O luns abre ao público a piscina municipal
O seu horario será de 13.30 h a 20.30 h de luns a venres, e dende ás 12.30 h os festivos, sábados e domingos
A piscina municipal de Tui abrirá ao público dende o próximo luns, 27 de xuño, e até a primeira semana do mes de setembro.
A cidadanía poderá gozar destas instalacións a partir do próximo luns de luns a venres de 13.30 a 20.30 h e os sábados, domingos e festivos de 12.30 a 20.30 h.
Mantéñense os mesmos prezos que en 2019. A entrada individual de adultos custará 2€, mentres que para cativos e cativas de 4 a 14 anos, e persoas xubiladas será de 1,5 €. Establécense amais bonos de 30 baños por importe de 40€ para adultos e de 35€ para público infantil e xubilado.
Piscina Municipal de Tui
Horario:
o De luns a venres de 13.30 a 20.30 h
o Sábados, domingos e festivos de 12.30 a 20.30 h
Prezos:
o Entrada individual adulto 2€
o Entrada individual infantil (4 a 14 anos) / xubilados/as 1,5€
o Bono 30 baños adulto 40€
o Bono 30 baños infantil / xubilados/as 35€
O alcalde de Tui asiste á Ofrenda do Antigo Reino de Galicia
Será este domingo na Catedral de Lugo
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, asistirá este domingo na cidade de Lugo aos actos da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia á Xesús Sacramentado que terá lugar na catedral daquela cidade.
Anualmente, o domingo seguinte ao do Corpus Christi ten lugar este acto institucional e relixioso centenario no que participan os mandatarios das antigas capitais do Reino de Galicia: A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, Mondoñedo, Betanzos e Tui. Trátase da ofrenda ao Santísimo e a súa posterior procesión pola cidade, coa que aqueles cumpren co voto solemne que fixeron en 1669, ante as dificultades económicas da Catedral de Lugo, de dotala dunha renda anual coa que iluminar o Altar Maior.
Desde 1925 ata os nosos días celébrase o rito da Ofrenda do mesmo xeito nunha misa solemne: por quendas rotatorias anuais, os mandatarios municipais das sete cidades do Antigo Reino de Galicia (o alcalde de cada cidade ou un delegado ou representante seu) presenta a Ofrenda. Entre as tradicións litúrxicas, unha banda de gaiteiros interpreta a Marcha Solemne do Antigo Reino de Galicia, con gaitas en tres tonalidades e percusión.
Esta Ofrenda do Antigo Reino de Galicia é a tradición institucional máis antiga que se conserva en Galicia como símbolo da nosa identidade e condición colectiva do noso país.
Para o rexedor tudense, Enrique Cabaleiro, este acto ten un alto valor simbólico polo seu carácter municipalista e polo valor patrimonial que posúe esta tradición que conta con mais de 350 anos de existencia continuada.
O CONSORCIO DE AUGAS DO LOURO ENTREGA OS PREMIOS AOS/AS GAÑADORES/AS DA V EDICIÓN DO CONCURSO DE DEBUXO
A EDAR de Guillarei acolleu hoxe a entrega dos premios da quinta edición concurso de debuxo infantil impulsado polo Consorcio de Augas do Louro con motivo do Día Mundial da Auga, que desta vez xirou baixo o lema "AQUAL E ODS6, NO NOVO RETO AQUA-OLÍMPICO". No mesmo participaron escolares de 3º e 4º de primaria dos catro concellos consorciados.
O presidente do Consorcio de Augas do Louro e alcalde do Concello do Porriño, Alejandro Lorenzo, a alcaldesa de Salceda de Caselas, Verónica Tourón, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Tui, Ana María Núñez, fixeron entrega dos agasallos aos/as gañadores/as: unha tablet para os que se fixeron co primeiro posto en cada concello e un smartwatch para os segundos e terceiros.
Os premiados este ano foron:
SALCEDA DE CASELAS
1. Martín Díaz - CEIP Altamira
2. Juan Zamora - CEIP Altamira
3. Bruno Rocha - CEIP Altamira
O PORRIÑO
1. Grecia Valentina Álvarez - CPR Plurilingüe Hermanos Quiroga
2. Alma Fernández - CPR Plurilingüe Hermanos Quiroga
3. Irene Fernández CPR Plurilingüe Hermanos Quiroga
MOS
1. Óscar Ucha - CEIP Atín Cela
2. Juan José González - CEIP Atín Cela
3. Isaac Nunes - CEIP Petelos
TUI
1. Evelyn Montero - CEIP Nº 2
2. Noa Fernández - CEIP Nº2
3. Hugo Álvarez - CEIP Pazos de Reis
Os debuxos poden verse na páxina web do consorcio na dirección www.consorciodolouro.es
Máis de 200 nenos e nenas participan no Campamento de Verán Igual É + 2022
A primeira quenda comeza o próximo luns no Pavillón Deportivo Municipal Gustavo Rodríguez
Un total de 228 nenos e nenas, con idades entre os 3 e os 12 anos, participarán no Campamento de Verán Igual É + 202 organizado polo Concello de Tui a través das concellerías de Deportes e Igualdade. O obxectivo é facilitar a conciliación familiar durante a época estival ao tempo que brindar aos nenos e nenas unha actividade de lecer durante as vacacións.
O próximo luns, 27 de xuño, comezará a primeira quenda que se prolongará até o venres 1 de xullo. Na mesma están inscritos 77 nenos e nenas.. Os nenos e nenas deberán levar roupa cómoda, unha mochila co seu nome, merenda, unha botella de auga, protección solar e gorra. No pavillón deportivo municipal Gustavo Rodríguez situarase a sede deste campamento. O horario para deixar aos e ás participantes será de 7.45 a 9 h, e para recollelos de 14 a 15.15 h.
A segunda quenda, que se celebrará do 4 ao 18 de xullo, contará con 180 participantes, e a terceira quenda, entre o 18 e 29 de xullo, con 150 nenos e nenas.
No inicio de cada quenda entregarase a programación prevista para este períodos na que se especificará as actividades a realizar.
A educación en diversidade e un "Serán de Fantasía" centran o programa "Tui con orgullo"
Iluminarase o palco da música da Corredoira coas cores do arco da vella e colocarase a bandeira deste colectivo na casa do concello
Celebrar a diversidade e reivindicar unha sociedade máis xusta é o obxectivo do programa de actividades "Tui con orgullo" que por terceiro ano consecutivo se vai celebrar organizado pola Concellería de Igualdade. As actividade comezaron o pasado 17 de xuño e se van prolongar até o venres 1 de xuño.
Dende o próximo luns e para visibilizar "Tui con orgullo" colgarase da casa do Concello a bandeira representativa deste colectivo, ao tempo que o palco da música no Paseo da Corredoira iluminarase coas cores do arco da vella
O martes 28 de xuño, Día do Orgullo, difundirase na web municipal, www.tui.gal, e nas redes sociais municipais un manifesto.
O xoves, 30 de xuño, ás 20.30 h na Aula da UNED terá lugar a charla en aberto "Educando para o século XXI. Abrazando a diversidade" a cargo de Ana Ojea Alonso, profesora de Secundaria, titora LGTBIQA+ e coordinadora do programa de Atención á Diversidade Sexual, de Identidade de Xénero e Familiar dende o curso 2016/17 no IES Politécnico de Vigo. A poñente é tamén cofundadora e coordinadora da asociación Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia e formadora de profesorado e creadora de material didáctico sobre diversidade sexoxenérica e familiar.
Xa o venres, 1 de xullo, ás 20.30 h, no Paseo da Corredoira terá lugar o "Serán de Fantasía". Este acto comezará co espectáculo "A drag pandereteira" a cargo de Meiga-I, que creará unha auténtica fantasía galega, pondo en valor a diversidade e a cultura propia, nunha performance na que fusiona o folk galego coa disciplina drag. A continuación ás 21.30 h, actuará a Big Band formada polo alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Tui, que se suman a esta celebración da diversidade.
Este programa de actividades "Tui con orgullo" comezou o pasado venres, 17 de xuño, no IES San Paio cun encontro do alumnado do centro con Nee Barros Fernández. A través da súa obra "Identidade", Nee Barros abordou o tema da identidade de xénero dun xeito moi persoal e cunha linguaxe quen de chegar ao público máis novo. No encontro coa mocidade abordou realidades coma transxénero, identidade, linguaxe non sexista,… Tamén falou en primeira persoa de sexo, xénero e identidade das persoas trans. Con esta actividade deuse visibilidade á realidade das persoas trans e dos abusos que padecen.
A participación nestas actividades é de balde até completar o aforo, non sendo precisa inscrición previa. Recoméndase asistir con 10 minutos de antelación. As persoas interesadas poden acadar máis información na web municipal tui.gal ou no correo igualdade@tui.gal.
Tui con Orgullo
" Venres, 17 de xuño, no IES San Paio
o Encontro con Nee Barros
" Luns, 27 de xuño
o Colocación da bandeira representativa do colectivo na casa do concello e iluminación coas cores do arco da vella do palco da música no Paseo da Corredoira
" Martes, 28 de xuño - Día do Orgullo
o Difusión do manifesto do Día do Orgullo en www.tui.gal e nas redes sociais
" Xoves, 30 de xuño, ás 20.30 h na Aula da UNED
o Charla "Educando para o século XXI. Abrazando a diversidade" a cargo de Ana Ojea Alonso, profesora de Secundaria, titora LGTBIQA+ e coordinadora do programa de Atención á Diversidade Sexual, de Identidade de Xénero e Familiar
" Venres, 1 de xullo, no Paseo da Corredoira "Serán de Fantasía"
o Ás 20.30 h espectáculo a cargo da drag pandereteira Meiga-I
o Ás 21.30 h actuación da Big Band do Conservatorio Profesional de Música de Tui.
Máis de 300 deportistas participan este domingo no VIII Campionato Ibérico de Kung Fu Eurocidade
Celebrarase a partir das 10.30 h no pavillón Gustavo Rodríguez
O pavillón Gustavo Rodríguez acollerá este domingo, 26 de xuño, dende ás 10.30 h o VIII Campionato Ibérico de Kung Fu Eurocidade. Esta proba deportiva está organizada polo Club Di Som Tui en colaboración coa Eurocidade Tui-Valença e a Federación Galega de Kung Fu. Esta competición deportiva reunirá a máis de 300 participantes de España e Portugal.
Na presentación deste campionato, que tivo lugar na casa do concello de Tui, o alcalde, Enrique Cabaleiro, destacaba que "para a Eurocidade Valença-Tui ser sede de cantos actos e probas deportivas se organicen é unha satisfacción. Creo que ningún lugar mellor ca este para acoller este tipo de probas" engadindo que "este carácter transfronteirizo lle da un valor engadido". Sinalaba Enrique Cabaleiro que "esta institución está sempre aberta e disposta a colaborar en canto eventos probas deportivas se organicen". Remataba facendo un convite á cidadanía a "disfrutar o domingo dunha magnífica xornada de deporte".
O concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, reiteraba a invitación a acudir este domingo ao Pavillón Gustavo Rodríguez para presenciar esta proba. Referíase a este campionato coma "un evento consolidado" ao tempo que afirmaba que "seguiremos apostando e traballando polo kung fu e polo deporte". Na súa intervención resaltou tamén a gran actividade deportiva que hai en Tui e na Eurocidade.
Arlindo Sousa, vareador de Desporto da Cámara de Valença, agradecía a realización deste Campionato Ibérico na Eurocidade salientando "a forza desta modalidade na rexión e na atracción para novos deportistas que se queiran sumar a este deporte". Desexaba que este domingo este evento "sexa unha festa das artes marciais".
Carlos Alonso, presidente da Federación Galega de Kung Fu indicaba que este campionato aglutina o kung fu tradicional e o moderno, salientado que é "moi espectacular". Avanzaba que a competición poderá seguirse por streaming. Tamén se refería ao carácter integrador deste deporte porque aglutina a homes e mulleres na mesma competición, porque aglutina a diversas institucións e pola participación de deportistas de España e Portugal.
Daniel Benavides, o xefe do servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, salientaba coma Tui é un referente no deporte e no kung fu. Referiase tamén aos lazos de colaboración con Valença.
Mentres Eduardo Méndez Sanjurjo, director do comité organizador, agradeceu contar coa confianza da Federación para levar a cabo esta competición en Tui. Lembrou que o club Di Som conta cunha traxectoria de 40 anos, un tempo que no teñen desenvolvido 25 campionatos en Tui. Con respecto ao kung fu dicía que é "unha das modalidades deportivas máis espectaculares, cun sistema de competición no que amais dos elementos de kung fu destacan os elementos creativos e a capacidade de potenciar habilidades e destrezas do deportivo nun marco de deportividade".
Na presentación estivo tamén Raúl Fernández, campión de España, que practica kung fu dende os 6 anos, e que conta no seu haber con 5 campionatos galegos, 3 Ibéricos e 2 de Kuo Su. Indicaba que agarda que con estes eventos "consigamos levar o kung Fu a niveles máis altos e que consiga maior relevancia a nivel galego e nacional".
No Campionato Ibérico deste domingo a competición está baseada en aspectos técnicos, estéticos e educativos do Kung Fu, de tal xeito que os participantes, tanto a nivel individual coma por equipos, terán que realizar tres probas: combinación de movementos libres, defensa persoal simulada e patrón de movementos previamente establecido para cada categoría. Competirán nas categorías alevín, infantil, junior, senior e vetaranos. O domingo agardan reunir a máis de 1500 persoas no público.
O transporte en tren e a protección do medio natural entre as prioridades do CEIP Nº1
O alumnado deste centro educativo reuniuse co equipo da Axenda Urbana para trasladarlle a necesidade de ter máis composteiros, maior concienciación e mellor xestión dos residuos, entre outras iniciativas
O CEIP Nº1 de Tui despediu o curso escolar recibindo ao equipo da Axenda Urbana. Xuntos diagnosticaron a situación actual da cidade e adiantaron futuras iniciativas, sempre sostibles, para implantar.
O equipo da Axenda Urbana atopouse con interlocutores expertos coñecedores de cada un dos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible) moi conscientes da importancia de vivir en equilibrio. O alumnado do Nº1 vén de clausurar o seu congreso educativo ODS 2030 e de traballar ao longo do curso no coñecemento de cada un dos dezasete obxectivos.
Coidar e valorar o patrimonio natural, máis composteiros, maior concienciación e mellor xestión dos residuos e sendas seguras para percorrer con liberdade en bicicleta ou a pé son algunhas das propostas do alumnado que non dubidou en salientar a situación actual do transporte ferroviario na cidade. O alumnado puxo o foco nas dúas estacións de Tui, na pouca oferta de horarios, na imposibilidade de conectar con outras cidades dende as súas estacións e na necesidade de reactivar e fomentar os desprazamentos en tren por economía e por ecoloxía.
Outra das demandas foi un cine, unha necesidade anteriormente citada no resto dos centros educativos, e que o alumnado considera que podería ubicarse ou no Teatro Principal ou no Outlet. Precisamente o centro comercial de Areas foi un dos asuntos de debate. Segundo o alumnado non cubre as expectativas e tampouco é doado achegarse se non dispós de coche. É dicir, conexión segura a pé ou en bicicleta e máis oferta comercial son indispensables para facer atractivo este espazo.
A Axenda Urbana de Tui é un documento estratéxico que marcará o crecemento do concello ao longo dos vindeiros dez anos. Polas súas fortalezas a Unión Europea e o goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, decidiron apostar por Tui converténdoo no único concello da provincia de menos de 20.000 habitantes con financiación para redactar a súa Axenda Urbana.
Co obxectivo de redactar unha estratexia consensuada, parte do equipo redactor reúnese ao longo destes meses coas asociacións e colectivos veciñais, sociais e comerciais de todo o concello así como escolares e tamén a mocidade dos institutos de secundaria.
Tui camiñará cara un desenvolvemento sostible no que a procura dunha mellor calidade de vida para a veciñanza é o obxectivo prioritario e farao cun documento consensuado financiado cos fondos Next Generation e que planificará os vindeiros dez anos en liña con dez Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
Dos 8131 concellos que hai en España tan só 121 foron seleccionados para a redacción dunha Axenda Urbana. Polas súas fortalezas e posicionamento estratéxico Tui é un dos municipios seleccionados por Europa para redactar o seu proxecto piloto e servir de exemplo ao resto de cidades de España e Europa.
Éxito da primeira edición de Educalimpando
Alumnado e profesorado de sete centros educativos participou nesta recollida simultánea de lixo por distintos lugares de Tui
Éxito da primeira edición de Educalimpando, a recollida simultánea de lixo organizada polo Concello de Tui coa participación de sete centros escolares, con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente. O obxectivo desta actividade, que nace con vocación de continuidade celebrándose anualmente, é concienciar sobre a importancia de non deixar lixo por onde pasamos para respectar o medio ambiente.
Preto de 650 persoas entre alumnado e profesorado dos CEIP's nº2, Caldelas, Pazos de Reis, Randufe, Rebordáns, o Colexio Maristas, e o IES Indalecio Pérez Tizón levaron a cabo o pasado día 10 esta recollida simultánea de lixo nos propios centros educativos pero tamén na súa contorna recollendo en total preto de 4000 mil quilos de lixo.
O CEIP nº2 e o IES Indalecio Pérez levaron a cabo esta actuación na Alameda e na Igrexa de San Domingos, na Mariña e no bosque de ribeira das inmediacións.
Dende o Colexio Maristas levaron a cabo a limpeza da zona do Anxo en Pazos de Reis. Tamén nesta zona do Anxo, pero amais no Seixal, Herdeiros, Ricamonde, Barrocas, e a Macaco, estiveron recollendo lixo o alumnado e profesorado do CEIP de Pazos de Reis.
Por outra parte o alumnado de profesorado do CEIP de Rebordáns recolleu o lixo no propio centro, no parque infantil situado fronte ao colexio así coma nos camiños e estradas da contorna. Tamén dende o CEIP de Randufe participaron en Educalimpando actuando no propio centro educativo pero tamén nas inmediacións do centro. O mesmo fixeron dende o CEIP de Caldelas que se achegaron tamén aos montes comunais próximos aos recinto escolar.
O lixo recollido foi separado nas distintas fraccións co que o reconto final foi de 30 bolsas de 100 litros de fracción resto, 31 bolsas de 50 litros de envases, e 4 bolsas de papel e cartón, en total encheuse a caixa dun camión pequeno.
A mocidade conversa co equipo da Axenda Urbana de Tui sobre a súa cidade
Transporte que conecte ás parroquias co centro urbano e coas cidades da área metropolitana, patinetes e bicicletas de aluguer para desprazarse dende a súa cidade a Valença, un cine, participar e facer deporte son as principais demandas do alumnado do IES Indalecio Pérez Tizón e do IES San Paio
"Poder movernos sen ter que depender de que as nosas familias nos poidan desprazar no coche", esta é unha das principais demandas da mocidade dos institutos de ensinanza secundaria de Tui. O equipo da Axenda Urbana reuníuse no día co alumnado do IES Indalecio Pérez Tizón e co do IES San Paio de Tui. Todos e todas elas coincidiron na necesidade de desprazarse ás súas actividades de xeito independente. Bicicleta, patinete e transporte público son os medios nos que a mocidade estaría disposta a moverse no seu día a día "para practicar deporte, para ir á praia, para ir aos centros de formación da área metropolitana..."
Compartir é outra das palabras que máis se repetiu ao longo das reunións, compartir patinetes, compartir bicicletas e compartir servizos tanto das parroquias como de Valença. O IES San Paio de Tui puña enriba da mesa "unha estación na que intercambiar autobús e trens con Portugal e na que poder coller e deixar patinetes e bicicletas. En definitiva, fluír con liberdade e seguridade.
Ademais, solicitaron máis pistas deportivas e un lugar de encontro polivalente que albergue un espazo diferenciado para a infancia e para a mocidade no que atopar pistas deportivas, zona de estudo pero tamén espazo para a conversa, para quedar cando chove e para xogar en liña.
Metidos en debate tamén analizaron o enfoque turístico da súa cidade e demandaron potenciar as augas termais de Caldelas, o río, as actividades acuáticas e o conxunto histórico do que se senten orgullosos, pero no que non atopan nada que facer.
Pola súa banda, o alumnado do IES Indalecio Pérez Tizón, ademais de concordar coas demandas anteriores, engadiu a necesidade de coidar dos ríos e frear a invasión das potencias de sinais da rede portuguesa que dificulta a conexión telefónica.
Alumnado de ambos centros recoñecen que non existe unha interacción co Espazo Xove e que os horarios de mañá deberían mudarse pola apertura en fin de semana.
A mocidade de Tui achegouse ás dez premisas do obxectivo 11 dos ODS, Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, "Cidades e Comunidades Sostibles" arredor do que traballarán as axendas urbanas dos concellos seleccionados por Europa.
A Axenda Urbana de Tui é un documento estratéxico que marcará o crecemento do concello ao longo dos vindeiros dez anos. Polas súas fortalezas a Unión Europea e o goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, decidiron apostar por Tui converténdoo no único concello da provincia de menos de 20.000 habitantes con financiación para redactar a súa Axenda Urbana.
Co obxectivo de redactar unha estratexia consensuada, parte do equipo redactor reúnese ao longo destes meses coas asociacións e colectivos veciñais, sociais e comerciais de todo o concello así como cos escolares e tamén coa mocidade dos institutos de secundaria.
Tui camiñará cara un desenvolvemento sostible no que a procura dunha mellor calidade de vida para a veciñanza é o obxectivo prioritario e farao cun documento consensuado financiado cos fondos Next Generation e que planificará os vindeiros dez anos en liña con dez Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
Dos 8131 concellos que hai en España tan só 121 foron seleccionados para a redacción dunha Axenda Urbana. Polas súas fortalezas e posicionamento estratéxico Tui é unha das cidades seleccionadas por Europa para redactar o seu proxecto piloto e servir de exemplo ao resto das cidades de España e Europa.
Un cine, espazos seguros para moverse e máis pistas deportivas entre as propostas do alumnado do CEIP Nº2 de Tui para a Axenda Urbana
O proceso participativo da Axenda Urbana de Tui chega aos centros educativos públicos para reunirse co alumnado e escoitar de primeira man as súas inquedanzas e propostas. O primeiro centro en recibir ao equipo da Axenda Urbana de Tui foi o CEIP Nº2.
O alumnado de 4ºA, 4ºB e 4ºC de Primaria deste centro coñeceu o concepto e principios da Axenda Urbana Española e achegouse aos obxectivos que Europa e España queren acadar nos vindeiros dez anos. Divididos en grupos afondaron no coñecemento do ODS 11 (Obxectivo de Desenvolvemento Sostible) que baixo o título "Cidades e Comunidades Sostibles" organiza o crecemento dos concellos en base a dez principios: ordenar o territorio e facer un uso racional do solo; evitar a dispersión urbana e revitalizar a cidade existente; previr e reducir os efectos do cambio climático; facer unha xestión sostible dos recursos e favorecer a economía circular; favorecer a proximidade e a mobilidade sostible, fomentar a cohesión e buscar a equidade, impulsar e favorecer a economía urbana; garantir o acceso á vivenda; liderar e fomentar a innovación dixital e mellorar os instrumentos de intervención e a gobernanza.
O alumnado de 4º de Primaria acadou con sobresaínte os obxectivos e, despois de achegarse a estes termos, propuxo unha listaxe de desexos para os contemple a Axenda Urbana de Tui. Un cine, unha fonte pública na Corredoira, pistas deportivas no centro urbano, máis árbores e mellora tanto da estética como da seguridade na avenida da Concordia, máis sendas que conecten o centro coas parroquias pola beira do Miño, un camiño para ir en bici a Portugal, un centro no que reunirse para estudar e xogar en liña e unha estación de bicis de aluguer foron as propostas máis repetidas. A estas, hai que sumarlle a demanda dunha feira de anime, un parque con alugueiro de patinetes e o parque acuático e de atraccións. Pero ademais tamén pediron unha casa nunha árbore, un inchable xigante, unha gamestore e unha fábrica de chuches con obradoiro para os máis pequenos e pequenas.
Nada pasa desapercibido para a súa ollada e tiveron presente aos que teñen máis dificultades pedindo ramplas para as cadeiras de rodas, máis investigación para frear a COVID, fontes ao longo do camiño para os peregrinos, menos canceiras e máis refuxios e concienciación no trato e coidado dos animais.
O profesorado tamén tivo ocasión de trasladarlle as súas ganas de participar solicitando máis actividades nas que o alumnado interactúe co resto da cidade e amosando as súas ganas de ver revitalizado o conxunto histórico.
En definitiva, o alumnado de Tui concorda coa Unión Europea e o goberno de España en que ten que haber máis espazos seguros para camiñar, para ir en bici, para a práctica deportiva e para conectar as parroquias, o centro urbano e Portugal. Tamén deseñan un futuro con máis árbores, con mellor accesibilidade, con servizos de alugueiro para compartir bicis e patinetes, con fontes públicas e con moito respecto aos animais e á natureza.
A Axenda Urbana de Tui é un documento estratéxico que marcará o crecemento do concello ao longo dos vindeiros dez anos. Polas súas fortalezas a Unión Europea e o goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, decidiron apostar por Tui converténdoo no único concello da provincia de menos de 20.000 habitantes con financiación para redactar a súa Axenda Urbana.
Co obxectivo de redactar unha estratexia consensuada, parte do equipo redactor reúnese ao longo destes meses coas asociacións e colectivos veciñais, sociais e comerciais de todo o concello así como escolares e tamén a mocidade dos institutos de secundaria.
Tui camiñará cara un desenvolvemento sostible no que a procura dunha mellor calidade de vida para a veciñanza é o obxectivo prioritario e farao cun documento consensuado financiado cos fondos Next Generation e que planificará os vindeiros dez anos en liña con dez Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
Dos 8.131 concellos que hai en España tan só 121 foron seleccionados para a redacción dunha Axenda Urbana. Polas súas fortalezas e posicionamento estratéxico Tui é un dos municipios seleccionados por Europa para redactar o seu proxecto piloto e servir de exemplo ao resto das cidades de España e Europa.