|
Remata con éxito o Obradoiro de Emprego Dual na Guarda
" O acto de clausura e de entrega de diplomas realizouse este venres día 22 de xullo de 2022 no Salón de Actos do Centro Cultural da Guarda.
O venres día 22 de xullo de 2022 o Salón de Actos do Centro Cultural da Guarda acolleu o acto de clausura do Obradoiro de Emprego Manuel B. Portela VII que tivo lugar nos pasados 9 meses en formato dual, orientado á atención sociosanitaria en institucións e á promoción turística local e información ao visitante.
No acto de clausura a Concelleira de Desenvolvemento Local e Educación, Fátima Rodríguez, amosou a súa satisfacción polo feito de que o alumnado deste obradoiro tivese a oportunidade de mellorar a súa inserción laboral e formarse na súa propia localidade, indicando que as prácticas realizadas tamén supoñen unha boa maneira de achegarse ao mercado laboral e por en práctica os coñecementos adquiridos ao longo destes 9 meses de obradoiro.
Para o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, o Obradoiro de Emprego é unha ferramenta moi importante para formar a veciños e veciñas da Guarda, a aposta do equipo de goberno municipal é continuar na mellora das instalacións, como as actuais obras de mellora da accesibilidade deste espazo e poder así formando a poboación guardesa sen necesidade de saír da vila.
Este obradoiro está subvencionado pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade.
Todas as persoas que participaron no obradoiro beneficiaronse dunha formación específica durante un total nove meses, realizando ademais traballos e servizos de interese xeral e público a prol da sociedade incluídos en cada proxecto, e ademais puideron optar a prácticas en entidades e servizos do propio concello.
Trátase dun programa de formación moderno, dual, orientado a desempregados, para mellorar a súa empregabilidade, posibilidades de futuro e inserción laboral, que ademais permitíu recibir unha remuneración durante nove meses. Esta formación contribuíu tanto ao seu beneficio persoal, mellorando a súa capacitación, como ao da comunidade.
150 xoves da Ruta Quetzal visitan o Monte Santa Trega
o Os xoves, provenientes de diversos puntos de España, realizaron unha visitan polos diferentes puntos de interese do Monte Trega da Guarda para coñecer máis sobre a súa historia e patrimonio.
A Ruta Quetzal, con ao redor de 150 xoves de 15 e 16 anos e provenientes de diversos puntos da xeografía española, visitaron este mércores 20 de xullo os lugares máis emblemáticos do Monte Santa Trega, un lugar de gran riqueza cultural e patrimonial do municipio da Guarda.
Os xoves subiron ao Monte Santa Trega para coñecer a súa historia arqueolóxica a través de unha visita polo poboado castrexo de Santa Trega, con máis de dous mil anos de antigüidade que caracterizan a historia deste lugar.
A Ruta Quetzal é un programa de estudo e aventura creado en 1979 por suxerencia do Rei de España naquel momento, Juan Carlos I, e o periodista Miguel de la Quadra-Salcedo, co obxectivo de consolidar entre a xuventude os chave da Comunidad Iberoamericana de Nacións entre todos os países de fala hispana, incluídos Brasil e Portugal.
A expedición que levará a cabo este ano os xoves da Ruta Quetzal conmemora o Ano Santo Xacobeo 2022 a través da denominada Expedición Translatio. Con ela, los 150 xoves revivirán durante dez días a historia do Apóstolo Santiago.
A Guarda prepárase para acoller a II Mostra Creativa do Baixo Miño
" A II Mostra Creativa do Baixo Miño terá lugar o sábado 30 de Xullo na Praza de Avelino Vicente (As de Copas).
" As inscricións, de balde, continúan abertas ata o día 28 de xullo.
O Concello da Guarda segue apostando polo emprendemento e por visibilizar a gran cantidade de marcas e talentos creativos que temos na nosa comarca, xa sexan de artesanía ou en formas máis modernas de expresión.
A II Mostra Creativa do Baixo Miño contará este ano con preto dunha vintena de stands participantes, e as inscricións, que son de balde, continúan abertas ata o vindeiro día 28 de xullo.
A programación deste ano inclúe actividades de todo tipo que terán lugar na Praza de Avelino Vicente(As de Copas) en horario de 10:30h a 15:30h e de 18:30h a 22:30h:
10:30h - Apertura da Mostra Creativa
11:00h - Obradoiro Infantil Peixe Espada(Asoc. Piueiro)
12:00h - Concerto Terapia de Grupo(Pop-Rock do Baixo Miño)
13:30h - Pasarrúas dende a Praza Avelino Vicente ata o Porto da Guarda
19:00h - Contos Contados para público infantil(Ma Nunú)
20:30h - Concerto Cazacús(Punk-Rock A Guarda)
21:30h - Pasarrúas dende a Praza Avelino Vicente ata o Porto da Guarda
22:30h - Peche da Mostra Creativa
Ata este momento xa confirmaron a súa asistencia a esta segunda edición as seguintes marcas e talentos creativos: Acontravento, Ada Negra, Ana de la Guerra, Coco, Eduar Clothing, La Casa Taller, Littlevero, Luc & Luc - Inma Losada, Mar Jewelrin, Marina San Miguel, Marron Glaçe, Matriz Galega, Sapone di Principessa, Silvia Pérez, Vargas Lemos, Vikensen…
Este ano a Mostra creativa únese á Festa do Peixe Espada organizada dende ORPAGU(29-31 de xullo), compartindo parte da programación, como son os pasarrúas ou a actividade do Obradoiro Infantil sobre o Peixe Espada.
Un dos obxectivos da iniciativa, que tivo a súa primeira convocatoria no 2021, é acadar que a Mostra se poda consolidar como un evento de referencia e con periodicidade anual onde mostrar o gran talento que temos no Baixo Miño. Por isto convidamos a todas as persoas deseñadoras, marcas e artesáns da nosa comarca que desexen participar a que aproveiten os últimos días que restan de inscrición e cubran a ficha de inscrición e a envíen ao correo electrónico info@acontravento.gal
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, desafía ao portavoz do BNG local a un debate público sobre o PERI 5.
O BNG continúa mentindo e manipulando a cidadanía con informacións sobre as posibilidades do PERI 5 que nada teñen que ver coa realidade.
O BNG da Guarda minte ao afirmar que se lograrían 15.000 m2 para dotacións públicas ao desenvolver o PERI 5.
Menten ao dicir que ao segregar a finca de Fínola se reduce a superficie para dotacións que se obtén co desenvolvemento do PERI. Todo o contrario, grazas a compra da finca de Fínola, o chan dotacional municipal aumenta en 3000 m2 dado que o concello non perde dereitos sobre o novo ámbito do PERI. Máis aínda, ao actualizar a ficha á lexislación actual aumentan as cesións para dotacións municipais e vivenda protexida.
O BNG foi en contra dos intereses da veciñanza en 2018 ao votar contra a compra da finca de Fínola e agora non queren recoñecer aquel erro e continúan posicionados contra a opción mais favorable para a Guarda: converter unha propiedade municipal nun solar de chan dotacional.
O posicionamento do grupo socialista e do alcalde Antonio Lomba e claro: "mentres gobernemos seguiremos avanzando na modificación puntual que posibilitará, nun tempo breve, adicar a finca de Fínola a cubrir as necesidades da veciñanza. Sería un gran avance para a Guarda poder unir a alameda con Fínola para ampliar a zona de ocio no centro da vila; construír nese espazo un auditorio e un aparcadoiro subterráneo."
O alcalde pide a confianza da cidadanía nas xestións que se están a facer: "a veciñanza da Guarda merece ter información clara e veráz". Por este motivo o alcalde da Guarda, Antonio Lomba reta ao portavoz do BNG, Anxo Baz a un debate público para desmontar as súas afirmacións. A fórmula pode ser a celebración dun pleno extraordinario monográfico ou calquera outra que o portavoz do BNG prefira.
O BNG RESPÓNDELLE AO ALCALDE DA GUARDA QUE POÑA DÍA E HORA PARA DEBATER SOBRE O ACORDO ENTRE O PSOE E O PP NO PERI 5
Anxo Baz: "para o BNG é crucial desenvolver este PERI e facerse cos 15.000 m² de terreo municipal para facer fronte aos retos da nosa sociedade, que demanda espazos públicos de calidade".
O portavoz do BNG, Anxo Baz fixo público un comunicado no que mostra a aceptación do seu grupo a un debate público sobre o PERI 5 e manifesta que " unha vez máis, faran un esforzo para convencer ao PSOE e ao PP de que 15.000 m² que se logran desenvolvendo o PERI son 5 veces máis que os 3.000 m² que ofrece o pacto entre o PSOE e o PP".
O nacionalista recórdalle tamén ao Alcalde que aínda está a espera dunha reunión para falar do mesmo tema no que estivera presente o Arquitecto Municipal, proposta feita polo o Alcalde no Pleno, e da que non se volveu saber máis.
Anxo Baz insiste en que o desenvolvemento do PERI na súa totalidade dotaría A Guarda de 15.000 m² de terreo municipal para infraestruturas, aparcamentos en superficie e zonas verdes que sumado aos terreos da Alameda Municipal conformarían un importante pulmón verde no Centro da Guarda.
O nacionalista insiste " que para o BNG é crucial desenvolver este PERI e facerse cos 15.000 m² de terreo municipal para levar adiante un proxecto capaz de facer fronte aos retos da nosa sociedade, que demanda espazos de calidade".
Anxo Baz recórdalle ao Alcalde que está en minoría e que debera escoitar máis e tratar de conseguir un consenso con todas as forzas políticas para desenvolver este PERI do xeito máis satisfatorio posibel para o pobo da Guarda. Hai decisións que son irreversíbeis e de gran transcendencia como o desenvolvemento do PERI 5, que non se poden tomar a lixeira polas consecuencias futuras que van ter.
A programación de Verán continúa esta semana na Guarda con cinema, Feira Outlet, concertos e eventos deportivos
" A programación da Axenda de Verán e de Miúdo Verán continúa con actividades de todo tipo e para todo tipo de públicos.
O Concello da Guarda continúa coas actividades da Axenda de Verán 2022, unha programación de actividades extensa, para todos os gustos e para todas as idades, que estenden ata o mes de setembro con concertos, exposicións, actividades de rúa, eventos deportivos, festas gastronómicas, populares e relixiosas, entre outros.
A concelleira de Cultura, Montserrat Magallanes, destaca a gran aposta feita dende o consistorio municipal para realizar unha programación variada e atractiva, tanto para guardeses coma visitantes, e que sen dúbida non deixará a ninguén indiferente.
Montserrat Magallanes indicou na presentación desta axenda que A Guarda contará este ano cun verán no que se retoma a actividade cultural, de ocio e deportiva trala pandemia, froito dun amplo traballo de programación e organización que se pode ver xa reflexado na gran cantidade de eventos recollidos nesta Axenda de Verán 2022.
O Alcalde da Guarda convida a visitantes e guardeses a participar nesta programación da Axenda de Verán 2022, cunha variedade e calidade de eventos que fará de impulso para todo o tecido empresarial da vila, atraendo a moitas persoas e incentivando tamén a actividade comercial da vila da Guarda.
Dende o Concello da Guarda se fai un agradecemento público a todas as asociacións culturais e deportivas da vila, que co seu traballo enriquecen ao noso pobo e conseguen facer sorrir, desfrutar e pasar un rato agradable a todas as persoas que se achegan a participar con elas da cultura e do deporte na nosa vila. Despois da pandemia precisamos recuperar o tempo perdido e voltar a desfrutar dos bos momentos, encher as nosas rúas de música, baile, cine e doutras expresións artísticas.
A programación de actividades continúa esta semana coa proxección de Cine na Rúa "Bella y el circo mágico", que terá lugar o xoves 21 de xullo ás 22:30h na Praza do Reló.
Na xornada do sábado 23 de xullo a Praza de Avelino Vicente acolle a Feira Outlet do comercio guardés organizada por ACIGU CCA.
Tamén na xornada do sábado día 23 de xullo o Auditorio de San Benito acolle o XXVII Encontro dos Pobos, o festival folclórico internacional máis lonxevo da nosa comarca, que este ano contará coa participación de los grupos de Portugal e Eslovaquia: Vento Mareiro, Xamaraina, Doxe nun ano, G.F.S Sebastiao, Do lusco ó fusco e Drevar, baixo a organización da A.C Do Lusco ó Fusco.
O sábado 23 en horario de mañá terá lugar a II Carreira de Orientación - Concello da Guarda, un evento deportivo que consistirá en visitar no menor tempo posible tódalas balizas establecidas na orde que se indica no mapa con ata 4 participantes por equipo e con 3 categorías de competición: Xestiñas (categoría para nen@s, sinxela física e técnicamente, con menos de 3kms en total), Xestas: categoría para adult@s, nivel físico e técnico medio con menos de 4kms en total) e Xesteiras (categoría para persoas con medios/altos coñecementos de orientación, nivel físico e técnico alto con máis de 5kms en total). As inscricións están abertas en: https://xestanatureza.com/eventos/orientacionaguarda/
A Axenda de Verán continúa nos meses de xullo, agosto e setembro con actividades coma os festivais de Baile Moderno de Xamaraina, a programación de actividades infantís de "Miúdo Verán"(todos os xoves), eventos deportivos, a Festa do Peixe Espada, a Mostra Creativa, presentación de libros e exposicións, as Festas de San Cayetano, o Encontro do libro Luso-Galaico, a Festa do Percebe, concerto da Agrupación Musical da Guarda, as Festas da Virxe da Guía, as Festas das Mercedes ou a Mostra Asociativa
Especial mención nesta programación para as Festas do Monte, que terán lugar do 8 ao 15 de agosto, a semana grande de festas na Guarda, unha semana na que as noites de verbenas se compaxinan con diferentes actividades deportivas e culturais. Na xornada do sábado día 13 de agosto ás 11:30h ten lugar o Desfile Folclórico e De Bandas Mariñeiras, un desfile multitudinario previo ao día grande o Domingo do Monte, no que dende a mañá as Bandas Mariñeiras soben ata o cumio do Monte Santa Trega para realizar os seus xuramentos ao son dos bombos, tambores e gaitas. As festas rematarán na noite do Luns día 15 de agosto coa Gran tirada de fogos de artificio no Porto da Guarda.
EXPOSICIÓNS
A Guarda terá tamén unha importante exposición pictórica este verán que estará na Casa dos Alonso entre o 26 de xullo e o 13 de agosto, e na que se poderán observar e apreciar os traballos e pinturas da artista guardesa Chuny Alonso.
VISITAS GUIADAS AO CASTRO DE SANTA TREGA
Ao longo do verán e de martes a domingo ofértanse visitas guiadas ao Castro de Santa Trega, unha oportunidade para coñecer o noso patrimonio con visitas que terán lugar ás
12:00h, 13:00h, 18:00h e 19:00h horas
Inscrición e información no enderezo electrónico masat@aguarda.es ou no teléfono 690 017 038.
PROGRAMA COMPLETO
21 DE XULLO
CINE NA RÚA "BELLA Y EL CIRCO MÁGICO"
Na Praza do Reló ás 22:30 horas.
23 DE XULLO
FERIA OUTLET
Na praza de Avelino Vicente
Organiza: ACIGU
23 DE XULLO
ENCONTRO DOS POBOS
No Auditorio de San Benito ás 20:30 horas
Organiza: A C. Do Lusco ó Fusco
23 DE XULLO
II CARREIRA DE ORIENTACIÓN
inscricións www.xestanatureza.com
28 DE XULLO
CONCERTO INFANTIL ROCKEANDO CON RAMONA ÓRBITA, A DONA DO TEMPO
Na Praza do Reló ás 20:30h
29, 30, 31 DE XULLO
FESTA DO PEIXE ESPADA
Nos restaurantes da Vila
Organiza: ORPAGU
30 DE XULLO
MOSTRA CREATIVA DO BAIXO MIÑO
Na praza de Avelino Vicente
30 DE XULLO
EVENTO DEPORTIVO DO CLUBE DE JUDO BAIXO MIÑO
No Campo de fútbol da Sangriña ás 20:30 horas
Organiza: Clube de Judo Baixo Miño.
4 DE AGOSTO
ESPECTÁCULO DE CIRCO "CARMAN"
No Auditorio de San Benito ás 20:30 horas
4 DE AGOSTO
PRESENTACIÓN DO LIBRO "SOBRE LA CRIANZA", de Jesús Rodríguez Salazar.
No Centro Cultural ás 19:30 horas.
4, 5, 6, 7 DE AGOSTO
FESTAS DE SAN CAYETANO
No Barrio da Cruzada
Organiza: Comisión de Festas de San Cayetano
8 ó 15 DE AGOSTO
FESTAS DO MONTE
Na Alameda e rúas da vila.
Organiza: A.V C.D. Alameda
11 DE AGOSTO
GALICIA ILUSIONA, ILUSIONISMO
No Auditorio de San Benito ás 20:30 horas.
19, 20 DE AGOSTO
III ENCONTRO DO LIBRO LUSO GALAICO
Na Praza do Reló
20 DE AGOSTO
FERIA OUTLET
Na Praza de Avelino Vicente
Organiza: ACIGU
20 DE AGOSTO
II TORNEO DE PETANCA CONCELLO DA GUARDA
No Campo do Codesal
24 DE AGOSTO
CONCERTO MÚSICA NO AR
No atrio da Igrexa Parroquial ás 20:30 horas.
Organiza: Deputación de Pontevedra
23,27 E 28 DE AGOSTO
FESTA DO PERCEBE
Na Alameda da Guarda
Organiza: A.C. Alameda
26 DE AGOSTO
TEATRO CRÓNICAS DO PARAÍSO
Na Praza do Reló ás 21:30 horas.
27 DE AGOSTO
CONCERTO DE VERÁN DA BANDA DE MÚSICA DA GUARDA
No Auditorio de San Benito ás 20:30 horas
Organiza: Agrupación Musical da Guarda
28 DE AGOSTO
FESTIVAL DE BAILE MODERNO "REMEMBER"
No Auditorio de San Benito ás 20:00 horas
Organiza: A.C. Xamaraina
28 DE AGOSTO
CARREIRA PEDESTRE VIRXE DA GUÍA
Na Praza da Guía ás 19:00 horas
Organiza: Comisión de Festas Virxe da Guía
2, 3, 4 DE SETEMBRO
FESTAS VIRXE DA GUÍA
Na Praza da Guía
Organiza: Comisión de Festas Virxe Guía
3 DE SETEMBRO
PERFORMANCE FOCO, PROXECTOS ANTIBULOS
Na praza de Avelino Vicente às 12:00 horas.
Organiza: A. FOCO
DO 3 AO 25 DE SETEMBRO
FESTAS DAS MERCEDES A GÁNDARA
No barrio da Gándara
Organiza: A.V V. O Percamino
10 DE SETEMBRO
MOSTRA ASOCIATIVA
Na Praza de Avelino Vicente a partir das 15:30 horas
|