JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

O son de "Pauliña" chega este sábado á praza Pintor Antonio Fernández

Antes, o skatepark de Goián será a ubicación escollida, tamén o sábado, para celebrar a nova edición do "Twister Jam", e o domingo terá lugar o concerto da "Operación Triunfiño"

A Axenda de Verán 2022 do Concello de Tomiño continúa cas súas actividades programadas para a última fin de semana do mes de xullo. Nesta ocasión, combinaranse os eventos musicais e os deportivos, coa actuación de Pauliña, a nova edición do "Twister Jam" e a "Operación Triunfiño", os tres celebrados en Goián.

A praza Pintor Antonio Fernández acollerá a voz de Pauliña ás 22.30h do sábado 30 de xullo, nun concerto no que predominarán o carácter directo e a personalidade da artista, que non deixan indiferente a ninguén. Todos os públicos poderán asistir de balde á actuación, enmarcada no ciclo "O Son das Prazas" organizado polo Concello de Tomiño.

Mais antes do concerto de Pauliña, o skatepark de Goián será a ubicación escollida tamén o sábado para celebrar a nova edición do "Twister Jam", que xa conquistou as pistas de skateboarding da parroquia o ano pasado baixo o nome de "Eruption Jam". O evento durará todo o día e incluirá actividades dedicadas a esta disciplina deportiva dende as 11.00h ata as 21.30h, para despois continuar cas actuacións musicais de Pauliña (de 22.30h a 00.00h), Jitaaa x Aldxx, Home Fosforos e J Pharaday (de 00.00h a 1.30h), Royce Rolo (de 1.30h a 3.3oh) e Dj Rapante (3.30h ata o final).

Finalmente, na sesión vermú do domingo 31 de xullo terá lugar o concerto da "Operación Triunfiño", un obradoiro dirixido por Mónica de Nut o pasado mércores 27 de xullo para formar á mocidade en técnica vocal, actitude escénica e repertorio. O resultado do obradoiro exhibirase o domingo ás 12.00h na praza Pintor Antonio Fernández de Goián.

Concello Tomiño


O Concello lanza unha campaña para que os comercios utilicen papel de agasallo en galego

O deseño baséase en palabras en galego cun denominador común: sentimentos ou sensacións positivas que pode provocar un agasallo, tales coma gratitude, ledicia, ánimo, simpatía, sorriso, tenrura ou benquerer, entre moitas outras

Dende o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Tomiño, lanza unha campaña para que os comercios da vila utilicen un papel de agasallo con palabras en galego.

Con esta finalidade, o servizo procedeu á entrega de resmas de papel ás casas comerciais que venden produtos susceptibles de agasallar.

O deseño baséase en palabras en galego cun denominador común: sentimentos ou sensacións positivas que pode provocar un agasallo, tales coma gratitude, ledicia, ánimo, simpatía, sorriso, tenrura ou benquerer, entre moitas outras.

"A campaña o que pretende, evidentemente, é fomentar o uso do galego. Anteriormente fixemos outra con pegatinas e este ano cambiámola polas resmas de papel", explica Ani Fernández Carrera, concelleira de Cultura e Normalización Lingüística.

Concello Tomiño


CCOO presenta o plan de transporte para a comarca do Baixo Miño

O sindicato presentou á alcaldesa de Tomiño un plan de transporte ferroviario que responda ás necesidades sociais e económicas do territorio

O sindicato Comisións Obreiras (CCOO) presentou onte no Concello de Tomiño un plan de transporte en tren para a comarca do Baixo Miño, co que pretende crear unha rede que responda ás necesidades territoriais e favoreza o desenvolvemento económico da zona. O plan está especialmente destinado ás poboacións que se interrelacionan con Portugal e que carecen dunha conexión directa coa liña de ferrocarril.

Así pois, o proxecto integraría unha Rede de Cercanías Transfronteiriza entre Viana do Castelo (Portugal) e Vigo, e daría servizo a máis dun millón de persoas, con trens eléctricos e frecuencias xestionadas eficientemente. Deste xeito potenciaríanse simultaneamente as comunicacions intermodais dos municipios do Miño con liñas ferroviarias lusas, corredor Atlántico e servizos de Longa Distancia e AVE.

Antón Conde, Secretario Xeral do Sector Ferroviario en Pontevedra, esbozou ante a alcaldesa (Sandra González) e o concelleiro de Facenda, Planificación Estratéxica e Acción Urbana (Uxío Benítez), as principais liñas de actuación previstas para mellorar as instalacións ferroviarias e as conexións por tren de viaxeiros, viaxeiras e mercadorías para os próximos anos. Todo isto tendo en conta, en palabras de Conde, que a oportunidade que presentan os recursos europeos para favorecer a mobilidade require de propostas que partan das necesidades locais e involucren ás empresas.

A alcaldesa, pola súa banda, manifestou a súa satisfacción ante a proposta do sindicato, lembrando a súa preocupación mantida no tempo polo tema da comunicación terrestre a través de trens que poidan servir aos municipios transfronteirizos, como Tomiño e Cerveira (que conta con estación ferroviaria) para unir cidades como Vigo e Porto.

Concello Tomiño




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais