Obradoiros, talleres formativos e consultas personalizadas para mulleres no programa Feminino Plural
O programa innovador, integral e intensivo busca a promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero
O Concello de Tui vén de pór en marcha Feminino Plural, un programa innovador, integral e intensivo para o impulso das mulleres. Esta semana tivo lugar, na Aula da UNED, a presentación do mesmo por parte da concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, e das técnicas que conforma o equipo multidisciplinar desta acción.
Até o 30 de setembro Feminino Plural abordará catro eixos: a formación, a atención xurídica, a atención psicolóxica e o asesoramento para o emprego, intermediación e prospección laboral. Ao longo dos próximos meses traballarase de xeito transversal nestas áreas para acadar a plena autonomía das mulleres tudenses.
Feminino Plural brinda tanto atención individualizada coma actividades grupais nos obradoiros e talleres formativos que están organizados. O programa desenvolverase no centro urbano, pero tamén nas parroquias onde haxa un mínimo de 8 mulleres inscritas.
As actividades grupais comezarán a segunda quincena de agosto, celebrándose os martes de 10 a 13 h os talleres formativos e os mércores de 10 a 12 h os obradoiros. As mulleres poden asistir á totalidade dos talleres e obradoiros previstos, ou só aqueles que sexan do seu interese ou disponibilidade.
Os talleres formativos co título xenérico de "Coñécete…" abordarán o autocoñecemento, a historia das mulleres, as habilidades sociais, as oportunidades de traballo, as capacidades laborais, o empoderamento, e os dereitos. Mentres nos obradoiros realizarase unha actividade de coaching, o roteiro "Camiñando con elas", abordarase a comunicación, como preparar as entrevistas de traballo, o emprendemento, a saúde e a violencia machista virtual.
Amais as mulleres poden solicitar cita para realizar consultas personalizadas co equipo de expertas do programa: unha xurídica, unha psicóloga, unha axente de igualdade, unha orientadora laboral, unha técnica de prospección e intermediación laboral e traballadoras sociais.
Onte na presentación a concelleira de Igualdade Ana Núñez, destacaba que con este programa quérese chegar a todas as mulleres de Tui tanto do centro urbano coma das parroquias. Así indicaba que "queremos chegar a todas as mulleres que poidan precisar de programas tan necesarios como este e poder axustar así os servizos que podemos aportar para atallar a súa vulnerabilidade".
As mulleres poden solicitar xa a súa participación gratuíta no programa tanto para os módulos e obradoiros como para a atención individualizada coas profesionais que forman parte do equipo do programa no correo igualdad@tui.gal ou nos teléfonos 986 60 32 28 ou 664 55 24 93.
O programa de Promoción da Igualdade e a Prevención da Violencia de Xénero, Feminino Plural, está financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.
Programa de talleres e obradoiros Feminino Plural do 16 de agosto ao 30 de setembro
Talleres formativos Coñécete…
Martes de 10 a 13 h
" 16 de agosto: Coñécete a ti mesma
" 23 de agosto: Coñece a historia das mulleres
" 30 de agosto: Coñece as túas habilidades sociais
" 6 de setembro: Coñece oportunidades de traballo
" 13 de setembro: Coñece as túas capacidades laborais
" 20 de setembro: Coñece o teu poder
" 27 de setembro: Coñece os teus dereitos
Obradoiros
Mércores de 10 a 12 h
" 17 de agosto: Coaching para a vida
" 24 de agosto: Roteiro "Camiñando con elas"
" 31 de agosto: Comunicación
" 7 de setembro: Entrevistas
" 14 de setembro: Emprendemento
" 21 de setembro: Muller e saúde
" 28 de setembro: Violencia machista virtual
Consultas personalizadas co equipo de expertas até o 30 de setembro
Volve á festa gastronómica dentro da programación da Festa do Miño o 13 de agosto
As asociacións interesadas en participar deberán presentar a solicitude por sede electrónica o mércores 27, xoves 28 e venres 29
O sábado, 13 de agosto, volverá celebrarse unha nova edición da Festa do Miño, un evento que se estenderá ao longo da xornada con múltiples actividades dende a romaría popular, e o descenso popular do Miño, á Festa Gastronómica e o concerto da Banda Xangai.
Ante a celebración da Festa Gastronómica o concello de Tui á próxima semana o prazo para que as asociacións culturais tudenses soliciten a súa participación na mesma cun posto de venda directa de comida tradicional.
As asociacións interesadas en participar deberán presentar na sede electrónica do Concello de Tui o mércores 27, xoves 28 e venres 29 o impreso normalizado de solicitude, que poden descargar en www.tui.gal, xunto coa documentación requirida. So poderán participar as 13 primeiras asociacións culturais que completen o trámite de solicitude.
A Festa Gastronómica celebrarase o sábado, 13 de agosto, de 20 a 00 h na rúa Compostela, no tramo comprendido entre as rúas Ourense e Betanzos. Todas as persoas que vendan alimentos nos postos deberán estar en posesión do Carné de Manipulador de Alimentos.
As bases completas da convocatoria, onde figura a documentación requirida, e o impreso de solicitude poden descargarse na web www.tui.gal
Máis de 5 mil membros e 2 millóns de impactos do perfil Camino Portugués Tui en Facebook
Ofrecer información sobre a cidade de Tui a todas as persoas usuarias interesadas no Camiño Portugués
Máis de 5 mil membros e 2 millóns de impactos, son dúas da cifras destacadas do perfil "Camiño Portugués. Tui" na rede social Facebook promovida polo concello de Tui en xullo de 2020. Naceu co obxectivo de cubrir unha das eivas que se detectaban na promoción da ruta xacobea ao seu paso pola cidade e a súa escasa presenza nas redes sociais, especialmente en Facebook, xa que esta rede social é a máis empregada no ámbito da peregrinación.
Nestes dous anos de funcionamento xa son máis de 5.000 os membros pertencentes a este grupo en Facebook, un número récord no mundo das redes sociais para seren un grupo centrado tan só nunha ruta e en concreto nunha cidade dela. O número total de visualizacións directas foi de 1.000.000. As liñas de extrapolación ofrecidas polos estudos sociolóxicos permiten afirmar que, sumada esa cantidade ás visualizacións ou replicados nos outros grupos, a cifra total duplicaríase, ata chegar aos 2.000.000 de impactos.
Trabállase mediante palabras clave e cunha metodoloxía programada sobre os contidos: adiviñas os luns, vídeos os sábados, foto en branco e negro os domingos, etc. Préstase especial atención ao tramo Ponte de Lima - Santiago e ao Caminha - Valença. É un grupo de servizos non tanto de debate, aínda que non se rexeita especialmente no que atinxe ao carácter histórico deste Camiño Portugués fronte a outras rutas como o Camiño Portugués da Costa ou a Variante Espiritual, carentes desa dimensión.
Para os meses de menor actividade foi deseñada unha publicación diaria titulada "Tui, paso a paso" subindo unha foto cada 50 pasos na traza da ruta por Tui. As visualizacións teñen unha media de 1155 persoas ao día. O perfil de membros é maioritariamente feminino, o que concorda co propio Camiño Portugués onde a presenza de mulleres é moi alta, evidenciando a seguridade que ofrece esta ruta.
Este perfil está atendido por ata catro persoas. Diariamente suben unha foto de actualidade a instagram (onde hai 1.003 seguidores) e entre dous e catro posts ao grupo de Facebook, incitando á interacción dos propios peregrinos. As entradas se replican diariamente nunha ducia dos 77 grupos que existen centrados no Camiño e Santiago e en varios idiomas.
Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, este perfil "Camino Portugués. Tui" ten respondido aos obxectivos para o que foi creado: ofrecer información sobre a nosa cidade para todos os usuarios interesados no Camiño Portugués e contribuír deste xeito ao posicionamento da nosa cidade como referencia central das rutas de peregrinación xacobeas de Portugal.
Clausurado o obradoiro de emprego tras o excelente labor realizado na recuperación do patrimonio
Vinte alumnos e alumnas obtiveron o seu certificado de profesionalidade en cantería e carpintería, logo de realizar labores de recuperación e restauración en bens patrimoniais como lavadoiros e fontes en todo o Concello.
A Aula da UNED en Tui acolleu esta mañá o acto de clausura do Obradoiro de Emprego 'Revaloriza Tui'. Unha actividade formativa que se viña desenvolvendo dende outubro de 2021 e na que participaron vinte alumnos e alumnas que hoxe recibiron o seu certificado final de profesionalidade. Dez deles o fixeron na modalidade de cantería especializada en Colocación de Pedra Natural e Montaxe e outros tantos na de carpintería en Instalación de Construcións de Madeira.
Este curso era unha aposta do Concello de Tui para mellorar o currículo das persoas participantes e facilitar a súa inserción laboral, feito que se cumpriu con gran éxito grazas a un bo número de alumnos que xa comezou, ou o fará nos próximos días, o seu futuro laboral nestes ámbitos. En concreto tres están xa incorporados a un posto de traballo relacionado coa formación recibida e dous máis o farán a próxima semana.
No acto estiveron presentes o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Formación e Emprego, Ana María Núñez, e a xefa territorial de Emprego da Xunta de Galicia, Marta Mariño, amais de Raquel Fernández, directora do obradoiro, e o profesorado. Primeiro proxectouse un vídeo resumo da formación no que se mostraron as actividades de rehabilitación realizadas polo alumnado ao longo destes meses en espazos e bens patrimoniais de todo o Concello de Tui e as súas parroquias: a fonte de Albelos en Guillarei e os lavadoiros de Laxes en Randufe, o de Souto en Guillarei e o de Fontenla en Areas. O resultado en todos eles constata os coñecementos adquiridos ao longo destes meses polo alumnado de cada especialidade
A concelleira de Formación e Emprego do Concello de Tui, Ana María Núñez, tomou primeiro a palabra para valorar positivamente o desenvolvemento do curso, agradecendo o traballo do profesorado e destacando a boa disposición do alumnado materializado no bo número de participantes que xa obtiveron ou obterán de xeito inmediato a súa inserción laboral nuns ámbitos moi demandados.
Pola súa parte a xefa territorial de Emprego da Xunta de Galicia, Marta Mariño, trasladou os parabéns polo éxito da formación e das prácticas nos bens patrimoniais rehabilitados e os ánimos ao alumnado para que continúen traballando e apostando nestes ámbitos para o seu futuro laboral.
Pechou o acto o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, para destacar o gran resultado final dos traballos de rehabilitación nun patrimonio que a cidade precisaba recuperar e poñer en valor. Trasladou tamén o agradecemento a todos os implicados na boa realización deste obradoiro, comezando polo profesorado, o equipo do Concello de Tui encargado de proxectar este curso e a Xunta de Galicia polo apoio á cidade. Finalizou Enrique Cabaleiro facendo fincapé na predisposición do goberno local para seguir apoiando proxectos formativos en diversos ámbitos que permitan impulsar o futuro laboral dos veciños e veciñas de Tui.
A exposición fotográfica "Camiño Branco. Camiño Antártico" pode visitarse en Tui até finais de agosto
Sesenta e dúas fotografías documentan os máis de 14 mil quilómetros da ruta xacobea máis longa até a data, dende a Antártida, pasando por Arxentina e Cartaxena, ata Compostela
Dende hoxe pode visitarse na Sala de Exposicións Municipal, no edificio Francisco Sánchez, a exposición "Camiño Branco. Camiño Antártico" composta por 62 fotografías que documentan os máis de 14 mil quilómetros da ruta xacobea máis longa até a data.
Na inauguración visitaron esta mostra o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, a responsable de comunicación de Correos en Galicia, Rebeca Fernández Hermo, xunto ao representante da Federación Española de Asociaciones de Amigos do Camiño de Santiago e coordinador desta nova ruta xacobea, José Luis Álvarez Ruíz de la Hermosa, xunto a membros da Corporación Municipal tudense.
Enrique Cabaleiro agradeceu a Correos e á Federación Española o interese por achegar ata Tui esta mostra fotográfica que, aberta ao público nos días inmediatos á celebración da festividade do apóstolo Santiago, testemuña a dimensión universal do Camiño de Santiago.
Coa mesma, Correos rende homenaxe aos científicos e militares españois que participaron na I Peregrinación Antártica a Santiago, con 14.075 quilómetros, na ruta xacobea máis longa até o momento. Este proxecto, impulsado pola Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago (FEAACS) en colaboración co Instituto Geográfico Nacional (IGN), arrincou desde unha das dúas bases que España mantén na Antártida: a "Gabriel de Castela".
Desde alí partiron os "pingüirinos" -o alcume que adoptaron os compoñentes da expedición-, subindo posteriormente cara ao norte por Terra de Lume e Buenos Aires en Arxentina e, tras cruzar o Atlántico e desembarcar no porto de Cartaxena, completar o traxecto a pé até Santiago de Compostela usando o Camiño Portugués.
Son, exactamente, 14.075 quilómetros os que separan a fría Antártida de Santiago de Compostela, unha iniciativa que fixo que o Camiño Antártico convertérase na Ruta Xacobea máis longa até a data do Camiño de Santiago.
Na honra ao primeiro grupo de 80 "pingüirinos" que percorreu esta Ruta Xacobea, en tres días, e que estaba formado por membros da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, integrantes do Instituto Geográfico Nacional, científicos, militares da Armada e do Exército de Terra, Correos organizou a exposición "Camiño branco. Camiño Antártico".
Até o 31 de agosto o público poderá gozar, na Sala Municipal de exposición, desta mostra que recolle pequenos momentos dos "pingüirinos" ao longo de todo o seu traxecto. A mostra itinerante xa estivo en 34 localidades como Barcelona, Valencia, Pontevedra, León, Antequera, Almería, Soria, Zaragoza ou diversas cidades de Arxentina.