de "democratizar o coñecemento e ofrecer formación ao longo de toda a vida", pero lembrou que, se ben o Programa Universitario para Maiores leva anos sendo unha iniciativa moi exitosa nos tres campus, "queremos facer país tendo unha presenza en todos os lugares da xeografía galega que sexa posible". Xunto á alcaldesa do Rosal, tamén asinou o convenio de colaboración o concello de Covelo.

No Rosal o programa arrancou o pasado 31 de agosto e remata esta mesma semana. Artellouse arredor de tres seminarios, o primeiro deles sobre arte e historia, centrándose no patrimonio do propio concello, como os petróglifos do Ghorghalado ou a capela da Madalena. No segundo, as e os asistentes aprenderon a usar ferramentas e aplicacións do teléfono móbil, como os códigos QR ou aplicacións sanitarias ou de banca. O curso remata esta semana con dúas sesións, unha formativa e outra práctica, sobre saúde, benestar e alimentación, incluíndo un roteiro cardio-saudable.

A rexedora destacou que a experiencia esta sendo "moi positiva, cunha asistencia media de 30 ou 35 persoas en cada seminario". Fernández Callís quixo recalcar a implicación da Asociación de Maiores do municipio e valorou moi positivamente o impacto que iniciativas coma esta teñen "nun concello pequeno como o noso, de 6.400 habitantes". A alcaldesa tamén trasladou ao reitor a satisfacción das persoas participantes, "que quedaron encantadas", e avanzou a posibilidade de traballar da man da Universidade para poder impartir unha formación máis ampla, ao longo de todo un ano.

Este programa de democratización do coñecemento posto en marcha pola Universidade de Vigo e que conta cunha subvención da Consellería de Política Social e Xuventude, xurdiu no marco da Rede Galega de Programas Universitarios para Maiores en 2018 co fin de afrontar dende o eido universitario os retos do envellecemento da poboación e acadar obxectivos comúns na aprendizaxe ao longo da vida. Deste xeito, trátase de deseñar e organizar actividades formativas e de extensión cultural destinadas ás persoas que, por motivos xeográficos ou económicos, non poden asistir aos Programas Universitarios para Maiores nas sedes oficiais dos tres campus.

Concello de O Rosal


O Rosal únese para que o lixo non chegue ao mar

A praia de Portecelo acolle este domingo 18 unha xornada de limpeza de lixo mariño organizada ao abeiro dun proxecto do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia

As persoas interesadas en participar poden inscribirse xa a través de info@biologosdegalicia.org ou do teléfono 606 128 293

Fomentar a conservación do patrimonio natural do Camiño de Santiago implicando á poboación, a peregrinos e peregrinas, ao tecido asociativo e a diversas entidades. Ese é obxectivo de 'Stop and help! Que o lixo non chegue ao mar', un proxecto impulsado polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia e que, en colaboración coa Asociación A Jalleira e co Concello, chega este domingo 18 ao Rosal cunha xornada de limpeza de lixo mariño na praia de Portecelo.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, anima aos rosaleiros e rosaleiras a participar nesta iniciativa, coa que "todas e todos podemos achegar o noso gran de area para acabar cun problema que afecta a toda a poboación. Será seguro unha xornada de limpeza pero tamén de convivencia, aprendizaxe e concienciación sobre como protexer e coidar os nosos mares e océanos".

As persoas interesadas en participar nesta iniciativa poden xa inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo info@biologosdegalicia.org o a través do teléfono 606 128 293.

A iniciativa, que percorrerá outros concellos da comarca, rematará cunha intervención artística final con parte dos refugallos retirados a cargo de reputadas personalidades do mundo da arte contemporánea galega, expertas no eido das intervencións arte-natureza, como Carme Hermo ou Antón Sobral. O resultado final exporase no centro de visitantes do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia coa finalidade de servir de memoria viva na loita contra os lixos mariños e as súas consecuencias sobre o medio ambiente.

Concello de O Rosal


O Rosal acolle a visita dunha unidade móbil de doazón de sangue o vindeiro 20 de setembro

Estará situada na rúa Ramón Franco, 4, de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 h. Pódese pedir cita previa no teléfono gratuíto 900 100 828

O Rosal inicia o curso escolar cunha nova visita este mes de setembro dunha das unidades móbiles da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que estará no concello o vindeiro martes 20 para todas aquelas persoas que desexen achegar a súa pinga de solidariedade. O autobús estará situado na rúa Ramón Franco, nº 4, fronte á sucursal de Abanca, e os rosaleiros e rosaleiras poderán doar sangue de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas. Todas as persoas que desexen doar sangue poderán solicitar cita previa chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828.

Aínda que o persoal da unidade móbil fai unha revisión a todas as persoas que se achegan a doar para garantir a seguridade dos compoñentes da sangue, recoméndase non acudir se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios.

Poderán doar as persoas con máis de 18 anos e máis de 50 kg e deberán ir despois de almorzar se acoden pola mañá ou dúas horas despois de xantar ao mediodía se acoden pola tarde. É importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar, ademais de informar ao médico en caso de estar tomando algún medicamento.

Os hospitais galegos precisan ente 400 e 500 doazóns de sangue cada día, arredor de 10.000 ao mes, para garantir a asistencia a moitas persoas que son sometidas a intervencións cirúrxicas, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancros, leucemia, transplantes de órganos...

Concello de O Rosal


O Concello inaugura en Pías a súa clara aposta polas escolas unitarias

Este domingo presentouse á veciñanza unha reforma integral do centro que se implementará progresivamente no resto do CRA María Zambrano

Búscase a posta en valor da educación de proximidade e a recuperación de edificacións de gran valor patrimonial no camiño da sostibilidade ambiental

O Rosal celebrou a pasada fin de semana unha exitosa xornada de portas abertas para presentar á veciñanza a reforma integral da escola unitaria de Pías, o primeiro gran paso na estratexia do Concello de reforma progresiva de todos os centros do CRA María Zambrano. "A transformación deste edificio é un exemplo da clara aposta que facemos dende o Goberno municipal non só pola educación de proximidade, senón tamén pola recuperación de inmobles de gran valor patrimonial seguindo sempre a liña da eficiencia enerxética e a sostibilidade medioambiental", explicou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Neste sentido, o Concello está a facer un grande esforzo para captar fondos para a modernización destes centros nos que a única competencia que ten é de mantemento. Pero, como salientou a rexedora, "queremos ir moito máis alá. O noso obxectivo é apostar por ese modelo educativo diferencial que temos no noso municipio, un modo tamén de fixar poboación e manter viva a contorna. E para iso iremos reformando de forma integral todas as unitarias, evitando o posible deterioro estrutural de edificios únicos e mantendo as aulas en condicións óptimas e de confort para alumnado e docentes".

Durante as obras de reforma, nas que se investiron arredor de 200.000 euros, implementáronse tamén medidas para facer da escola un centro máis sostible. Así, instaláronse medidas que axudan a reducir ao mínimo o consumo enerxético, como a renovación completa do sistema de alumeado interior e da carpintería, así como das instalacións eléctricas, de fontanería e saneamento; un novo illamento térmico e unha nova soleira que impermeabiliza o contacto co chan; o illamento do teito; a incorporación de chan radiante para substituír os radiadores eléctricos que producían un alto consumo; un sistema de aerotermia con bomba de calor de alta eficiencia ou un sistema de renovación do aire interior con ventilación mecánica e recuperación de calor para garantir a calidade de aire sen gastar enerxía na climatización.

Deste xeito, o Concello traballa para dar solución "aos dous buratos negros de consumo que se detectaron na auditoría enerxética municipal: as luminarias públicas, para as que xa conseguimos 1,2 millóns de euros de fondos europeos para a súa renovación, e as escolas unitarias, que polo tipo de instalación teñen un consumo de enerxía moi alto".

A alcaldesa rosaleira quixo agradecer a colaboración da comunidade educativa, que durante a execución das obras fixeron un grande esforzo para que a reforma integral fose unha realidade. "Son un exemplo de bo facer, como demostraron durante a pandemia, con esa capacidade de adaptación única. A todas e todos os docentes, nenos e nenas desexámoslle un grande inicio deste curso post pandemia no que todo volve á normalidade", recalcou.

Concello de O Rosal




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais