JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Toñi Vicente, homenaxeada no acto cívico do Alivio

O Concello destaca o labor desta pioneira que lle puxo á alta cociña rostro de muller

O Concello de Tomiño homenaxeará este ano nas súas Festas do Alivio á chef tomiñesa Toñi Vicente, unha profesional de recoñecemento internacional "pioneira en poñerlle á alta cociña rostro de muller e que, a pesares de ter alcanzado o máis alto prestixio, sempre tivo moi presente á súa terra alí onde foi", explica a alcaldesa, Sandra González.

Unha homenaxe que colleu por sorpresa á cociñeira, que se sinte "moi honrada e agradecida, é moi emocionante que recoñezan na túa terra o labor de tantos anos". A pesar dos numerosos premios ás súas costas, "ser a persoa homenaxeada nas Festas do Alivio é moi especial, porque significa regresar á túa terra e sentir o seu agarimo, o cariño da túa xente. Estou tan nerviosa coma se fora a primeira vez". "Quero agradecer á alcaldesa e a toda a corporación municipal esta honra, para min é un orgullo. Sinto que me acolleron con todo o cariño e só podo dicir grazas, grazas e grazas", recalca.

Toñi Vicente conta cunha extensa traxectoria profesional. Iniciouse na cociña con tan só 7 anos da man da súa nai e xunto aos seus cinco irmáns e ao seu pai, gran mestre de cerimonias no restaurante Casa Delmiro.

En 1982 inaugurou en Vigo o 'Síbaris' xunto co seu marido Camilo Pardo e non tardou en recoller numerosas distincións, aínda que non foi ata 1989 cando conseguiu a primeira estrela Michelín outorgada a un restaurante galego. Unha distinción que máis tarde revalidaría en Santiago de Compostela e que supuxo un antes e un despois na súa fulgurante carreira. Foi neses intres cando comezou unha etapa na que os seus pratos estaban presentes en ceas e comidas para os presidentes de España, Portugal e Galicia, para o Premio Nobel Camilo José Cela, en cruceiros de luxo...

Entre os seus importantes galardóns figuran o primeiro Challenge Européen de la Gastronomie, a medalla de prata de Galicia en recoñecemento ao seu labor, o Premio Nacional de Gastronomía como mellor xefa de cociña no ano 1997, viguesa distinguida ou, entre outros moitos, Premio Galicia en Feminino no apartado de creatividade en 2005.

Actualmente está retirada dos fogóns e reside de novo en Tomiño, o que lle permitiu reunir o tempo necesario para preparar a publicación do seu primeiro libro de receitas, 'A miña cociña'. A de Toñi Vicente é a historia dunha saga familiar contada ao carón dos fogóns, sempre ligada ao mundo da cociña e da restauración.

Concello Tomiño


O ioga encheu de deporte e risas a fortaleza de Goián este verán

O Concello puxo ao alcance da infancia un curso de ioga da risa co fin de dar a coñecer os seus beneficios e contribuír a paliar os efectos psicolóxicos da pandemia

Ao abeiro da axenda cultural, o Concello de Tomiño encheu este verán de ioga a contorna da fortaleza de Goián, un ámbito incomparable no que á riqueza paisaxística se suma á impoñente arquitectura do antigo forte da época da Guerra da Restauración. Un curso moi especial non só polo seu emprazamento, senón tamén por estar dedicado á infancia e, ademais, por tratarse dun ioga non tradicional, como é o chamado "ioga da risa".

"O obxectivo era que aprenderan esta disciplina de forma lúdica, descubrindo os beneficios para o corpo e a mente, e que adquiriran estratexias de relaxación para enfrontar situacións de estrés ou ansiedade típicas da época de pandemia e post pandemia que nos toca vivir", destaca a concelleira de Mocidade e Participación Infantil, Fátima Rodríguez.

Sabine Pfister, nada en Montpellier (Francia) e residente no Rosal, foi a profesora experta encargada de impartir as clases. Agrupadas por idades (de 6 a 12 anos), a maioría das asistentes foron nenas que recibiron nocións de ioga, relaxación e risoterapia.

O método de traballo baseouse no coñecido como ioga da risa. "Tentamos aprender a importancia de rirnos con frecuencia, xa que o cerebro non distingue se a risa é real ou simulada e, entón, se rimos, liberamos dopamina e endorfinas que nos fan sentir mellor. Tamén fomentamos moito os abrazos, e en parella, xa que a colaboración de outra persoa sempre nos axuda a traballar mellor", explica a monitora.

O fin principal era que conseguiran flexibilizar, fortalecer e aprender a coñecer o corpo, aumentar a autoestima e controlar as emocións. "Eu creo que lles gustou moito, que lles divertiu, xa que utilizamos diferentes metodoloxías, como masaxe con pelotas, xogos de coordinación, de comunicación, de equilibrio, etc...", asegura.

Diplomada en escolas de ioga Sivananda e Soham, Sabine Pfister completou a súa formación con cursos de quiromasaxe, hixiene para persoas dependentes e ioga da risa, en Castellón. Como ela explica, a risa achega unha sensación de benestar ao liberar endorfinas no organismo. Estas hormonas teñen propiedades analxésicas e reducen a produción da adrenalina e do cortisol xerados pola tensión. Ademais, actúa sobre a dor ao mellorar a oxixenación do cerebro e reducir as tensións musculares e aumenta a produción de neurotransmisores e de glóbulos brancos, polo que se sofren menos arrefriados, tose e outras infeccións pulmonares.

Pfister ten moitos anos de experiencia dando este tipo de clases na comarca do Baixo Miño e arredores, en Asociacións de Pais e Nais, colexios, asociación de mulleres rurais, clubs deportivos, asociacións de veciños, centros de persoas maiores ou con discapacidade ou a embarazadas, entre outras.

Concello Tomiño


A Praza da Mina róuballe protagonismo ao Seixo na programación de verán en Tomiño

Tras a súa reforma integral, a Praza da Mina acolleu catro espectáculos dirixidos ás e aos máis pequenos do concello

A Praza da Mina, en pleno núcleo urbano do Seixo, transformouse dende a súa reforma integral nun dos principais eixos da actividade cotiá na vila. Por primeira vez, este céntrico espazo converteuse no escenario de parte da programación de verán de Tomiño, especialmente daquela dirixida a público infantil e familiar.

Un emprazamento único no que os tomiñeses e tomiñesas puideron desfrutar da 'Máquina do tempo' de Teatro Ghazafelhos , do 'Consertasso na horta' de Brais Gutiérrez, 'A corda' de Avela Circo e de 'A voar', de Cé Orquestra Pantasma, catro espectáculos que tiveron unha grande acollida por parte do público.

As obras de mellora remataron no mes de xuño e supuxeron unha renovación total do anterior parque, convertendo toda a superficie nun elemento de xogo en si mesmo, accesible e inclusivo, que está a devolverlle á Praza da Mina a súa condición de espazo de reunión, convivencia e lecer no que os pequenos e pequenas son os protagonistas.

A alcaldesa Sandra González asegura que "a actuación, que pretendía crear un espazo máis seguro para que nenos e nenas puideran xogar sen perigo, conseguiu devolverlle a súa esencia a un dos puntos máis concorridos do núcleo do Seixo, que ademais está situado nas proximidades dun xardín de infancia e dunha escola infantil, polo que é perfecto para que as cativos e cativas coincidan e compartan o seu tempo de lecer". A rexedora tomiñesa informa tamén de que tralo éxito da programación de verán, a Praza da Mina repetirá como escenario de novos eventos e espectáculos infantís.

Os nenos e nenas de maior idade, terán tamén o seu propio espazo. Os traballos de rehabilitación do Campo da Feira están a piques de comezar e dotarán ao parque dunha pista de skate máis ampla que a actual e novos elementos de xogo.

Concello Tomiño


Tomiño celebra as súas Festas do Alivio cunha programación de balde e para toda a familia

Un espectáculo musical baseado no amor pola natureza e o compromiso pola terra abrirá o programa o vindeiro luns

Tomiño celebra as súas festas patronais da Virxe do Alivio cunha programación cultural pensada para todos os públicos, con diferentes propostas e actividades lúdicas dirixidas ao público familiar. Con acceso libre e de balde, dende o 5 ao 10 de setembro a Praza do Seixo será a escenario dunha nova edición das Festas do Alivio das que desfrutar con total normalidade, sen ter que facer inscrición nin reserva de praza previa.

'O que levamos nas maletas', de Magín Blanco abrirá o programa o luns 5 de setembro. Creador de moitas composición que forman parte de propostas musicais para o público infantil, Magín Blanco interpretará en directo unha selección dos temas que el mesmo compuxo acompañados dunha narración para os máis pequenos e pequenas. Un contacontos musicado que axudará a nenos e nenas a estimular a súa creatividade e curiosidade polas letras e as palabras, pola lingua, polos contos e a música para que poidan crear o seu propio universo creativo. Será ás 19.00 horas e o concerto está dirixido a público infantil a partir de 3 anos.

A programación continúa cun espectáculo de narración oral no que Inacio Vilariño aborda o tema do xénero dende a perspectiva das novas masculinidades. 'Novos Lobos' deconstrúe algúns contos da literatura popular para adaptalos a unha nova ollada, nunha tentativa de ofrecer ferramentas conceptuais que axuden a prever a violencia de xénero. A cita é o 6 de setembro, ás 19.00 horas no Seixo e o está dirixida a público infantil a partir de 5 anos.

O mércores 7 será a quenda de 'Soñando inventei', unha proposta onírica e valente coa que María Faltri, a través dunha mestura de poesía e música, falará de personaxes femininas que soñan con sentirse en paz e liberar os seus segredos, que non queren ser xulgadas polo seu aspecto ou identidade, que queren ser libres para ser elas mesmas e chegar a tocar a lúa. Este espectáculo transformador pola diversidade de xénero dará comezo ás 19.00 horas na Praza do Seixo e está pensado para público infantil a partir de 3 anos de idade.

O xoves 8 gozaremos dun concerto cargado de boas vibracións a cargo de A Viola, un dúo integrado polos tomiñeses Gerardo Rebagliati e Darío Penedo. Unha actuación que atrapará ao público de todas as idades e que comezará ás 20.00 horas.

A programación culminará o sábado 10 cunha nova edición do Acto Cívico do Alivio na Praza do Seixo. O acto, que arrancará ás 21.00 horas e contará coa participación da Banda de Música da Agrupación Musical de Goián, homenaxeará, como é costume, a unha persoa tomiñesa distinguida.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, convida á veciñanza a gozar dunhas festas que regresan a súa normalidade pre-pandemia, nas que se agarda unha grande afluencia de público e que "apostan por unha programación innovadora e inclusiva, pensada para o desfrute e a confraternización das familias".

Concello Tomiño


Os teixugos Luís Fernández e Manuel Ochoa, coa selección española na Copa do Mundo de Slálom

Os dous deportistas chegaron ata as semifinais deste campionato internacional celebrado nos Pirineos franceses

Ochoa colocouse ademais entre a elite mundial do slálom extremo

O Concello de Tomiño dá os seus parabéns aos teixugos Luís Fernández e Manuel Ochoa pola súa gran actuación na Copa do Mundo de Slálom celebrada a pasada fin de semana na localidade francesa de Pau. Un encontro no que os deportistas do Club Deportivo Miño-Teixugos formaban parte da selección de palistas que representaban a España nunha competición internacional na que o mellor do slálom mundial competiu e deu fe das súas habilidades.

Luís Fernández, que participou na modalidade de canoa ou C1, fixo fronte ás clasificatorias xunto con outros 52 deportistas de 24 países. Nunha proba na que entraban os 20 mellores tempos, Fernández estivo a piques de logralo, pero un toque na porta 21 deixouno fóra por apenas unhas décimas de segundo. Quinto na repesca, o domingo o deportista fixo a súa baixada de semifinais buscando ser un dos dez finalistas, pero tres toques e unha penalización de 50 segundos deixárono fóra, rematando a Copa do Mundo no posto 28.

Pola súa banda, Manuel Ochoa participou en kaiak ou K1. Nas probas clasificatorias fronte a 68 deportistas de 33 países tentou facerse cunha das trinta prazas de semifinais que se xogaban na primeira ronda. Un toque na primeira porta deixouno fóra a menos dun segundo de acadalo, aínda que unha baixada sen penalizacións na repesca permitiulle pasar a semifinais in extremis. A pesar de facer un percorrido sen penalizacións, algúns pequenos fallos no trazado deiráxonno fóra das finais e rematou o campionato en vixésimo primeira posición.

O tomiñés tamén forma parte do equipo español de slálom extremo. Ochoa pasou as semifinais nunha contra reloxo con 72 participantes na que fixo unha baixada impresionante que o clasificou co segundo mellor tempo. Despois desta fase, os clasificados enfrontáronse de catro en catro pasando soamente os dous mellores tempos. No seu primeiro enfrontamento, o teixufo gañou a serie de forma rápida e clara, pero na segunda proba, a piques de conseguir entrar segundo, viuse superado no último momento polo participante italiano. Rematou esta copa no décimo lugar, colocándose entre a elite mundial desta modalidade.

Tanto Luís Fernández como Manuel Ochoa terán a súa derradeira participación internacional da tempada esta vindeira fin de semana na canle do Segre Parc, na Seu D´Urgell, onde se celebrará a Copa do Mundo Final.

Por outra banda o Concello quere felicitar ao teixugo Emilio Rodríguez polo seu ouro no campionato de España de Slálom e agradece especialmente súa dedicación ao club, o seu cariño polos nenos e nenas e por compartir a súa paixón de xeito desinteresado, un bo facer que permite ao club gozar dunha gran canteira.

Concello Tomiño


Unha unidade móbil de doazón de sangue estará en Tomiño o vindeiro 6 de setembro

Como ven sendo habitual, estará situada na rúa Daniel Calzado Poceiro de 10 a 14 e de 16 a 21 horas

Tomiño acollerá a vindeira semana unha nova xornada de doazón de sangue. Unha unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue visitará o concello o próximo martes 6 de setembro para que todas as persoas que o desexen poidan achegar a súa pinga de solidariedade. Como ven sendo habitual, a unidade estará na rúa Daniel Calzado Poceiro en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas. Para maior axilidade recoméndase pedir cita previa chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828.

A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) é un organismo público dependente da Consellería de Sanidade que engloba o centro de transfusión de Galicia. Entre os seus obxectivos atópase o de subministrar compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia en función das súas necesidades.

Cada día ADOS despraza dez unidades móbiles e mantén abertos sete puntos fixos de doazón nos principais hospitais, na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas e preparadas para atender aos enfermos que as precisen.

No desenvolvemento do noso traballo resulta imprescindible o apoio de todas as entidades que conforman a nosa sociedade, entre elas os concellos que facilitan a colaboración das súas veciñas e veciños. É importante lembrar que poden doar sangue todas as persoas maiores de 18 anos cun peso mínimo de 50 kg e que se recomenda non acudir a doar se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios.

Concello Tomiño




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais