Na súa aposta pola sostibilidade, o Concello rosaleiro facilita á veciñanza a reciclaxe de cápsulas de café
O Concello do Rosal, cada vez máis comprometido co Medio Ambiente instalará catro recolectores de cápsulas de café usadas tanto de plástico coma de aluminio. Únese así, á rede de ARECafé, un proxecto de recollida e reciclaxe deste tipo de materiais recentemente lanzado por 24 compañías fabricantes de cápsulas de café.
Os recolectores instalaranse, á maior brevidade, nas seguintes ubicacións:
-Concello do Rosal. Praza O Calvario, 1. O Calvario
-Auditorio Municipal. Rúa do Couso, 21. O Couso
-Centro social polivalente. Rúa Cabaqueiros, 2. O Calvario
-Punto limpio. Valdemiñotos, s/n.
A rexedora rosaleira, Ánxela Fernández Callís, sinala a importancia que ten este proxecto a través do cal o Concello da un paso máis cara a economía circular. "Con este sistema colaborativo, lograremos que as cápsulas de plástico e aluminio que se recollan terminen recicladas" e engade "convidamos á veciñanza a utilizar estes puntos de recollida en canto estean instalados para conseguir, entre todos e todas, que o Rosal avance cara o obxectivo da sostibilidade".
Unha vez recollidas e transportadas á planta correspondente, as cápsulas recibirán o seguinte tratamento: chegarán á planta de reciclaxe, onde se extraerán os pousos de café, que se separán para tratarlos adecuadamente e, posteriormente, poder utilizalos como abono de uso agrícola, debido ao seu alto contido de nutrientes. As cápsulas, xa abertas e baleiras, serán separadas segundo o seu material. As de aluminio fundiranse para poder reutilizar o metal. E as cápsulas de plástico serán tratadas para seren utilizadas na fabricación doutros productos, como macetas, mobiliario urbano, ou ratos de ordenador, por exemplo.
Con esta iniciativa, O Rosal súmase a un sistema que conta xa cun total de 89 enclaves de recollida na provincia de Pontevedra e, na totalidade da Comunidade Autónoma, a cifra ascende a 274. Ademais, o obxectivo a medio e longo prazo é ampliar o número de puntos de recollida para dar unha maior cobertura e acceso á reciclaxe de cápsulas de café usadas e garantir, deste xeito, á tan necesaria sostibilidade ambiental.
O festival que xurdiu en plena pandemia xa é unha das citas máis importantes na programación cultural do Rosal
Ao longo deste mes de agosto, a música de cámara volverá ecoar en cada recuncho do Rosal. Concello e Agrupación Musical do Rosal presentaron a III edición de 'O Rosal Cámara Fest', un festival que naceu na época das restriccións de aforo como unha adaptación do festival de Músicos Xoves e que este ano reafírmase como evento cultural de referencia con concertos nas parroquias do municipio, apoio ao comercio e visitas guiadas pola contorna.
O Rosal Cámara Fest comeza o venres 5 co concerto de Simant Dúo na Abadía das Eiras (ou en caso de choiva realizarase no Auditorio Municipal). As e os rosaleiros teremos o pracer de contar co trompetista Rubén Simeó e mailo pianista Morant, que se atopan inmersos nunha xira europea e que ofrecerán, sen dúbida algunha, un concerto para o recordo. As entradas pódense adquirir, por un módico prezo de 6€, premendo na seguinte ligazón.
A presente edición mantén as rutas guiadas antes dos concertos e, como novidade, inclúe unha "experiencia apícola": os días 17 e 21, en horario de mañá, a veciñanza terá a oportunidade de coñecer de preto as instalacións e o proceso de elaboración do mel cunha visita guiada a Mel Niño do Corvo.
Este festival tamén busca apoiar ao comercio local. Durante os concertos sortearanse vales de compra nos comercios da Asociación de Comerciantes do Rosal.
Dende o Concello, a alcaldesa Ánxela Fernández Callís agradece "o labor imprescindíbel da Agrupación Musical do Rosal para organizar este festival" e convida "a todas e todos os veciños do Rosal a aproveitar ao máximo a oportunidade que brinda o festival de mesturar música e patrimonio: "o formato de O Rosal Cámara Fest é propicio para que as e os rosaleiros poidamos valorar e sintamos orgullo dos nosos espazos".
Programa
Mércores 17 - 21 h - Praza de Maio - Tabagón
Big Band AMDOR
Sábado 20 - 20.30 h - Colexio da Mata
XXXI Festival de Músicos Xoves
Banda de Música Popular de Rubiós
Unión Musical de Valladares
Agrupación Musical do Rosal
Domingo 21 - 20 h - Igrexa de Sta. Mariña
XXXI Festival de Músicos Xoves
Coral Polif. San Mamede (Zamáns)
Coro Diapasón (Ferrol)
Coral da Agrupación Musical do Rosal
Luns 22 - 20 h - Igrexa de S.Miguel
Dúo Lugares Comunes
Quinteto de vento "Suso González"
Martes 23 - 20.30 h - Igrexa de Sta. Mariña
Concerto de solistas AMDOR