|
Tomiño recoñece os logros dos piragüistas Manuel Ochoa e Emilio Rodríguez
O Concello ofreceu este venres unha recepción na que gabou as súas traxectorias, así como o labor que está a realizar Rodríguez coa canteira
O Concello organizou esta mañá unha recepción aos piragüistas tomiñeses Manuel Ochoa e Emilio Rodríguez, dous deportistas que están acadando importantes logros para este deporte a nivel nacional e internacional e que levan o nome de Tomiño por todo o mundo. "Estamos moi orgullosos e orgullosas da canteira que temos, do traballo que están a facer e da implicación coa que viven este deporte", salientou a alcaldesa, Sandra González.
A rexedora gabou os últimos trunfos de Manuel Ochoa, que fixo historia ao acadar a medalla de prata na Copa do Mundo de Slálom Extremo, coroándose como un dos mellores deportistas do mundo nesta categoría. Durante a recepción, González tamén o animou a seguir loitando polos seus soños. Un recoñecemento na súa propia terra que para Ochoa é "moi importante, porque ao final é de onde veño, onde comecei a adestrar e o que me preparou para a miña carreira e para os logros que estou obtendo". "Agora as miñas miras están postas nos Xogos Olímpicos, un proxecto que sei que non é doado pero polo que loitarei ata o final. Sempre fun subindo chanzo a chanzo e continuarei facéndoo para que non se quede nun reto e que os meus soños se convertan en realidade".
Sandra González tivo tamén unha verbas de eloxio para Emilio Rodríguez, "ao que lle dariamos o ouro non só polos seus logros deportivos, senón pola súa entrega e dedicación ao Club Deportivo Miño-Teixugos, polo seu cariño polos nenos e nenas, por crear unha canteira de luxo, por compartir cos demais a súa paixón por este deporte e por facelo sempre dun xeito desinteresado". Como aseguraba Emilio Rodríguez, "para nós é unha alegría que recoñezan o labor e o esforzo que facemos para chegar a todos os nosos retos. E é impresionante o agarimo que recibimos de toda a xente, que ven como tratas aos nenos e nenas e como van crecendo pouco a pouco como deportistas e persoas dentro do club".
Especialistas traballan xa na recuperación da ponte tardomedieval de Taborda
O Concello retomou este verán os traballos de reparación tras obter a autorización de Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para realizar a obra entre xuño e outubro, cando o caudal do río é menor
Nesta fase estanse a retirar os tocos encaixados e procederase ao cimbrado da ponte e ao seu arranxo, todo de xeito manual
O Concello de Tomiño continúa coas obras para a reparación, recuperación e conservación da ponte tardomedieval de Taborda, coñecita tamén coma 'ponte de Hospital'. Trátase dunha ponte do século XVI, de finais da Idade Media, en cantería irregular, dun só vano e cunha lonxitude de 7 metros sobre o río Cereixo que daba paso a un antigo hospital existente na zona. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destaca "a importancia de reparar e conservar os elementos históricos monumentais do municipio. Dende o Concello seguimos apostando pola recuperación do noso patrimonio e dos nosos bens de especial protección, como esta ponte, uns labores nos que contamos sempre co apoio e traballo de profesionais especializados".
Tras unha primeira fase na que se cortaron tres árbores que medraban dende a base da ponte e afectaba á estrutura, o Concello está xa levando a cabo os traballos propios de recuperación da ponte da man de especialistas en patrimonio. As obras comezáronse a desenvolver este verán tras obter os permisos pertinentes do Servizo de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo e da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, que autorizou levar a cabo as actuacións só entre os meses de xuño e outubro, cando o caudal do río é menor.
Nesta fase estase a levar a cabo a limpeza do lousado da calzada da ponte cunha rozadoira equipada con fío e de forma manual, empregando ferramentas non agresivas como espátulas, cepillos e vasoiras, eliminando plantas superiores e depósitos de terra sobre as laxas. De xeito manual tamén se realiza a limpeza das zonas verticais e do intradorso do arco.
Unha vez rematados estes traballos e xa co cimbrado da ponte, procederase á súa reparación, que consiste na retirada de xeito manual dos tocos encaixados nas bases do arco para logo proceder ao recheo dos ocos abertos con cantería das mesmas características que o resto da pedra da ponte. As obras contemplan ademais a recolocación das lousas superiores tal e como estaban na súa posición orixinal.
O Concello puxo en marcha un proxecto para a reparación e conservación desta ponte despois de que unha inspección dos técnicos municipais de Urbanismo detectara un importante deterioro debido aos fortes temporais sucedidos durante o inverno, que fixeron aumentar o nivel da auga de xeito acelerado e, principalmente, á existencia de tres árbores de porte medio-grande que tiñan ás súas raíces encaixadas entre as pedras de apoio do arco. Os fortes e intensos ventos fixeron que as árbores traballasen de forma negativa, producindo desprazamentos das pedras e afectando á súa estrutura. Ademais, os altos niveis de humidade de troncos e raíces, que aumentaban de volume ao empaparse, favoreceu o desprazamento da cantería.
Tomiño investiu máis de 100.000 euros en melloras e mantemento nos centros escolares este verán
Entre as reformas de maior envergadura destaca a habilitación do comedor no CEIP de Tebra
Os centros escolares de Tomiño estrean volta ao cole con instalacións renovadas. O Concello investiu máis de 100.000 euros na mellora, reforma e mantemento dos centros educativos de Infantil e Primaria do municipio que, como é habitual, realizáronse durante os meses de verán para non interromper a actividade lectiva.
Unhas obras xestionadas de maneira coordinada pola concelleira de Educación, Cristina Martínez, e o concelleiro de Obras, Alexandre Pérez, que dan resposta ás necesidades detectadas nos diferentes colexios e trasladadas dende as direccións. O obxectivo é "camiñar cara a unhas aulas e centros escolares enerxeticamente máis sostibles, modernos e confortables para todo o alumnado".
Nesta ocasión, un dos traballos de maior relevancia realizouse no CEIP Plurilingüe de Tebra, no que se instalou un comedor escolar que dará servizo a arredor de 25 nenos e nenas. Era o único centro que carecía destas instalacións que "favorecerán unha maior conciliación laboral e familiar a nais e pais". Ademais, as obras neste colexio incluíron o arranxo do patio exterior e o cambio de luminarias a LED para un maior aforro enerxético.
O CEIP de Barrantes foi un dos centros nos que se realizaron obras de maior envergadura, xa que se renovou o patio infantil de xogos e fíxose unha importante reforma de fontanaría para solucionar problemas de falta de presión nos baños.
Relevante tamén foron as obras no CEIP Pintor Antonio Fernández, no que se implementaron módulos de armarios de almacenaxe, pintouse e colocouse tarima na aula África González, mellorouse a conectividades, entre outras melloras. Pola súa banda, no CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán pintáronse as aulas de 2º ciclo e colocouse un areeiro con entarimado.
Mentres, no CEIP de Sobrada fíxose unha mellora xeral das instalacións coa reparación e pintado de varandas exteriores, da entrada, do comedor, do tellado ou do peche exterior, entre outras actuacións. Nas Galiñas Azuis tamén se levaron a cabo melloras como arranxos de carpintería na escola de Goián ou a reforma do baño e o cambio de porta na aula de bebés e a pintura do chan da entrada na de Tomiño.
Por outro lado, o Concello tamén realizou un amplo traballo de mellora e mantemento nas unitarias do CRA Manuel Mestre Garcés. Así, en Amorín cambiouse o chan de cemento da entrada por tarima flotante, pintouse o edificio e arranxouse o baño e o almacén exterior. Nas tres unidades do Seixo leváronse a cabo "importantes traballos de todo o que non se ve", como a renovación da instalación eléctrica e o cambio a luminarias LED, o único centro no que faltaba esta actualización para pasar a inspección correspondente. Tamén se realizaron retoques de pintura e melloráronse os peches das fiestras. Na escola da Aurora leváronse a cabo diferentes traballos de mellora do interior, como o pintado de aulas ou cambio de tarima flotante e do baño infantil. No resto dos centros do CRA, ademais da revisión eléctrica e da fontanaría, tamén se realizaron pequenas melloras.
En todos estes centros revisáronse as instalacións de electricidade, fontanería e carpintería; limpáronse e desbrozáronse patios, hortas e areeiros e limpáronse canlóns e cubertas.
A Eurocidade Cerveira-Tomiño convértese en vila olímpica
Máis de 300 persoas participan nas olimpíadas senior 'Olympics4All', coas que se fomenta a práctica deportiva entre as e os maiore, reforzando o intercambio social e cultural
A Eurocidade presenta ao único equipo transfronteirizo da competición, integrado por deportistas de Cerveira e Tomiño
A Eurocidade Cerveira-Tomiño convértese estes días nunha gran vila olímpica. Hoxe arrancou en Vila Nova de Cerveira unha nova edición das olimpíadas sénior 'Olympics4All', uns encontros anuais que teñen por obxectivo promover a práctica deportiva das persoas maiores, reforzando o intercambio social e cultural entre os máis de 300 participantes de 10 municipios do Alto Miño. Entre eles, un equipo integrado por deportistas de Tomiño e Cerveira, o único equipo transfronteirizo da competición.
"Para nós é un orgullo traballar nun proxecto que fomenta a actividade deportiva saudable, controlada e adaptada, pero que tamén tece lazos de unión entre os concellos do río Miño transfronteirizo", explica a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, durante o acto inaugural destas xornadas que se disputarán ata o vindeiro 9 de setembro.
Cada concello participante preséntase cun equipo preparado grazas á implementación dun programa de adestramentos semanais que leva ás e aos atletas sénior a practicar dende atletismo ou voleibol ata baloncesto, natación, fútbol ou xogos tradicionais, como petanca ou corda.
Financiado polo programa Erasmus +Sport, o proxecto deu o pistoletazo de saída a un proxecto internacional que buscaba afondar nos factores que motivan ás persoas de maior idade a practicar deporte, o In Common Sports. En 2021, co nome de In Common Sports + Fit, Food and Fun for Elderly! O proxecto pasa a contar coa participación do Instituto Público de Deportes esloveno coa integración dunha nova liña de análise enfocada á nutrición. Replicado en seis países socios (España, Portugal, Italia, Eslovenia, Humgría e Bulgaria) dunha nova candidatura, In Common Sports+ conta con máis de 450 atletas que participan nos adestramentos semanais.
Tomiño transformará República Arxentina cunha senda peonil e ciclable entre o IES e O Seixo
A rúa mellorarase con beirarrúas de case 4 m de ancho totalmente accesibles e con 53 árbores que crearán sombreado en todo o camiño
Tomiño segue dando pasos cara adiante no proceso de transformación do modelo urbano do municipio. Neste camiño, o Concello comezará en breve as obras para mellorar a conectividade entre os equipamentos públicos da rúa República Arxentina e a zona de preferencia peonil do Seixo. O resultado será unha senda peonil e ciclable de arredor de 650 m que comezará na contorna do IES Antón Alonso Ríos e coa que se fomentará e favorecerá unha mobilidade alternativa "en espazos seguros, amables, de calidade e pensados para as persoas".
"Con esta remodelación motivaremos a todos os veciños e veciñas a acudir a pé ou en bicicleta á Casa da Cultura, ao centro de saúde... e fomentaremos ademais que os rapaces e rapazas vaian camiñando ata o instituto", salienta a alcaldesa, Sandra González. O resultado será unha senda cunhas beirarrúas amplas de entre 3,5 e 4 metros de ancho e totalmente inclusivas. "Cumprimos así o noso compromiso co Centro de Día e coa Asociación de Persoas con Discapacidade Vontade de que o acceso ao centro da vila sexa 100% accesible para todas as persoas", recalca a rexedora.
A transformación incluirá tamén a mellora do alumeado público existente, modernizándoo e garantindo a súa eficiencia enerxética, con 39 báculos e 78 luminarias tipo LED de alta eficiencia para iluminar viario e senda. Levarase a cabo ademais a plantación de 53 árbores para crear un espazo de sombreado en todo o percorrido, instalarase novo mobiliario urbano e crearanse dous novos pasos elevados que reducirán a velocidade dos vehículos na vía.
Por outra banda, o Concello colaborará coas traídas veciñais para renovar o servizo de abastecemento de auga durante as obras, nas que se reformará tamén a rede de saneamento e se modificará a instalación de pluviais. Neste traballo por dar unha maior vistosidade a unha das principais vías de acceso ao centro da vila, o Concello tamén chegou a un acordo coa operadora eléctrica para construír as infraestruturas para soterrar as instalacións aéreas do cableado, tarefa que será asumida de forma integral polo Goberno municipal.
"Queremos seguir recuperando espazos para as persoas, pensados para os veciños e veciñas, creando lugares deseñados para que a xente camiñe, desfrute, pasee, merque... A remodelación desta rúa forma parte dese proxecto transformador", explica a alcaldesa, Sandra González.
A obra, que suporá un investimento de máis de 415.000 euros, foi un dos sete proxectos seleccionados polo plan Ágora da Deputación de Pontevedra, que busca impulsar a recuperación de espazos públicos para as persoas. A través desta liña de subvención financiarase o 20% dos traballos.
O tomiñés Manuel Ochoa fai historia ao acadar prata na Copa do Mundo de Slálom Extremo
O teixugo formou parte xunto a Luís Fernández do equipo español que participou nesta competición celebrada no Parc Olimpic do Segre
Ochoa colocouse ademais entre a elite mundial do slálom extremo
Medalla histórica para o palista tomiñés Manuel Ochoa. O teixugo acadou a prata na modalidade de Slálom Extreno na 2022 ICF Canoe Slalom World Cup Final, última competición internacional da tempada que se disputou a pasada fin de semana nas augas do Parc Olimpic do Segre, na Seu D'Urgel.
Na contrarreloxo do sábado o tomiñés fixo o mellor tempo de todos e meteuse nas probas clasificatorias, superando tamén os enfrontamentos a catro e clasificándose para cuartos de final. Xa na tarde do domingo, amosando un dominio total da situación, gañou con vantaxe cuartos de finais e entrou segundo nas semifinais. No enfrontamento final o checo Heger Vojtech entrou primeiro e, detrás del, case ao tempo, Ochoa e o francés Theo Desvignes. Unha chegada tan igualada que os xuíces tiveron que acudir ao vídeo oficial para determinar cal dos dous entrara primeiro. O resultado final confirma ao teixugo Manuel Ochoa como un dos mellores especialistas do mundo nesta nova modalidade que se estreará como olímpica en París 2024.
O palista participou tamén na modalidade de K1 en slálom, na que, a pesar de entrar directo en semifinais co oitavo posto, non conseguiu estar entre os dez mellores que se disputaron a final. Rematou na vixésimo primeira posición.
Ochoa formaba parte do equipo español da competición, integrado polo tamén teixugo Luís Fernández, que participou en C1. Tras acadar o pase directo a semifinais, nesta parte da competición fixo un espectacular e rapidísimo percorrido, pero dúas penalizacións por toques deixárono fóra e rematou a copa décimo noveno.
Destacou tamén a participación doutra galega, Ainhoa Lameiro, do Club Penedo Te Importa de Tui, que conseguiu meterse nas finais de C1, rematando nunha máis que destacable sétima posición.
Dende o Concello felicítase aos dous teixugos polos bos resultados acadados e anímaos a seguir loitando e traballando como ata o de agora para superar os durísimos selectivos que lles permitirá seguir formando parte da selección española.
|