|
A Guarda e Caminha acollen esta fin de semana a III Feira do Libro Luso-Galaica
O evento con programacións paralelas en ambos municipios, recolle as principais publicacións realizadas polos concellos e cámaras municipais dos municipios da fronteira luso-galaica.
Por terceiro ano consecutivo chega ata A Guarda e Caminha este evento que xurdiu coa vocación de visualizar a ampla oferta de publicacións en torno ao noso territorio e que na maioría das ocasións é de difícil acceso por ser publicado a cargo das institucións e atoparse repartido e disperso en cada unha delas.
O evento organizado polos municipios de A Guarda e Caminha, conta coa colaboración de tódolos municipios do Baixo Miño (Oia, O Rosal, Tomiño, Tui), mais de Salceda de Caselas e As Neves pola parte galega e dos municipios de Vilanova de Cerveira, Valença, Monçao, Melgaço, Paredes de Coura, Ponte da Barca, Arcos de Valdevez, Ponte de Lima e Viana do Castelo, pola parte portuguesa. Todos estes concellos aportaron as súas publicacións que estarán ao dispor do público na Guarda na tarde do venres 19 e durante todo o día do sábado 20, mentres que en Caminha o horario será de tarde o venres (sexta-feira) 19, o sábado 20 e domingo 21.
A exposición e venda de libros estará acompañada dunha ampla programación con presentacións literarias e concertos, destacando na programación da Guarda o concerto de Treides Comigo de Xoán Curiel(ás 21:00h do venres 19), que interpretará cantigas medievais da tradición luso-galaica adaptadas en clave contemporánea e o concerto da Banda Musical Lanhelense cun repertorio específico "Minho...O río que nos aproxima"(ás 20:30h do sábado 20). A programación terá en conta tamén aos mais pequenos con actividades lúdicas como o concerto de Migallas o venres á tarde (19:00h.), o Contacontos Pepiña Maruxiña quere voar, o sábado ás 11:30h e un obradoiro de Origamis o sábado á tarde (19:00h.)
Un dos motivos da realización conxunta deste evento é, ademais da colaboración entre os dous concellos transfronteirizos, o intercambio de experiencias culturais, dando a coñecer a artistas e escritores na outra beira do Miño. Así é o caso da Banda Musical Lanhelense, ou dos origamis de Pamela Campelo e Olga Loureiro que dende Caminha chegan ata a Praza do Reló o sábado a tarde. Dende o Baixo Miño chegarán ata Caminha o grupo rosaleiro Lirolai que dará un concerto o venres á noite, a Asociación pola memoria histórica que presentará o libro A porta do inferno e o fotógrafo Manuel Álvarez que levará o seu libro Sexades Mar.
TREIDES COMIGO
O concerto a cargo do grupo de Xoán Curiel que terá lugar na Praza do Reló o venres ás 21h. , trala inauguración da Feira a cargo das autoridades, está incluído dentro das actividades do programa Cultura no Camiño 2022 (Xunta de Galicia- Xacobeo 2022) e cobra singular importancia dentro desta feira xa que parte da orixe da nosa lingua común (o luso galaico) e unha das súas maiores representación literarias como é a tradición das cantigas medievais. O compositor e cantante Xoán Curiel define o espectáculo como novo e vello ao mesmo tempo: "Xoán pon música ás cantigas escritas hai case un milenio co propósito de ofrecer unha actualización das mesmas e achegar tamén a figura dos trobadores diversos camiños de Santiago, que sen dúbida espallaron esta tradición". Arpa, vento, percusión, voz e guitarras farán o resto nesta proposta de gran calidade artística que nos deleitará o venres 19 ás 21:00h. Na Praza do Reló.
A Guarda inaugura a Colección fotográfica Tito Lemos
O pasado xoves día 18 de agosto de 2022 a Casa dos Alonso acolleu o acto de inauguración da Colección Fotográfica Tito Lemos, unha mostra que recolle parte da gran colección recabada por Tito Lemos con fotografías da vila da Guarda de distintos fotógrafos e autores.
Montserrat Magallanes, Concelleira de Cultura, foi a encargada de abrir este acto de inauguración ante preto dun cento de persoas, destacando unha vez máis a Casa dos Alonso coma espazo singular para o uso público e para poder gozar desta colección de fotografías.
Miguel Reboredo, Presidente da Asociación Tito Lemos, interviu neste acto para dar conta das diferentes accións realizadas para por en valor a súa figura e homenaxear a Tito Lemos, coma o acto de inauguración dun miradoiro no Monte Santa Trega ou a próxima catalogación dunha praza que levará o seu nome na Rúa Manuel Álvarez, lugar onde exerceu moitos anos coma médico.
Pablo Lemos, fillo de Tito Lemos, continuou coa quenda de intervencións falando da longa traxectoria do seu pai na vila, recordando que, aínda que Tito fose de Vigo, tiña un apego especial pola Guarda e polas súas xentes e iso quedou reflectido no campo da medicina, onde exerceu coma médico e tamén no da fotografía, cunha colección propia e de outros autores que supera as 5000 fotografías, a maior parte delas da Guarda e a súa contorna.
Para pechar o acto Antonio Lomba, Alcalde da Guarda, quixo destacar que con esta pequena exposición, que non é máis cunha mostra da ampla colección de Tito Lemos, se pode ver a outra faceta de Tito, a da súa paixón pola fotografía e por querer plasmar a vida diaria da Guarda, dos seus costumes, das súas xentes…
A Colección Fotográfica Tito Lemos estará na Casa dos Alonso ata o 31 de agosto en horario de 10:30h a 13:30h e de 19:00h a 21:00h de luns a sábado.
O concello da Guarda activa un visor web para a prevención de incendios forestais
No mes de Xuño do ano 2022 aprobouse definitivamente o Plan municipal de prevención e defensa contra incendios forestais do Concello da Guarda(PMPDIF).
O Plan define as redes secundarias de faixas de xestión de biomasa nunha franxa de 50 metros perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable e vivendas illadas. Isto é, as zonas nas que a lei obriga a ter os terreos limpos e nos que hai especies arbóreas que non están permitidas.
O concello da Guarda activou un visor web para que a veciñanza dispuxera dunha ferramenta dixital que lle facilitara consultar aquelas parcelas do termo municipal que están afectadas pola rede secundaria de faixas. As fincas que se atopen nestas faixas deberán estar limpas.
A finalidade da implantación do visor é dar a posibilidade de acceso aos cidadáns á información de carácter público mediante unha ferramenta sinxela que aporta un beneficio en canto ao acceso inmediato a información, sen esperas nin citas previas, así como para o concello aforrando tempos e recursos.
A consulta e interacción co mapa pode realizarse dende un dispositivo electrónico como un ordenador, un teléfono móbil ou unha tablet.
Como utilidades a destacar sería a localización mediante GPS, procura das parcelas por referencia catastral, enderezo, etc. ademais da opción de imprimir plano da zona seleccionada entre outras.
Dende a Web municipal https://www.aguarda.es/ ou a través da ligazón https://arcg.is/bX91b o contido será accesible mediante un Visor Web.
|