|
A Biblioteca Pública Municipal da Guarda acolle o 17 de setembro "Trispilistriñas. Contos para bebés"
" Sábado 17 de setembro ás 12:00h do mediodía na Biblioteca Pública Municipal da Guarda
O vindeiro sábado día 17 de setembro ás 12:00h a Biblioteca Pública Municipal da Guarda acolle a actividade "Trispilistriñas. Contos para bebés", actividade de acceso libre ata completar o aforo e enmarcada no programa Ler conta moito.
"Trispilistriñas. Contos para bebés" é unha actividade de narración oral destinada a bebés de entre 0 e 3 anos e acompañantes cunha duración aproximada duns 35 minutos. "Trispilistriñas trispilistriñas o que non come non ten barriguiñas, trispilistrolas trispilistrolas o que non come non ten barrigolas." Temos unha riqueza espectacular na nosa tradición oral que precisa ser recuperada. Sesión de contos, arrolos, cantos, xogos e ladaíñas para bebés e acompañantes.
Ler conta moito, é un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Xunta de Galicia en colaboración coas entidades locais.
A través deste programa, as bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia ofrecen actividades variadas para achegarlle á cidadanía a lectura e a información dunha maneira lúdica e atraente.
Deste xeito a Biblioteca Pública Municipal da Guarda reforza o seu carácter de espazo aberto, ao tempo que alenta a aprendizaxe e a descuberta a través dos recursos que proporciona.
Concerto de Clavecin de Joao Janeiro o venres 9 de setembro na Igrexa Parroquial da Guarda
" O Ciclo de Música Antiga no Camiño Portugués "Un Camiño ben temperado", trae á Guarda Joao Janeiro o venres 9 de setembro ás 20:00h na Igrexa Parroquial da Guarda.
"Un camiño ben temperado" é un ciclo de cinco concertos de artistas das dúas marxes do Miño que busca poñer en valor este pasado musical común, así como a súa proxección internacional, tomando como referencia o traballo da ESMAE da cidade do Porto como centro artístico na actualidade, no que conflúen o patrimonio e a historia galega e portuguesa.
Este ciclo é unha aposta da Orquestra Clásica de Vigo que procura xerar un espazo de troco e posta en común arredor da interpretación historicamente informada do repertorio ibérico e as súas ligazóns co exterior.
Na Guarda, Joao Janeiro ofrecerá un concerto de Clavecín o venres día 9 de setembro ás 20:00h na Igrexa Parroquial da Guarda.
A música de tecla na Península Ibérica do Renacemento ao Barroco tardío estivo marcada por dúas correntes de composicio?n: a asimilacio?n de influencias externas, e a estruturación dunha tradición intimamente ligada coas características diferenciadoras dos instrumentos de tecla aquí construídos e/ou utilizados. Neste aspecto, a franxa máis occidental da península, quizais por se situar no extremo de Europa, e padecer dunha especie de síndrome das periferias, foi a que máis apertura sempre amosou cara á diversidade de influencias ou se esixiu a si mesma precisamente iso, co fi n de asemellarse máis aos centros europeos de desenvolvemento artístico.
Transmutações ibéricas procura reflectir algúns dos máis importantes procesos de asimilación, transformación e renovación da escrita para tecla na península ibérica desde
finais do século XV ata o primeiro cuarto do século XVIII.
Desde a incorporacio?n vocal da escola franco-flamenga catrocentista á expresio?n lusitana da infl uencia italiana do Barroco do setecentos, pasando pola música de danza de raíz tradicional, o estilo improvisado, ata a tradución en tecla dunha linguaxe eminentemente orquestral. O programa do recital constrúese así nun diálogo entre influencias e a súa transmutacio?n ibérica, artellando orixes e idiosincrasias que acabaron constituíndose.
Coa diversidade que sempre caracterizou estes repertorios, a música de tecla da Península Ibérica chegou a ser unha das tradicións europeas máis singulares e fascinantes do Renacemento ao Barroco tardío.
PROGRAMA
- Portigaler (Buxheimer Orgelbuch), anómino (século XV)
- Tento sobre 'Con que la lavaré', de Antonio Carreira (c. 1589)
- Diferenzas sobre a Gallarda Milanesa, de Antonio de Cabezón (1510-1566)
- Toccata Primo Tuono, de Tarquino Merula (1595-1665)
- Xácaras del 1.o Tono, de Juan Cabanilles (1644-1712)
- Toccata col Scherzo del Cucco, de Bernardo Pasquini (1637-1710)
- Recercata Ottava, de Diego Ortiz (1510-1570)
- Terceiro Tento do 1.o Tom, Manuel Rodrigues Coelho (c.1570-c.1635)
- Ballo di Mantova, de Gaetano Greco (1657-1728)
- Sonata en Sol menor K. 49, de Carlos Seixas (1704-1742)
Proxecto subvencionado no programa "O teu Xacobeo"
A obra de teatro "Crónicas do Paraíso" de Sarabela Teatro presentase na Guarda o venres 9 de setembro
" Venres 9 de setembro ás 21:00h no Auditorio de San Benito da Guarda
O vindeiro venres día 9 de setembro a compañía Sarabela Teatro presenta "Crónicas do Paraíso" ás 21:00h no Auditorio de San Benito.
Nesta obra de teatro, Madame de Nancy, Clarina e Xan Dorne viaxan cara ao funeral de Madame de Quelven acompañados polo clérigo Sochantre. Durante a noite que pasan xuntos confúndese a morte coa vida e o drama coa comedia.
O funeral de Madame de Quelven contextualiza un universo viaxeiro poboado por bandidos, armas, sexo, diñeiro e sangue. Ao ritmo do blues o crime compensa, porque o diñeiro compra todo, incluso a propia morte. Nas "Crónicas do Paraíso" ninguén morre, quizais porque estean todos mortos ou porque o verdadeiro bandido, o poderoso, o socialmente envexado, ese, siga eternamente vivo.
Na cerimonia fúnebre interprétase a música prometida en testamento polo Sochantre de Crozon a Madame de Quelven a cambio da propiedade do pomar do alto. O Sochantre, home relixioso e defensor dos valores da alma, está determinado a cobrar o que lle é debido e pouco a pouco vaise revelando máis achegado aos segredos da carne que ás virtudes do espírito. A actitude obstinada do clérigo acaba por envolver aos cinco personaxes nun enmarañado conflito de valores, culpas e desexos que os leva a revelar os seus máis profundos segredos e pecados.
Descubrimos que todos son culpables criminosos protexidos, integrados e admirados por unha realidade social que exalta a beatitude do poder económico.
A forza do capital, da igrexa e do negocio escuro colocan aos personaxes nunha situación irónica entre vida e morte na que a eternidade acaba por afirmarse como a máis pura recompensa da impunidade xudicial.
Unha nova oportunidade para gozar do bo teatro na Guarda, cunha obra que sen dúbida vai gustar moito aos asistentes.
Citas para a renovación do DNI na Guarda para o mes de setembro
O vindeiro luns día 5 de setembro de 2022 xa se poderán solicitar as citas para a visita das unidades móbiles no concello para a renovación do Documento Nacional de Identidade (DNI) correspondente ao mes de setembro de 2022.
A apertura do prazo para a solicitude de novas citas en setembro ofertadas pola unidade móbil do Corpo Nacional de Policía de Vigo comezarán o luns día 5 de abril de xeito preferentemente telefónico no 986 61 0000 de 9:00h a 14:00h ou presencialmente na Casa dos Alonsos.
A Unidade Móbil desprazarase á Guarda o 16 de setembro e a recollida de documentos terá lugar o 21 de setembro.
Ata entón, aquelas persoas que de xeito urxente necesiten realizar a renovación do seu DNI, poderán acudir ás oficinas de expedición de Tui (na rúa Párroco Rodríguez Vázquez, 3) ou Vigo (rúa Álvaro Cunqueiro, 6) previa solicitude de cita no teléfono 060 ou ben a través da páxina web www.citapreviadni.es.
Para o mes de outubro as citas daranse o día 29 de setembro.
A gran festa das asociacións da Guarda celebrase o 10 de setembro
" A IV Mostra Asociativa terá lugar o vindeiro sábado día 10 de setembro na Praza de Avelino Vicente a partir das 15:30h.
Este ano 2022 o movemento asociativo da Guarda retoma con moita forza e ilusión a súa festa asociativa tras dous anos do descanso obrigatorio imposto pola pandemia. Así o día 10 de setembro volta a rúa a, neste caso, IV edición da Mostra asociativa, onde o municipio brilla coa presenza de moitas das entidades que dia a día realizan actividades, idean proxectos e prestan apoio, para facer da Guarda un lugar máis cooperativo, participativo e dinámico.
A mostra deste ano arrancará ás 15:30 horas na Praza Avelino Vicente e traerá consigo unha morea de stands no que as entidades tratarán de representar parte do seu traballo e nos que tamén se levarán a cabo actividades diversas como xogos ( interactivos, tradicionais...) obradoiros de nós, chapas, probas de remo ergómetro, sorteos, ...
As actuacións de música, canto e baile tamén estarán presentes durante a xornada da man das entidades culturais e deportivas participantes, así como o teatro e as performance, terán tamén o seu espazo na programación do evento.
O broche final este ano estará protagonizado pola baixada de Carrilanas a partir das 19 horas, baixada que tradicionalmente ven celebrando A Gándara, pero que este ano e como parte da rede asociativa, a entidade organizadora trasladou ata o centro da Vila para que forme parte do programa da Mostra.
Agardamos a visita de todas e todos e seguir para adiante con este e outros eventos, dándolle visibilidade a todo o traballo que realizan as entidades guardesas.
Situación hidrolóxica no concello da Guarda
" Dende todas as administracións, incluído o concello da Guarda, estase pedindo á cidadanía un uso responsable no consumo da auga, petición que se reitera diante das previsións de que esta situación de seca continúe.
" concello da Guarda solicitou unha subvención para realizar unha auditoría municipal de abastecemento para minimizar as perdas de auga, subvención concedida por Augas de Galicia cun importe de 8.000 €.
Estamos diante dunha situación de seca que afecta a toda a península Ibérica da que Galicia non se libra e que pode prolongarse no tempo. No presente ano hidrolóxico, que comezou o 1 de outubro de 2021, as precipitacións estiveron un 40% por debaixo da media histórica. A Xunta anunciou en abril a situación de prealerta hidrolóxica na demarcación hidrográfica Galicia-Costa, demarcación na que se atopa unha parte do concello.
Na Guarda, conscientes da situación de emerxencia por seca que se está producindo a nivel xeral, tomáronse medidas puntuais este verán que se suman as accións que se veñen realizando para optimizar o subministro estes últimos anos. Grazas ás medidas que se teñen tomado, pero sobre todo as políticas de prevención, non foi necesario, ata o momento, producir cortes no subministro.
Como medidas puntuais tomadas este verán: fíxose unha campaña de información e sensibilización no mes de xullo, pecháronse as duchas e lavapés das praias, limitáronse os regos automatizados, realízanse os baldeos e regos manuais con auga non apta para o consumo humano, contrólase o nivel do depósito regulador e o consumo varias veces ao día, e ademais, extremouse a vixilancia de fugas e reparanse de maneira urxente cando se detectan, traballando a brigada municipal en domingos e festivos cando é necesario.
A finais de 2021 redactouse o "Plan de Seca do concello da Guarda" un documento que serve como instrumento de planificación para xestionar os episodios de seca, de tal maneira que se asegure o abastecemento á poboación e se fomente o emprego eficiente dos recursos hídricos.
A principios de verán conectáronse dous novos pozos ao depósito regulador, un de pequeno caudal e outro cun caudal importante. Este último necesitou unha obra considerable para a súa conexión que foi posible executar grazas ao financiamento do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Estes dous pozos incrementan o subministro de auga ao depósito regulador en máis de 350 m3/día. Dende o concello xa se están buscando novos xacementos de auga para estar mellor preparados en futuras crises ou no caso de prolongarse esta seca.
É sabido que un dos puntos débiles das redes de abastecemento de auga son as fugas e perdas de auga. Por iso o concello da Guarda solicitou unha subvención para realizar unha auditoría municipal de abastecemento para minimizar as perdas de auga, subvención concedida por Augas de Galicia cun importe de 8.000 €.
En canto a distribución da auga: na Guarda hai dúas comunidades de auga independentes a parte da rede municipal. A comunidade de usuarios do Castro e a de Camposancos. No primeiro caso a rede de subministro é totalmente independente. No caso de Camposancos, cuxa auga é xestionada pola Entidade Local Menor, hai unha conexión entre a rede municipal e a da Entidade para poder cederlle auga no caso de que o necesite.
No que se refire á procedencia e cantidade de auga que se consume: dende mediados de xullo o consumo medio na rede municipal de auga é de 2450 m3/dia. En plena tempada alta o abastecemento desta auga procede maioritariamente dos pozos de captación do concello, 2100 m3/día de media, pero hai que completar o subministro con auga procedente do Consorcio de Augas do Louro, 350 m3/día de media. O concello da Guarda está recibindo do Consorcio unha media de 550 m3/día, xa que Camposancos ven solicitando unha media de 200 m3/dia. Nesta tempada o concello da Guarda ven subministrando a Camposancos toda a auga que teñen demandado dende a Entidade Local Menor. Respectando a independencia na xestión da auga o obxectivo e evitar que se produzan cortes en todo o termino municipal.
Dende todas as administracións, incluído o concello da Guarda, estase pedindo á cidadanía un uso responsable no consumo da auga, petición que se reitera diante das previsións de que esta situación de seca continúe e para evitar futuras restricións.
A Guarda organiza xornadas de asesoramento enerxético en setembro e outubro
" Trátase de sesións individualizadas nas que se pretende asesorar sobre diversos temas relacionados coa eficiencia enerxética de fogares e empresas da vila.
O Concello da Guarda, a través do Plan Rehabita, organiza xornadas de asesoramento enerxético, trátase dun asesoramento individualizado sobre temas relacionados coa eficiencia enerxética de fogares e empresas da vila e que se realizará os días 16 e 30 de setembro e 14 e 28 de outubro, en horario de 9:00h a 13:00h con cita previa chamando ao 986610000 ext.2. Dúas persoas se encargarán deste asesoramento individualizado, Belén Novoa é especialista na área de contratación e sistema de tarifas do mercado eléctrico e Santiago González é un experto no campo das enerxías renovables.
O Concello da Guarda pretende deste xeito mellorar a eficiencia enerxética dos fogares e empresas da vila cun asesoramento individualizado que permitirá aso veciños e veciñas coñecer cales son as solucións existentes no mercado enerxético, a presentación e asesoramento en materia de enerxías renovables, as solucións de calefacción, illamentos, peches, fiestras ou caldeiras de biomasa, entre outras.
O obxectivo final é permitir que os veciños e veciñas poidan reducir os seus custes na factura de electricidade, coñecendo as vantaxes da eficiencia enerxética, aproveitando para mellorar o impacto sobre o medio ambiente, empregar novas fontes de enerxía coma as renovables e un aproveitamento óptimo de aparellos eléctricos do fogar para unha correcta eficiencia enerxética.
A Guarda acolle este sábado a impactante performance teatral "Axentes AntiBulos"
" A cita terá lugar o sábado 3 de setembro ás 12:00h na Praza de Avelino Vicente
O vindeiro sábado día 3 de setembro a Asociación FOCO da Guarda e ON&OFF da Rioxa levarán a cabo a Performance teatral "Axentes AntiBulos" ás 12 da mañá na praza de Avelino Vicente.
Trátase dunha actividade na que participarán un total de 19 actores e actrices de entre 13 e 18 anos dos grupos de FOCO (A Guarda) e ON&OFF (A Rioxa), onde amosarán as pezas teatrais desenvolvidas ao longo do mes de abril dentro do proxecto Europeo Axentes AntiBulos. Os mozos e mozas rioxanas compartiron 4 días de traballo creativo e escénico co grupo da Guarda que participa no proxecto.
A iniciativa, que conta con financiamento europeo, está apoiada polo Concello da Guarda, desde onde se anima á poboación local e visitantes a achegarse e desfrutar desta singular actuación que non deixará indiferente a ninguén.
A Guarda acolle en setembro un itinerario formativo de 120 horas de duración para a dixitalización de mulleres
" As participantes poderán mellorar os seus coñecementos dixitais, recibindo ao finalizar a formación un ordenador portátil e un título oficial acreditativo.
O Concello da Guarda colabora no Programa de Formación para a dixitalización de mulleres "Galegas Dixitais", acollendo 3 módulos de formación que arrancan o 19 de setembro e durarán ata o 30 de outubro. A formación realizarase na Guarda en horario de 09:00 a 14:00.
É unha formación gratuíta dirixida a mulleres da Guarda orientada á mellora das capacidades dixitais, ao aumento das posibilidades de atopar emprego e adquirir os coñecementos en novas tecnoloxías precisos para o día a día.
Módulos:
" Competencias dixitais básicas: Coñecementos dixitais para o día a día (40h).
" Competencias dixitais avanzadas: Coñecementos dixitais para o traballo (40h).
" Competencias dixitais para o empredemento: Coñecementos dixitais para o negocio (40h).
As inscricións están xa abertas nos teléfonos 986 61 00 00 e no whatsapp 604 039 575, na recepción do Concello da Guarda e na web http://galegasdixitais.es/
|