JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

O Concello mellora os camiños rosaleiros en colaboración coa Mancomunidade do Baixo Miño

Foron dous meses de intenso traballo no que se asfaltaron máis de 7.300 m2. Operarios do Concello traballaron man a man cos da Mancomunidade, que tamén achegou a maquinaria necesaria

O Concello do Rosal vén de rematar dous intensos meses de colaboración coa Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño para a posta a punto dos camiños rosaleiros. Unha mellora das sendas de acceso ao río Miño dende As Eiras ata Pías, así como dunha decena de camiños asfaltados coa que o Goberno municipal busca "unha recuperación destas zonas ao abeiro da estratexia de mellora progresiva dos camiños do Rosal, garantindo o seu mantemento e recuperación empezando por aquelas zonas que presentan un maior estado de deterioro e que son empregados con maior frecuencia e por un maior número de veciños e veciñas", explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A través desta colaboración, a Mancomunidade achega a maquinaria necesaria para os labores de preparación e asfaltado en frío, así como tres operarios que traballaron man a man durante este tempo con operarios municipais para abordar máis de 7.300 metros cadrados de camiños. A contorna do Camiño da Lomba e a ponte de Pau foron as zonas onde se arranxou unha maior superficie de camiños, con case 2.250 metros cadrados asfaltados, seguida das Eiras (case 1.700 m2), San Miguel (1.570 m2), Tabagón (case 1.000 m2), a contorna do Carrascal (900 m2) ou algún tramo en Portecelo.

Como salienta a rexedora, "dende o Concello queremos que todos os espazos de lecer sexan accesibles para a veciñanza, por iso traballamos na mellora progresiva dos camiños secundarios do Rosal". Unhas melloras polas que seguirá apostando o Goberno municipal, que sacará en breve a licitación pública o asfaltado de máis camiños e estradas.

Concello de O Rosal


O Concello inaugura con toda a veciñanza a rehabilitada Escola Unitaria de Pías

Este domingo 11 o centro acollerá a presentación das novas aulas cun contacontos ás 12.00 horas

O Rosal inaugura a súa renovada Escola Unitaria de Pías por todo o alto. O Concello organiza este domingo 11 de setembro un acto inaugural aberto a toda a veciñanza pero pensado especialmente para público infantil, xa que nenos e nenas serán os usuarios finais destas novas instalacións. "Queremos que todos os rosaleiros e rosaleiras coñezan esta obra que marca un antes e un despois na rehabilitación de edificacións municipais e de gran valor patrimonial do noso concello", explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A inauguración comezará ás 12.00 horas cunha presentación das aulas despois de todas as obras de reforma realizadas nos últimos meses, e continuará coa representación 'Staccato & Legato' de Maga da Voz, un contaconto do libro de Marisa Núñez 'Lucinda e o inspector vinagre' no que as familias participarán activamente a través de diversos xogos de música, movemento e expresión corporal para experimentar e integrar as emocións que unen e separan.

Con estas obras o Concello do Rosal continúa pola súa aposta por reforzar e modernizar a educación de proximidade. Os traballos de reforma permitiron transformar o centro en termos de eficiencia enerxética, con intervencións destinadas a reducir ao mínimo o consumo e a mellorar en gran medida o confort interior do edificio para nenas, nenos e profesorado.

Pías é a primeira dos seis centros educativos do rural nos que o Concello investirá 200.000 euros en accións de mellora e conservación deste patrimonio arquitectónico, converténdoos en espazos modernos e sostibles que "fomenten este tipo de educación e axuden a fixar poboación e a manter viva a nosa contorna". Un traballo que camiña da man doutros dos eixos estratéxicos do goberno municipal rosaleiro, mellorar progresivamente a eficiencia enerxética de todos os edificios de titularidade pública.

Concello de O Rosal


O mago Cayetano Lledó convértese en Sherlock Holmes este sábado no Rosal

A actuación será ás 20.00 horas no auditorio municipal de balde

O detective máis famoso da historia visitará este sábado 10 de setembro O Rosal da man do mago e actor Cayetano Lledó. Maxia, humor e comedia camiñarán da man en 'Sherlock Holmes e o diamante Patterson', un espectáculo que conquistará ao público a través do que o artista busca resolver o misterioso roubo dunhas xoias nunha espectacular mansión. Todos, dende a Baronesa ata o mordomo, pasando polo público son sospeitosos. Para descifrar este misterio, Lledó botará man da creatividade, da comicidade, de incribles trucos e algunha que outra sorpresa.

O mago chegará ao auditorio municipal do Rosal con este trepidante espectáculo este sábado ás 20.00 horas. A actividade, que forma parte da axenda cultural para este mes de setembro, será de balde, con entrada libre ata completar aforo.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, anima a toda a veciñanza a desfrutar desta proposta para todos os públicos e "deixarse levar pola maxia, a ilusión e as risas aseguradas que nos traerá o autor". Cayetano Lledó é produtor, distribuidor de teatro, ilusionista e actos de improvisación que basea as súas obras na comedia e na maxia cómica e ten participado en numerosos festivais internacionais de ilusionismo.

Concello de O Rosal


As historias de Carmen e Isaac, xa na web do proxecto Memoria Viva

O Concello recompila neste espazo os vídeos e libros dos protagonistas desta iniciativa coa que busca salvagardar o patrimonio inmaterial do municipio

O Rosal fai un novo oco á súa memoria. O Concello vén de publicar na web do proxecto Memoria Viva os vídeos documentais e os libros en versión dixital de Carmen Piedra Pérez e Isaac Penelas Carbajales, as dúas novas testemuñas que se suman a esta iniciativa coa que se busca protexer e manter presente o patrimonio inmaterial do Rosal, así como o coñecemento e a memoria que atesouran as persoas maiores do municipio.

A información recollida na web amplíase así coa historia de Carmen, nada e criada en San Xoán de Tabagón e vinculada á música dende o berce. Tanto no seu vídeo como no libro que protagoniza, Carmen repasa a súa vida, reconstruíndo boa parte da historia de case o último século da parroquia rosaleira que mira cara a Portugal, terra de veciñanza e amizade, e colaboradora na supervivencia da posguerra.

O outro protagonista desta segunda edición do proxecto é Isaac, un home madrugador moi querido no Rosal, que ás seis e media da mañá xa está en pé para comezar a súa xornada tal e como mandan os canons da súa igrexa: rezando.

Carmen e Isaac súmanse así a Nemesio Castro e Marcola González, dous entrañables persoeiros rosaleiros cos que arrancou un proxecto "co que evitar que caia no esquecemento unha parte tan importante da nosa memoria individual e colectiva, esa historia que non está nos libros. Dende o Concello seguiremos traballando para recuperar e recompilar as vivencias persoais, momentos históricos, formas de vida... dos nosos veciños e veciñas", asegura a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora quere agradecer a inestimable colaboración de cada un dos protagonistas, así como das súas familias e achegados, xa que "sen todas e todos eles non sería posible levar a cabo os traballos de documentación e gravación nin a recompilación deses anacos da nosa historia".

Concello de O Rosal


O Concello capta case 1,2 millóns de fondos europeos para a renovación do alumeado público

Esta aposta pola eficiencia enerxética permitirá regular os consumos e rematará co alto nivel de obsolescencia da maior parte das luminarias, cun alto mantemento

O Concello do Rosal vén de conseguir case 1,2 millóns de euros de fondos europeos Next Generation para a renovación da totalidade das luminarias públicas do municipio. Trátase dun dos primeiros concellos en acadar esta subvención ao abeiro do Programa DUS 5000 do Ministerio para a Transición Ecolóxica, destinado a investimentos a proxectos singulares locais de enerxía limpa en municipios de reto demográfico.

"Con este proxecto investiremos nunha necesidade moi reclamada pola veciñanza, como é o alumeado público, e realizaremos unhas melloras nas instalacións que nos permitirán seguir avanzando na nosa aposta pola eficiencia enerxética", salienta a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís.

A actualización de toda a rede de alumeado público no Rosal permitirá regular intensidades e consumos das luminarias públicas, rematando así coa contaminación lumínica e permitindo un porcentaxe de aforro enerxético estimado do 65%, "o que suporá un importante descenso na partida que o concello ten que dedicar cada ano á iluminación". Un aforro que se levará máis alá do consumo enerxético, xa que "o nivel de obsolescencia da maior parte da iluminación pública é moi elevado. Trátase dunha instalación con moitos anos de vida, polo que precisa un gran número de reparacións ao longo do ano", lembra a rexedora.

Con este proxecto actuarase sobre as 2.814 luminarias existentes, das que se substituirán 2.463 por outras de novas tecnoloxía LED que disporán de redución de nivel de iluminación para axustar segundo os diferentes horarios nocturnos e tipos de vías, implantando a telexestión en todas elas, incluídas as que na actualidade xa contan con tecnoloxía LED. Nas luminarias que non se substitúan cambiarase a fonte de alimentación para integralas no novo sistema. Por outra banda, tamén se axeitarán e renovarán os cadros de mando, entre outras actuacións.

Concello de O Rosal




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais