|
Clausura da V edición do Campus de Fútbol O Rosal
O Campus de Fútbol "O Rosal" está organizado pola UD Ribera en colaboración co Concello
75 nenas e nenos de entre 5 e 16 anos desfrutaron ao grande da V edición do Campus de Fútbol "O Rosal", organizado pola UD Ribera en colaboración co Concello.
As instalacións deportivas de A Mata e o polideportivo do Colexio Suárez Marquier acolleron as actividades deste campus que comezou a súa andaina o 4 de xullo co obxectivo de ofertar unha alternativa positiva de lecer e promover hábitos de vida saudables entre as e os máis pequenos.
Ao longo do mes de xullo, o Campus de Fútbol "O Rosal" convertiuse nun espazo de convivencia, aprendizaxe e, sobre todo, diversión que levarán no recordo todos e todas as participantes.
Segundo lembra o director do campus, Abel Lomba, "a U.D. Ribera tratou de ofrecer unha experiencia o máis completa posíbel e penso que o conseguimos". Ademais dos adestramentos propios do fútbol, esta quinta edición recibiu as visitas de Pablo Durán, o atacante da SD Compostela, que a través dunha charla do máis produtiva deixou claro que con esforzo, ilusión e ganas todo é posible. E tamén pasou polo campus Laura Fernández Pedrera do CTA Vigo. A xoven e prometedora árbitra explicoulles aos nenos e nenas as reglas do xogo e, coa súa presenza demostrou tamén que existen referentes femininos nun deporte que levanta paixóns e que pode ensinar moito.
Non faltaron neste campus os labores de técnica e coordinación, unha masterclass de balonmán a cargo de Acanor Novás Valinox, e deportes alternativos, como o béisbol.
Hoxe tivo lugar a clausura coa entrega de trofeos. A alcaldesa Ánxela Fernández Callís, sinala o éxito da presente edición, coa participación de 75 nenas e nenos "que puideron aproveitar ao máximo unha experiencia que, con seguridade, terá continuidade porque xa se converteu nun referente na nosa contorna". A rexedora quixo agradecer tamén á UD Ribera "o seu compromiso e o seu esforzo por sacar adiante unha nova edición deste campus de fútbol".
Concello de O Rosal
O Rosal leva a pleno a modificación orzamentaria que permitirá a adhesión ao programa Da Túa Man
O pleno, terá lugar ás 20:30h deste mércores no Salón de Plenos do Concello
O Concello do Rosal aprobará, no pleno municipal deste mércores, a modificación do orzamento que permitirá facer efectivo o convenio de colaboración asinado coa Deputación de Pontevedra que busca dinamizar o comercio local baixo o lema "Da túa man".
Segundo a alcaldesa Ánxela Fernández Callís, a adhesión a este programa financiado con fondos europeos Next Generation "é unha boa nova para o Concello xa que, a través de diversas medidas, axudará aos negocios locais a iniciar a súa transformación dixital e a seren máis competitivos e sostibles".
Este plan suporá un desembolso de case 115.000 euros, dos cales o 70% financiarao o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e o 30% será invertido pola Deputación de Pontevedra e o Concello do Rosal a partes iguais.
No pleno aprobarase tamén unha modificación da ordenanza fiscal reguladora do Mercado Municipal que permitirá avanzar no procedemento administrativo cara incluír a ampliación do mesmo. Ánxela Fernández, rexedora rosaleira, di que "este é un primeiro paso previo á licitación dun novo espazo gastronómico que terá unha superficie total de 166 m2".
Estas e outras cuestións serán as protagonistas do pleno ordinario de hoxe, que terá lugar no Salón de Plenos do Concello do Rosal, a partires das 20:30h.
Concello de O Rosal
O Rosal atesoura as historias que non se atopan nos libros
A alcaldesa presentou no auditorio municipal a segunda edición de Memoria Viva, un proxecto que busca a recompilación do patrimonio inmaterial vivo contado en primeira persoa
Carmen Piedra e Isaac Penela son os protagonistas de dous novos vídeos documentais e dous libros
Atesourar e conservar as lembranzas que contan a historia do Rosal pero que non aparecen nos libros, pero que as persoas maiores gardan con moito agarimo. Ese é o obxectivo do proxecto Memoria Viva, que onte presentou nun emotivo acto no auditorio municipal a súa segunda edición con dous novos protagonistas: Carmen Piedra, con toda unha vida vinculada á música, e Isaac Penela, crego no Rosal dende hai máis de 50 anos.
Con este proxecto plurianual o Concello puxo en marcha un sistema de salvagarda das lembranzas das persoas de maior idade do Rosal co que cada ano se recollen en vídeos documentais e libros as testemuñas e vivencias doutros tempos dos veciños e veciñas, a súa visión de momentos históricos ou a forma de vivir doutros tempos. "É preciso escoitar, ver e gardar todas as historias que as nosas e nosos maiores gardan na súa memoria para non perder unha parte tan importante da nosa historia. Por iso recolleremos pouco a pouco ese patrimonio inmaterial que temos dun xeito diferente: coas e cos protagonistas contándoo en primeira persoa", como sinalou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora agradeceu aos dous protagonistas desta edición a súa paciencia "por esas horas e horas de traballo dedicadas a transmitirnos as súas historias, así como ás familias, persoas achegadas e veciños e veciñas que colaboraron para seguir salvagardando a nosa memoria".
Unha memoria que nesta edición recupérase, por un lado, a través da visión de Carmen Piedra, que cumprirá en novembro 89 anos, "e vivirei outros 89 máis". Unha muller vinculada á música dende o berce, xa que o seu pai, Pablo Piedra, foi impulsor e director dende 1925 da banda de música de Tabagón, xermolo da música no Rosal. Divertida narradora de historias propias e con moito respecto das e dos que xa non están, como resaltou a alcaldesa no acto de presentación, "ten unha memoria prodixiosa, unha intelixencia e unha valentía únicas. Musicalmente no Rosal somos quen somos grazas á súa familia. Carmen herdou esas dotes musicais e foi unha gran violinista, aínda que a realidade doutra época afastouna do seu instrumento, xa que a muller estaba relegada a outras tarefas". "Déixanos para a historia o seu legado e amosa a súa valentía ensinando neste traballo o que ocorría noutros tempos na Ribeira do Rosal", destaca.
Por outro lado, recóllese a historia de Isaac Penela (90 anos), o crego inquedo, "a definición dun bo e xeneroso, da humildade personificada". Como sinalou a rexedora durante a presentación, "foi moito máis que un cura, foi unha persoa implicada socialmente para a que sempre estivo por riba de todo o benestar da veciñanza". Promotor e dinamizador do cooperativismo agrario na vila, loitador durante o conflito da auga entre 1974 e 1977 que case deixa sen este ben tan importante para a vida e o futuro da vila, "crego atípico, bondadoso e moi traballador, sorprende que aos seus 90 anos é quen de empregar as novas tecnoloxías como o que máis. Comprometido coa xustiza, faime especial ilusión compartir con el a súa paixón pola lectura, a economía e viaxar. É un claro exemplo dese patrimonio inmaterial vivo que temos a necesidade de recuperar pouco a pouco para que as xeracións futuras poidan coñecer a nosa historia".
Despois de visualizar os dous novos vídeos documentais do proxecto, a alcaldesa fixo entrega de dous ramos de flores a Carmen e Isaac. O evento, guiado polo rosaleiro Javier Lago, contou coa presenza de familiares e amigos dos protagonistas, así como de numerosos veciños e veciñas que quixeron arroupar aos dous novos protagonistas de 'Memoria Viva'.
O Concello levará as proxeccións destes vídeos documentais aos barrios dos protagonistas. Deste xeito, os veciños e veciñas poderán desfrutar co de Carmen Piedra o vindeiro mércores 17 de agosto na Praza do Maio de Tabagón ás 21.00 horas e co de Isaac Penela o martes 23 de agosto a partir das 20.30 horas na Igrexa de Santa Mariña do Rosal.
Concello de O Rosal
|
|
|
Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
 |
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000
|
Há estórias de casas e casas com história Externato de Santa Rita de Caminha
 |
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000
|
República em Tumulto
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
História Nossa Crónicas de Tempos Passados por Terras de Caminha e Âncora
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento Apoiado pela Fundação EDP
|
Da Monarquia à República no Concelho de Caminha Crónica Política (1906 - 1913)
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
O Estado Novo
e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense
Júlio Baptista (1882 - 1961)
 |
Organização e estudo biográfico do autor
por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora
 |
Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000
|
Memórias da Serra d'Arga
 |
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000
|
Outras Edições Regionais
|