JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Case 8.500 persoas iniciaron en agosto o Camiño Portugués en Tui

O 48% dos 17.530 peregrinos e peregrinas que elixiron esta vía xacobea partiron da cidade. Tanto Tui como o Camiño Portugués ocupan o segundo lugar escollido polos peregrinos

Tui consolídase coma o segundo lugar de inicio do Camiño de Santiago, do mesmo xeito que o Camiño Portugués ocupa o segundo lugar nas rutas xacobeas elixidas polos peregrinos e peregrinas durante o mes de agosto.

Os datos publicados pola Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago sitúan á cidade de Tui como o segundo lugar escollido polos peregrinos e peregrinas xacobeos para iniciar o seu Camiño cara a tumba do apóstolo Santiago na cidade de Santiago. En concreto, un total de 8.438 peregrinos elixiron a nosa cidade para iniciar a súa peregrinación,o que representa o 48% dos 17.530 peregrinos que realizaron o Camiño Portugués o pasado mes de agosto.

Desta forma, a cidade tudense supera a Porto (con 3.849 peregrinos que iniciaron alí a súa ruta), a Valença (1.823) ou O Porriño (1.386) no número de persoas que parte das mesmas cara Compostela. Unha posición líder que repite a do mes de xullo pasado, onde se rexistraran 6.317 peregrinos que comezaran o Camiño en Tui.

Por outra banda, o Camiño Portugués segue ocupando a segunda posición no número de persoas que realizan a súa peregrinación con 17.530 peregrinos fronte ao 40.745 do Camiño Francés no pasado mes de agosto.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, expresa a súa satisfacción por estes datos da Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago que confirman a importancia que a nosa cidade ten no ámbito xacobeo, ao ser o lugar maioritariamente escollido para iniciar a peregrinación a Compostela. Sinala Enrique Cabaleiro que son unhas cifras que non se cinguen exclusivamente ao mes de agosto, senón que estamos comprobando como agora no mes de setembro os fluxos de peregrinos manteñen un amplo dinamismo.

Para Enrique Cabaleiro esta achega dos peregrinos resulta de gran importancia para Tui pois contribúe ao desenvolvemento socio-económico do noso concello e posiciona a nosa cidade no ámbito turístico como unha referencia permanente para os peregrinos de múltiples nacionalidades que atopan en Tui un lugar hospitalario e con servizos no seu camiño a Santiago.

Concello Tui


Visita teatralizada este domingo ao patrimonio xudeu tudense

Esta actividade pecha o programa da Xornada Europea da Cultura Xudía. Últimos días tamén das Xornadas Gastronómicas Sefardís

Este domingo, 11 de setembro, a partir das 12 h terá lugar unha visita teatralizada ao patrimonio xudeu tudense. Esta actividade forma parte da programación preparada polo Concello de Tui para a celebración da Xornadas Europeas da Cultura Xudía na nosa cidade.

A visita comezará na Oficina Municipal de Turismo, no Paseo da Corredoira, e contará en tres momentos coa presenza de personaxes vinculados á presenza dunha comunidade xudía no Tui medieval noutras tantas localizacións do conxunto histórico tudense. Deste xeito as e os participantes poderanse achegar ao coñecemento deste legado histórico e cultural a través destas escenas teatralizadas.

Esta visita estaba programa para o pasado domingo 4 de setembro pero foi suspendida polas previsións meteorolóxicas e trasladada a este domingo 11.

Igualmente esta fin de semana finalizan as Xornadas Gastronómicas sefardís dedicadas ao bacallau que conta coa oferta de pratos sobre especialidade nos seguintes establecementos tudenses:

- Parador de Tui que oferta o prato "Bacallau gratinado con emulsión suave de allo e repolo"

- Gastrobar "Trisco do Miño" con "Bacallau á portuguesa"

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, afirma que "temos a sorte de contar en Tui con testemuños materiais e inmateriais que permiten coñecer e pór en valor este importante e enriquecedor patrimonio ligado as comunidade xudías e criptoxudías tudenses". Lembra que "acceder a este patrimonio sempre é posible, non xa pola visitas preparadas para estas xornadas, senón por que a "Ruta xudía" está sinalizada e a través de turismotui.mobi pódese seguir esta itinerario con xeolocalización e información complementaria á existente nos sinais"

Concello Tui


O alcalde de Tui participa en Madrid na sinatura de protocolos da Agenda Urbana Española

No acto, presidido pola ministra de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, Raquel Sánchez; destacouse o importante papel das administracións locais para resolver os retos globais

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, participou onte en Madrid no acto de sinaturas do protocolo de actuación para a elaboración dos plans de acción da Axenda Urbana Española. Presidido pola ministra de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, Raquel Sánchez, no encontro asináronse 81 protocolos de actuación, no marco, na súa gran maioría, do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR). No evento, a ministra estivo acompañada polo secretario xeral de Axenda Urbana e Vivenda, David Lucas, e os representantes do Principado de Asturias, os 72 municipios, as cinco deputacións, a agrupación de municipios, a mancomunidade e o Consell asinantes.

Enrique Cabaleiro destacou a importancia que ten para a cidade ter obtido a confianza do Estado e de Europa para desenvolver a súa estratexia de futuro, símbolo da relevancia da cidade de Tui nas relacións internacionais non só pola súa ubicación estrátexica, tamén pola súa riqueza histórica e comercial e por ser un punto de referencia para toda unha comarca. "Tui posiciónase, unha vez máis, nun lugar destacado formando parte dos 121 concellos seleccionados e tendo a responsabilidade de planificar dun xeito consensuado e sustentable contemplando sempre, ademais, un crecemento irmandado co outro lado da Raia. A cidadanía de Tui será prioritaria pero, polo noso papel de cabeceira de comarca e estreita relación internacional con Portugal, debemos sempre planificar tendo en conta un territorio moito máis amplo e de xeito transversal".

No acto, a ministra Raquel Sánchez reivindicou o papel da Axenda Urbana como unha ferramenta de planificación estratéxica que mellora a colaboración e coordinación entre administracións e que favorece unha maior coherencia das políticas públicas que inciden no territorio e afectan de maneira directa á calidade de vida da cidadanía, viva onde viva.

Así mesmo, defendeu que esta nova forma de concibir as Políticas Urbanas anima a mirar aos pobos e as cidades dunha maneira máis transversal e integrada. Para a ministra, a Axenda Urbana é unha guía de actuación que traslada ao local retos globais como a mitigación do cambio climático, a eficiencia enerxética, ou a loita contra as desigualdades sociais e económicas; á vez que é o mellor instrumento para alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 2030.

"Todos os retos globais téñense que resolver sempre desde o local", defendeu, para despois incidir en que Mitma é "o Ministerio da Cidades".

Axudas europeas

Todas as entidades locais, menos sete, asinan os protocolos como parte dos compromisos adquiridos como beneficiarios das axudas europeas de 20 millóns de euros para a elaboración dos proxectos piloto de Plans de Acción Local da Axenda Urbana Española, incluídas no compoñente 2 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR).

Así mesmo, recoñeceu o importante esforzo que as entidades locais teñen realizado para cumprir cos prazos da convocatoria e coas esixencias do PRTR e os fondos europeos NextGenerationEU.

A ministra valorou o mérito e calidade de moitas das Axendas e Plans de acción que se están presentando durante estes días, tales como Axendas Rurais e Urbanas de municipios grandes e pequenos, de Deputacións, de Asociacións e Agrupacións con intereses comúns e necesidades compartidas. De feito, trasladoulles o parabén polo seu traballo e salientou o compromiso do Ministerio de seguir acompañándoos no proceso da súa posta en marcha.

O acto, celebrado na sede do Ministerio, comezou coa firma do Protocolo entre Mitma e o Principado de Asturias, a continuación, procedeuse á firma dos protocolos entre o Ministerio e as Entidades Locais que foron identificados como Proxectos piloto pola singularidade da súa proposta, a súa calidade ou a súa singularidade para servir de inspiración para que outras entidades poidan elaborar os seus propios plans, no marco das axudas europeas para a elaboración de Plans de Acción Local da Axenda Urbana Española ou fóra del.

Na súa intervención para clausurar o acto, a ministra destacou o papel protagonista das cidades e pobos ante os grandes desafíos ambientais, económicos e sociais para avanzar cara a un novo modelo máis xusto, equitativo e sostible.

Neste contexto, a responsable de Mitma reivindicou a implantación da Axenda Urbana, así como políticas e deseños urbanos que coloquen ás persoas e ao medio ambiente no centro das súas prioridades para mellorar a calidade de vida, reducir o dispendio enerxético e elevar a eficiencia na xestión dos residuos, entre outras cuestións.

Concello Tui


Os centros educativos de Tui preparados para o inicio do novo curso escolar

Todo preparado nos centros educativos públicos de Tui para o inicio do novo curso escolar 2022/23. O Concello de Tui aproveitou os meses estivais de vacacións escolares para realizar diversas obras de mellora e mantemento nos oito colexios tudenses e no conservatorio.

Neste tempo leváronse a cabo obras de gran calado coma o patio cuberto no CEIP nº2, os comedores escolares nos CEIP's de Caldelas e Randufe, a carpinteiría de aluminio e o pintado de aulas en Ribadelouro. Outras das actuacións realizadas, segundo explicaba a concelleira de Ensino, Sonsoles Vicente, foron as adecuacións dos patios dianteiro e traseiro de Pazos de Reis, obras de albaneleria, pintado de aulas e escaleiras no CEIP de Guillarei. Outras traballos foron o arranxo do tellado da aula de Baldráns do CEIP Mestra Clara Torres, obras de fontanería e adecuación de areeiros. Tamén se procedeu á colocación de chan de tarima en tres aulas do Conservatorio Profesional de Música de Música de Tui.

A concelleira de Ensino, Sonsoles Vicente, desexa a toda a comunidade educativa un bo inicio do novo curso escolar.

Concello Tui


Visitas guiadas ao Castro do Alto dos Cubos o venres 16 e o sábado 17 de setembro

É unha iniciativa do programa "Historias cavadas" da Deputación de Pontevedra. Cómpre inscrición previa

O Castro do Alto dos Cubos, en Tui, é un dos lugares onde se vai desenvolver o programa "Historias cavadas". Trátase da segunda edición deste programa de visitas teatralizadas aos xacementos arqueolóxicos da provincia promovido pola Deputación de Pontevedra. No mesmo realizaranse dúas visitas ao Castro do Alto dos Cubos ou Cabeza de Francos, localizado nas abas do Parque Natural do Monte Aloia o venres 16 de setembro ás 18.00 horas e o sábado 17 de setembro ás 12.00 horas.

Ofértanse 30 prazas para cada visita, debendo as persoas interesadas realizar a inscrición e reserva a través do correo: historiascavadas2022@gmail.com. Esta actividade vén da man do teatro e da escenificación da compañía Troula Animación. Son visitas accesibles e inclusivas, coa posibilidade de intérprete de lingua de signos baixo demanda.

A protección, conservación e difusión do noso patrimonio é un dos cometidos das administracións públicas; neste caso, a Deputación de Pontevedra vela e colabora co mantemento do noso patrimonio para que se lles poida transmitir ás xeracións futuras. Unha vez emprendida a musealización nos castros da provincia coa colaboración da Deputación de Pontevedra, do Ministerio de Fomento e dos propios concellos, e co compromiso da súa dinamización in situ, o pasado 2021 a Deputación puxo en marcha un programa de visitas teatralizadas desde a sustentabilidade, a accesibilidade e a inclusión de todos os públicos.

O obxectivo que se procura coas actividades nestes enclaves patrimoniais é que a historia, o valor cultural, o contexto social e o significado artístico, patrimonial e simbólico destes xacementos arqueolóxicos sexa interpretado e chegue ao público dunha maneira amena e didáctica, que axude a comprender o importantísimo papel que teñen como testemuña do pasado e a indispensable labor de recuperación e respecto que se realiza para sacalos á luz e que continúen a súa historia cara ao futuro.

Por conseguinte, tras o éxito da primeira edición, a Deputación de Pontevedra, a través da súa área de Cultura, fai medrar o programa e pon en marcha a segunda tempada de "Historias cavadas", esta vez en cinco novos castros da provincia neste mes de setembro e da man do teatro e da escenificación coa compañía Troula Animación, entre eles o Castro do Alto dos Cubos no Parque Natural do Monte Aloia de Tui.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, congratúlase por esta iniciativa da Deputación Provincial que valoriza este singular enclave arqueolóxico do municipio tudense, e que forma parte do amplo conxunto patrimonial que atesoura o noso concello.

Concello Tui


A Oficina de Turismo de Tui atendeu case 11 mil visitantes no mes de agosto

Os turistas e peregrinos de agosto son maioritariamente de procedencia nacional

A Oficina Municipal de Turismo do Concello de Tui atendeu durante o pasado mes de agosto a un total de 10.656 consultas doutros tantos turistas e peregrinos que se achegaron ata esta Oficina localizada no céntrico Paseo da Corredoira en busca de información para a súa estadía na nosa cidade.

O desglose destes datos permite coñecer como 8.885 eran turistas. Destes, 8.571 de procedencia española e 314 internacional; namentres 1.771 peregrinos foron os que visitaron a Oficina Municipal de Turismo, deles 1.469 españois e 302 internacionais. De novo, como vén sendo habitual, a gran maioría dos turistas e peregrinos que visitan Tui no mes de agosto son de procedencia nacional, coa seguinte distribución nas súas orixes: Madrid (1.944), Barcelona (667), Valencia (520), Zaragoza (311), Sevilla (314) e Alacante (301), chegando visitantes de todas as provincias españolas e da cidade autónoma de Ceuta. Pola súa banda os turistas internacionais proceden de Portugal (123), Francia (63), Alemaña (25), Reino Unido (22) e EEUU (12) amais doutros catorce países.

No que atinxe aos peregrinos, a orixe dos mesmos é moito máis diversificada. Os españois chegan a Tui dende Madrid (291), Valencia (177), Alacante (138), Sevilla (124), Barcelona(82) ou Málaga (62) e doutras 37 provincias máis. Pola súa banda, os peregrinos internacionais proveñen de Italia (71), Alemaña (52), Portugal (29), México (21), EEUU (16) ou Polonia (12) e vinte catro países máis (algúns tan afastados como Nova Zelandia, Xapón, Taiwán ou China).

Para Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, os datos da Oficina Municipal de Turismo evidencian como no mes de agosto os turistas, maioritariamente españois, manteñen a corrente positiva de visitar a nosa cidade e os seus recursos patrimoniais. En segundo lugar, os datos da Oficina de Turismo reflicten unha tendencia e non son os datos turísticos de Tui no pasado mes de agosto, pois unicamente unha porcentaxe menor dos nosos visitantes se achega ata esta oficina.

O fomento do turismo intelixente, sostible e de calidade tamén é unha das accións chave que, segundo Enrique Cabaleiro, forma parte da recentemente aprobada Axenda Urbana da cidade. Neste senso, o concello mantense firme no seu compromiso con este sector como estratéxico para a cidade de Tui.

Concello Tui


O Concello de Tui construíu unha nova rampla de acceso para o parque do CEIP Guillarei

Tamén procedeu ao pintado de aulas e pasamáns, amais do seu lixado

O CEIP de Guillarei ten sido obxecto tamén ao longo das últimas semanas de diversas obras de mellora dentro das actuacións que o concello de Tui está a realizar nos centros educativos con fondos propios.

As obras executadas neste centro de Guillarei este verán consistiron na construción dunha nova rampla de acceso para o parque público que se atopa a carón do edificio, e tamén se procedeu ao pintado de aulas, así como de lixado e tamén pintado de pasamáns nas zonas comúns do centro educativo.

A concelleira de Ensino, Sonsoles Vicente, explica que o CEIP de Guillarei, é un dos centros do concello nos que se "están rematando xa todas as obras nesta tempada de vacacións estivais". Di a concelleira que "aínda quedan obras pendentes en moitos deles e seguiremos o que a comunidade educativa nos vai solicitando".

Lembra tamén Sonsoles Vicente coma "dende a comunidade educativa e co apoio do Concello de Tui, estaranse realizando as obras en todos os centros do concello".

O concello tudense amosa desta forma o seu compromiso coa educación e coa seguridade dos nenos e nenas da contorna, impulsando e escoitando as demandas da comunidade educativa e das familias en favor duns colexios de calidade.

Concello Tui



Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais